Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Mércores, 14 de xaneiro de 2015 Páx. 1829

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais, e se convocan para o ano 2015.

A detección das enfermidades animais incluídas nos programas oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación pode derivar no sacrificio obrigatorio e destrución dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, de acordo coa normativa en vigor.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais, establece, no seu artigo 2, as enfermidades que estarán sometidas a control oficial en programas nacionais de erradicación, no seu artigo 15 indícase que todos os animais que resulten positivos ás enfermidades en cuestión deberán ser sacrificados e, no artigo 17, sinálase que os gandeiros que como resultado das actuacións levadas a cabo tiveran que sacrificar os seus animais terán dereito a percibir unha indemnización de acordo co baremo establecido para o efecto e que se atope en vigor no momento do sacrificio.

O Real decreto 1228/2001, do 8 de novembro, polo que se establecen medidas específicas de loita e erradicación da febre catarral ovina ou lingua azul, sinala que cando se confirme oficialmente a presenza desta enfermidade ordenarase o sacrificio inmediato dos animais que se considere necesario para evitar a extensión da epidemia.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e se regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, sinala os animais que deben ser sacrificados nos casos de sospeita ou confirmación destas enfermidades e, no seu artigo 9, establece que o dito sacrificio dará dereito a unha indemnización de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

O Real decreto 650/1994, do 15 de abril, polo que se establecen medidas xerais de loita contra determinadas enfermidades dos animais e medidas específicas contra a enfermidade vesicular porcina, sinala as medidas que se tomarán ante a aparición de varias enfermidades de declaración obrigatoria que afectan diversas especies, nas cales se prevé, no caso de confirmarse a enfermidade, o sacrificio obrigatorio da totalidade dos animais sensibles das explotacións afectadas.

O Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica, e o Real decreto 546/2003, do 9 de maio, polo que se establecen disposicións específicas de loita fronte á peste porcina africana, indican as medidas que se tomarán ante a aparición destas enfermidades porcinas. No caso de confirmación da enfermidade, estas normativas establecen o sacrificio obrigatorio dos animais das explotacións afectadas, e sinálase expresamente nos dous casos que este sacrificio dará lugar á correspondente indemnización, de acordo cos baremos previstos na normativa vixente.

A Unión Europea elaborou unha normativa específica en materia de control de salmonela, constituida polo Regulamento (CE) nº 2160/2003 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de novembro, sobre o control da salmonela e outros axentes zoonóticos específicos transmitidos polos alimentos. O artigo 5 do dito regulamento dispón que os Estados membros establecerán programas nacionais de control para cada unha das zoonoses e dos axentes zoonósicos enumerados no anexo I para alcanzar os obxectivos comunitarios de redución da prevalencia das zoonoses e dos axentes zoonósicos indicados no seu artigo 4. Dentro deste marco, o Estado español elabora anualmente o Programa nacional para o control de salmonela en mandas de aves reprodutoras da especie Gallus gallus o Programa nacional para o control de salmonela en mandas de galiñas poñedoras da especie Gallus gallus e o Programa nacional para o control de salmonela en pavos, que son aprobados mediante decisións comunitarias. Entre as medidas previstas nestes programas figura o sacrificio obrigatorio das aves das mandas consideradas infectadas.

O Real decreto 445/2007, do 3 de abril, polo que se establecen as medidas de loita contra a influenza aviaria, incorpora ao dereito español a Directiva 2005/94/CE, do Consello, relativa a medidas comunitarias de loita contra a influenza aviaria; este real decreto establece que o sacrificio obrigatorio das aves dará dereito ao seu titular á correspondente indemnización.

O Real decreto 1988/1993, do 12 de novembro, polo que se establecen medidas para a loita contra a enfermidade de Newcastle, establece que cando se confirme oficialmente a enfermidade nas aves de curral, a autoridade competente ordenará o seu sacrificio in situ e a súa destrución.

O artigo 21 da Lei 8/2003, de sanidade animal, no que se refire á loita, control e erradicación das enfermidades dos animais, establece que o sacrificio obrigatorio destes ou, se é o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados dará lugar á correspondente indemnización, en función dos baremos aprobados oficialmente. Igualmente, establece que serán indemnizables os animais que morran por causa directa tras seren sometidos a tratamentos ou manipulacións preventivos ou con fins de diagnóstico, ou, en xeral, os que morresen no contexto das medidas de prevención ou loita contra unha enfermidade como consecuencia da execución de actuacións impostas pola autoridade competente.

