Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 3 de decembro de 2014 Páx. 49960

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Rianxo

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal de Rianxo.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria do 30.10.2014, aprobou inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Rianxo acordando:

A) Someter o expediente a información pública polo prazo de dous meses, mediante:

– Anuncio no Diario Oficial de Galicia.

– Anuncio en dous xornais dos de maior difusión na provincia.

– Anuncio no taboleiro de anuncios do Concello de Rianxo.

– Anuncio na sede electrónica municipal e na web municipal.

– Bandos nas parroquias.

Durante ese prazo, que se computará a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, todos os propietarios e demais interesados directamente afectados poderán formular as alegacións ou reclamacións que consideren pertinentes.

Non é precisa a notificación do trámite aos propietarios de inmobles afectados debido ao carácter xeral do documento.

Para tal fin estará á disposición ademais o resume executivo ao abeiro do artigo 11 do Real decreto 1/2008 polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo.

B) Dar audiencia aos municipios limítrofes, durante o prazo de información pública, de conformidade co artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. Estes son: Boiro, Dodro, Lousame, Rois, Catoira, Vilagarcía de Arousa e Valga.

C) Solicitar os informes sectoriais determinados na normativa, e en concreto, os sinalados pola empresa redactora.

Así mesmo, levaranse a cabo as consultas que resulten do documento de sustentabilidade ambiental.

D) De acordo co disposto no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o acordo de aprobación inicial determinará a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas nos termos sinalados no punto 8 do Resumo executivo que integra o documento para a aprobación inicial, isto é:

Suspéndese o outorgamento de licenzas de parcelación dos terreos, edificación e demolición no conxunto do territorio municipal.

No entanto, poderanse outorgar licenzas nos seguintes casos:

– En solo rústico poderán outórganse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira f) da LOUGA.

– No solo de núcleo rural, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira e) da LOUGA.

– En solo urbano, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira b) e c) da LOUGA.

– Igualmente poderán outorgarse licenzas que teñan por obxecto a realización de obras de conservación e as necesarias para o mantemento do uso previsto, así como aquelas para obras de rehabilitación, consolidación e reforma cumprindo as condicións establecidas nas normas subsidiarias vixentes e no plan aprobado inicialmente.

Quedan excluídos da suspensión de licenzas os ámbitos do planeamento urbanístico que o plan xeral aprobado inicialmente incorpora á ordenación conforme as súas disposicións derradeiras.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contando desde a devandita aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

O expediente completo está á disposición dos interesados no edificio municipal localizado en praza Castelao, Rianxo (Cuartel Vello) de luns a venres.

Rianxo, 12 de novembro de 2014

Adolfo Muíños Sánchez
Alcalde