Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 2015 Páx. 6828

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 6 de febreiro de 2015 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, do monte Vouga e Coiba, situado no concello de Muros, na provincia da Coruña.

Antecedentes.

1. O monte Vouga e Coiba, do concello de Muros, inscribiuse no catálogo de montes de utilidade pública (CUP) cos números 108 e 115. Aínda que en 1970 tiveron lugar as operacións para o seu deslindamento, e elaborouse un plano de acordo co cal o monte Vouga e Coiba ten 23,74 ha, non consta que o deslindamento se resolvese en vía administrativa.

2. O día 14 de xuño de 2013 a xefa do Distrito Forestal V informou que o monte Vouga e Coiba non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales un monte pode ser incluído no Catálogo de montes de utilidade pública, polo que procedía iniciar os trámites para excluír o monte do CUP.

3. O día 17 de xuño de 2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Muros (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

4. O día 23 de decembro de 2014 o secretario xeral de Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo de montes de utilidade pública, do monte Vouga e Coiba (nº 108 e 115).

5. O día 26 de xaneiro de 2015 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas.

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes no Catálogo de montes de utilidade pública e a levanza deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

O día 14 de xuño de 2013 a xefa do Distrito Forestal V informou que o monte Vouga e Coiba non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. No dito informe concreta que o monte Vouga e Coiba na actualidade non está comprendido en ningún dos supostos para poder ser declarado de utilidade pública, que son os seguintes:

– Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte aos procesos de erosión.

– Os localizados en cabeceiras de concas hidráulicas e os que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico.

– Os que se encontren nas áreas de actuación prioritaria para os traballos de conservación dos solos fronte a procesos de erosión e de corrección hidrolóxico-forestal e, en especial, as dunas continentais.

– Os que evitan ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o aterramento de embalses e aqueles que protexan cultivos e infraestruturas contra o vento.

– Os que se encontren nos perímetros de protección das captacións superficiais e subterráneas de auga.

– Os que se encontren formando parte de tramos fluviais de interese ambiental e os necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.

– Os localizados en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou un plan de ordenación de recursos forestais.

– Os que sexan destinados á repoboación ou mellora forestal con fins de protección.

– Os que contribúan ao mantemento da diversidade biolóxica, á protección da fauna e da flora e os que formen parte da Red galega de espazos naturais protexidos.

– Os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal ou na prevención de incendios forestais.

– Os que se vinculen á satisfacción de intereses xerais.

– Os que, estando incluídos dentro das zonas de alto risco de incendios, sufrisen incendios forestais ou cuxo potencial forestal se vise afectado de forma substancial pola dita causa.

– Os que mostren valores forestais de especial significación.

– Os que sexan destinados á restauración, repoboación ou mellora forestal co fin de protexer aos montes protectores ou a outras figuras de especial protección.

3. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte, ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

4. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública, á consellaría competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, números 108 e 115, do monte Vouga e Coiba, situado no concello de Muros (A Coruña), e cunha superficie de 23,74 ha, por perder as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira única.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso de reposición, con carácter potestativo, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar