Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Xoves, 29 de xaneiro de 2015 Páx. 4318
  1. III. Outras disposicións
  2. Consellería do Medio Rural e do Mar
  3. ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establece a convocatoria para o ano 2015, e se particulariza o seu importe global máximo, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo da Pesca, para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e das súas especies, tramitada como anticipado de gasto.

Mediante a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 19 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 145, do 31 de xullo), aprobáronse as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2013 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, financiados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP).

Esta orde, nos seus artigos 3.1 e 11.1, dispón que anualmente se publicarán os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais, así como os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2013 a 2015.

Coa finalidade de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos, mediante a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, dítase esta orde de convocatoria para o exercicio 2015.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar o importe máximo, para o ano 2015, da convocatoria, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas a proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño das súas especies.

As bases reguladoras desta convocatoria serán as fixadas pola Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 19 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 145, do 31 de xullo).

Artigo 2. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 3. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, e citarase a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Medio Rural e do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

b.1) Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos.

b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.3 da orde de bases reguladoras xerais.

d) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.

f) No caso de denegarse expresamente a obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e tamén certificación de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), d), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a documentación que se vai presentar. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizala de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 4. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3 da orde de bases reguladoras xerais, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada nos lugares a que se refire o parágrafo 1 do artigo 3.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 5. Crédito orzamentario

Para o ano 2015 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.31.723A.770.1, código de proxecto 201100802 (fondos FEP, eixe prioritario 3, medidas de interese público, medida 3.1 accións colectivas), na cal existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

O importe máximo das subvencións que se concedan no 2015 ascenderá a cento vinte e dous mil euros (122.000 €).

De conformidade co disposto no artigo 3.4 da orde de bases reguladoras xerais, os importes consignados para esta convocatoria poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es.

Disposición transitoria primeira

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2015, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de agosto de 2015.

Disposición transitoria segunda

O prazo para a xustificación da anualidade 2015 rematará o 31 de outubro de 2015.

Disposición derradeira primeira

En todo o non previsto nesta orde de convocatoria observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 da orde de bases reguladoras xerais (marco normativo).

Disposición derradeira segunda

Facúltase o secretario xeral do Mar, ou a persoa titular do órgano que corresponda por delegación de competencias, para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

P.A. (Decreto 161/2014, do 26 de decembro, DOG núm. 249, do 30 de decembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file