Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 12 de decembro de 2014 Páx. 50959

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 152/2014, do 27 de novembro, polo que se regula a inspección de comercio de Galicia.

O artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle a competencia exclusiva, en materia de comercio interior, á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11 e 13 da Constitución, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado e sen prexuízo da política xeral de prezos e a lexislación sobre a defensa da competencia.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, por mor da necesidade de afrontar unha actualización integral da normativa comercial que exixía a aprobación dunha nova lei que dese resposta ás novas realidades xurdidas nos últimos tempos, así como ás necesidades das persoas comerciantes e que garantise a debida protección das persoas consumidoras e usuarias. O artigo 3.e) da referida lei establece o respecto dos dereitos e dos intereses das persoas consumidoras e usuarias entre os fins e principios que a rexen.

A potenciación da inspección de comercio, como garante dos principios e directrices establecidos na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, atópase entre os obxectivos finalistas dela. Neste sentido, a inspección configúrase como un instrumento axeitado e relevante para verificar e controlar o cumprimento das obrigas impostas por aquela e pola demais normativa comercial aplicable. E tamén para asesorar e informar os/as inspeccionados/as coa finalidade de favorecer o correcto cumprimento dos seus deberes e mellorar calquera aspecto da súa actividade en beneficio das persoas consumidoras.

A virtualidade práctica das pretensións apuntadas atopa o seu acomodo normativo no capítulo primeiro do título VIII da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que regula a inspección en materia de comercio interior e prevé a creación de prazas de inspectores/as de comercio, que deberán ser necesariamente cubertas por persoas funcionarias do corpo de xestión da Xunta de Galicia.

Con este decreto amplíanse as funcións atribuídas á inspección de comercio na lei e prevese a participación do seu funcionariado na proposta das medidas cautelares que se deban adoptar no caso de que se aprecie a existencia de circunstancias graves que afecten a seguridade das persoas ou dos bens, ou que supoñan un prexuízo grave ou de difícil reparación. Tamén se lle faculta para adoptar as medidas cautelares por razóns de seguridade nos casos de urxencia e para a protección provisional dos intereses implicados. Cando se trate de actuacións relacionadas co ámbito da seguridade dos produtos aplicarase o disposto na normativa vixente en materia de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias. Así mesmo, os/as inspectores/as de comercio poderán solicitar a colaboración e cooperación das forzas e corpos de seguridade e do persoal inspector do resto de órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e, especialmente, da inspección de consumo.

O artigo 101.3 da mencionada lei de comercio establece que o procedemento de inspección e mais o contido das actas de inspección se determinarán regulamentariamente; a este respecto, por medio do presente decreto dáse cumprimento ao mandato legal incluído no devandito artigo.

Con esta regulación preténdese, por unha parte, conseguir o respecto dos dereitos e dos intereses das persoas consumidoras e usuarias e, pola outra, establecer o marco de actuación ao cal se deberá adecuar a función inspectora en materia de comercio, en virtude dos principios de legalidade e seguridade xurídica proclamados polo artigo 9 da Constitución.

O decreto consta de trinta artigos divididos en tres capítulos, unha disposición adicional única e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I establece as disposicións xerais que regulan o obxecto do regulamento, as competencias inspectoras, os principios da actuación inspectora, as funcións e facultades da inspección de comercio, as prerrogativas do persoal inspector, a acreditación das persoas inspectoras e as obrigas e incompatibilidades destas.

O capítulo II regula a iniciación e o desenvolvemento da actuación inspectora nas súas distintas modalidades.

O capítulo III ocúpase dos documentos en que se plasma a execución das actuacións de inspección.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. En aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, este decreto ten por obxecto a regulación da actividade inspectora desenvolvida polas persoas funcionarias que ocupan postos de inspección de comercio dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para os efectos deste decreto, enténdese por actividade inspectora, o exercicio das funcións de control, verificación e supervisión en materia de comercio que son competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e dos concellos, coa finalidade de comprobar que se cumpren os requisitos que establece a normativa aplicable. A función inspectora realizada polos concellos rexerase pola súa normativa.

Artigo 2. Ámbito da actividade de inspección

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección regulada neste decreto abranguerá as persoas físicas ou xurídicas que exerzan unha actividade comercial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os establecementos situados nel en que se desenvolve a actividade comercial, conforme o establecido nos artigos 2, 4 e 22 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 3. Competencias inspectoras

1. De acordo co establecido no artigo 95 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da dirección competente en materia de comercio, e os concellos, no exercicio das súas funcións de vixilancia, poderán inspeccionar os produtos, as actividades, as instalacións e os establecementos comerciais, así como solicitarlles aos seus titulares canta información resulte precisa en relación con estes, co fin de garantiren o cumprimento da lei e das súas disposicións de desenvolvemento.

2. Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 18.1 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, co fin de velar polo cumprimento desta lei, as funcións inspectoras serán compartidas pola consellería competente en materia de comercio conxuntamente cos concellos.

As actas de inspección en materia de horarios comerciais iniciadas polos respectivos concellos serán remitidas, nun prazo máximo de quince días, á xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de comercio, co fin de proceder á tramitación regulamentaria do procedemento sancionador, se é o caso.

3. O exposto neste precepto enténdese sen prexuízo das competencias inspectoras noutros ámbitos sectoriais nos cales outros departamentos da Xunta de Galicia resulten competentes por razón da materia.

Artigo 4. Actividade inspectora en materia de comercio

A actividade inspectora en materia de comercio na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia realizarana as persoas funcionarias do corpo de xestión da Xunta de Galicia (subgrupo A2) adscritas aos correspondentes postos de inspección de comercio.

Artigo 5. Funcións da inspección de comercio

De conformidade co establecido no artigo 96 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, correspóndelle á inspección de comercio as seguintes funcións:

a) Vixiar, verificar e constatar o cumprimento das disposicións legais e regulamentarias en materia de comercio.

b) Investigar e comprobar os feitos de que teña coñecemento a Administración por presuntas infraccións ou irregularidades en materia de comercio.

c) Asesorar e informar sobre calquera materia comercial e comprobar a execución dos investimentos que fosen obxecto de subvencións públicas.

d) Informar as empresas, durante a realización das súas actuacións, sobre as exixencias, o cumprimento e a aplicación da normativa vixente en materia de comercio.

e) Elaborar os informes que requira a súa actividade, así como os solicitados polos órganos competentes en materia de comercio.

f) Estudar, preparar e executar as campañas de inspección, así como calquera outra actuación preparatoria para a correcta execución das súas funcións.

g) Executar as ordes ditadas polas autoridades competentes en materia de comercio no ámbito da inspección de comercio.

h) Propoñerlles aos órganos competentes a adopción das medidas cautelares que sexan adecuadas ás irregularidades constatadas, nos termos que establece o artigo 8 e colaborar na súa execución.

j) Calquera outra función inspectora que, legal ou regulamentariamente, se lle atribúa.

Artigo 6. Prerrogativas do persoal inspector

As persoas funcionarias da inspección de comercio, no exercicio das súas funcións inspectoras, terán a condición de autoridade para os efectos previstos no artigo 137.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e desfrutarán, como tales, da protección e facultades que a estes lles dispensa a normativa vixente.

A asistencia letrada, pola Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, do dito persoal inspector prestarase de conformidade co disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Facultades da inspección de comercio

1. De acordo co establecido no artigo 97 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, para o cumprimento das súas funcións, o persoal que realice as actividades de inspección de comercio terá as seguintes facultades:

a) Acceder en calquera momento aos establecementos comerciais ou ás empresas suxeitas a inspección.

b) Requirir a comparecencia da persoa titular ou das persoas responsables do establecemento comercial, da empresa ou da actividade, ou de quen as represente, durante o tempo que resulte preciso para o desenvolvemento das súas actuacións.

c) Requirirlles información á persoa titular ou ás persoas responsables do establecemento comercial, da empresa ou da actividade sobre calquera asunto relativo ao cumprimento da normativa comercial aplicable.

d) Solicitar información do persoal ao servizo do establecemento, da empresa ou da actividade comercial, no suposto de que a persoa titular ou as persoas responsables non estean presentes.

e) Exixirlle á persoa inspeccionada a exhibición dos documentos, libros, e rexistros directamente relacionados coa vixilancia e comprobación do cumprimento das obrigas legais en materia de comercio, así como da documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas, dos prezos e marxes aplicados, e dos conceptos nos cales se desagregan.

f) Requirir a comparecencia nas dependencias administrativas das persoas responsables das actividades comerciais, así como a achega de cantos datos sexan precisos para realizar a función inspectora, todo isto nos termos previstos nos artigos 39 e 40 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

g) Requirir o envío ás dependencias administrativas da documentación ou dos datos a que se refiren as alíneas e) e f) se non se puideron facilitar no momento da visita inspectora.

h) Practicar as probas, as investigacións ou os exames necesarios para comprobar o cumprimento da normativa en materia de comercio.

i) Advertir as persoas inspeccionadas das irregularidades detectadas e requirirlles que as emenden e se adecuen á normativa.

j) Demandar, cando o considere preciso, a colaboración do persoal e dos servizos dependentes doutras administracións públicas, así como das forzas e corpos de seguridade do Estado.

k) Adoptar, en casos de urxencia, as medidas cautelares que sexan necesarias, nos termos do artigo 9.

2. No caso de apreciar indicios de irregularidade que o xustifiquen, ou cando sexa necesario por razóns de urxencia, o persoal da inspección poderá acceder a calquera lugar ou recinto, aínda que non estean abertos ao público en xeral, e iso sen prexuízo da necesidade de contar, se é o caso, co consentimento do afectado ou coa autorización xudicial.

3. O persoal inspector pode obter unha copia ou reprodución da documentación a que se refire o número 1.e) incluídos os datos de carácter persoal, sen consentimento de terceiras persoas, para incorporala ás dilixencias inspectoras. En todo caso, respectarase o que dispón a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, e o Regulamento que desenvolve a devandita lei, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Artigo 8. Proposta de medidas cautelares por razón de seguridade

O persoal inspector poderá propoñerlle ao órgano competente a adopción de medidas cautelares, se apreciase a existencia de circunstancias graves que afecten a seguridade das persoas ou dos bens, ou que supoñan un prexuízo grave ou de difícil reparación.

Artigo 9. Adopción de medidas cautelares por razón de seguridade

1. Nos casos de urxencia, e para a protección provisional dos intereses implicados, o persoal inspector poderá adoptar as medidas que procedan por razóns de seguridade, de acordo co establecido no artigo 115.5 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. As medidas previstas no punto anterior poderán consistir en inmobilización e retirada de produtos, recuperación de produtos das persoas consumidoras, suspensión de actividades, vendas, ofertas ou promocións e calquera outra similar que sexa necesaria para garantir a seguridade das persoas.

3. As medidas adoptadas, así como os medios para a súa execución ou efectividade, deberán ser congruentes cos motivos que as orixinan e proporcionadas cos riscos que afronten. Así mesmo, de entre as que reúnan estes requisitos, adoptaranse as que resulten menos restritivas da libre circulación de mercadorías e prestación de servizos, da liberdade de empresa e demais dereitos afectados.

4. Tales medidas terán que ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento sancionador, que se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes á súa adopción, que poderá ser obxecto de recurso de alzada ante o órgano superior xerarquico do que ditou o acordo de iniciación.

En todo caso, as medidas adoptadas quedarán sen efecto no caso de non se iniciar o procedemento no devandito prazo ou se o acordo de iniciación non se pronuncia expresamente sobre tales medidas.

Artigo 10. Obrigas do persoal inspector

1. No exercicio da actividade inspectora, o persoal funcionario adscrito á inspección de comercio está obrigado a:

a) Exhibir a credencial acreditativa da súa identidade e condición no exercicio da actividade de inspección, cando lle sexa solicitado.

b) Tratar de forma correcta e considerada o persoal das entidades obxecto da inspección.

c) Velar para que a actividade de inspección non restrinxa ou moleste de forma inxustificada a actividade da entidade obxecto da inspección.

d) Preservar a confidencialidade dos datos ou das informacións das que teña coñecemento en cumprimento da súa función.

e) Comunicarlle á persoa titular da unidade administrativa de que dependa o resultado das actuacións realizadas, as actas de inspección emitidas e os informes elaborados.

2. As persoas funcionarias que ocupan postos de inspección de comercio están obrigadas de modo estrito a cumprir o deber de segredo profesional verbo dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo, así como sobre os datos, informes, orixe das denuncias ou antecedentes de que teñan coñecemento no desempeño das súas funcións.

3. A documentación e os datos obtidos polo persoal da inspección de comercio no exercicio das súas funcións de investigación e control teñen carácter reservado e unicamente poden utilizarse para a finalidade da actuación inspectora. Polo tanto, queda expresamente prohibida a cesión ou a comunicación a terceiras persoas, agás que unha norma con rango de lei obrigue a comunicar os feitos se poñen de relevo indicios de infraccións penais ou administrativas noutras materias.

Artigo 11. Acreditación das persoas inspectoras

1. As persoas inspectoras de comercio estarán provistas dunha tarxeta acreditativa expedida pola unidade competente en materia de xestión de infraestuturas administrativas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou centro directivo competente. O contido, o formato e as características da credencial serán os establecidos na Orde do 7 de decembro de 2012 pola que se regula a tarxeta de identificación especial de empregados públicos do sector autonómico.

2. O persoal inspector deberá exhibir a credencial para poder acceder ás oficinas, instalacións, edificios e á documentación que considere necesaria para o exercicio das súas funcións en todos os casos en que lle sexa requirida polas persoas interesadas.

3. O disposto no punto anterior non será aplicable naqueles casos en que a finalidade da inspección se poida frustrar por tal motivo, sempre que o labor inspector se realice en lugares de acceso público. Nestes casos, o inspector actuante ou o xefe do departamento en que estea adscrito, deberán determinar, con carácter previo e por escrito, as causas que xustifiquen tal actuación.

4. A credencial é un documento persoal e intransferible de identificación que garante aos suxeitos obxecto da inspección, que a información obtida ten como único destino o propio da función inspectora que se desenvolve.

5. A persoa titular da credencial deberá devolvela no momento en que deixe de estar adscrita a un posto da inspección de comercio.

Artigo 12. Incompatibilidades, abstención e recusación das persoas inspectoras

1. As persoas funcionarias da inspección de comercio quedan afectadas polo réxime xeral de incompatibilidades da función pública.

2. As persoas funcionarias a que se refire o número 1 absteranse de intervir en actuacións inspectoras cando concorra calquera dos motivos a que se refire o artigo 28.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que concorra algunha das circunstancias previstas no devandito precepto e o persoal inspector non se absteña, as persoas interesadas poden promover a súa recusación nos termos que resultan do artigo 29 da mesma lei.

A abstención e a recusación serán resoltas polo superior inmediato do inspector.

Artigo 13. Colaboración coa actividade inspectora

De acordo co principio de colaboración mutua, os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as entidades instrumentais do sector público autonómico, deben facilitar a actividade do persoal da inspección de comercio e comunicarlle os datos que lles solicite, sempre que resulten relevantes e necesarios para a actividade inspectora. En todo caso, respectarase o que dispón a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, sobre protección de datos de carácter persoal, e o Regulamento que desenvolve a devandita lei, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Artigo 14. Obrigas das persoas inspeccionadas

1. De conformidade co establecido no artigo 98 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas inspeccionadas estarán obrigadas, ben sexa a través das persoas titulares dos establecementos inspeccionados ou, no seu defecto, a través das súas persoas empregadas, por requirimento dos órganos competentes en materia de comercio ou do persoal que realice as actividades de inspección, a:

a) Facilitarlle á inspección de comercio o acceso ás dependencias e instalacións en que se desenvolve a actividade comercial e mais o exame dos documentos, libros e rexistros directamente relacionados coa vixilancia e a comprobación do cumprimento das obrigas legais en materia de comercio.

b) Subministrar toda clase de información sobre instalacións, produtos ou servizos, permitindo a directa comprobación das persoas inspectoras.

c) Exhibir a documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas, dos prezos e das marxes aplicadas e dos conceptos en que estes se descompoñen.

d) Facilitar a obtención de copia ou a reprodución da devandita documentación.

e) Comparecer, o titular ou responsable do establecemento comercial, empresa ou actividade, persoalmente ou mediante representante, no lugar, día e hora sinalados para a práctica de actuacións.

f) Comparecer, a persoa responsable da actividade comercial, persoalmente ou mediante representante, nas dependencias administrativas, coa finalidade de achegar cantos datos sexan precisos para realizar a función inspectora.

g) Permitir que a inspección de comercio leve a cabo a súa actuación mediante os medios de investigación que considere oportunos.

h) En xeral, consentir a realización das visitas de inspección e dar toda clase de facilidade para iso.

2. Calquera declaración ou documentación que se achegue por requirimento da Administración, ou espontaneamente, deberá ser asinada por persoa con representación suficiente da empresa

CAPÍTULO II
A actuación inspectora

Artigo 15. Iniciación das actividades inspectoras

A actuación inspectora levarase a cabo:

a) En desenvolvemento do plan anual de inspección, por orde da persoa titular da xefatura de servizo competente en materia de ordenación comercial.

b) Sen suxeición ao plan anual de inspección, por iniciativa motivada do citado servizo, no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa.

c) Por orde motivada das persoas titulares da dirección xeral, das subdireccións xerais, das xefaturas territoriais ou das xefaturas de servizo con competencias en materia de comercio nos seus respectivos ámbitos de competencias, no caso de ter coñecemento ou indicios de existencia de feitos que poidan ser constituitivos de infracción administrativa ou por pedimento razoado doutros órganos administrativos ou doutras administracións públicas que, tendo coñecemento de condutas ou feitos que poidan xustificar o inicio da actividade inspectora, non teñan competencias nesta materia.

d) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

e) Por propia iniciativa do persoal inspector, ben no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa, ben en execución das campañas de inspección.

Artigo 16. Plan anual de inspección

1. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de comercio poderá aprobar plans anuais de inspección.

2. Os plans anuais de inspección determinarán o obxecto, o contido, a frecuencia e o ámbito de actuación que informen cada un deles con base en criterios de oportunidade, aleatoriedade ou outros que se consideren pertinentes.

3. A dirección xeral competente en materia de comercio poderá ditar as instrucións que considere necesarias para un mellor cumprimento dos plans de inspección por parte do persoal inspector.

Artigo 17. Medios para a realización da actuación inspectora

Para o exercicio das funcións que teñen encomendadas, as persoas inspectoras de comercio levarán a cabo a súa actuación mediante:

a) As visitas aos establecementos comerciais obxecto da inspección.

b) Os requirimentos para que as persoas responsables das actividades comerciais comparezan en persoa na Administración e acheguen cantos datos sexan precisos para realizar a función inspectora, nos termos previstos nos artigos 39 e 40 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Calquera otro medio de investigación legalmente admitido que se considere idóneo para a comprobación dos feitos presuntamente constitutivos de infracción.

Artigo 18. Visitas de inspección

1. As persoas inspectoras de comercio poderán en calquera momento realizar visitas ás empresas e establecementos dedicados á comercialización de produtos para a práctica de calquera das actuacións referentes ás súas funcións. Para estes efectos, as persoas inspectoras terán a facultade de acceder libremente, e sen notificación previa, ás instalacións ou locais, logo da identificación da súa condición, sen prexuízo do disposto no artigo 10.3.

O persoal funcionario que ocupa postos de inspección de comercio durante a visita poderá ir acompañado da persoa titular da xefatura de servizo con competencias na materia ou dos/as técnicos/as especialistas na materia correspondente naqueles casos que se considere conveniente.

2. Durante a visita as persoas inspectoras poderán:

a) Inspeccionar os produtos obxecto de venda, o local e as súas dependencias, realizando as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Exixir a presentación de documentación, libros e rexistros directamente relacionados coa vixilancia e comprobación do cumprimento das obrigas legais en materia de comercio, co fin de examinalos e obter as copias ou reproducións necesarias.

c) Solicitar declaracións, datos ou antecedentes da persoa titular, responsable ou representante da empresa ou actividade e recadar información do persoal ao servizo do establecemento, empresa ou actividade sobre cuestións relacionadas co obxecto da inspección no caso de que a persoa titular ou as persoas responsables non estean presentes.

d) Realizar medicións, tomar mostras ou fotografías, así como practicar calquera outra proba polos medios legais permitidos.

e) Requirir a comparecencia da persoa titular ou das persoas responsables do establecemento comercial, da empresa ou da actividade, ou de quen as represente, durante o tempo que resulte preciso para o desenvolvemento das súas actuacións.

f) Levar a cabo cantas actuacións sexan precisas por mor do cumprimento das funcións de inspección que desenvolvan.

3. As actividades inspectoras que se leven a cabo nas instalaciones efectuaranse, sempre que sexa posible, en presenza da persoal titular ou responsable da instalación inspeccionada. No seu defecto, deberá cooperar, prestando a asistencia necesaria ao inspector/a, o persoal que estea na instalación no momento da inspección.

Cando se considere necesario requirirase, motivadamente, a comparecencia dos titulares ou responsables na instalación obxecto da inspección, co obxecto de practicar as dilixencias que se determinen na correspondente citación.

No suposto de que para a xustificación dos requisitos exixidos pola lexislación vixente para a venda dos produtos obxecto da inspección a persoa comparecente teña que proceder á apertura da embalaxe do produto, poderase solicitar ao/á inspector/a actuante a súa precintaxe oficial, co fin de poñelo á súa posterior venda.

Artigo 19. Citacións

1. O persoal inspector poderá requirir que as persoas titulares de empresas, actividades ou establecementos, ou os seus representantes, comparezan no establecemento comercial ou empresa suxeito a inspección, para os efectos de facilitar o desenvolvemento do labor inspector, achegar a documentación precisa e canta información sexa necesaria ou subscribir as dilixencias e actas.

2. O lugar, a data e a hora da comparecencia deberá ser fixada pola persoa inspectora, que procurará a compatibilidade coas obrigas laborais ou profesionais do/a citado/a. Isto sen menoscabo do labor inspector.

3. As citacións efectuaranse por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción e contido, incluídas as actas de inspección.

Na citación farase constar expresamente o lugar, a data, a hora e o obxecto da comparecencia, así como a advertencia á persoa interesada de que a non comparecencia sen causa xustificada se entenderá como infracción en materia de comercio.

O seu incumprimento entenderase como obstrución á inspección ou negativa a facilitar a información requirida por esta, para os efectos previstos nos artigos 105 e) e 106 b) da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

4. As persoas interesadas poderán acudir ás comparecencias acompañadas do persoal de asesoramento que consideren procedente, que deberá identificarse para a súa constancia na acta.

5. O persoal inspector poderá requirir que as persoas responsables das actividades comerciais comparezan nas dependencias ou oficinas administrativas nos termos establecidos nos artigos 39 e 40 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Requirimentos

1. O persoal inspector de comercio, no exercicio das funcións que ten recoñecidas, está facultado para requirir da persoa titular, responsable do establecemento comercial, empresa ou actividade comercial a presentación nas dependencias administrativas de toda clase de información sobre instalacións, produtos e servizos e da documentación que sirva de xustificación das transaccións efectuadas, dos prezos e das marxes aplicadas, que fosen solicitadas con motivo da visita de inspección e que non se puidesen facilitar nese momento.

O seu incumprimento entenderase como obstrución á inspección ou negativa a facilitar a información requirida por esta, para os efectos previstos nos artigos 105 e) e 106 b) da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. Así mesmo, cando da inspección realizada resulten simples inobservancias de exixencias ou requisitos facilmente emendables, das cales non deriven danos ou perdas inmediatos para as persoas consumidoras ou usuarias, o/a inspector/a poderá formularlle ao/á titular ou representante do establecemento os requirimentos que considere oportunos, co fin de acadar a súa efectiva adecuación á normativa vixente.

Neste caso, o requirimento recollerá as anomalías, irregularidades ou deficiencias apreciadas con indicación do prazo para a súa emenda e con advertencia de que, para o caso de non atendelo, se procederá a levantar a correspondente acta de infracción.

3. Os requirimentos efectuaranse por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción e contido, incluídas as actas de inspección.

CAPÍTULO III
Documentación da actuación inspectora

Artigo 21. Tipos de documentos da inspección de comercio

As actuacións do funcionariado que ocupa postos de inspección de comercio documentaranse en comunicacións, dilixencias, informes e actas.

Artigo 22. Comunicacións

1. As comunicacións son os documentos mediante os cales o persoal inspector de comercio se relaciona unilateralmente con calquera persoa, empresa, ou establecemento no exercicio das súas funcións.

2. Nas comunicacións o persoal inspector poderá poñer feitos ou circunstancias en coñecemento das persoas interesadas nas actuacións, así como realizarlles a estas as citacións ou requirimentos que procedan.

3. As comunicacións, unha vez asinadas polo persoal inspector actuante, seranlle notificadas ás persoas interesadas na forma prevista pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou mediante a utilización de medios electrónicos ao abeiro do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 23. Dilixencias

1. Mediante dilixencia de inspección documentaranse aquelas actuacións de inspección que non poñan termo a esta para facer constar calquera feito, circunstancia ou manifestación con relevancia para a inspección, salvo a visita de inspección que deberá constar na acta.

As dilixencias que se formalicen observando os requisitos establecidos nos puntos seguintes terán valor probatorio dos feitos que motiven a súa formalización.

2. As dilixencias serán asinadas polo/a inspector/a actuante e pola persoa coa que se entendan as actuacións. Se esta se nega a asinar a dilixencia, ou ben non pode ou non sabe facelo, farase constar tal circunstancia nela.

Entregarase un exemplar das dilixencias que se redacten á persoa coa que se entendan as actuacións. Se esta se nega a recibilas, notificaráselle por calquera medio admitido en dereito.

3. Naqueles casos en que non se requira a presenza dunha persoa comparecente, non sexa posible, ou ben cando a súa presenza poida frustrar a acción inspectora, a dilixencia será válida coa sinatura unicamente do/a inspector/a actuante e notificaráselle á persoa interesada por calquera medio admitido en dereito.

Nas dilixencias de inspección consignarase:

a) O lugar e a data da súa expedición.

b) A identificación do persoal ou dos funcionarios actuantes que subscriban a dilixencia.

c) A identificación do establecemento comercial, empresa o actividade comercial inspeccionada.

d) O nome e apelidos, número de documento nacional de identidade e a sinatura, se é o caso, da persoa á cal se expidan as actuacións así como o carácter con que intervén.

e) Os feitos ou circunstancias que constitúen o contido propio da dilixencia.

f) A situación de conformidade ou desconformidade legal derivada das actuacións realizadas pola inspección.

Artigo 24. Informes

1. O persoal inspector pode emitir informes de oficio, por petición das persoas instrutoras dos procedementos sancionadores ou por orde superior.

2. Os informes deben conter a identificación da persoa inspectora e a data, a hora e o lugar en que se emiten. Ademais, deben indicarse as circunstancias que motivan a súa emisión e recoller os feitos constatados polo persoal inspector e, se procede, a súa valoración. Os informes deben ir asinados pola persoa inspectora.

3. Os feitos constatados polo persoal inspector e recollidos nos informes de inspección que se formalicen observando os requisitos establecidos no punto anterior teñen valor probatorio.

4. Os informes da inspección poderán recoller nun anexo a documentación necesaria para acreditar os feitos investigados, incluídos tanto os documentos en papel como en calquera outro soporte duradeiro.

Artigo 25. Actas de inspección

1. As actas de inspección son os documentos que redactan os/as inspectores/as de comercio, nos cales se reflicten as visitas de inspección, as actuacións de investigación e comprobación realizadas e os seus resultados, así como a verificación do cumprimento das disposicións e normativa en materia de comercio. As actas de inspección teñen carácter de documentos públicos.

2. As actas de inspección de comercio que se formalicen observando os requisitos establecidos neste decreto teñen valor probatorio e acreditarán, agás que da valoración conxunta das probas presentadas resulte o contrario, a veracidade dos feitos que, pola súa obxectividade, son susceptibles de percepción directa pola persoa inspectora actuante, dos inmediatamente deducibles daqueles, e dos acreditados por medios de proba consignados na propia acta, como poden ser documentos ou declaracións a ela incorporados.

Artigo 26. Contido das actas

1. O funcionariado da inspección de comercio redactará as actas segundo un modelo normalizado. A acta de inspección deberá estar numerada e conter un código de identificación.

2. Nas actas de inspección consignarase:

a) O lugar, a data e a hora da súa formalización.

b) A identificación do/a inspector/a actuante.

c) O nome e localización da empresa, actividade ou establecemento sobre o cal recae a inspección.

d) O nome, apelidos e número do documento nacional de identidade ou pasaporte da persoa coa que se entenden as actuacións e o carácter ou representación con que intervén.

e) O nome e os apelidos ou, se é o caso, a denominación social completa da persoa titular e o seu número de identificación fiscal.

f) A referencia dos feitos constatados, destacando os relevantes para os efectos da tipificación da infracción e describindo, se é o caso, os medios utilizados para o esclarecemento dos feitos ou omisións en que se fundamente o levantamento da acta, así como calquera outra circunstancia ou aclaración que o/a inspector/a considere oportuna e permita determinar mellor as irregularidades observadas, o seu alcance e as persoas presuntamente responsables.

g) A referencia dos feitos constatados que permitan, ou non, observar unha conduta colaboradora na persoa inspeccionada que tenda á reparación inmediata, ou no menor prazo posible, das irregularidades que se observen, así como calquera outra circunstancia que o/a inspector/a considere relevante para poñer de manifesto, ou non, no/a inspeccionado/a unha vontade de cumprimento da normativa vixente en materia de comercio.

h) Cantas alegacións ou aclaracións fagan as persoas interesadas ou as súas representacións en defensa dos seus intereses, así como cantos documentos ou medios de proba acheguen. E isto sen prexuízo do dereito de defensa no procedemento e das facultades de inspección, investigación e verificación da administración.

