Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 2015 Páx. 2447

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Narón (expediente IN407A 2014/102).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171, A Coruña.

Denominación: LMTS, CTC e RBT O Vento.

Situación: concello de Narón.

Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión subterránea a CT O Vento, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 1,800 km, coa orixe en empalmes proxectados que se van realizar na LMTS. SMR-711, no tramo entre o CS Vilacornelle (expte. 545/07) e o CS Centro Social O Val (expte. 38/07), condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV-3 (1×240 Al), e final no CT O Vento (proxectado).

– Centro de transformación prefabricado O Vento, cunha potencia de 250 kVA, e unha relación de transformación de 15000/400-230 V.

– Saída rede de baixa tensión subterránea de CT O Vento, cunha lonxitude de 0,134 km, coa orixe no CT O Vento (proxectado), condutor tipo XZ1.

– Liña de baixa tensión aérea de CT O Vento, cunha lonxitude de 1,330 km, coa orixe no apoio existente nº 1, condutor tipo RZ, e apoios de formigón.

Resultando os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución do 1 de setembro de 2014 desta xefatura territorial someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e a de declaración de utilidade pública, e publicouse a dita resolución no Diario Oficial de Galicia o día 25 de setembro, no Boletín Oficial da provincia o día 10 de setembro, no diario La Voz de Galicia o día 16 de setembro, así como no taboleiro de anuncios do Concello de Narón segundo certificación do secretario do Concello do 18 de novembro de 2014 recibida o 21 de novembro de 2014. Así mesmo, consta no expediente escrito de notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, ao titular que constan na relación de bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar a bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Así, remitíronse separatas aos seguintes organismos:

• Concello de Narón, quen informou favorablemente.

• C.M.A.T.I. (Axencia Galega de Infraestruturas) quen emitiu condicionado que foi aceptado pola empresa promotora.

• Augas de Galicia, quen emitiu condicionado que foi aceptado pola empresa Unión Fenosa Distribución.

Terceiro. Durante o período de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

• Antonio Rey Grandal, mediante escrito do 30 de setembro de 2014, solicitou que se suspendese o procedemento, a declaración de utilidade pública e que se sitúe a instalación noutro predio, alegando en síntese, o seguinte:

– Non están definidas as superficies afectadas pola instalación. Dependendo da situación das instalacións o prexuízo a indemnizar será maior ou menor.

– Non se seguiu o procedemento indicado no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– Non ten constancia da existencia de permisos e licenzas dos organismos afectados, nin dun estudo de impacto ambiental.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa promotora, que contestou nos seguintes termos:

• As superficies afectadas atópanse perfectamente representadas nos planos de proxecto, no cal se pode comprobar que o centro de transformación proxectado se situará a unha distancia de 19,70 metros do regato existente e non sobre a súa canle. O prexuízo que se ocasione neste predio será valorado polo Xurado de Expropiación de Galicia conforme a lexislación aplicable, co fin de que non se produza unha perda no patrimonio do propietario.

• O artigo 54 da vixente Lei do sector eléctrico declara de utilidade pública as instalacións de distribución de enerxía eléctrica para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. Do mesmo xeito, o artigo 56 da dita lei dispón que esa declaración de utilidade pública implicará a urxente ocupación para os efectos do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A notificación para o levantamento da acta previa á ocupación levarase a cabo unha vez que se recoñeza en concreto a utilidade pública das instalacións eléctricas.

• No trámite actual non é preceptivo que figuren no expediente os permisos ou licenzas ás cales fai referencia o alegante.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 24 de xullo); a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm.  285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm.  34, do 16 de febreiro).

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación obxecto deste expediente, cumpre coa normativa vixente, isto é: a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas previas consideracións de carácter xeral en relación coa descrición dos bens afectados, coas peticións de modificación de trazado e coa valoración económica deses bens:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o que os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no punto 1.5 da Instrución Técnica Complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Quinto. Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas por Antonio Rey Grandal, ademais do sinalado nos tres puntos anteriores deste cuarto fundamento de dereito, cómpre manifestar que non procede a solicitude de suspensión do procedemento, suspensión da declaración de utilidade pública e de que se sitúe a instalación noutro predio. Esta xefatura territorial considera:

• A localización e a as dimensións do centro de transformación atópanse definidos nos planos 4, 7 e 9 do proxecto que figura no expediente.

• A afección real que sufrirá o predio concretarase na acta previa á ocupación, acto para o cal os afectados serán oportunamente convocados segundo establece o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

• De acordo co punto 2 do artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico: a declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

• Dadas as características da instalación, non é necesario o estudo de impacto ambiental.

• De acordo co artigo 146 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, enviáronse separatas do proxecto aos organismos afectados tal e como se indica na consideración previa cuarta. Augas de Galicia, en concreto, non amosou oposición á execución da instalación.

• De acordo co punto 2 artigo 120 do Real decreto 1955/2000 as autorizacións son outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que lles resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

• Non alegou ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso descritas no artigo 58 da Lei 24/2013 e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

• O cambio da localización da instalación daría lugar a novos afectados.

Realizada a visita de campo para examinar o lugar das instalacións, non se apreciou ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas esta xefatura territorial,

RESOLVE:

Conceder a autorización administrativa previa, autorización de construción e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, nas cales as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 23 de decembro de 2014

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña