Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2015 Páx. 3997

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e mailo Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería para o exercicio de 2015 a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego do Programa nacional de reformas, da Estratexia española de activación para o emprego 2014-2016, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, en prol dunha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecuen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices fan especial fincapé na importancia de que todas as persoas menores de vinte e cinco anos reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou rematar a educación formal.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe una das súas principais preocupacións e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego. Os menores de vinte e cinco anos son un dos grupos de poboación que máis se viron afectados polo proceso de destrución de emprego froito da grave crise económica que estamos a sufrir desde hai varios anos.

O alto nivel de desemprego xuvenil pon de manifesto a grave situación laboral en que se atopan os mozos e mozas, que pode ter como consecuencia unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo.

Neste sentido, a Estratexia de emprendemento e emprego mozo inclúe, entre outras medidas, a extensión dos programas formativos dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade coa finalidade de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das mozas e mozos menores de vinte e cinco anos que non estudan nin traballan nin reciben formación, e impedir que a situación de desemprego se prolongue no tempo, xa que deste xeito se reducen as posibilidades dunha reincorporación óptima ao mercado de traballo. Trátase, en definitiva, de prever no posible e, se é o caso, de minimizar os períodos de desemprego obxectivo de especial importancia para a xente moza.

A este obxectivo responde o Sistema nacional de garantía xuvenil regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, de 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Como unha das medidas para a súa implantación, concíbense estes programas a través da posta en funcionamento de proxectos mixtos de formación e emprego (obradoiros de emprego) que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos e menores de vinte e cinco, ou menores de trinta no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema nacional de garantía xuvenil en Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao programa.

Nestes obradoiros será obrigatoria a impartición dun módulo formativo de igualdade de xénero co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre mulleres e homes. Partindo do coñecemento da situación real, con este módulo preténdese concienciar os alumnos e alumnas na problemática da desigualdade que afecta as mulleres e, en concreto, no ámbito laboral, dándolles a coñecer e favorecer a aplicabilidade do principio da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no devandito ámbito.

Nesta convocatoria deberán presentarse as solicitudes das axudas e subvencións a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta posibilidade leva unida a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Nesta convocatoria de 2015, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema nacional de garantía xuvenil.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo aos créditos da aplicación 11.03.322A.460.2 (código de proxecto 2015 00 554) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 por un importe de 3.243.243 euros. Para o exercicio de 2016, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación polo importe de 1.500.000 euros.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado cunha porcentaxe do 92,5 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, en particular:

• Eixe 5. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas nin participan en actividades de educación e formación, en particular, no contexto da garantía xuvenil.

• Prioridade de investimento 8.2. Integración sustentable no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

• Obxectivo específico 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

• Medida 8.2.2.8. Programa escolas obradoiro e casas de oficios.

De acordo co anterior, a presente orde é coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios.

En particular, de acordo co artigo 14.2 do Regulamento 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello, conforme o disposto no artigo 67, número 1, letra d), e número 5, letra d), do Regulamento (UE) nº 1303/2013, poderase utilizar un importe a tanto global de ata o 40 % dos custos directos de persoal subvencionables para financiar o resto de los custes subvencionables da operación, sen que o Estado membro estea obrigado a efectuar cálculo ningún para determinar a taxa aplicable.

Esta orde acolle na súa regulación a dita posibilidade distinguindo entre:

• Custos directos de persoal, suxeitos ao réxime ordinario de xustificación por medio de documentos xustificativos do gasto e pagamentos.

• E outros custos, suxeitos ao réxime de custos simplificados.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 8 de xaneiro de 2015, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde así como o seu carácter plurianual e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2015, das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego), dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme os itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes deste programa aquelas mozas e mozos desempregados, de dezaoito ou máis anos e menores de vinte e cinco, ou menores de trinta no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que estean inscritos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que se requira a súa inscrición como demandantes de emprego, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, deberán manter o cumprimento dos seguintes requisitos, con carácter previo, a participar nos obradoiros de emprego:

a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

b) No ter recibido accións educativas que sumen máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

c) Non ter recibido accións formativas que sumen máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

No suposto de que o interesado en inscribirse tivese finalizado a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que sumen máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e a aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto, durante toda a duración do proxecto, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional décimo novena do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na redacción dada pola Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, e pola Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento a competitividade e a eficiencia.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos por:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local cuxa titularidade corresponda integramente a esta.

b) Os consorcios locais previstos no artigo 149 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2014 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos da mesma provincia ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4. Duración

1. Os proxectos terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o proxecto considerarase finalizado.

3. A data límite para o inicio dos proxectos será o 30 de setembro de 2015.

CAPÍTULO II
Contidos formativos

Artigo 5. Formación en alternancia nos proxectos

1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 17.2.c) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no número 1 do artigo 11 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumno será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe.

3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder á data de remate do proxecto.

Artigo 6. Formación complementaria

1. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

2. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de xénero, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os esteorotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha grande incidencia na empregabilidade das mulleres novas.

3. En todos os proxectos se impartirá a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación que se vaia desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado de profesionalidade.

4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 17.2.c) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, respectando o disposto no artigo 33 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Artigo 7. Orientación, información profesional, formación empresarial e asistencia técnica

1. As alumnas e alumnos, durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o cal as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto.

2. Ao remate da actividade do proxecto, as entidades promotoras prestarán asistencia técnica aos alumnos participantes, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar. No caso de existiren iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promover a súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Con esta finalidade, as entidades promotoras poderán solicitar á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 8. Educación básica

1. Para os alumnos participantes que non acadasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable aos alumnos que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 9. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no proxecto, os alumnos e alumnas recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no artigo 11.2.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, no cal constará a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados.

2. Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

3. A Consellería de Traballo e Benestar concederá aos alumnos e alumnas uns diplomas en que se recollerá a duración da súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

CAPÍTULO III
Selección e contratación

Artigo 10. Procedemento de selección dos alumnos e alumnas

A selección do alumnado-traballador será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Traballo e Benestar e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

Na selección teranse en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por parte do Sistema e aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no Sistema, todos eles recollidos no artigo 105.3 da Lei 18/2014, do 15 de outubro.

Para a selección do alumnado-traballador, o grupo de traballo mixto determinará o perfil das persoas candidatas, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aquelas deben cumprir, con suxeición ao previsto na citada Lei 18/2014, do 15 de outubro, e no Programa operativo de emprego xuvenil.

Artigo 11. Procedemento de selección do persoal de dirección docente e administrativo de apoio

1. A selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio participante no proxecto que se vai poñer en funcionamento será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Traballo e Benestar e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

2. A este grupo corresponderalle establecer os criterios de selección de todo o persoal de dirección, docente e administrativo de apoio, mediante a aprobación das correspondentes bases reguladoras, nas cales deberán respectarse os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e nas instrucións e circulares da Dirección Xeral de Emprego e Formación que a desenvolvan, procurando a maior adaptabilidade das persoas seleccionadas ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas.

Unha vez aprobadas as bases reguladoras do proceso de selección do persoal de dirección, docente, e administrativo de apoio, deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego e da entidade promotora do proxecto, así como na páxina web da entidade promotora.

3. Rematados os procedementos de selección, o grupo de traballo preparará a relación das persoas seleccionadas como persoal directivo, docente e administrativo de apoio, e elaborará unha acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado e remitirá un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á xefatura territorial da consellería.

4. Na selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, para o cal poderá utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas as dúas.

5. Así mesmo, corresponderá ao grupo de traballo mixto determinar o perfil, as características e os requisitos que deben cumprir as persoas candidatas, elaborar as convocatorias, establecer os baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse e preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese. Así mesmo, encargarase de difundir as convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen.

6. A selección definitiva deberase realizar entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, e deberanse considerar, na medida do posible, tres candidatos ou candidatas por posto.

7. Terán preferencia as persoas que, en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido, se atopen en situación de desemprego.

Artigo 12. Contratación

1. Os alumnos e alumnas seleccionados serán contratados pola entidade promotora, desde a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe.

2. A entidade promotora contratará o persoal de dirección, docente e administrativo de apoio que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo mixto a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación e farase constar a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, a denominación do proxecto para o cal se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@, indicando, a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego por medio dunha opción específica que figura na epígrafe «Datos específicos do contrato». Unha vez indicada esta opción, aparecerá un despregable que permitirá elixir de entre varias opcións as correspondentes a «Alumno/Traballador» e «Persoal» que se empregarán, respectivamente, para os alumnos e o persoal directivo, docente e administrativo de apoio do obradoiro.

Artigo 13. Incidencias e reclamacións

1. As incidencias e reclamacións que se puideren suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas polo grupo de traballo mixto, sen que caiba ulterior recurso en vía administrativa.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa unha entidade pública. Neste último caso, o persoal directivo, docente, administrativo de apoio e os mozos seleccionados non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.

CAPÍTULO IV
Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 14. Solicitudes. Prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades». O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es.

Artigo 17. Documentación

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que, se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente que pode substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Copia do DNI da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa presentación.

d) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

e) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local cuxa titularidade corresponda integramente esta e os consorcios, deberán presentar certificación expedida polo secretario ou secretaria da entidade promotora en que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Traballo e Benestar, adoptado polo órgano competente ou, se é o caso, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, do convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

f) Declaración responsable da persoa representante legal de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, recollida no anexo I.

g) Declaración asinada pola persoa representante legal, en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada polo representante legal do concello solicitante, cada un do resto de representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo II.

h) Certificado do secretario, interventor ou cargo equivalente en que consten as fontes de financiamento da parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. De carácter específico: ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras dos proxectos deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos.

b) As autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto. De non seren necesarias, achegarase certificación expedida polo secretario ou secretaria ou cargo equivalente da entidade promotora, en tal sentido.

c) Proxecto para o cal se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se xunta como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo a realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, na súa falta, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 18 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da actividade do proxecto.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

No caso de que algún dos documentos que presente a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial e debidamente rexistrada dentro do prazo previsto no artigo 14.2 desta orde. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá presentar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán.

Artigo 18. Contido do orzamento dos proxectos

Para os efectos do previsto no artigo 17.2.c) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a) Custos derivados da contratación do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio e dos alumnos participantes, recollendo os ditos custos tamén de xeito individualizado para cada un dos perfís que se van contratar.

b) Custos derivados do funcionamento e xestión do proxecto:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipamentos e instalacións) amortizables, xuntarase unha relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas.

• Viaxes dos alumnos para a súa formación.

• Material de oficina.

• Aluguer de instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing.

• Gastos xerais.

• Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do proxecto durante todo o seu funcionamento.

• Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto, dos cales deberá presentarse a documentación xustificativa precisa para a súa autorización, autorización que se recollerá, se for procedente, na notificación da resolución de concesión da axuda.

2. O orzamento de ingresos expresará a parte financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a parte para a cal se solicita financiamento á Consellería de Traballo e Benestar. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 28 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo obradoiro de emprego.

Artigo 19. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o servizo competente en materia de emprego da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar competente por razón do territorio.

2. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de conformidade co establecido no artigo 71 da mesma lei.

Artigo 20. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 15 días, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase, que terá lugar preferentemente na segunda quincena de maio.

2. Para estes efectos a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, que a presidirá; e serán vogais as persoas responsables das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, e actuará como secretario a persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidera asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Número de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito territorial en que se desenvolva na data de remate da presentación de solicitudes, ata 9 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan máis de 200 mozos e mozas inscritos, 9 puntos.

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan máis de 100 mozos e mozas inscritos, 6 puntos.

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan máis de 50 mozos e mozas inscritos, 4 puntos.

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan máis de 20 mozos e mozas inscritos, 2 puntos.

b) O ámbito xeográfico de actuación do proxecto, ata 9 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos promovidos por máis de cinco concellos, de menos de 20.000 habitantes, 9 puntos.

• Proxectos promovidos por un só concello de máis de 20.000 habitantes, 6 puntos.

• Proxectos promovidos por máis de tres concellos, de menos de 20.000 habitantes, 5 puntos.

c) Proxectos dirixidos á rehabilitación do patrimonio artístico, histórico, cultural ou natural, revalorización de espazos públicos e urbanos, protección e mantemento de zonas naturais e aqueles que incidan directa ou indirectamente no control da enerxía, así como os dirixidos ao establecemento de servizos de lecer e culturais (promoción do turismo e desenvolvemento cultural e local): 3 puntos.

d) Dedicación do proxecto a implantación de servizos personalizados de carácter cotián, como atención á dependencia, coidado de nenas e nenos, prestación de servizos a domicilio a persoas con discapacidade ou persoas maiores, axuda a mozos e mozas en dificultades e/ou con desarraigamento social, ata 4 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos que non conteñan ningún módulo relacionados cos servizos indicados, 0 puntos.

• Proxectos que conteñan un módulo relacionado cos servizos indicados, 1 punto.

• Proxectos que conteñan dous módulos relacionados cos servizos indicados, 2 puntos.

• Proxectos que conteñan tres módulos relacionados cos servizos indicados, 3 puntos.

• Proxectos en que todos os módulos sexan dos indicados, 4 puntos.

e) Proxectos dirixidos a formación e capacitación naqueles sectores que teñan maiores perspectivas de inserción laboral, tales como novas tecnoloxías da información e comunicación, enerxías alternativas, xestión da auga e de residuos, 9 puntos.

f) Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional dos mozos beneficiarios e dos beneficios sociais que se prevexa xerar co desenvolvemento do obxecto de actuación, ata 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de calidade media, ata 3 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 5 puntos.

g) Calidade do plan formativo para obtención do certificado de profesionalidade, ata 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de calidade media, ata 3 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 5 puntos.

h) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Traballo e Benestar, ata 3 puntos. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso.

i) Participación efectiva dos axentes económicos e sociais, con presenza no territorio na elaboración do contido do proxecto ou cando estiver vinculado ou xurdir a iniciativa ou coa participación do Comité Territorial de Emprego competente e conste expresamente: 3 puntos.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos.

3. A puntuación mínima exixible para a aprobación dos proxectos e concesión da correspondente subvención será de 25 puntos.

4. Cando a Comisión Central de Valoración informe dunha variación do número de alumnos e alumnas participantes, a entidade promotora, no prazo de quince días, desde a súa notificación, deberá realizar os axustes e modificacións pertinentes no proxecto presentado, para os efectos da súa aprobación segundo o previsto no artigo seguinte desta orde.

Artigo 22. Resolución

1. Dentro dos cinco meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable da xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, ditará e notificará á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes apartados:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar para o financiamento dos gastos sinalados no artigo 26 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Referencia a que a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, mediante a Iniciativa de emprego xuvenil, Programa operativo de emprego xuvenil, eixe prioritario 5, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.2, medida 8.2.2.8, cofinanciará a subvención concedida nunha porcentaxe do 92,5 %.

e) Calquera outra especificación que se coide oportuna en cada caso concreto. En particular, determinarase se os «outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto» que sinala o artigo 18.1.b) desta orde se consideran subvencionables ou non.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se notificase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 35 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se o dito acto for expreso; se non o for, o prazo será de tres meses e contarase, para a entidade solicitante e calquera outro posible interesado, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e nos rexistros de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro , na Lei 4/2006, do 30 de xuño, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado no artigo 17.2.c). A estes efectos terán a consideración de substancias aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte máis do 50 % da programación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, as xefaturas territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Emprego e Formación para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución corresponde ás persoas responsables das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Emprego e Formación para seren resoltas pola xefatura territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

CAPÍTULO V
Financiamento e xustificación de subvencións

Artigo 24. Financiamento da subvención

1. O programa será financiado con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Traballo e Benestar, con cargo aos créditos da aplicación 11.03.322A.460.2 (código de proxecto 2015 00 554) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, por un importe de 3.243.243 euros. Para o exercicio de 2016, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto equivalente polo importe de 1.500.000 euros. Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil en función das solicitudes presentadas e aprobadas.

Artigo 25. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os que se comprometan a achegar parte do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Traballo e Benestar. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 17 desta orde e comunicarase á Consellería de Traballo e Benestar no momento en que formalizasen se as ditas achegas se recibisen con posterioridade ao momento de solicitude da axuda e, polo tanto, non constasen na dita memoria.

Artigo 26. Gastos que se subvencionarán

As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Traballo e Benestar para cada proxecto, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

1. Custos directos de persoal:

a) Os salariais e de seguridade social derivados dos contratos de traballo que se subscriban coas alumnas e alumnos.

b) Os custos salariais e de seguridade social correspondentes ao persoal docente que imparte os módulos formativos. Non se incluirán como custos directos de persoal os correspondentes ás horas de docencia que, se for o caso, puider impartir o persoal de dirección ou administrativo de apoio.

En ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos, cesamentos ou finalizacións de contratos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non desfrutado durante a duración do proxecto formativo.

Unha vez contratado o persoal docente e, en todo caso, con anterioridade ao desenvolvemento do proxecto, a entidade beneficiaria deberá achegar á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar a seguinte documentación:

• Os contratos, nos cales se especificará que son para desenvolver as tarefas que corresponda no proxecto subvencionado.

• Unha relación do persoal docente contratado, con expresión dos módulos en que participará cada un, a época que abrangue e o horario previsto.

• Modelo de control de partes de horario e asistencia a que fai alusión o artigo 30.1.a) desta orde.

2. Outros custos, todos aqueles que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto, entre os cales figuran os seguintes:

a) Os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación do director e persoal administrativo de apoio, sen prexuízo de que o dito persoal de dirección ou administrativo de apoio realice tarefas docentes de calquera duración durante a actividade.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As amortizacións de instalacións e equipamentos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

d) As viaxes para a formación dos alumnos.

e) Os materiais de oficina.

f) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do proxecto durante a súa duración.

g) Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo que foran autorizados na resolución de concesión.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán estará en función dos custos reais de persoal, así como do resto de custos subvencionables necesarios para o desenvolvemento do obradoiro.

Artigo 27. Cálculo da subvención para custos de formación profesional para o emprego

Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase do seguinte xeito:

a) Subvención para «Custos directos de persoal», que será o resultado da suma dos custos salariais durante a duración do proxecto (6 meses) dos seguintes grupos:

• Alumnado (salario mínimo interprofesional/mes vixente no momento de asinar o contrato de traballo, incluída unha paga extraordinaria).

• Persoal docente (1.500,00 euros/mes por docente) que imparte os módulos formativos, incluída unha paga extraordinaria.

Tamén se subvencionará a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á seguridade social, fondo de garantía salarial e formación profesional previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

Considérase como máxima a relación dun ou dunha docente a xornada completa por cada oito alumnos, sen que se subvencione unha ratio profesor/alumnos superior.

b) Subvención para outros custos, que será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 30 % aos custos directos de persoal e imputados ao proxecto e que se destinará:

• Ao pagamento do custos salariais do director ou directora (de 1.900,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria de 1.900,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á seguridade social, fondo de garantía salarial e formación profesional previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• E máis ao pagamento do persoal administrativo de apoio (de 1.100,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria (de 1.100,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á seguridade social, fondo de garantía salarial e formación profesional previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• En terceiro lugar, o dito 30 % tamén se destinará a sufragar o resto dos custos necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto.

A presente regulación e coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios.

Artigo 28. Produción de bens e servizos

Cando os proxectos, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos descontaranse do importe que se pagará pola subvención.

CAPÍTULO VI
Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 29. Pagamento da subvención

1. Corresponde ás xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

2. Unha vez iniciado o proxecto, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 25 % do importe total da subvención do proxecto.

Na medida en que a entidade promotora xustifique os gastos e despois de recibida a súa solicitude, poderá aboárselle, en concepto de pagamento á conta, ata o 55 % do importe total da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 desta orde.

3. O 20 % ou a porcentaxe que resulte restante aboarase á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 30 e 32 desta orde.

4. Unha vez recibidos os fondos, a entidade promotora deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

5. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

6. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 30. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. A entidade promotora, dentro dos dous meses seguintes ao remate do período que xustifique, remitirá á correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo aos fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos custos (directos de persoal e outros custos).

Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

a) Xustificación de custos directos de persoal:

A xustificación por horas realizadas nos proxectos deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na seguridade social.

Para a xustificación dos gastos salariais dos alumnos e alumnas participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

A antedita documentación deberá xuntarse á nova solicitude de transferencia de fondos, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Para a xustificación dos gastos salariais e de seguridade social tanto dos alumnos como dos docentes, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos individualizados dos pagamentos efectuados, xunto cos documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario), así como unha certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente, en que se relacionen todos os xustificantes, individualizados, dos pagamentos realizados así como a data do seu pagamento.

Tendo en conta que a axuda vai destinada a sufragar os custos da formación profesional para o emprego, non será subvencionable ningún custo que non teña relación coa actividade formativa dos alumnos, tales como os relacionados con ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de fillos ou outros, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, por lactancia e calquera outro gasto que non se corresponda coa actividade formativa vinculada ao desenvolvemento do obradoiro, tanto dos docentes como dos alumnos.

Para iso deberá levarse un control de partes de horario e asistencia que deixe constancia de tales feitos e que será presentado xunto coa documentación exixida para a xustificación dos proxectos.

b) Xustificación doutros custos:

A xustificación dos outros custos, con base na súa consideración de custos simplificados, realizarase en función da xustificación dos custos directos de persoal e da comprobación da realización das actividades do proxecto.

2. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos e procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

3. Os gastos correspondentes ao exercicio de 2015 xustificaranse como data límite o 31 de decembro de 2015 e os de 2016 antes do 1 de maio de 2016.

Artigo 31. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada non poderá exceder a que resulte de sumar os custos directos de persoal xustificados máis a porcentaxe sobre os ditos custos directos que determine os outros custos subvencionables do proxecto.

Para estes efectos, o cálculo dos custos directos de persoal e os outros custos financiables deberá ter en conta e, por tanto, descontar as baixas de alumnos ou docentes que se producen ao longo da actividade subvencionada, que non poderán ser consideradas (horas do alumnado ou docente que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto ou a data da súa reincorporación).

As ditas alteracións deberán comunicarse de xeito inmediato á respectiva xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar logo de producirse e deberán supoñer:

– Para os custos directos de persoal, a minoración dos pagamentos que corresponde realizar polas datas de ausencia dos alumnos ou docentes.

– Para os outros custos, a minoración da contía de subvención resultante (toda vez que a dita contía é un 30 % dos custos directos de persoal, que se minoraron).

Por último, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos desfrutados, durante o período de duración do proxecto, polos alumnos e alumnas participantes, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 32. Liquidación do expediente

1. Dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, a seguinte documentación:

a) Custos directos de persoal:

• Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo á última provisión de fondos.

• Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.

• Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

• Copia cotexada dos certificados de aproveitamento, nos cales conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

b) Outros custos:

A subvención para outros custos será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 30 % aos custos directos de persoal xustificados e imputados ao proxecto e que se destinará:

• Ao pagamento do custos salariais do director ou directora (de 1.900,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria (de 1.900,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• E máis ao pagamento do persoal administrativo de apoio (de 1.100,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria (de 1.100,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• En terceiro lugar, o dito 30% tamén de destinará a sufragar o resto dos outros custos necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto.

A xustificación destes custos, de conformidade co artigo 14.2 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro, levarase a cabo a través da comprobación da efectiva realización da actividade e, significadamente, pola xustificación dos custos directos de persoal.

2. Dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto, deberán presentar a documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia, na ligazón http://traballo.xunta.es/cofinanciamento-fse.

3. As entidades promotoras tamén deberán presentar, dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto, unha memoria final en que se reflictan as actuacións desenvolvidas e na cal se relacionarán detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do obradoiro, segundo o modelo de orzamento de gastos do anexo III da orde.

4. No prazo indicado de dous meses deberá presentarse, así mesmo, a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, ás cales fai referencia o artigo 34.2.a) desta orde, mediante achega de fotocopias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc.

5. Despois de verificada a xustificación presentada, e en caso de acordo, a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados e procederá ao aboamento das cantidades previstas no artigo 29.3 desta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, a xefatura territorial descontará do pagamento do 20 % restante as cantidades non xustificadas.

6. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Traballo e Benestar, a xefatura territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

7. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar remitirá á Dirección Xeral de Emprego e Formación a acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos, indicada no punto 1 deste artigo.

CAPÍTULO VII
Obrigas, seguimento e control

Artigo 33. Obrigas

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Contratar os alumnos e alumnas participantes, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Traballo e Benestar a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Traballo e Benestar e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, as relativas ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión o seguimento do Fondo Social Europeo e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, á Comisión e ao Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.

g) Comunicar á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude, así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do último pagamento.

h) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos, ben como traballador ou traballadora por conta allea ou ben mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia.

i) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 decembro, e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

j) Cumprir cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE Iniciativa de garantía xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

k) Remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar copia cotexada dos certificados de aproveitamento en que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

Artigo 34. Cofinanciamento do Fondo Social Europeo

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE Iniciativa de garantía xuvenil, ao abeiro do Programa operativo de emprego xuvenil do período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade promotora deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

• Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro.

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na presente orde:

• Levar un sistema de contabilidade separada ou código contable adecuado en relación con todos os gastos subvencionados.

• Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 35. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde, así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento e, se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se debe reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: reintegro de ata un 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 34.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 34.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 34.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento da obriga de comunicar á respectiva xefatura territorial as ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de fillos ou outros, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, tanto dos docentes como dos alumnos: o importe que se debe reintegrar será igual ao gasto imputado a estas situacións.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 36. Asistencia, seguimento e avaliación

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión dos proxectos, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como no seu desenvolvemento na realización das actividades para as cales se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto (creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas).

b) Seguimento da xestión, obtendo dos proxectos a información referente aos alumnos e alumnas participantes, persoal directivo, docente e administrativo de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos as entidades promotoras, aos seis e doce meses da súa finalización, remitirán, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, ademais de estaren obrigadas a proporcionar calquera outra información que se considere pertinente con tal finalidade.

Disposición adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 20 % do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do día 8 de xaneiro de 2015.

O código de proxecto da anualidade de 2016 será equivalente ao da orde de convocatoria do ano 2016.

Disposición adicional segunda. Modificación do crédito

Os créditos previstos para o financiamento das axudas e subvencións que se concedan ao abeiro desta orde poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución dos fondos destinados a financiar os programas do Sistema nacional de garantía xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego e Formación para a autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular do órgano e na prelación que se establece no artigo 5.3 da Orde do 19 de agosto de 2009, sobre delegación de competencias nos órganos superiores e nos xefes das xefaturas territoriais desta consellería.

Disposición adicional cuarta. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file