3. Non obstante, o feito de que a persoa comparecente non facilite os datos recollidos nas letras c), d) ou e) do punto anterior, non invalidará a acta.

4. O persoal inspector expedirá as súas actas nos modelos oficiais aprobados polo departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de comercio.

Se, pola súa extensión, non se poden recoller no modelo de acta todas as circunstancias que deban constar nela, reflectiranse en anexo a estas formalizado en modelo oficial.

Formarán parte da acta de inspección, para todos os efectos, os seus anexos e as dilixencias expedidas polo persoal ou funcionario inspector actuante durante a súa actividade de comprobación.

Artigo 27. Formalización da acta

1. A acta levantarase en presenza da persoa titular da empresa, actividade ou establecemento ou da súa representación ou, en ausencia delas, perante calquera persoa que no momento da inspección estea á fronte da empresa ou actividade, á cal se lle entregará no acto unha copia dela. Para o caso de que rexeite a copia, o/a inspector/a fará constar tal circunstancia na propia acta, especificando os motivos da negativa, se os houber.

2. A acta será asinada polo/a inspector/a actuante e pola persoa perante quen se levantou a acta. Para o caso que se negue a asinala, non poida ou non saiba facelo, a persoa inspectora fará constar a devandita negativa ou circunstancia na propia acta, especificando os motivos manifestados se os houber. A falta desta sinatura non exonerará da posible responsabilidade nin destruirá a presunción de veracidade do seu contido.

3. O asinamento da acta acreditará o coñecemento do seu contido e en ningún caso implicará o recoñecemento das presuntas irregularidades descritas nela nin a aceptación das responsabilidades que deriven, agás cando así o recoñeza expresamente a propia persoa interesada.

4. As actas poden redactarse de forma manuscrita ou mediante as novas tecnoloxías, coas condicións e os requisitos exixidos pola normativa aplicable.

5. O titular da empresa, actividade ou establecemento disporá dun prazo de 15 días para aducir alegacións e presentar documentos ou outros elementos de xuízo para o suposto de que el ou a súa representación acreditada non estivesen presentes no levantamento e asinamento da acta.

Así mesmo, poderá formular alegacións para o caso das actas que se levanten previamente á formalización de dilixencias de inspección ou para o suposto de que o titular, aínda que fixese uso de tal trámite no corpo da acta e con ocasión do levantamento desta, desexase ampliar as súas manifestacións.

As ditas alegacións deberán presentarse ante o órgano competente para a incoación do eventual procedemento que se incoe.

Artigo 28. Dilixencia dos medios de proba incorporados á acta

1. As actas da inspección poden recoller nun anexo a documentación necesaria para acreditar os feitos investigados, incluídos tanto os documentos en papel como en calquera outro soporte duradeiro.

2. Todo medio de proba incorporado á acta de inspección no momento do seu levantamento deberá ir dilixenciado, sempre que a súa natureza o faga posible, polo/a inspector/a actuante e coa sinatura da persoa coa que se entendan as actuacións. Se esta se nega a asinar, porque non pode ou non sabe facelo, farase constar tal circunstancia na acta de inspección.

Artigo 29. Ratificación das actas ou dilixencias

As persoas que sexan superiores xerárquicas ou instrutoras do procedemento sancionador poderán solicitar ao/á inspector/a actuante a ratificación das actas ou dilixencias formalizadas por el/ela.

Artigo 30. Rexistro das actuacións

As persoas funcionarias que desempeñen postos de inspección de comercio rexistrarán as súas actuacións co detalle preciso para o seu debido control. Especialmente faranse constar as datas das actuacións, a empresa, establecemento ou actividade inspeccionada e as demais circunstancias de interese. No suposto de que exista tratamento de datos de carácter persoal, deberá respectarse a normativa en materia de protección de datos.

Disposición adicional única. Non incremento do gasto público

O disposto neste decreto non pode ocasionar un aumento do gasto público.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de comercio para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria