Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 6 de novembro de 2014 Páx. 46634

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Xenética Fontao, S.A., autorizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de setembro de 2014.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 11 de setembro de 2014 adoptou, por proposta da conselleira de Facenda, o acordo polo que se autoriza a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Xenética Fontao, S.A.

Unha vez finalizada a tramitación que establece a lexislación mercantil, en cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos estatutos modificados da sociedade mercantil pública autonómica Xenética Fontao, S.A.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2014

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

ANEXO
Estatutos da sociedade mercantil pública Xenética Fontao, S.A.

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación e natureza xurídica

1. Baixo a denominación de Xenética Fontao, S.A. constitúese unha sociedade mercantil pública autonómica, coa forma de sociedade anónima e cunha participación maioritaria no capital social da entidade pública instrumental adscrita á Consellería do Medio Rural e do Mar Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. A dita sociedade ten personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral de Comunidade Autónoma de Galicia, plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e dispón de patrimonio e tesouraría propios.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A sociedade réxese polo disposto nestes estatutos, polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola lexislación de contratos do sector público, normativa de subvencións, lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia e polas normas especiais previstas no resto da normativa aplicable.

2. A sociedade estará sometida á normativa vixente en materia de publicidade da súa actividade.

Artigo 3. Obxecto

1. Xenética Fontao terá por obxecto social a prestación de toda clase de asesoramento e servizos ás persoas e organizacións dedicadas á mellora xenética animal, tanto físicas como xurídicas, de dereito público ou privado.

2. En particular, constituirán parte do obxecto social as seguintes actividades:

a) A realización de estudos e actividades de servizo en relación coa mellora xenética animal.

b) A recollida, o mantemento e a distribución de material xenético, así como a prestación de servizos mediante o emprego de biotecnoloxía nos campos da sanidade animal e a produción agropecuaria.

3. As actuacións abranguidas no obxecto social poderanse realizar, total ou parcialmente, ben mediante a creación de sociedades filiais, ben participando noutras sociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou ben mediante calquera outra fórmula admitida en dereito, respectando, en todo caso, o marco normativo definido no artigo 2.1.

Artigo 4. Domicilio

1. A Sociedade terá o seu domicilio no Centro de Escolma e Reprodución Animal de Fontao-Esperante (Lugo), lugar en que se atopa o centro da súa efectiva administración e dirección.

2. O Consello de Administración será competente para acordar o traslado do domicilio social dentro da mesma poboación e para establecer, suprimir ou trasladar sucursais, oficinas, representacións, axencias ou delegacións.

Artigo 5. Duración e comezo das operacións

A duración da sociedade establécese por tempo indefinido tendo comezado as súas actividades, despois da súa inscrición no Rexistro Mercantil, o 1 de maio de 1998.

Título II
Capital social e accións

Artigo 6. Capital social

O capital social é de 360.607,26 euros representado por 60 accións nominativas de 6.010,21 euros cada unha, numeradas correlativamente do 1 ao 60, ambos os dous incluídos, totalmente subscritas e desembolsadas. Os títulos representativos das accións poderán ser unitarios ou múltiples.

Artigo 7. Dereitos que confiren as accións

1. Cada participación social e cada acción confire ao seu titular lexítimo a condición de socio e atribúelle os dereitos reconocidos no texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, e nos estatutos.

2. En caso de copropiedade, usufruto ou peñor de accións, rexerase polo disposto nos artigos 126 a 132 do texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado por Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

Artigo 8. Transmisión de accións

1. As accións son indivisibles.

2. O alleamento de títulos representantivos de capital procedente da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá da autorización do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio, logo de audiencia do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Artigo 9. Libro rexistro

As accións figurarán no libro rexistro que levará a sociedade, no cal se inscribirán as sucesivas transferencias de accións, con expresión do nome, apelidos, razón ou denominación social, se é o caso, nacionalidade e domicilio dos sucesivos titulares, así como a constitución de dereitos reais e outros gravames sobre aquelas.

Artigo 10. Exercicio de dereitos

Os dereitos que correspondan á Comunidade Autónoma, como titular de accións da sociedade, exerceranse a través da consellería competente en materia do patrimonio, conforme o disposto no artigo 106 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 11. Ampliación ou diminución do capital social

1. O capital social poderá ser ampliado ou diminuído con suxeición ás normas legais aplicables.

2. En toda ampliación de capital os accionistas poderán exercer, dentro do prazo que para este efecto sinale o Consello de Administración, que non será inferior a un mes, o dereito de subscribir, na nova emisión, un número de accións proporcional ao das que posúa.

3. A Xunta Xeral que decida a ampliación poderá acordar, en beneficio da sociedade, a supresión total ou parcial do dereito de subscrición preferente, na forma determinada pola lei.

Título III
Réxime de administración da sociedade

Artigo 12. Órganos da sociedade

O goberno e administración da sociedade están encomendados aos seguintes órganos, coas facultades que a uns e a outros atribúen os estatutos, e no non previsto neles, na normativa reitora da materia:

a) A Xunta Xeral de Accionistas.

b) O Consello de Administración.

Capítulo I
A Xunta Xeral de Accionistas

Artigo 13. A Xunta Xeral de Accionistas

1. A Xunta Xeral de Accionistas é o órgano soberano da sociedade e rexerase, no non disposto nos estatutos, polas normas contidas na Lei de sociedades de capital.

2. Os socios, reunidos en Xunta Xeral de Accionistas, decidirán, pola maioría legal ou estatutariamente establecida, nos asuntos propios da competencia desta.

3. Todos os socios, mesmo os disidentes e os que non participasen na reunión, quedan sometidos aos acordos da Xunta Xeral de Accionistas.

Artigo 14. Clases de xuntas

1. As xuntas xerais da sociedade poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

2. A Xunta Xeral ordinaria, previamente convocada para o efecto, reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio, para, se é o caso, aprobar a xestión social, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado. A Xunta Xeral ordinaria será válida aínda que fose convocada ou se realice fóra de prazo, de conformidade co disposto no texto refundido da Lei de sociedades de capital.

3. Toda xunta que non sexa a prevista no número anterior terá a consideración de Xunta Xeral extraordinaria.

Artigo 15. Convocatoria

1. A Xunta Xeral será convocada polo Consello de Administración e, se é o caso, polos liquidadores da sociedade.

2. O Consello de Administración convocará a Xunta Xeral sempre que o considere necesario ou conveniente para os intereses sociais e, en todo caso, nas datas ou períodos que determinen a lei e os estatutos.

Deberá convocala sempre que o solicite un número de socios que represente, polo menos, o cinco por cento do capital social, expresando na solicitude os asuntos que se van tratar. Neste caso, a Xunta Xeral convocarase para a súa celebración dentro dos dous meses seguintes á data en que se tiver requirido notarialmente ao Consello de Administración para convocala e deben incluírse na orde do día os asuntos que tiveren sido obxecto de solicitude.

Artigo 16. Constitución

1. A Xunta quedará validamente constituída cando se cumpra o quórum previsto na lei.

2. En todo caso, a Xunta quedará validamente constituída para tratar calquera asunto, sen necesidade de convocatoria previa, sempre que estea presente ou representada a totalidade do capital social e os concorrentes acepten por unanimidade a realización da reunión.

Artigo 17. Asistencia telemática

1. Os socios poderán asistir á Xunta Xeral mediante medios telemáticos.

2. O Consello de Administración considerará os medios técnicos e as bases xurídicas que fagan posible e garantan a asistencia telemática e acordará, sempre que o permita o estado da técnica, a posibilidade de asistencia á reunión a través de medios telemáticos. Para tal efecto, o Consello de Administración verificará que se garanta debidamente a identidade do socio e a súa condición de tal, o correcto exercicio dos seus dereitos, a idoneidade dos medios telemáticos e o axeitado desenvolvemento da reunión. En tal caso, incluirase na convocatoria a determinación dos medios telemáticos concretos que os accionistas poidan empregar, así como as instrucións que deberán seguir para facelo.

3. No caso de que se posibilite a asistencia por medios telemáticos, por acordalo así o órgano de administración e incluílo na convocatoria, se por circunstancias técnicas non imputables á sociedade non for posible a asistencia polos medios establecidos á Xunta na forma prevista, ou se producir durante a Xunta unha interrupción da comunicación ou se puxer fin a esta, esta circunstancia non constituirá unha privación ilexítima dos dereitos do accionista.

4. Os socios que desexen asistir por medios telemáticos ou votar por medios de comunicación a distancia, en caso de incluírse algunha destas posibilidades na convocatoria da Xunta, deberán acreditar a súa identidade e condición na forma e no prazo que o Consello de Administración determinase na convocatoria.

Artigo 18. Mesa da Xunta

A Presidencia e a Secretaría da Xunta Xeral serán desempeñadas polas persoas titulares dos ditos cargos no Consello de Administración e, no seu defecto, os designados polos socios concorrentes ao comezo da reunión.

Capítulo II
Consello de Administración

Artigo 19. Consello de Administración

1. O Consello de Administración estará integrado por un mínimo de cinco e un máximo de dez membros en proporción á participación no capital social e corresponde á Xunta de Socios a determinación do número concreto dos seus compoñentes.

2. Os representantes da Administración autonómica na sociedade serán designados pola persoa titular do órgano directivo da Administración autonómica competente en materia de patrimonio, por proposta da persoa titular da Presidencia do Fondo Galego de Garantía Agraria.

3. O Consello de Administración, por proposta da persoa titular da Presidencia, designará a persoa titular da Secretaría e a designación poderá recaer en quen non reúna a condición de conselleiro/a, e neste caso terá dereito a participar nas sesións do consello, con voz pero sen voto.

En ausencia da persoa titular da Secretaría, asumirá as súas funcións o/a conselleiro/a de menor idade.

4. Os conselleiros/as e a persoa titular da Secretaría, de non recaer a designación en quen reúna a condición de conselleiro/a, exercerán o seu cargo durante un período de catro anos, salvo que a Xunta Xeral acorde a súa separación ou renuncien.

5. Poderán ser reelixidos unha ou máis veces por períodos de catro anos de duración.

Artigo 20. Facultades do Consello de Administración

1. Corresponde ao Consello de Administración a adopción de todos os acordos que estean comprendidos no obxecto social, así como o exercicio daquelas facultades que a lei e os estatutos non reserven á Xunta Xeral, e con carácter enunciativo as seguintes:

a) Representar a sociedade en xuízo e fóra del.

b) Aprobar os regulamentos de réxime interior, organización interna, estrutural e funcional.

c) Propor á Xunta Xeral o aumento ou diminución do capital social, logo de cumprimento dos requisitos legais vixentes.

d) Convocar a Xunta Xeral, ordinaria ou extraordinaria, e executar os seus acordos.

e) Recibir información sobre a xestión e situación económico-financeira da sociedade, coa amplitude que o propio Consello xulgue necesario.

f) Formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado, no prazo máximo de tres meses a partir da data de peche do exercicio social.

g) Aprobar o cadro de persoal e determinar os seus deberes, atribucións e incompatibilidades, así como autorizar as correspondentes contratacións, por proposta do presidente do Consello de Administración, e de acordo coa normativa aplicable e cos informes previos e favorables dos órganos directivos da Administración autonómica competentes en materia de función pública e orzamentos.

h) Fixar as retribucións do seu persoal, incluído, se é o caso, o de alta dirección, logo de informe favorable dos órganos directivos da Administración autonómica competentes en materia de función pública e orzamentos, e de conformidade co disposto no Decreto 119/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

i) Autorizar a sinatura de convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas.

l) Celebrar toda clase de operacións bancarias e, en consecuencia, constituír e retirar depósitos e consignacións, abrir, seguir, cancelar e liquidar contas correntes e de crédito en toda clase de bancos, incluso o Banco de España, caixas de aforros e outras entidades de crédito, con ou sen garantías, baixo toda clase de condicións; librar, aceptar, endosar, descontar, garantir, cobrar e negociar letras de cambio, obrigas de pagamento, cartas ordes, cheques, facturas e outros documentos de xiro; contratar empréstitos, préstamos e anticipos con ou sen xuro, con ou sen garantía.

m) Nomear ao director/a xerente, por proposta da persoa titular da presidencia.

n) As consignadas dunha maneira especial en artigos determinados destes estatutos.

2. O Consello de Administración poderá delegar parte das súas facultades, de acordo co ordenamento xurídico vixente, nunha comisión executiva ou nun conselleiro delegado, así como outorgar apoderamentos, de carácter xeral ou especial, cando así o considere conveniente para a mellor xestión dos asuntos societarios.

3. En ningún caso poderán ser obxecto de delegación a rendición de contas da xestión social e a presentación de balances á Xunta Xeral, nin as facultades que esta confira ao consello, salvo que fose expresamente autorizado por ela.

4. A delegación permanente dalgunha facultade do Consello de Administración na comisión executiva ou no/a conselleiro/a delegado/a e a designación dos conselleiros/as que ocuparán os ditos cargos, deberá ser aprobada co voto favorable das dúas terceiras partes dos compoñentes do consello e non producirá efecto ningún ata a súa inscrición no Rexistro Mercantil.

Artigo 21. Convocatoria do Consello de Administración

1. O Consello de Administración será convocado pola persoa titular da Presidencia ou de quen a substitúa unha vez ao semestre.

2. Os/as administradores que constitúan polo menos un terzo dos membros do Consello de Administración poderán convocalo, indicando a orde do día, para a súa realización na localidade onde radique o domicilio social se, logo de petición á persoa titular da Presidencia, esta, sen causa xustificada, non fixer a convocatoria no prazo dun mes.

3. A convocatoria, salvo casos de urxencia apreciada pola persoa titular da Presidencia, cursarase, polo menos, con corenta e oito horas de antelación, fixando, simultaneamente, a orde do día dos asuntos que se vaian tratar.

4. En todo caso, o Consello quedará validamente constituído para tratar calquera asunto, sen necesidade de convocatoria previa se, encontrándose presentes ou representados todos os seus membros, todos os asistentes aceptan por unanimidade a súa realización.

Artigo 22. Constitución e adopción de acordos polo Consello de Administración

1. Para a válida constitución do Consello de Administración, para os efectos da realización de sesións, das deliberacións e da toma de acordos, requirirase a presenza da metade máis un dos conselleiros, e o que non asista á reunión poderá conferir a súa representación á Presidencia ou a outro conselleiro/a, sen que ningún deles poida ter máis dunha representación.

2. Os acordos adoptaranse por maioría absoluta dos conselleiros/as concorrentes á sesión.

Artigo 23. Acta do Consello de Administración

As discusións e acordos do Consello de Administración levaranse nun libro de actas e serán asinadas pola persoa titular da Presidencia e da Secretaría.

Artigo 24. Remuneración dos administradores

1. O cargo de administrador da sociedade é gratuito.

2. Os conselleiros/as percibirán indemnizacións pola asistencia ás reunións do Consello de Administración, nos supostos previstos e de conformidade co disposto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico de Galicia e co importe determinado polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 25. Presidencia do Consello

1. A persoa titular da Presidencia do Consello será designada pola Xunta Xeral da Sociedade.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia será substituída polo conselleiro de maior antigüidade ou idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

Artigo 26. Facultades da Presidencia do Consello

1. Son atribucións da Presidencia do Consello de Administración:

a) Exercer a representación institucional da sociedade e ter a representación do Consello de Administración en toda clase de actos e usar a sinatura social no ámbito das súas facultades.

b) Convocar e presidir o Consello de Administración, fixando a súa orde do día, propoñerlle directrices de actuación e dirixir as súas deliberacións.

c) Presentar ao Consello de Administración os informes que considere pertinentes.

d) Propoñer ao Consello de Administración o nomeamento do/a director/a xerente.

e) Velar para que se cumpran os estatutos sociais en toda a súa integridade e se executen fielmente os acordos do Consello de Administración.

f) Visar as certificacións que expida a Secretaría, as actas das reunións, os balances, contas, estados e memorias que deban someterse á Xunta Xeral.

g) Outorgar toda clase de actos ou negocios xurídicos que non supoñan gasto para a sociedade, cos pactos, cláusulas e condicións que considere oportuno establecer. Exclúense, en todo caso, as operación de endebedamento.

Polo que se refire aos contratos e negocios xurídicos que supoñan gasto para a sociedade, poderá, con carácter xeral, tramitar e formalizar contratos por importe inferior ao previsto para os contratos harmonizados na normativa de contratos do sector público, salvo nos supostos dos contratos de obras, caso en que só poderá tramitar e formalizar aqueles contratos de obras de importe inferior a 150.000 euros.

Os contratos e negocios xurídicos que superen os límites previstos no parágrafo anterior deberán ser autorizados previamente polo Consello de Administración, que, para tal efecto, deberá dispor da información suficiente coa debida antelación.

En casos de extraordinaria urxencia, esta autorización poderá ser concedida polo Consello de Administración con posterioridade ao inicio da licitación sempre e cando se conceda antes da adxudicación do contrato e se tivese posto en coñecemento dos membros do Consello de Administración o acordo da Presidencia de inicio da licitación coa xustificación da concorrencia das circunstancias extraordinarias.

h) Propor ao Consello de Administración a creación e disolución de comisións e outros órganos colexiados para a funcionamento da sociedade.

i) Propoñer convenios de cooperación ou colaboración con institucións públicas ou privadas.

l) Calquera outra función expresamente encomendada ou que lle sexa delegada polo Consello de Administración de entre as de natureza delegable.

Artigo 27. Director/a xerente

1. Poderá nomearse un director/a xerente baixo a inmediata dependencia da persoa titular da Presidencia do Consello de Administración, que dirixirá a organización empresarial da sociedade e os seus negocios sociais, segundo o réxime de atribucións, dereitos, deberes, incompatibilidades, remuneración e competencias que, para o efecto, aquel estableza.

