Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 26 de decembro de 2014 Páx. 52625

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2014 pola que se procede á convocatoria pública da axuda, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas inquilinas das vivendas arrendadas no marco do programa Aluga, no exercicio 2015.

O Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o programa Aluga, para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 103, do 2 de xuño, corrección de erros DOG nº 114, do 17 de xuño), establece o réxime xurídico do citado programa e no seu título IV recolle o marco das subvencións do programa, entre elas a axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda do aluguer das vivendas arrendadas no marco do citado programa, obxecto desta convocatoria. Así mesmo, na Orde do 16 de maio de 2013, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do programa Aluga (DOG nº 103, do 31 de maio), no seu artigo 2 establécense regras específicas para a determinación da contía da axuda ás persoas inquilinas cando se trate dese colectivo.

Este programa mantén a súa vixencia para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do programa de realoxamento para as persoas afectadas por execucións hipotecarias e respecto dos contratos de arrendamento en vigor de vivendas incorporadas ao programa Aluga, segundo o punto 2 da disposición derrogatoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, así como ao establecido no Decreto 84/2010, do 27 de maio, e tramitase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015 habilítanse créditos para o financiamento da axuda ás persoas inquilinas do programa Aluga.

De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 36 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e co artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a competencia corresponde a Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No uso da referida autorización,

RESOLVO:

Primeiro. Bases reguladoras da axuda ás persoas inquilinas

As bases reguladoras da axuda ás persoas inquilinas prevista nesta convocatoria está regulada no título IV, en particular, a súa regulación especifica no capítulo III (artigos 43 ao 46) do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o programa Aluga, para o fomento do aluguer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 103, do 2 de xuño; corrección de erros DOG nº 114, do 17 de xuño), así como no artigo 2 da Orde do 16 de maio de 2013, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do programa Aluga (DOG nº 103, do 31 de maio).

Segundo. Obxecto

O obxecto desta resolución é proceder á convocatoria no exercicio 2015 en réxime de concorrencia non competitiva, da axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda prevista no Decreto 84/2010, do 27 de maio, vixente –de conformidade coa disposición derrogatoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro– para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do programa de realoxamento para as persoas afectadas por execucións hipotecarias e respecto dos contratos de arrendamento en vigor de vivendas incorporadas ao programa Aluga.

Terceiro. Orzamento

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os exercicios 2015 e 2016, onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas para o financiamento parcial da renda, así como o importe máximo das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2015 e a contía máxima que se poderá imputar ao exercicio orzamentario 2015 e ao de 2016, son as seguintes:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Importe máximo 2015-2016

Imputación do exercicio 2015

Imputación do
exercicio 2016

07.81.451B.480.1

07.81.451B.480.2

2013 00029

2013 00029

1.130.760 €

249.600 €

559.170 €

90.800 €

571.590 €

158.800 €

Total do proxecto

1.380.360 €

649.970 €

730.390 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. O importe máximo das subvencións obxecto desta convocatoria poderá incrementarse en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias na citada aplicación, sempre que concorra algún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De producirse un incremento do crédito destinado á concesión destas subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Beneficiarias

Serán beneficiarias da axuda as persoas inquilinas das unidades familiares ou de convivencia que reúnan os requisitos e condicións sinalados no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, vixente –de conformidade coa disposición derrogatoria única do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro– para o suposto de adxudicación directa de vivendas no marco do programa de realoxamento para as persoas afectadas por execucións hipotecarias e respecto dos contratos de arrendamento en vigor de vivendas incorporadas ao programa Aluga.

Quinto. Contía da axuda

A contía desta axuda determinarase de acordo co establecido no artigo 44 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, e, de ser o caso, consonte o previsto no artigo 2 da Orde do 16 de maio de 2013, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (DOG nº 103, do 31 de maio).

Sexto. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. No modelo de solicitude ou xunto con ela deberá achegarse, de ser o caso, en orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

a) Declaración responsable do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio (no modelo anexo I).

Para o caso de que variasen as circunstancias que constan no expediente da unidade familiar ou de convivencia do programa Aluga, deberá entregarse a correspondente documentación, conforme o sinalado no artigo 28.2 e 3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

b) Declaración responsable da composición da unidade familiar e autorizacións para solicitar por vía telemática as certificacións relativas a ingresos e débedas, e para consultar os datos de identidade e residencia, debidamente asinadas por todos os membros da unidade familiar ou de convivencia (no modelo anexo I-A).

c) Declaración responsable das subvencións, axudas, recursos ou ingresos solicitados e/ou concedidos para a mesma finalidade polas administracións públicas competentes, entes públicos ou privados, ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade (no modelo do anexo I).

d) No caso de solicitude de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, ademais do anterior, deberán achegarse os xustificantes de pagamento dos últimos doce meses dos recibos de auga, electricidade e/ou gas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Sétimo. Prazo de presentación

As solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberán presentarse antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberá presentarse antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do período inicial ou da correspondente prórroga do contrato de arrendamento.

Oitavo. Procedementos de concesión

De conformidade co establecido no artigo 47 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, fíxanse para o exercicio 2015 os procedementos mensuais de concesión. Por cada procedemento de concesión ditarase a correspondente resolución, que conterá a contía das subvencións que se concedan na mensualidade, cos seguintes importes máximos:

Meses 2015

Importe do exercicio 2015

Meses 2016

Importe do exercicio 2016

Xaneiro-decembro

35.520,00 €

Xaneiro

0,00 €

Febreiro-decembro

44.440,00 €

Xaneiro-febreiro

4.040,00 €

Marzo-decembro

45.800,00 €

Xaneiro-marzo

9.160,00 €

Abril-decembro

118.980,00 €

Xaneiro-abril

39.660,00 €

Maio-decembro

110.080,00 €

Xaneiro-maio

55.040,00 €

Xuño-decembro

69.860,00 €

Xaneiro-xuño

49.900,00 €

Xullo-decembro

63.120,00 €

Xaneiro-xullo

63.120,00 €

Agosto-decembro

42.450,00 €

Xaneiro-agosto

59.430,00 €

Setembro-decembro

43.040,00 €

Xaneiro-setembro

86.080,00 €

Outubro-decembro

35.100,00 €

Xaneiro-outubro

105.300,00 €

Novembro-decembro

33.120,00 €

Xaneiro-novembro

165.600,00 €

Decembro

8.460,00 €

Xaneiro-decembro

93.060,00 €

Totais

649.970,00 €

730.390,00 €

Unha vez finalizado cada un dos períodos de concesión, e de non esgotarse o crédito máximo, por resolución da Dirección Xeral do IGVS trasladarase a contía non aplicada ao período seguinte.

Noveno. Órganos competentes para a instrución e resolución

De conformidade co establecido no artigo 48.5 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, a tramitación, instrución e formulación da proposta de resolución da axuda ás persoas inquilinas corresponden ás áreas provinciais do IGVS e a competencia para resolver corresponde á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Décimo. Prazo de resolución e notificación

1. A resolución das solicitudes da axuda ás persoas inquilinas resolverase no mesmo mes da súa presentación, agás nos supostos de solicitudes de subvención por prórroga do contrato de arrendamento, que se poderán resolver no mes seguinte ao da súa presentación, segundo o establecido no artigo 45.8 do Decreto 84/2010. Transcorrido o prazo sinalado sen se ditar resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude.

2. As resolucións que se diten nestes procedementos serán notificadas aos interesados dentro do prazo de dez días a partir da data en que fosen ditadas, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Recursos

As resolucións que se diten nos procedementos de concesión de subvencións previstas nesta convocatoria porán fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da dita xurisdición, nos prazos sinalados no artigo 48.6 do Decreto 84/2010.

Décimo segundo. Autorizacións e consentimentos

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistro públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Décimo terceiro. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego da Vivenda e Solo. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a
aluga.igvs@xunta.es.

Décimo cuarto. Efectos

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file