Os baremos oficiais de indemnizacións que deben ser aplicados son os que están vixentes e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante ordes e reais decretos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Así temos o Real decreto 389/2011, do 18 de marzo, polo que se establecen os baremos de indemnización de animais no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles; o Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores; o Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica, a Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos, para animais destas razas, a Orde do 30 de decembro de 1987, pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, correspondentes a animais pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, e a Orde do 12 de maio de 1994 pola que se actualizan os baremos de indemnización de sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica correspondentes aos porcinos pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, nestoutro tipo de razas.

Pero para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere imprescindible decretar o sacrificio obrigatorio de animais afectados por enfermidades sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, para as cales non exista baremo, ou por enfermidades non sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación e que tampouco teñan baremo establecido, procede fixar a contía dos baremos de indemnización.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2015 (procedemento MR553C).

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.

f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morreran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Requisitos

1. Para poder ter dereito ás indemnizacións reguladas nesta orde é imprescindible:

a) Que as persoas titulares e as explotacións gandeiras afectadas cumpran de forma estrita a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal, e a dos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

b) Que as explotacións gandeiras estean correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia: en concreto, figurarán inscritas e con todos os seus datos actualizados, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), establecido polo Real decreto 479/2004, e no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), regulado no Decreto 200/2012 da Consellería do Medio Rural e do Mar.

c) Que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio de todos os animais incluídos nas resolucións de sacrificio ou/e de baleiro sanitario que foran emitidas pola autoridade competente.

2. Os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar, como órganos competentes para a tramitación do procedemento de concesión da indemnización, comprobarán o cumprimento dos requisitos descritos no número 1 anterior.

Artigo 4. Contía das indemnizacións

1. As contías das indemnizacións serán as que correspondan en cada momento segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

2. No caso de indemnización por sacrificio decretado pola aparición dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle, a contía da indemnización será a fixada nos baremos establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus e de mandas de pavos reprodutores, e mais no anexo II desta orde.

3. Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as que non haxa un baremo xa aprobado, a contía das indemnizacións será a sinalada no punto 1 anterior.

4. En caso de que se decrete o sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas da bovina, ovina e cabruna, afectados por enfermidades non sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as que non haxa un baremo xa aprobado, a contía dos baremos de indemnización será a fixada no punto 2 anterior e no anexo II desta orde.

5. No caso dos produtos destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal nos mercados de referencia, farase unha taxación a prezo de mercado.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude (anexo I-procedemento MR553C) inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de indemnización pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das indemnizacións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas indemnizacións e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 7. Inicio do procedemento: presentación da solicitude

1. O procedemento de concesión iniciarase por instancia de parte coa presentación da solicitude de indemnización por parte da persoa interesada, e empregando o formulario que figura como anexo I desta orde (procedemento MR553C).

2. Cando as indemnizacións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, no seu defecto, co que figure en primeiro termo. Neste suposto, a presentación da solicitude deste procedemento inclúe un modelo de pluralidade de persoas solicitantes. Para facilitar este trámite, a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas este e outros modelos normalizados.

3. A solicitude inclúe unha declaración responsable de titularidade de conta bancaria. Nela, a persoa solicitante anotará os datos bancarios correspondentes ao titular da explotación, para os efectos de pagamento das indemnizacións e, así mesmo, declarará a súa veracidade.

Artigo 8. Presentación de documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá achegar, segundo o caso de que se trate, a seguinte documentación:

a) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante e copia do DNI do seu representante, ou copia do DNI da persoa física solicitante. A copia do DNI deberase presentar só no caso de non autorizar á Consellería do Medio Rural e do Mar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

b) Se o/a solicitante é unha persoa xurídica: fotocopias cotexadas do documento de constitución da entidade e dos seus estatutos.

c) No caso de representación (da persoa solicitante): documento acreditativo da representación, por calquera medio válido en dereito. O representante deberá ser unha persoa física.

d) Xustificantes (certificado/informe) do sacrificio dos animais no matadoiro. No caso de animais trasladados ao matadoiro con conduces, en que o sacrificio é certificado polo veterinario oficial, non será necesario que a persoa interesada achegue o certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro.

e) Se procede, xustificantes da morte ou eutanasia dos animais positivos/sospeitosos ou de baleiro sanitario: certificado veterinario oficial, informe do veterinario da explotación ou fotocopia cotexada da acta de inspección emitida polos servizos veterinarios oficiais que comprobaron os feitos.

f) De ser o caso, documentos comerciais de acompañamento de subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

2. No suposto de que algún dos documentos citados nas letras a), b), c) ou d) do punto 1 anterior, xa estivese en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 5.1 desta orde.

3. No caso de que morran animais da explotación afectada antes do seu traslado con destino ao matadoiro, sen que a persoa titular/responsable destes achegara aos servizos veterinarios oficiais a documentación xustificativa sinalada nas letras e) ou f) do parágrafo 1 anterior, os mencionados animais non serán indemnizables aínda que estean incluídos na correspondente resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario.

Artigo 9. Presentación de novas solicitudes e de documentos complementarios

Cada vez que a persoa beneficiaria demande as indemnizacións, e unha vez que lle sexa entregada a resolución de sacrificio ou de baleiro sanitario emitida pola autoridade competente e sexa efectivo o sacrificio dos animais incluídos nela, deberá presentar unha nova solicitude de indemnización, utilizando o mesmo anexo I desta orde (procedemento MR553C). Xunto coa solicitude achegará, de ser o caso, a documentación necesaria sinalada nela.

Artigo 10. Desistencia da solicitude de indemnización

A persoa beneficiaria que non presente a solicitude (anexo I) correctamente cuberta ou non entregue a documentación que corresponda, ou ben non emende a falta, os datos ou os documentos erróneos, no prazo de dez días desde o momento en que llo notificase o Servizo de Gandaría, considerarase que desiste da súa solicitude, segundo o establecido no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e despois de ditada resolución para o efecto nos termos previstos no artigo 42 da citada Lei 30/1992.

Artigo 11. Documentos que achegará a Administración

Por mor da racionalización administrativa do procedemento de concesión das indemnizacións, e co fin de reducir as cargas administrativas ás persoas beneficiarias, os servizos de gandaría provinciais da Consellería do Medio Rural e do Mar xestionarán a obtención da seguinte documentación e xuntarana aos correspondentes expedientes:

1. Documentos oficiais de traslado dos animais ao matadoiro: conduces, guías sanitarias etc. No caso de animais trasladados con conduces ao matadoiro, estes documentos serán suficientemente acreditativos do sacrificio dos animais, sen necesidade de que a persoa solicitante presente outros certificados.

2. Xustificantes de destrución dos animais ou produtos. Solicitaranse á empresa que estea autorizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar como planta de transformación de material de categoría 1.

3. Xustificante de pertenza ou non da explotación a unha ADSG (agrupación de defensa sanitaria gandeira), para os efectos da baremación de indemnización recollida no Real decreto 389/2011, do 18 de marzo. Ao respecto, se é o caso, a data que se terá en conta na dita baremación para determinar se a explotación pertence a unha ADSG será, no caso dos programas de erradicación de tuberculose ou brucelose, aquela na cal se realizaran as probas sanitarias oficiais que provocaran o sacrificio dos animais ou, no caso das encefalopatías esponxiformes transmisibles ou a lingua azul, a data en que a autoridade competente determinou o sacrificio do animal, se este se efectuou por sospeita, ou a data en que o laboratorio oficial emitiu o ditame de positividade, se o animal non fora previamente sacrificado.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. Unha vez reunida a documentación mencionada nos artigos 8.1 e 11 desta orde, xunto coa solicitude da indemnización (anexo I), os servizos provinciais de gandaría remitirán á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria os seus informes para proposta de resolución (un informe para cada solicitude de indemnización), xunto con toda a documentación dos expedientes, para a súa supervisión polos órganos xestores da dita dirección. A persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria emitirá as correspondentes propostas de resolución, e estas remitiranse á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, para os efectos de resolver as indemnizacións.

2. Os órganos xestores tramitarán durante o ano 2015, ademais das indemnizacións correspondentes a ese ano, todas as indemnizacións que quedasen pendentes do ano 2014; neste último caso, as persoas interesadas deberán presentar unha única solicitude para a tramitación de todas as indemnizacións pendentes, empregando o formulario de solicitude do anexo I (procedemento MR553C) e, así mesmo, a documentación citada no artigo 8.1 desta orde que non fora xa presentada ou que sufrise modificacións.

3. A tramitación do procedemento de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde levarase a cabo durante todo o exercicio orzamentario do ano 2015. O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2015, incluíndo ambas as datas no cómputo do prazo.

Artigo 13. Lugar e forma de presentación das solicitudes e da documentación complementaria

1. Para os formularios de solicitude:

a) As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Para a documentación complementaria:

a) A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

b) A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

d) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 14. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa (emendas, modificacións das solicitudes, alegacións...), que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de indemnizacións correspóndelle á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, e emitiraa no prazo máximo de cinco meses, contados desde o inicio do procedemento de concesión da indemnización. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de indemnización.

2. As resolucións expresas de aprobación ou de denegación notificaranse na forma prevista no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Modificación da resolución. A resolución de concesión da indemnización poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma indemnización, outorgada por outras administracións (da UE, nacionais, internacionais, autonómicas), superando o valor de mercado do animal sacrificado.

Artigo 16. Recursos

Contra as resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, poderanse interpor os seguintes recursos:

1. Recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar: no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se a resolución foi expresa, ou no prazo de tres meses desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a indemnización, segundo os artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Réxime de compatibilidade

As indemnizacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra indemnización que poida obterse das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre e cando a contía en concorrencia de todas elas non supere o valor de mercado que tiña o animal inmediatamente antes do seu sacrificio.

Artigo 18. Reintegro

1. O incumprimento pola persoa solicitante de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

2. Igualmente, a persoa solicitante terá a obriga do reintegro nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procedesen (artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. Xustificación.

a) Os expedientes de concesión das indemnizacións establecidas nesta orde iniciaranse cando as persoas interesadas presenten a solicitude de indemnización (anexo I) (procedemento MR553C) e, de ser o caso, a documentación reflectida no artigo 8.1 desta orde. Se for procedente, e segundo a enfermidade de que se trate, xustificarán que levaron a cabo o sacrificio obrigatorio dos animais (ordenado por resolución da autoridade competente), coa presentación do correspondente certificado/informe do sacrificio emitido polo matadoiro ou ben, se é o caso, o documento acreditativo da morte ou eutanasia do animal. De ser o caso, os certificados de sacrificio poderán ser substituídos polos conduces, oportunamente selados e asinados polo veterinario oficial do matadoiro.

b) O incumprimento pola persoa solicitante de calquera das condicións ou requisitos establecidos nesta orde dará lugar á perda do dereito á indemnización.

2. Pagamento.

a) O pagamento das indemnizacións tramitarase despois de comprobaren os órganos xestores do procedemento de concesión que as persoas solicitantes e as súas explotacións gandeiras afectadas cumpren as condicións e os requisitos sinalados nesta orde.

b) Así mesmo, o pagamento estará suxeito ás dispoñibilidades de crédito vixente.

Artigo 20. Controis

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar a veracidade dos datos comunicados e da documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da indemnización. A persoa solicitante estará obrigada a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. As persoas solicitantes terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos xestores, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Consello de Contas e polo Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 21. Financiamento

1. As indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais establecidas nesta orde, tanto as xeradas durante o ano 2015 como as que non puideron ser tidas en conta durante o ano 2014, financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015: 12.22.713E.770.0, cunha dotación de 800.000 € (oitocentos mil euros).

2. A convocatoria para a concesión destas indemnizacións tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2015, no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional primeira

A todos os aspectos non regulados na presente orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda

No caso de que durante a instrución do ano 2014 houbera solicitudes de indemnizacións presentadas en tempo e forma por persoas interesadas, así como informes para proposta de resolución emitidos polos servizos de gandaría provinciais, e ao abeiro das ordes da Consellería do Medio Rural e do Mar do 21 de febreiro de 2014 e do 25 de setembro de 2014, que rexían a concesión destas indemnizacións (procedemento MR553C), e que non se puideran tramitar durante o ano 2014, teranse en conta no procedemento de concesión de indemnizacións para o ano 2015 (trátase tamén do mesmo procedemento MR553C) e ao abeiro desta orde, sen necesidade de que as ditas persoas interesadas presenten un novo formulario de solicitude normalizada para elas, nin tampouco que os servizos de gandaría provinciais emitan novos informes para proposta de resolución se xa están xerados.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte á súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro; DOG do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO II
Baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas da bovina, ovina e cabruna, afectados por enfermidades non sometidas a programas sanitarios nacionais

1. Especie porcina:

Sementais e reprodutoras: 240,00 euros unidade.

2. Avicultura:

Polos de engorde da especie Gallus gallus

Semanas de vida

Euros/ave

1

0,14

2

0,32

3

0,54

4

0,84

5

1,16

6

1,49

7 e máis

1,80

Pavos de engorde da especie Meleagridis gallopavo

Semanas de vida

Euros/ave

Machos

Femias

2

0,28

4

1,12

6

2,18

1,88

8

3,25

2,64

10

5,12

3,91

12

6,98

5,17

14

8,94

6,58

16

10,90

7,99

18 e máis

12,34

8,76

MR553C G.pdf
MR553C G.pdf