Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 30 de decembro de 2014 Páx. 53625

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de decembro de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos e de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e a desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

O artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento así como as universidades, os sindicatos, as empresas e organizacións empresariais, e as comunidades galegas no exterior.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras para o ano 2015 para a execución de proxectos no exterior promovidos polos axentes de cooperación e de microproxectos no exterior que realizarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia e os outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano , de acordo con estas bases reguladoras e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2015 e 2016 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Capítulo I. Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

Proxectos no exterior de ONGD polo importe total de 2.870.000 euros, conforme a seguinte distribución:

05.26.331A.490.0, pola contía total de 2.000.000 euros (1.000.000 euros no ano 2015 e 1.000.000 euros no ano 2016) e 05.26.331A.790.0, pola contía total de 870.000 euros (435.000 euros no ano 2015 e 435.000 euros no 2016).

Proxectos no exterior dos outros axentes polo importe total de 700.000 euros conforme a seguinte distribución:

05.26.331A.490.0, pola contía total de 700.000 euros (350.000 euros no ano 2015 e 350.000 euros no ano 2016).

Capítulo II. Axudas a ONGD e aos outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

O importe total será de 80.0000 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 05.26.331A.490.0 polo importe de 40.000 euros e 05.26.331A.790.0 polo importe de 40.000 euros do orzamento de 2015.

No caso de que os créditos asignados nos procedementos do capítulo I: «Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación» ou do capítulo II: «Axudas a ONGD para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior» non se esgotasen, o saldo resultante podería incrementar a asignación dos recursos financeiros dos outros procedementos, ao tratarse de subvencións con cargo ás mesmas aplicacións orzamentarias.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1º da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro de 2014.

Disposición adicional segunda

A convocatoria e a concesión das axudas reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito suficiente nas aplicacións orzamentarias 05.26.331A.490.0 e 05.26.331A.790.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2015.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional cuarta

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos e de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

CAPÍTULO I
Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (PR 803D)

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais, ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior que teñan a condición de axentes de cooperación, para a execución de proxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2. Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias das axudas e os proxectos

2.1. Requisitos das entidades.

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao da publicación da convocatoria. As universidades e as comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter xustificadas, se é o caso, antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2012 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre as beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) No caso das universidades, deberán formar parte do Sistema Universitario de Galicia segundo a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia e poderán optar a estas subvencións, os seus departamentos e institutos que realicen actividades que poidan ser obxecto das axudas reguladas nestas bases.

e) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por unha entidade beneficiaria desta convocatoria, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, letras b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que, cumprindo os requisitos anteriores se presenten agrupadas. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, debendo xuntar á solicitude, a documentación a que se refire o artigo 3.2 –carpeta 1– destas bases reguladoras, así como o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que desempeñan a súa representación legal polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita entidade, ou aquelas nas cales os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

f) As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades. Respecto das universidades, esta limitación aplicarase por departamento.

g) As entidades que presenten solicitudes a esta convocatoria de proxectos no exterior non se poderán presentar á convocatoria de microproxectos no exterior.

2.2. Requisitos xerais de todos os proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2015, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2015. Nos supostos nos cales o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de decembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias; é dicir, que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto, non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe, fomente a igualdade entre homes e mulleres e sexa respectuoso coa protección do medio.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e os intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país no que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das brechas de xénero e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) Os proxectos deberán estar vinculados de xeito directo á realización das prioridades transversais, segundo o establecido no III Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento.

h) O orzamento dos proxectos debera cumprir co que establece o artigo 5 «gastos do proxecto» desta convocatoria.

i) A achega do resto dos financiadores do proxecto (excluída a Xunta de Galicia) non pode ser ao 100 % valorizados.

2.3. Requisitos específicos dos proxectos presentados polos outros axentes de cooperación.

Non serán valorados os proxectos presentados polos outros axentes da cooperación galega (exceptúanse os presentados polas ONGD) que non se enmarquen, cada un deles, dentro dos seguintes ámbitos:

Universidades:

a) Actividades de cooperación interuniversitaria, como fortalecemento institucional das universidades dos países en desenvolvemento, asistencia para o deseño de títulos e currículos académicos, apoio á mobilidade do persoal investigador e docente, organización de pasantías de alumnado en prácticas, formación de redes para o traballo en común e outras.

b) Actividades de identificación con perspectiva de xénero e apoio e asistencia ao resto dos actores da cooperación, tanto administracións públicas como entidades privadas (ONGD) no desenvolvemento científico e na transferencia de tecnoloxía.

Empresas e asociacións empresariais:

a) Dotación de bens e servizos –materiais, obras e asistencia técnica– que os procesos de desenvolvemento demandan, así como achega libre de recursos humanos, materiais, técnicos ou financeiros a proxectos ou institucións de desenvolvemento.

b) Actividades de fortalecemento no sector no que desempeña a súa actividade dos países en desenvolvemento, apoiando a participación no diálogo social, na transferencia da súa experiencia e recursos a institucións cun fin homólogo nos países en desenvolvemento, tales como tarefas de formación e de asistencia técnica en áreas profesionais definidas e no apoio á consolidación das organizacións empresariais.

c) Promoción dos contactos previos e os estudos de identificación ou prefactibilidade que alenten a creación de oportunidades para a posta en marcha de iniciativas empresariais, que permitan xerar renda e emprego no país en desenvolvemento, fortalecendo o tecido produtivo do país, priorizando as actuacións das micro, pequenas e medianas empresas ou aquelas de economía social. Estas iniciativas deberán incluír unha especial atención ao respecto e defensa dos dereitos laborais, humanos, dereito ao territorio, e atenderán ao impacto na loita pola equidade de xénero e a súa contribución á loita contra a pobreza.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de responsabilidade social corporativa.

e) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as empresas crean.

Sindicatos:

a) Actividades de apoio, a través dos seus recursos e capacidades humanas e técnicas, ás intervencións directas dos actores de cooperación.

b) Actividades de apoio á organización sindical nos países en desenvolvemento, potenciando a capacidade técnica e organizativa destas institucións e apoiando a súa participación no diálogo social nos seus respectivos países co obxectivo de contribuír a unha maior articulación e fortaleza da sociedade civil.

c) Actividades de promoción da organización da produción a través da transferencia da experiencia dos sindicatos agrarios.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de defensa de dereitos laborais cunha especial atención aos dereitos laborais das mulleres.

Comunidades galegas no exterior:

a) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base, aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as comunidades galegas crearan.

b) Promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, terceira idade, persoas refuxiadas, desprazadas, inmigrantes, retornadas, minorías étnicas e comunidades indíxenas.

Outras entidades con fins sociais:

Actuacións ou actividades de apoio a organizacións e institucións dos países socios que desempeñen ou estean relacionadas co fin principal que a entidade solicitante realice en Galicia.

Artigo 3. Solicitude

3.1. A solicitude de subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras (no caso de presentarse por correo, o envío deberá ser certificado e con o selo na 1ª folla deste anexo). De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web:
www.cooperaciongalega.org.

3.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 e os documentos de formulación do proxecto, carpeta 3, presentaranse en orixinal ou en soporte electrónico.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante que en caso de agrupación de entidades se deberá achegar de cada unha das agrupadas.

a) Certificación da Secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no devandito rexistro.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre este e achegarase, debidamente compulsado, o devandito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

b) Declaración responsable da persoa que desempeña a representación legal da entidade na que se especifiquen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Declaración responsable da persoa que desempeña a representación legal da entidade sobre o cumprimento das normativas ambientais e de dereitos humanos no territorio español e nos países de intervención.

d) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, a ser posible en formato dixital. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

e) Memoria da organización na que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e das persoas beneficiarias, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación, a ser posible en formato dixital.

f) Plan/estratexia de cooperación da entidade para os seguintes anos (dous como mínimo) na que se enmarca o proxecto presentado. No caso de empresas ou agrupacións empresariais deberán incluír, se é o caso, o Plan de responsabilidade social corporativa na cal se insire o proxecto, a ser posible ambos en formato dixital.

g) No caso de agrupación de entidades deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que desempeñen a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que desempeñe a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións nas cales colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso, mencionando expresamente o valor engadido que achegue cada un dos socios á agrupación. No caso das universidades o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

h) Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo establecido no artigo 23.b, da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

i) As universidades incluirán certificación, expedida pola persoa que desempeñe a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a presentación do proxecto á convocatoria e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

j) No suposto de que a entidade presentase esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente no que se atopa incorporada, achegando a documentación que falte ou estea sen actualizar.

Carpeta 2: información relativa á contraparte ou socio local (no caso de ser varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento no que se recolla o nomeamento da persoa que ostente a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración da persoa que desempeñe a representación legal da entidade na que se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao servizo desta.

c) Copia dos estatutos da entidade, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe, a ser posible en formato dixital.

d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades, a ser posible en formato dixital.

f) Memoria de actividades e traballos da entidade, onde se inclúan outros proxectos de cooperación para o desenvolvemento nos cales participase, así como experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto (como mínimo dos dous últimos anos), a ser posible en formato dixital.

g) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha administración, universidade ou outra entidade pública deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Fotocopia compulsada do documento ou cédula de identidade da persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

– Copia do documento no que se recolla o nomeamento do representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.

h) No caso de que a entidade solicitante presentase esta documentación ou parte dela a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente no que se atopa incorporada, achegando a documentación que falte ou que estea sen actualizar.

Carpeta 3: información relativa ao proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación técnica e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega: www.cooperaciongalega.org.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico: cooperacion.exterior@xunta.es.

3.3. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirán a avaliación do proxecto, se non se procederá á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 17 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas letras e) e f) da carpeta 1 e os documentos normalizados do proxecto (carpeta 3).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

3.4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 4. Condicións de financiamento

4.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto, ben que a subvención concedida non superará en ningún caso os 175.000 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao ano 2015 o importe máximo da subvención será de 60.000 euros.

Nos proxectos presentados por unha agrupación de entidades, a subvención concedida non excederá o límite de 225.000 euros. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao ano 2015, o importe máximo da subvención será de 100.000 euros.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizados.

4.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais, tanto os presentados polas ONGD como polos outros axentes distribuirase o 50 % no 2015 e 50 % no 2016.

4.3. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 5. Gastos do proxecto

5.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos do proxecto, agás no suposto de que as entidades solicitantes posúan ánimo de lucro, en cuxo caso se subvencionarán exclusivamente os custos directos.

Para os proxectos liderados polos Outros axentes de cooperación, os gastos inventariables (capítulo VII) non poderán imputarse á subvención solicitada, deberán ser financiados pola entidade solicitante ou por outros financiadores.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos.

a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo, sempre que se realicen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria. Así mesmo aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, sempre que se realicen no prazo dos tres primeiros meses de execución do proxecto.

Para que se poidan imputar á subvención solicitada, tanto a identificación como a liña de base deberán ser realizadas por persoal externo ás organizacións beneficiarias, en caso contrario deberan ser financiadas coas achegas doutros financiadores.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar os 10.000 euros.

b) Terreos e inmobles no país de execución do proxecto (inclúe compra ou aluguer). No suposto de adquisición de bens inmobles, inclúe os gastos necesarios para a compra de terreos e inmobles e a súa inscrición legal nos rexistros locais de propiedade (impostos, taxas, gastos notariais, licenzas legais, etc). Debe achegarse un certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial.

Non se imputarán nesta partida os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou socio local. O aluguer dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou do socio local imputaranse na partida de funcionamento.

c) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e transporte destes, obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local.

d) Equipamentos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos (hardware e software), dotación de bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e posta en funcionamento dos equipos, taxas aduaneiras ou portuarias, etc. Así mesmo, no caso de proxectos produtivos inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes, etc., o seu transporte e almacenamento.

Considéranse materiais consumibles os gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, utensilios, etc. Tamén se inclúen os alugueres de maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

e) Adquisición de medios de transporte de dúas rodas e de vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc).

f) Persoal. Para os efectos desta convocatoria entenderase:

1. Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade do devandito envío e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

2. Persoal local: aquel persoal da contraparte ou socio local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no que presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato no país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse, ocasional ou regularmente, aos países de execución, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

4. Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

O importe máximo aplicable por este concepto no poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto.

g) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención (distintos aos de identificación, elaboración de liñas de base, avaliación e auditoría que se imputan nas súas partidas correspondentes). Incluiranse, como achega das entidades solicitantes, as achegas valorizadas do traballo do seu persoal voluntario para realizar os servizos previstos nesta partida.

Tamén se incluirán os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciban contraprestación económica e que participen directamente nos proxectos subvencionados e calquera outro gasto no que puidesen incorrer e que estea directamente relacionado coa intervención.

As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria inclúense neste punto. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse no punto que corresponda segundo o obxecto da bolsa.

h) Funcionamento no terreo: gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o alugueiro de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

i) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense, entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local, expatriado e en sede), dos/as voluntarios/as e das persoas beneficiarias, necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros, alugueiro e mantemento de vehículos), así como o aloxamento, manutención dos participantes en formacións e capacitacións e, de ser necesarios, os incentivos (monetarios e en especie) aos beneficiarios dos proxectos que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarios para a boa execución do proxecto.

j) Avaliación externa con enfoque de xénero obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos que recibisen unha subvención superior a 90.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación do proxecto que acompaña a solicitude de subvención. A avaliación externa deberá ser realizada por persoa ou entidade de recoñecida experiencia, en Galicia ou no país de execución do proxecto, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, xuntando a documentación que xustifique esta. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano no que remate a execución deste.

A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 6.000 euros.

k) Auditoría contable. Financiarase para os axentes de cooperación que non posúan ánimo de lucro. O importe máximo imputado a este concepto no excederá os 4.000 euros. A auditoría contable poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano no que remate a execución deste.

As universidades están eximidas da presentación da dita auditoría contable.

As entidades que posúan ánimo de lucro terán a obriga de encargar pola súa conta unha auditoría contable, que deberá ser efectuada por persoal profesional independente inscrito, no caso de persoal español, no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC). Os/as auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo a revisión consideraranse como tales, sempre que no devandito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión, a revisión prevista poderá realizarse por un/ha auditor/a establecido/a no dito país, sempre que a designación deste/a a leve a cabo a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, segundo uns criterios técnicos que garantan a axeitada calidade.

l) Fondo rotatorio: enténdese por tal a cantidade económica que se emprega como empréstitos directos ou en especie ás persoas beneficiarias, que deben ser devoltos por elas nas condicións contractuais que se establezan, destinadas a garantir a súa devolución. Achegarase, en todo caso, o regulamento do funcionamento do fondo. Inclúense os gastos de funcionamento, administración e xestión do fondo. O fondo rotatorio non poderá superar o 9 % do orzamento total do proxecto.

m) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira e os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; os derivados da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois e os gastos de tradución de documentos cando se require na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local para o sustentamento da execución do proxecto, así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata o 10 % do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable da persoa que desempeñe a representación legal.

Se a entidade solicitante é unha entidade con ánimo de lucro non se subvencionarán os custos indirectos.

4. Aceptaranse, por parte da entidade solicitante, as achegas en especie ou as valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo, sempre que se realicen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria. Así mesmo, aqueles gastos derivados da elaboración de liñas de base, sempre que se realicen no prazo dos tres primeiros meses de execución do proxecto.

b) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto (que non deberá exceder 20 euros por hora). Todo traballo voluntario realizarase baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.

5. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

Para os efectos do que prevé o parágrafo anterior, considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipamentos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das beneficiarias, así como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzamentadas e que, en caso de terreos, locais ou equipamentos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao proxecto obxecto de axuda. Tamén poden valorarse os bens, persoal voluntario da contraparte ou socio local e os locais postos temporalmente á disposición da execución directa do proxecto, por un importe equivalente ao alugueiro destes durante o tempo no que sexan utilizados dentro do prazo de execución.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.

As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

7. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, deberán quedar formalmente vinculados, durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público e durante cinco anos o resto de bens, aos fins das actuacións realizadas. Unha vez rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá documentarse a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberase facer constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro publico correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea deberá autorizar previamente tal cesión.

O incumprimento da devandita obriga de destino, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita Lei 9/2007, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro, calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial, no caso de bens mobles non inscritibles.

5.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os elementos de transporte externos, a excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc.

• Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

• As retribucións por finiquitos dos contratos e as liquidacións por despido do persoal.

Artigo 6. Criterios e valoración dos proxectos

As prioridades xeográficas, sectoriais e transversais serán as establecidas no III Plan director da cooperación galega.

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

6.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 15 puntos.

1. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 4 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos capacitados para desenvolver o seu traballo con perspectiva de xénero e baixo o resto das prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega e recursos técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 4 puntos.

3. Estratexia de cooperación da entidade e no caso de empresas e agrupacións empresariais o Plan de responsabilidade social corporativa (carpeta 1) que inclúan a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade, así como o resto de prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega para os vindeiros anos (dous como mínimo). Máximo: 2 puntos.

4. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación (valorándose o traballo e a presenza en Galicia, a participación en redes, o acomodo ás liñas estratéxicas da cooperación). Máximo: 2 puntos.

5. Presentación da proposta en agrupación de entidades. 2 puntos.

6. Achega financeira da entidade ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada. Máximo: 1 punto.

6.2. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación para o desenvolvemento na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación deste, descrita suficientemente nas carpetas 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Participación en redes, foros, espazos locais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 2 puntos.

5. Achega financeira do socio local ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % para ser puntuada. Máximo: 1 punto.

6.3. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto, con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural das persoas beneficiarias, atendendo especificamente á situación de homes e mulleres, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5. Recursos humanos e técnicos suficientes e adecuados para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas destinatarias, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto e mecanismos previstos para a súa apropiación. Máximo: 5 puntos.

7. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto a nivel social, económico e ambiental. Máximo: 5 puntos.

8. Impacto e transversabilidade de xénero. Máximo: 2 puntos.

9. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

10. Adecuación e contribución aos principios da Declaración de París: ata 5 puntos.

– Apropiación por parte da poboación e institucións locais: 1 punto.

– Aliñación coas políticas e prioridades do país: 1 punto.

– Harmonización do proxecto con outros na zona: 1 punto.

– Xestión do proxecto orientado a resultados: 1 punto.

– Medidas adoptadas para garantir a mutua responsabilidade e a rendición de contas: 1 punto.

11. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 3 puntos.

12. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

13. Inserción do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público, con especial atención aos Marcos de Asociación País (MAP) e aos plans e políticas do país socio, e/ou existencia de sinerxías con outros axentes no terreo e garantía de transferencia a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local dos inmobles financiados con cargo ao proxecto. Máximo: 3 puntos.

14. Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual das actuacións. Máximo: 3 puntos.

6.4. Coincidencia do proxecto coa estratexia da Cooperación Galega. Máximo: 20 puntos.

1. País prioritario para a Cooperación Galega. Máximo: 5 puntos.

2. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado (PMA). Máximo: 5 puntos.

Priorizaranse, dentro de cada país, aquelas zonas ou rexións nas que a Xunta de Galicia financia ou ten financiado máis intervencións, nun intento de lograr un maior grao de concentración da nosa axuda.

3. Sector prioritario da Cooperación Galega. Máximo: 10 puntos.

– Cobertura de necesidades sociais básicas, concretamente proxectos de educación básica, abastecemento de auga e saneamento, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica, saúde xeral e básica e programas/políticas sobre saúde sexual e reprodutiva. Máximo: 5 puntos.

– Infraestrutura e promoción do tecido económico, concretamente proxectos de agricultura e agroindustrias, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura. Máximo: 5 puntos.

CAPÍTULO II
Axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e polos Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento (PR 804B)

Artigo 7. Obxecto

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións, a través dun procedemento de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 8. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán:

– As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

– Os outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos na sección D do rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 9. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos

9.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas con, polo menos, un ano de antelación ao de publicación da convocatoria no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, na sección A: Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e na sección D: Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

b) Ter xustificadas, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2012 e anteriores das convocatorias para microproxectos, para actividades de educación para o desenvolvemento e para consolidación e fortalecemento de ONGD.

c) Que non recibiran ningunha subvención nas convocatorias para programas de 2008 e 2009 e para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que desenvolverán os axentes de cooperación ao desenvolvemento dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012 (exceptuadas as axudas recibidas con cargo á convocatoria de microproxectos de anos anteriores).

d) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Cada entidade solicitante só poderá presentar un microproxecto.

f) As entidades que presenten solicitudes a esta convocatoria de microproxectos no exterior non poderán presentarse á convocatoria de proxectos no exterior.

9.2. Requisitos dos microproxectos:

a) Que non se iniciase a execución do microproxecto antes do 1 de xaneiro de 2015 e que estea finalizada antes do 30 de decembro de 2015.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do microproxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regrada ou a investigación oficial, agás razóns excepcionais.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias; é dicir, que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto, non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe, fomente a igualdade entre homes e mulleres e sexa respectuoso coa protección do medio.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e os intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país no que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das brechas de xénero e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 12 «gastos do microproxecto» desta convocatoria.

h) A achega do resto dos financiadores do proxecto (excluída á Xunta de Galicia) non pode ser ao 100 % valorizados.

Artigo 10. Solicitude

10.1. A solicitude de subvención presentarase no modelo que figura como anexo II destas bases reguladoras (no caso de presentarse por correo, o envío debera ser certificado e con o selo na 1ª folla deste anexo). De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org.

10.2. A devandita solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial do documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 e os documentos de formulación do proxecto (carpeta 3) serán presentados en orixinal ou en soporte electrónico.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Certificación da Secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no citado rexistro.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre este e achegarase, debidamente compulsado, o devandito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

b) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade na que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, a ser posible en formato dixital.

d) Memoria da organización na que se inclúan as accións en materia de cooperación para o desenvolvemento realizadas pola entidade nos últimos dous anos, a ser posible en formato dixital.

e) Plan/ estratexia de cooperación da entidade para os seguintes anos, na que se enmarca o proxecto presentado, a ser posible en formato dixital.

f) No suposto de que a entidade presentase esta documentación ou parte dela a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración na que se especifique a documentación xa presentada, así como o número de expediente no que se atopa incorporada, achegando a documentación que falte ou estea sen actualizar.

Carpeta 2: información relativa á contraparte ou socio local.

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento no que se recolla o nomeamento da persoa que desempeñe a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración da persoa que desempeñe a representación legal da entidade na cal se especifique a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao servizo desta.

c) Copia dos estatutos, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe, a ser posible en formato dixital.

d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente desta, a ser posible en formato dixital.

f) Memoria de actividades e traballos da entidade onde se inclúan outros proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos que participase, así como a experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto, a ser posible en formato dixital.

g) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración ou entidade pública deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Fotocopia compulsada do documento ou cédula de identidade da persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

– Copia do documento no que se recolla o nomeamento da persoa representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.

h) No suposto de que a entidade presentase esta documentación ou parte dela a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente no que se atopa incorporada, achegando a documentación que falte ou estea sen actualizar.

Carpeta 3: información relativa ao microproxecto de desenvolvemento.

A información sobre o microproxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación técnica e o do orzamento do proxecto) que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega: www.cooperaciongalega.org.

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá dirixirse directamente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico
cooperacion.exterior@xunta.es.

A falta de documentación relativa ás carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do proxecto, se non se procedese á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 17 desta orde. Quedan excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas letras d) e e) da carpeta 1 así como os documentos de formulación do microproxecto (carpeta 3).

A presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo II), así como a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego de documentos que non sexan os adaptados á presente convocatoria, conducirá á exclusión e non avaliación do microproxecto.

Artigo 11. Condicións de cofinanciamento

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do microproxecto, ben que a subvención concedida non superará en ningún caso os 25.000 euros.

Os xuros que, de ser o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos. As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizados.

Artigo 12. Gastos do microproxecto

12.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos dos proxectos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para os efectos da concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Alugueiro, construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas.

No caso de alugueiro, inclúense os gastos de alugueiro de terreos e inmobles necesarios para a execución da intervención. Non se imputarán os gastos de alugueiro da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local. O alugueiro dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou da contraparte ou socio local imputaranse na partida de funcionamento.

A construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas inclúe a elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e transporte destes, obras de acceso e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de que a man de obra ligada a estas tarefas sexa achegada pola contraparte ou socio local ou pola poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte ou socio local.

b) Equipamentos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos (hardware e software), dotación de bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e posta en funcionamento dos equipamentos, taxas aduaneiras ou portuarias etc. Así mesmo, no caso de proxectos produtivos inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes etc., o seu transporte e almacenamento.

Consideraranse materiais consumibles aos gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria, utensilios, etc. Tamén se inclúen os alugueres de maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

c) Persoal. Para os efectos desta convocatoria entenderase:

1. Persoal expatriado: aquel persoal da entidade española sometido a lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e con funcións e tarefas directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío dese persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

2. Persoal local: aquel persoal da contraparte ou socio local ou contratado ao servizo do proxecto sometido a lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no que presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede: aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse ao país de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

4. Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. No caso de imputar como gasto as pagas extras, estas deberán computarse en proporción aos meses que o persoal está imputado ao proxecto.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70 % do orzamento total do proxecto.

d) Servizos técnicos e profesionais, requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención.

Tamén se inclúen os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciban contraprestación económica e que participen directamente nos proxectos subvencionados, e calquera outros gastos nos que puidesen incorrer e que estean directamente relacionados coa intervención.

As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria, inclúense neste punto. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse no punto que corresponda segundo o obxecto da bolsa.

e) Funcionamento no terreo, gastos correntes de funcionamento acontecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o alugueiro de oficina, electricidade, auga, comunicacións, limpeza, papelaría e outros gastos de oficina, mantemento e seguridade (incluídos gastos de persoal vinculados a estas actividades), ata un máximo do 4 % do orzamento do proxecto.

f) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local, expatriado e en sede), voluntarios e das persoas beneficiarias necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros, alugueiro e mantemento de vehículos), así como o aloxamento, manutención dos participantes en formación e capacitacións, e de ser necesarios, os incentivos (monetarios ou en especie) aos beneficiarios dos proxectos que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarios para a boa execución do proxecto.

g) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos bancarios derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; as derivadas da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois, e os gastos de tradución de documentos cando se require na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, para o sostemento da execución do proxecto así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata 10 % do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable da persoa que desempeñe a representación legal.

4. Por parte da entidade solicitante aceptaranse as achegas en especie de persoal voluntario. Deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto, que non deberá exceder 20 € por hora. Todo traballo voluntario realizarase baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.

5. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

Para os efectos do que prevé o parágrafo anterior, considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipamentos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das entidades beneficiarias, como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzamentadas e que, en caso de terreos, locais ou equipamentos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao proxecto obxecto de axuda. Tamén poden valorarse os bens, o persoal voluntario da contraparte ou socio local e os locais postos temporalmente á disposición da execución directa do proxecto, por un importe equivalente ao alugueiro destes durante o tempo no que sexan utilizados dentro do prazo de execución.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.

As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

7. No suposto de construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables estes deberán de quedar formalmente vinculados aos fins das actuacións realizadas durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público, e cinco anos o resto de bens. Unha vez rematen as actuacións, os bens deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario, ou a unha contraparte local, que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá quedar documentada a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea autorizará previamente tal cesión.

O incumprimento da devandita obriga de destino, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da devandita Lei 9/2007, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial, en caso de bens mobles non inscritibles.

12.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os elementos de transporte externos.

• Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Os xuros, recargos e sancións administrativas e penais.

• Os gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Os gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

• Os billetes de avión en primeira ou en clase preferente.

• As retribucións por finiquitos dos contratos e as liquidacións por despido do persoal.

Artigo 13. Criterios e valoración dos microproxectos

As prioridades xeográficas, sectoriais e transversais serán as establecidas no III Plan director da cooperación galega.

Os microproxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

13.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 12 puntos.

1. Experiencia en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 3 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos con perspectiva de xénero e baixo o resto de prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega e recursos técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 4 puntos.

3. Experiencia de traballo da entidade solicitante coa contraparte ou socio local. Máximo 3 puntos.

4. Estratexia de cooperación da entidade que inclúa a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade, así como o resto de prioridades transversais do Plan director da cooperación galega para os vindeiros anos. Máximo: 2 puntos.

13.2. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación deste, descrita suficientemente na carpeta 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte ou socio local. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 6 puntos.

3. Participación en redes, foros, espazos locais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 2 puntos.

13.3. Aspectos relacionados co contido do microproxecto: ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural das persoas beneficiarias, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos, resultados e accións coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5. Recursos humanos e técnicos suficientes e adecuados para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas destinatarias, criterios de determinación e grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 5 puntos.

7. Viabilidade técnica e sustentabilidade do proxecto a nivel social, económico e ambiental. Máximo: 5 puntos.

8. Impacto e transversabilidade de xénero. Máximo: 2 puntos.

9. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

10. Proxectos que fortalezan e/ou complementen outras intervencións rematadas ou en marcha. Máximo: 5 puntos.

11. Seguimento previsto (interno e externo). Máximo: 3 puntos.

12. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

13. Inserción do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público, con especial atención aos Marcos de Asociación País (MAP) e aos plans e políticas do país socio, e/ou existencia de sinerxías con outros axentes no terreo e garantía de transferencia a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local dos inmobles financiados con cargo ao proxecto. Máximo: 2 puntos.

14. Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual das actuacións. Máximo: 3 puntos.

13.4. Coincidencia do microproxecto coa estratexia da Cooperación Galega. Máximo: 23 puntos.

1. País prioritario para a Cooperación Galega. Máximo: 5 puntos.

2. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado (PMA). Máximo: 5 puntos.

Priorizaranse, dentro de cada país, aquelas zonas ou rexións nas que a Xunta de Galicia financia ou ten financiado máis intervencións, nun intento de lograr un maior grao de concentración da nosa axuda.

3. Sector prioritario da Cooperación Galega. Máximo: 13 puntos.

– Cobertura de necesidades sociais básicas, concretamente proxectos de educación básica, abastecemento de auga e saneamento, xestión integral e gobernanza de recursos hídricos, habitabilidade básica, saúde xeral e básica e programas/políticas sobre saúde sexual e reprodutiva. Máximo: 7 puntos.

– Infraestrutura e promoción do tecido económico, concretamente proxectos de agricultura e agroindustrias, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura. Máximo: 6 puntos.

CAPÍTULO III
Disposicións comúns

Artigo 14. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras. Estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

15.1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

15.2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

15.3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

15.4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, 15704 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: cooperacion.exterior@xunta.es.

Artigo 17. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 18. Valoración das solicitudes

18.1. Para a súa valoración constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión compoñerase polas seguintes persoas:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá recadar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os devanditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculados a ningún dos axentes de cooperación.

18.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos de cooperación no exterior será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % nas epígrafes I, II e III.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles que sexan posibles.

No tocante aos proxectos de cooperación no exterior, estableceranse dúas listaxes independentes, unha para as ONGD e outra para os outros axentes.

18.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os devanditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e as leis anuais de orzamentos.

Artigo 19. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 20. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 21. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 22. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da Cooperación Galega, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 23. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días declaración por escrito da aceptación da axuda, na que conste o seu compromiso de achegar directamente, ou cubrir con outras achegas, a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o devandito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 24. Anticipos

24.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

24.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada pola representante legal da entidade.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles, que resulten da execución do proxecto subvencionado, as persoas beneficiarias ou socio local, se é o caso.

d) Datos bancarios das contas da entidade beneficiaria e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

24.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira anualidade de acordo coas previsións do artigo 25.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada polo representante legal da entidade.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto, asinado pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

24.4. No entanto, as entidades beneficiarias deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, de acordo co establecido no artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se atopan ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa facenda autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido nas letras b) e i) do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme co establecido no artigo 20.3 desta mesma lei, as entidades beneficiarias autorizan ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 25. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

25.1. Con base no que establece o artigo 29.3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexirase polo previsto nos puntos seguintes.

25.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e con data límite do 31 de marzo de 2016.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente. Conforme co establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no apartado cuarto deste artigo e a segunda anualidade no prazo máximo de tres meses, dende a finalización do prazo para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no apartado quinto deste artigo, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

25.3. Para a presentación dos informes de seguimento e final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org.

25.4. A xustificación da primeira anualidade realizarase mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade solicitante acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, e co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

25.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e a xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

25.5.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnica- económica do proxecto en Galicia.

– Avaliación externa obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que recibiran unha subvención superior a 90.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación que acompaña á solicitude de subvención.

25.5.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas universidades galegas e as axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas), que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa simplificada para os microproxectos.

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros. Exceptúanse desta modalidade de xustificación os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros.

1. A conta xustificativa simplificada incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na que se indique as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, o órgano competente requirirá aos beneficiarios a achega dos orixinais dos xustificantes que estime oportunos, que suporán ao menos o 25 % da cantidade subvencionada.

2. A conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

3. A conta xustificativa con entrega de informe de auditor/a, para subvencións por importe superior a 50.000 euros e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 euros, incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor destas, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do/a auditor/a de contas, que deberá estar inscrito/a como exercinte no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) no caso de ser realizada por persoal sometido á lexislación española.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun/ha auditor/a de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores/as exercintes no país onde se levará a cabo, sempre que no devandito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no devandito país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un/unha auditor/a establecido/a neste, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente, ou sexa ratificada por este por proposta do beneficiario, consonte uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

A revisión da conta xustificativa polo auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os/as auditores/as poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso o alcance da revisión do/a auditor/a estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría coma forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Finalizada a revisión da conta xustificativa o/a auditor/a deberá emitir un informe no que detallarán os procedementos de revisión levados a cabo e o alcance destes, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe deberá incluír a listaxe dos xustificantes de gastos da totalidade do proxecto, selada e asinada polo/a auditor/a.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o/a auditor/a para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, debendo proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

25.5.3. No caso dos proxectos presentados polas universidades e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica consistirá nunha certificación de gastos da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. A persoa que figure na solicitude de subvención como responsable técnica do proxecto será a encargada de facilitar a remisión de tal documentación á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

25.5.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación económica os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

25.5.5. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria ten que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que no sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén este punto non alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

25.5.6. No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador/a independente debidamente acreditado/a e inscrito/a no correspondente rexistro oficial.

25.5.7. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

25.5.8. No caso de proxectos con subvencións de capital superiores a 60.000 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, e conforme o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material substituirase por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

25.6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, o título abreviado do proxecto de cooperación para o desenvolvemento, así como a referencia ao financiamento da Xunta «Gasto imputado ao proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia». Naqueles documentos xustificativos de gasto imputables a máis dun financiador, deberá constar a dilixencia antes mencionada, indicando ademais o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada un. No suposto de documentos de gasto nos cales resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, acompañaranse cunha relación destes en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén poderán utilizarse, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa nos que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo, concepto do gasto e nome do proxecto subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, podendo tamén ser validada con posterioridade polo mesmo sempre que este estime que a autorización se producise de terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país no que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, acompañando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Os criterios establecidos para os xustificantes de gastos e de pagamentos deberán respetar as normas e especificidades dos países nos que se desenvolva o proxecto.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, indicando data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

25.7. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida mentres non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida, achegarase, se é o caso, declaración responsable de non recuperar os devanditos impostos.

Se a recuperación destes se producise durante o prazo de execución do proxecto ou actividade, os importes recuperados serán aplicados a sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten obxectivos, resultados, localización territorial, contraparte ou socio local ou poboación beneficiaria.

No caso de que a recuperación se produza nos catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, o beneficiario poderá propor a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá resolución de autorización da aplicación dos fondos, indicando o prazo de execución e xustificación destes, salvo que o devandito órgano entenda que as actividades ás que se pretende aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso emitirá resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución fose denegatoria procederase á devolución do anticipo para o pagamento dos impostos.

A obrigación de devolver á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos dende a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non recuperarse aínda os impostos, deberá emitirse declaración responsable acreditando a devandita circunstancia.

Artigo 26. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación de terse efectuado.

2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega: www.cooperaciongalega.org.

5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

A avaliación final do proxecto analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade do proxecto financiado, adaptándose á especificidade deste nos termos de referencia (TdR).

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e a Unión Europea, recollendo como mínimo:

– Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

– Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

– Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

– Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos/as avaliadores/as e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o estatuto do cooperante.

Artigo 27. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 28. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas en caso de incumprimento pleno, ou á parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais a que proceda.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 29. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 30. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto.

Artigo 31. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file