Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 9 de xaneiro de 2015 Páx. 1016

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2014 pola que se aproba a proposta de revisión do canon unitario que percibirá a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos no ano 2015.

Antecedentes.

Primeiro. No 7 de novembro de 2014, o Consello de Administración da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) aprobou unha proposta de revisión do canon unitario que se percibiría, no ano 2015, polo servizo de tratamento de residuos de competencia municipal que presta aos concellos galegos voluntariamente adheridos ao sistema promovido pola Xunta de Galicia e xestionado a través da dita sociedade mixta, que prevía unha redución do 10 % con respecto ao importe vixente, que suporía a fixación do importe do novo canon na cantidade de 67,18 euros por tonelada de residuos xestionada, que se incrementaría co correspondente imposto sobre o valor engadido.

A dita proposta foi precedida dunha revisión efectuada por conta de Sogama con respecto ao seu plan de viabilidade para o período 2013-2022, na cal se ten en consideración o incremento previsto nos ingresos da sociedade resultantes do aumento da recuperación de materiais reciclables, a raíz da posta en marcha das medidas de eficiencia contidas no plan de acción acometido pola Sociedade desde o exercicio 2013; así como os ingresos previstos por venda da enerxía eléctrica obtida da valorización enerxética de residuos, á vista da configuración finalmente adoptada do réxime retributivo aplicable ás instalacións de Sogama no marco do proceso de reforma do mercado eléctrico que acaba de ser desenvolvido polo Goberno de España.

Segundo. Con base na citada proposta, deuse cumprimento aos trámites exixidos pola disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, concretamente a consulta dirixida á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a emisión de informe favorable por parte da Consellería de Facenda con data do 19 de decembro de 2014.

Terceiro. No 30 de decembro de 2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente desta consellería, emitiu proposta de resolución para a aprobación da proposta formulada por Sogama.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, configura este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, adscribindo á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que ten atribuídas, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, así como diversas atribucións específicas en materia de residuos.

Segundo. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, configura o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos –xestionado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia–, como un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, procurando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

En garantía da sustentabilidade financeira deste sistema, a devandita disposición adicional fixou como importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos xestionada, para o ano 2014, a cantidade de 74,64 €, máis o imposto sobre o valor engadido, prevendo a súa actualización en anos sucesivos conforme a variación do índice de prezos de consumo.

Non obstante, o punto terceiro desta disposición adicional recoñece á consellería competente en materia de residuos a facultade de revisar a contía deste canon unitario cando resulte necesario en función de circunstancias extraordinarias de alteración da viabilidade económica do sistema, logo de informe favorable da Consellería de Facenda, de tal forma que non exceda os custos totais que xere o tratamento dos residuos domésticos no marco do sistema.

O exercicio desta facultade require a aprobación previa dunha proposta de canon unitario polo órgano de administración de Sogama, despois da realización dos estudos pertinentes que xustifiquen os custos asociados ás operacións de tratamento e o desenvolvemento dunha fase de consultas coa entidade asociativa máis representativa das entidades locais co fin de que poida efectuar as alegacións oportunas na defensa dos intereses locais.

A aprobación da revisión da contía do canon unitario queda sometida á posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segundo se deixa indicado nos antecedentes desta resolución, consta a acreditación documental dos estudos efectuados por instancia de Sogama con carácter previo á formulación da súa proposta de revisión do canon unitario, así como a aprobación desta proposta polo Consello de Administración da Sociedade.

Así mesmo, consta a realización dunha consulta coa Federación Galega de Municipios e Provincias e o informe favorable emitido pola Consellería de Facenda.

Polo exposto, ao abeiro da habilitación contida na disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta do 7 de novembro de 2014 de revisión do canon unitario a percibir, formulada pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. e fixar o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos de competencia municipal no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola antedita sociedade, na cantidade de 67,18 euros, máis o imposto sobre o valor engadido, para o ano 2015, que queda sometido aos mecanismos de actualización anual e eventual revisión xa previstos nos puntos segundo e terceiro da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Segundo. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, de acordo co disposto no punto terceiro da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, e para os efectos previsto nela.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas