Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 21 de novembro de 2014 Páx. 48225

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 146/2014, do 13 de novembro, polo que se modifica o Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

A disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, na redacción dada pola Lei 10/2007, do 28 de xuño, sinala no seu punto dous que terán a condición de parellas de feito as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

Así mesmo, a disposición derradeira da Lei 10/2007, do 28 de xuño, establece que no prazo dun mes a contar desde a publicación da lei no Diario Oficial de Galicia a Xunta de Galicia aprobará un decreto mediante o cal se creará e regulará a organización e xestión do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

En virtude do anterior, aprobouse o Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Transcorridos máis de seis anos desde a súa entrada en vigor, considérase preciso modificar o referido regulamento coa finalidade de proporcionar máis instrumentos que ofrezan unha maior seguridade xurídica aos/ás encargados/as do rexistro para verificaren a efectiva convivencia con vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal, e establécense como formas de acreditación as certificacións emitidas polos correspondentes organismos; a necesaria firmeza das resolucións xudiciais; a autenticidade e vixencia dos documentos presentados; a necesaria comparecencia dos membros da parella ante a persoa encargada do rexistro para a emisión da súa vontade de constitución como parella de feito; e a posibilidade de realizar actuacións de oficio conducentes a verificar o cumprimento dos requisitos establecidos para o acceso ao rexistro.

Por outra banda, esta modificación pretende a adaptación da regulación orixinal ao disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos; a adaptación do texto á terminoloxía da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; así como a adaptación á regulación dos grupos de clasificación profesional do persoal funcionario prevista na Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público.

En prol dunha axeitada correlación entre os asentos do rexistro e a realidade extrarrexistral, introdúcese unha regulación mais completa da cancelación da inscrición. Así, poderá proceder a cancelación de oficio cando conste que a parella de feito non reúne os requisitos necesarios para manter a súa inscrición e no suposto da comprobación de falsidade ou inexactitude nos datos achegados coa solicitude que foron determinantes da inscrición. Por outra banda, nos supostos de cancelación da inscrición por instancia de parte prevense alternativas á imposibilidade de notificación da vontade de extinción ao outro membro da parella.

Aclárase expresamente que a forma de presentación da solicitude de inscrición, de cancelación por petición de ambos os dous membros da parella, de incorporación ou modificación do pacto debe ser en soporte papel, o cal vén motivado polo feito da natureza xurídica do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia e os efectos que a inscrición nel prevé a disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, no senso de estender aos membros da parella inscrita neste rexistro os dereitos e as obrigas que a dita lei recoñece aos cónxuxes e que, correlativamente, impón a obriga de emitir de xeito necesariamente presencial ante o encargado do rexistro a súa vontade de constituírse en parella de feito, a cal non pode substituírse por unha tramitación electrónica. Ademais, razón tecnolóxicas impiden, a día de hoxe, a presentación telemática nos supostos en que é preciso a sinatura dos dous membros da parella. Non obstante o anterior, as solicitudes de cancelación da inscrición por petición dun dos membros da parella e de certificación deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica, e admítese, alternativamente, a posibilidade de presentar as ditas solicitudes individuais en soporte papel.

Así mesmo, é precisa a súa modificación para a súa adaptación ao novo contexto normativo establecido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, no cal imperan os principios de modernización, racionalización e simplificación de procedementos administrativos. En tal senso derrógase a disposición derradeira segunda do Decreto 248/2007, do 20 de decembro, e, en consecuencia, a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se aproban os modelos de documentos susceptibles de presentación ante o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, que son substituídos polos formularios que se incorporan como anexo a esta disposición xeral.

Co obxectivo de reducir cargas burocráticas e trámites, e de mellorar, por tanto, as relacións entre a cidadanía e a Administración, estes disporán dos modelos de documentos susceptibles de presentación ante o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia a través de https://sede.xunta.es e nas xefaturas territoriais e nos servizos centrais da consellería.

Por isto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia

O Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 3. Dos/as encargados/as do rexistro

Os/as encargados/as do rexistro de cada xefatura territorial serán nomeados/as entre funcionarios e funcionarias da Administración autonómica pertencentes ao subgrupo A1, con grao ou licenciatura en dereito. O seu posto terá o nivel orgánico que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.».

Dous. O artigo 9 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 9. Requisitos das solicitudes, lugar e forma de presentación.

1. As solicitudes de inscrición (anexo I), cancelación (anexos III e VI), incorporación ou modificación de pacto (anexo IV) e certificación (anexo V) que se formulen ante o rexistro deberán reunir os requisitos previstos especificamente neste capítulo, así como os xerais regulados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes serán dirixidas á xefatura territorial correspondente ao domicilio da parella de feito.

2. As solicitudes de inscrición, de cancelación por petición de ambos os dous membros da parella, de incorporación ou modificación de pacto deberán presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e nas xefaturas territoriais e nos servizos centrais da consellería.

3. As solicitudes de cancelación da inscrición por petición dun dos membros da parella e de certificación deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de  acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, así como nas correspondentes xefaturas territoriais e nos servizos centrais da consellería competente.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

4. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.».

Tres. O artigo 11 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 11. Requisitos comúns das solicitudes de inscrición

1. As solicitudes de inscrición como parella de feito presentaranse no modelo oficial e deberán conter as seguintes mencións:

a) Nome e apelidos de cada un dos membros da parella.

b) DNI de cada un dos solicitantes que teñan nacionalidade española ou designación do documento equivalente noutro suposto.

c) Data de nacemento de cada un.

d) Nacionalidade de cada un.

e) Estado civil de cada un.

f) Fillos e fillas de cada un, comúns ou non comúns.

g) Domicilio da parella.

h) Lugar e data da presentación da solicitude.

2. As solicitudes de inscrición (anexo I) coas declaracións responsables de ambos os dous de non ter constituída parella de feito con outra persoa, de non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao, e de non estar incapacitados para os efectos de prestar o seu consentimento para constituír unha parella de feito, debidamente asinadas polos dous membros da parella, deberán acompañarse dos seguintes documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos establecidos pola Lei 2/2006, do 14 de xuño:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade de cada un/unha dos/as solicitantes que teñan nacionalidade española ou do documento equivalente noutro suposto. Non obstante, non será precisa a presentación destes documentos no caso de que os/as solicitantes autoricen ao órgano competente para a tramitación do procedemento a consulta de datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve.

b) Certificado de empadroamento dos membros da parella no mesmo domicilio dalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, non será precisa a presentación deste certificado no caso de que os/as solicitantes autoricen ao órgano competente para a tramitación do procedemento a consulta de datos relativos ao domicilio e á residencia no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve.

c) Acreditación do estado civil de ambos os dous membros da parella mediante certificación do Rexistro civil ou equivalente no caso de estranxeiros/as.

d) Declaración de vontade de constituír unha parella de feito mediante comparecencia persoal de ambos os dous membros ante o encargado ou encargada do rexistro (anexo II). Non obstante, se por enfermidade, dificultade de desprazamento ou por calquera outra circunstancia de análogas características debidamente acreditada resulta imposible ou moi gravosa a comparecencia de ambas as dúas partes da parella de feito, a persoa encargada do rexistro poderá tomarlles declaración directamente no lugar en que se atopen.

e) De ser o caso, sentenza xudicial firme de divorcio ou nulidade ou certificado literal de matrimonio en que conste algún destes particulares.

f) Fotocopia compulsada do libro de familia ou equivalente nos casos en que haxa fillos ou fillas comúns ou de calquera dos membros da parella.

Os documentos públicos estranxeiros deberán ser traducidos e previamente legalizados, salvo no caso de que teñan sido apostilados pola autoridade competente do país emisor, segundo o Convenio da Haia, do 5 de outubro de 1961, ou que outros convenios eximan daquel requisito.

3. As solicitudes de inscrición poderán ir acompañadas dun pacto regulador das relacións económicas e patrimoniais da parella, o cal deberá establecerse en escritura pública e aparecer indicado na propia solicitude.

4. Os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos establecidos pola Lei 2/2006, do 14 de xuño, deberán ser orixinais e con data de expedición non superior a tres meses anteriores á data de presentación da solicitude de inscrición nos supostos dos certificados previstos nas alíneas b), c) e e) do número 2 do presente artigo.».

Catro. A alínea b) do artigo 12 queda redactada da seguinte maneira:

«b) As solicitudes individuais deberán ir acompañadas, ademais, do documento que acredite a notificación ao outro membro, por calquera medio que deixe constancia da recepción por aquel ou o seu representante, da vontade de extinguir a parella, ou da declaración responsable do/a solicitante da imposibilidade de realizar esa notificación á outra parte, salvo nos casos previstos no artigo 23.2, alíneas c) e d.».

Cinco. O artigo 18 queda redactado da seguinte maneira:

«1. A persoa encargada do rexistro cualificará as solicitudes presentadas, a acreditación dos requisitos exixidos pola lei e a legalidade dos dereitos e obrigas contidos nos pactos que achega a parella solicitante, e efectuará unha proposta de resolución en que acorde practicar ou denegar a inscrición ou, de ser o caso, arquivar a solicitude.

Así mesmo, a persoa encargada do rexistro, para a cualificación das solicitudes presentadas, poderá, en calquera momento, requirir en demanda de aclaración os/as solicitantes co fin de posibilitar a inscrición solicitada.

2. A persoa titular da xefatura territorial poderá realizar de oficio cantas actuacións sexan necesarias para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 5 para a inscrición no Rexistro de Parellas de Feito. Para estes efectos poderá pedir a colaboración tanto das entidades do sector público autonómico como dos órganos doutras administracións públicas.».

Seis. O artigo 19 queda redactado da seguinte maneira:

«1. A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de xustiza resolverá de forma expresa acordando practicar ou denegar a inscrición solicitada.

2. A resolución será sempre motivada e será notificada á parella solicitante na forma establecida no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sen prexuízo das interrupcións de prazo previstas no artigo 42.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.».

Sete. O artigo 23 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 23. Cancelación da inscrición

1. As inscricións extínguense pola súa cancelación.

2. A cancelación terá lugar:

a) Por solicitude de ambos os dous membros da parella. A solicitude deberá facerse por escrito con indicación do lugar e data e a sinatura de ambos os dous.

b) Por solicitude dun dos membros da parella. A solicitude deberá constar por escrito con indicación do lugar e data e a sinatura da persoa que solicita a cancelación. A solicitude deberá ir acompañada de documento que acredite a notificación ao outro membro, por calquera medio que deixe constancia da recepción por aquel ou o seu representante, da vontade de extinguir a parella ou, no caso de imposibilidade de realizar a dita notificación, de declaración responsable do/a solicitante da imposibilidade de realizala.

c) Pola morte ou declaración de falecemento dun dos membros da parella; neste caso será suficiente coa presentación por parte do membro supervivente da parella, ou de calquera outra persoa interesada, do correspondente certificado de defunción ou declaración xudicial de falecemento.

d) Polo matrimonio entre os propios membros da parella. Neste caso deberá achegarse o correspondente certificado do Rexistro civil. A data de extinción da parella que constará neste caso no Rexistro de Parellas de Feito será a do día inmediatamente anterior á do matrimonio contida na certificación matrimonial.

e) Polo matrimonio de calquera dos compoñentes da parella. Neste caso a persoa que contraia matrimonio deberá instar a cancelación da súa inscrición como parella de feito acreditando a notificación ao outro membro, por calquera medio que deixe constancia da recepción por aquel ou o seu representante, da vontade de extinguir a parella ou a declaración responsable do/a solicitante da imposibilidade de realizar a dita notificación, e achegando o correspondente certificado do Rexistro civil. A data da extinción da parella será a do día inmediatamente anterior á do matrimonio contida na certificación matrimonial.

f) De oficio polo incumprimento, acreditado en base a proba fidedigna, dos requisitos de convivencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal con posterioridade á inscrición.

g) De oficio pola ausencia sobrevida dalgún dos requisitos exixidos no artigo 5 determinantes da inscrición ou pola comprobación de falsidade ou inexactitude nos datos achegados coa solicitude determinantes da inscrición.

3. A cancelación das inscricións será acordada mediante resolución da persoa titular da xefatura territorial.

Nos supostos previstos nas alíneas b) e e) do número 2 do presente artigo, darase audiencia previa, por un período de quince días, ao membro da parella ao cal non se lle puidese notificar a vontade de extinguila por parte do solicitante da cancelación.

Así mesmo, nos supostos previstos nas alíneas f) e g) do número 2 do presente artigo, darase audiencia previa, por un período de quince días, a ambos os dous membros da parella.

4. Naqueles casos en que se atope plenamente xustificado o falecemento dun dos dous integrantes da parella de feito ou o matrimonio dun ou de ambos os dous, poderá practicarse a cancelación da inscrición de oficio ou por instancia de parte interesada precedendo trámite de audiencia.

5. A data da cancelación por extinción da parella de feito será a que determine o momento en que se disolve o réxime económico patrimonial pactado pola parella.».

Oito. A referencia do número 2 do artigo 28 ao artigo 12.2, alínea e), substitúese pola referencia ao artigo 11.2, quedando o número 2 do artigo 28 redactado da seguinte maneira:

«2. Unha vez producida a coordinación entre os rexistros autonómicos, a declaración xurada exixida no artigo 11.2 desde decreto relativa á declaración responsable de ambos os dous de non ter constituída parella de feito con outra persoa substituirase pola certificación negativa de cada un deles, pedida polo propio Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.».

Nove. As referencias ás «delegacións provinciais» contidas no artigo 2.2 e no primeiro parágrafo do artigo 4 e as alusións á «delegación provincial» contidas nos artigos 4.e), 20 e 25.3 enténdense feitas ás «xefaturas territoriais» e á «xefatura territorial», respectivamente.

Dez. Engádense os anexos I a VI ao Decreto 248/2007, do 20 de decembro, os cales figuran como anexos ao presente decreto.

Once. Adiciónase ao Decreto 248/2007, do 20 de decembro, unha disposición adicional primeira:

«Disposición adicional primeira. Formularios dos procedementos administrativos

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto, que figuran no anexo do presente decreto, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, nas xefaturas territoriais e nos servizos centrais da consellería, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.».

Doce. Adiciónase ao Decreto 248/2007, do 20 de decembro, unha disposición adicional segunda:

«Disposición adicional segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nos procedementos regulados no presente decreto, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Rexistros» cuxo obxecto é xestionar os procedementos do presente decreto, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a
secretaria.cpapx@xunta.es».

Disposición transitoria única. Réxime transitorio dos procedementos

Aos procedementos iniciados antes da entrada en vigor do presente decreto non lles será de aplicación e rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto neste decreto e, en concreto, a disposición derradeira segunda do Decreto 248/2007, do 20 de decembro, e a Orde do 25 de xaneiro de 2008, pola que se aproban os modelos de documentos susceptibles de presentación ante o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file