Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 24 de decembro de 2014 Páx. 52545

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Camariñas

ANUNCIO de información pública relativo á aprobación inicial da modificación número 1 do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello de Camariñas, en sesión ordinaria, do 28 de novembro de 2014, adoptou o seguinte acordo:

(…)

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal: modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Camariñas, elaborada pola Consultora Galega, S.L., e asinada polo arquitecto-urbanista, Xoán Carlos Portela Regodeseves (integrante da dirección do equipo redactor).

Segundo. Someter esta modificación e os restante documentos integrantes do expediente a información pública polo prazo dous (2) meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia. Simultaneamente e durante o mesmo prazo, dar audiencia aos municipios limítrofes.

Todo iso, para efectos de que durante tal período poidan formularse as alegacións e/ou suxestións que se consideren oportunas, computándose o prazo desde o día seguinte ao da publicación do primeiro anuncio, ou se é o caso, da notificación, e ata o transcurso do prazo de dous (2) meses contados desde a última das publicacións referidas, ou se é o caso da notificación.

O anuncio de información pública dará cumprimento ao preceptuado polo artigo 11.3 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo.

Terceiro. Solicitar ás administracións públicas competentes en materia de costas (Estado e Comunidade Autónoma), estradas (Comunidade Autónoma e Deputación), planificación da paisaxe, Plan de ordenación do litoral e montes os informes sectoriais aos que se refire o artigo 85.3 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Cuarto. Non suspender o outorgamento das licenzas (parcelación de terreos, edificación e demolición) dadas as características/contido da modificación. Non obstante, para aquelas solicitudes de licenza que se poidan ver afectadas polas novas determinacións da modificación, comprobarase o cumprimento do Plan xeral de ordenación municipal vixente e da modificación puntual aprobada inicialmente. No anuncio de aprobación inicial farase expresa mención a este aspecto.

Promotor: Concello de Camariñas.

Equipo redactor: Consultora Galega, S.L.

Cambios que formula a modificación:

1º. Fondo mínimo de parcela na ordenanza 1 de edificación intensiva en cuarteirón ou mazá.

2º. Permitir o uso residencial de categoría 1ª na ordenanza 1 de edificación intensiva en cuarteirón ou mazá.

3º. Cambio da unidade de medida na pendente de cuberta no solo de núcleo rural.

4º. Modificación das condicións dos peches no solo de núcleo rural.

5º. Modificación das condicións dos peches en solo rústico.

6º. Aclarar a independencia das vivendas no espazo baixo cuberta respecto da planta inferior.

7º. Corrixir erros detectados no cadro de compatibilidades do uso industrial respecto dos niveis de ruído admisibles e a densidade de potencia.

8º. Corrixir os erros detectados no cadro resume de usos respecto das definicións detalladas do punto correspondente ao uso dotacional educación.

Camariñas, 3 de decembro de 2014

Manuel Valeriano Alonso de León
Alcalde