2. O/a director/a xerente asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións das xuntas e consellos cando así sexa requirido ou convocado.

3. A contratación do dito director xerente efectuarase de conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e logo de informe favorable da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 28. Comisión de auditoría e control

1. No suposto de ter que someter as contas da sociedade a auditoría, consonte a normativa aplicable, constituirase unha comisión de auditoría e control integrada por tres membros do Consello de Administración, designados por este por maioría simple.

2. Corresponde á comisión de auditoría e control:

a) Coñecer e avaliar os procesos de información financeira e os sistemas de control interno da sociedade.

b) Revisar as contas anuais da sociedade, vixiar o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.

c) Propor ao Consello de Administración para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas o nomeamento dos auditores de contas, mediante os procedementos de adxudicación previstos na normativa de contratación pública.

d) Servir de canle de comunicación entre o Consello de Administración e os auditores de contas e avaliar os resultados de cada auditoría. Así mesmo, recibir información sobre todas as cuestións relacionadas co proceso de desenvolvemento da auditoría de contas, así como manter as comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e demais normas técnicas de auditoría.

e) Elaboración dun informe anual sobre as súas actividades.

Título IV
Exercicio social e aplicación do resultado

Artigo 29. Exercicio social

O exercicio social coincidirá co do ano natural e finalizará cada ano o trinta e un de decembro.

Artigo 30. Contas anuais

1. O Consello de Administración está obrigado a formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado no prazo máximo de tres meses contados a partir do peche do exercicio social.

2. As contas anuais e o informe de xestión deberán ser asinados por todos os membros do Consello de Administración. De faltar a sinatura dalgún dos membros, sinalarase en cada un dos documentos en que falte a dita circunstancia, con expresa indicación da causa.

3. As contas anuais serán aprobadas pola Xunta Xeral, así como o acordo de aplicación do resultado do exercicio, de acordo co balance aprobado.

4. Dentro do mes seguinte á aprobación das contas anuais, presentaranse para o seu depósito no Rexistro Mercantil do domicilio social, xunto coa certificación acreditativa da aprobación pola Xunta Xeral das contas anuais e da aplicación do resultado. Se algunha ou varias das contas anuais se tiveren formulado en forma abreviada, farase constar na certificación con expresión da causa.

Artigo 31. Publicidade da actividade societaria

1. A sociedade difundirá a través da súa sede electrónica (www.xeneticafontao.es) toda a información relevante relativa á súa actividade empresarial que pola súa natureza non teña carácter reservado e, en todo caso, os seus estatutos, os integrantes dos seus órganos de administración, dirección, xestión e control, os poderes e as delegacións conferidos por estes, as contas anuais, os códigos de conduta e guías de boas prácticas, así como a identificación da parte da súa actividade vinculada a servizos de interese xeral.

2. Así mesmo, publicaranse na dita sede electrónica as instrucións internas de contratación, así como os anuncios relativos aos procedementos de contratación consonte o previsto nas devanditas instrucións.

3. Tamén deberá publicarse toda a información relativa aos procesos de contratación de persoal, en concreto:

a) Bases íntegras dos procesos selectivos de persoal laboral temporal ou fixo.

b) Anuncios e resolucións que se diten en relación cos procesos selectivos de persoal, coa información necesaria para que os interesados poidan efectuar as alegacións pertinentes.

c) Listaxes de contratación temporal por categorías profesionais debidamente actualizadas.

d) Composición dos tribunais e das comisións de selección de persoal, se é o caso.

Título V
Transformación, fusión, escisión e disolución

Artigo 32. Transformación, fusión, escisión e disolución

1. A transformación, fusión ou escisión da sociedade producirase conforme o previsto na Lei 3/2009, do 3 de abril, de modificacións estruturais das sociedades mercantís, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

A transformación, fusión ou escisión de Xenética Fontao, S.A. require da aprobación previa do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio, logo de iniciativa do Fondo Galego de Garantía Agraria, con carácter previo aos acordos que deban adoptarse segundo a lexislación mercantil.

2. A disolución de Xenética Fontao, S.A. producirase polas causas e na forma prevista na Lei de sociedades de capital.

A disolución require da autorización previa do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio, logo de iniciativa do Fondo Galego de Garantía Agraria, con carácter previo aos acordos que deban adoptarse segundo a lexislación mercantil.

O Consello da Xunta de Galicia determinará, se é o caso, o destino do haber social.