Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2015 Páx. 736

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan as probas de conxunto establecidas na Orde do 27 de xuño de 2014, corrixida no Diario Oficial de Galicia do 20 de outubro, e se nomean os membros do tribunal que actuará nos procedementos de recoñecemento das formacións de adestradores/as deportivos/as nas modalidades de fútbol e fútbol sala.

O capítulo IV da Orde do 27 de xuño de 2014, pola que se regula para a Comunidade Autónoma o procedemento de recoñecemento das formacións de adestradores/as nas modalidades de fútbol e fútbol sala realizadas entre o 15 de xullo de 1999 e o 9 de novembro de 2007 (Diario Oficial de Galicia do 9 de xullo), e corrixida no Diario Oficial de Galicia do 20 de outubro, regula as probas de conxunto (obxecto, matrícula, convocatorias e lugar de realización).

No artigo 9.3 da devandita orde, establécese como lugar de realización das ditas probas o IES Universidade Laboral (A Coruña) e IES Sánchez Cantón (Pontevedra). Non obstante, finalizado o prazo de inscrición nestas probas, constátase que o número de aspirantes non xustifica a duplicidade de tribunais establecidos inicialmente, polo que resulta aconsellable concentrar o desenvolvemento das probas nun único tribunal.

De conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da cita orde,

RESOLVO:

Primeiro.

Designar os membros do tribunal que actuará nos procedementos de recoñecemento das formacións de adestradores/as deportivos/as nas modalidades de fútbol e fútbol sala establecidos pola Orde do 27 de xullo de 2014, que estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: Fernando Fernández Fraga, inspector de Educación.

Secretario: Juan Emilio Ribeiro Rodríguez, profesor do IES Salvador de Madariaga.

Vogal 1º: Xulio Díaz Sánchez, representante da Federación Galega de Fútbol.

Vogal 2º: José Ángel Casal Fernández, coordinador da Escola Galega do Deporte.

Vogal 3º: Telmo Silva Alonso, profesor do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Os membros deste tribunal terán dereito á percepción de asistencias de acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

Segundo.

Fixar a data, o horario, e o lugar de realización das probas e condicións de presentación dos candidatos e candidatas da primeira convocatoria establecida no artigo 9.2 da citada Orde do 27 de xuño de 2014.

1. As probas realizaranse de acordo co seguinte horario:

– Ás 8.45 horas, presentación dos candidatos e candidatas ás probas de conxunto de técnico deportivo.

– Das 9.00 ás 13.00 horas, proba de conxunto do nivel II.

– Ás 8.45 horas, presentación dos candidatos e candidatas ás probas de conxunto de técnico deportivo superior.

– Das 9.00 ás 13.00 horas, proba de conxunto do nivel III.

2. Centro e data en que se realizarán as probas.

– Día 4 de febreiro de 2015-IES de Fontiñas, rúa Estocolmo, nº 5, Santiago de Compostela.

Terceiro. Presentación dos candidatos e candidatas

Para a realización das probas os candidatos e candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

Cuarto. Estrutura da proba

As probas de conxunto dos graos medio e superior, correspondentes a fútbol e fútbol sala, versarán sobre as ensinanzas mínimas, que para os títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en Fútbol e Fútbol Sala, se recollen no Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, e constarán dunha parte común e doutra específica.

En ambos os casos conterán un total de 10 cuestións, cinco da parte común, relativas aos módulos do bloque común, e cinco da parte específica, que se corresponderán cos contidos dos módulos do bloque específico. Os/as aspirantes deberán desenvolver as 10 cuestións na súa totalidade.

Cada cuestión fará referencia aos contidos correspondentes ás ensinanzas mínimas establecidas no anexo III para fútbol (puntos 3 e 5 para técnico deportivo e punto 8 para técnico deportivo superior) e no anexo IV para fútbol sala (puntos 3 e 5 para técnico deportivo e punto 8 para técnico deportivo superior) do Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, e será cualificada en relación cos correspondentes criterios de avaliación.

As probas terán unha duración total de 4 horas para nivel II e 4 horas para nivel III.

Quinto. Cualificacións e reclamacións

1. O/a candidato/a que non se presente a algunha das convocatorias da proba figurará nos documentos coa expresión NP.

2. A nota final da proba será a media aritmética das cuestións de que conste. Considerarase superada a proba se obtén unha nota final igual ou superior a 5, caso en que se obterá a cualificación de «apto/a»; no caso contrario, obterase a cualificación de «non apto/a».

3. Unha vez cualificadas as probas, os tribunais comunicarán aos/ás participantes a cualificación obtida por estes/as en cada unha das cuestións, a nota final e a cualificación de «apto/a» ou «non apto/a», mediante exposición nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizan as probas, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es).

4. Os/as candidatos/as poderán reclamar por escrito contra as cualificacións obtidas, mediante instancia dirixida ao/á presidente/a do tribunal, no prazo de dous días hábiles a partir do seguinte a aquel en que se comunicasen as cualificacións. As reclamacións deberán presentarse na secretaría do centro en que se realicen as probas (ou a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es). Se a reclamación se basea na existencia dun erro material padecido na cualificación ou na notificación desta, o/a presidente/a, unha vez comprobado o erro, ordenará a súa inmediata emenda. Se a reclamación se basea na valoración dalgún exercicio, o/a presidente/a ordenará ao tribunal a súa revisión e resolverá segundo corresponda ao ditame colexiado do tribunal.

5. A resolución da reclamación, que será motivada, producirase no prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte a aquel en que finalizase o prazo para interpoñelas e será notificada polo/a presidente/a do tribunal ao/á interesado/a por algunha das formas previstas no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. En caso de desconformidade coa decisión adoptada, o/a interesado/a poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o seguinte ao da súa notificación ante a persoa titular da dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa