Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 3 de marzo de 2015 Páx. 8799

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT nova saída Silleda-Boqueixón, situada nos termos municipais de Silleda (Pontevedra) e Boqueixón (A Coruña) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2013/270-4).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 28.11.2013 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT nova saída Silleda-Boqueixón, coa finalidade de dar cumprimento ao disposto na Resolución do 19 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (citada no último parágrafo do antecedente de feito primeiro desta resolución).

Esta solicitude acompañouse do preceptivo proxecto de execución denominado modificación de proxecto de LMT nova saída Silleda-Boqueixón, da relación de bens e dereitos afectados (RBDA) cos cales non se chegou a un acordo e das correspondentes separatas técnicas.

Segundo consta neste proxecto de execución, a instalación eléctrica consiste nunha liña eléctrica de media tensión (LMT), a 20 kV, con orixe na subestación de Paizás, no lugar do Curro, na parroquia de Cira, no concello de Silleda (Pontevedra) e final no punto de interconexión proxectado, no lugar de Noente, na parroquia de Ledesma, no concello de Boqueixón (A Coruña), e que atravesa estes dous concellos, cunha lonxitude de 2.786 m, estruturada nos seguintes cinco tramos (dous tramos aéreos, con condutor LA 110/116,2 mm2 e capacidade de transporte de 11.223,68 kW, e tres tramos subterráneos, con condutor RHZ1-12/20kV-3×240 Al e capacidade de transporte de 11.078,71 kW):

– Tramo I: subterráneo, de 190 m de lonxitude (concello de Silleda), desde a subestación Paizás ata o paso aéreo subterráneo (PAS) no apoio nº 1 proxectado HVH-4500-S15.

– Tramo II: aéreo, de 433 m de lonxitude (concello de Silleda), desde o apoio nº 1 proxectado HVH-4500-S17 ata o apoio nº 4 proxectado C-4500-16.

– Tramo III: subterráneo, de 782 m de lonxitude (concello de Silleda), desde o PAS no apoio nº 4 proxectado C-4500-16 ata o PAS no apoio nº 1 proxectado HVH-3500-S13.

– Tramo IV: aéreo, de 916 m de lonxitude (aproximadamente: 380 m no concello de Silleda e 536 m no concello de Boqueixón), desde o apoio nº 1 proxectado HVH-3500-S13 ata o apoio nº 9 proxectado C-4500-20.

– Tramo V: subterráneo, de 465 m de lonxitude (concello de Boqueixón), desde o PAS no apoio nº 9 proxectado C-4500-20 ata o punto de interconexión proxectado.

Segundo. O 10.2.2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria requiriu á empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. a rectificación duns defectos detectados no proxecto de execución, quen presentou a documentación requirida o 20.3.2014.

O 21.3.2014 a dita xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución no que atinxe aos requisitos técnicos para a súa execución.

Terceiro. O 25.3.2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica recollida no proxecto titulado modificación de proxecto de LMT nova saída Silleda-Boqueixón.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.4.2014, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 16.4.2014, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 14.4.2014 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 4.4.2014; e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Silleda e Boqueixón e das xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña da Consellería de Economía e Industria.

Así mesmo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola que se realizou o trámite de información pública.

Cuarto. Durante o citado trámite de información pública, presentouse un escrito de alegacións (do cal se deu traslado á empresa promotora da liña eléctrica, quen presentou a súa contestación).

Este escrito de alegacións foi presentado por María Luisa Iglesias García e os seus irmáns Josefa, Álvaro e Juan, en calidade de herdeiros de José Iglesias Hermida (quen figura na RBDA como titular do predio nº 41), e nel manifestan, de xeito resumido, o seguinte:

– Que son os herdeiros legais de José Iglesias Hermida e, por tanto, solicitan a subrogación na súa condición de afectados en relación co predio nº 41.

– Que en toda a extensión da parcela para expropiar existe unha explotación forestal de carballo americano e, ao tratarse dunha expropiación parcial, a explotación forestal da parcela resultante resultaría antieconómica e, ademais, non sería posible a súa venda a un prezo razoable nin o seu arrendamento; e solicitan, en consecuencia, a expropiación total da parcela afectada.

Quinto. O 27.3.2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria trasladoulle as separatas técnicas do citado proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes, ás seguintes entidades con bens e dereitos afectados: Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello de Silleda, Concello de Boqueixón e Eléctrica de Gres, S.L. A este respecto, hai que indicar o seguinte:

• Dos informes emitidos por estas entidades, coa autorización ou condicionado, deuse traslado á empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., quen presentou a súa conformidade ao respecto.

• En atención ao disposto no informe do concello de Boqueixón sobre a necesidade de solicitar autorización autonómica previa para o uso previsto (dado que o trazado discorre por unha zona clasificada como solo rústico de protección de espazos naturais e que forma parte da Rede Natura 2000), o 4.12.2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu conceder a Unión Fenosa Distribución, S.A. a autorización para levar a cabo a devandita infraestrutura eléctrica, que afecta a Rede Natura 2000 debido ao cruzamento co río Ulla, dentro dos límites da ZEC sistema fluvial Ulla-Deza.

• O Concello de Silleda e a empresa Eléctrica de Gres, S.L. non emitiron os seus informes, e, en consecuencia, enténdese a súa conformidade, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; sen prexuízo da autorización que, se é o caso, lles corresponda outorgar.

Sexto. O 10.4.2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria emitiu certificación en que se fai constar que, na provincia de Pontevedra, a liña eléctrica LMT nova saída Silleda-Boqueixón está afectada polo seguinte dereito mineiro: concesión de explotación outorgado El Castillo nº 1963, cuxa titularidade corresponde a Expoltación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. (ERINSA).

O 10.6.2014 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presenta escrito de ERINSA en que lle autoriza a instalación da liña eléctrica denominada LMT nova saída Silleda-Boqueixón, dentro do seu dereito mineiro El Castillo nº 1963.

Sétimo. O 12.11.2014 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria emitiu certificación en que se fai constar que, na provincia da Coruña, a liña eléctrica LMT nova saída Silleda-Boqueixón está afectada polo seguinte dereito mineiro: solicitude de permiso de investigación da sección C Boqueixón nº 7168, cuxa titularidade corresponde a Río Narcea Nickel, S.A.

Oitavo. O 21.1.2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución a respecto das instalacións situadas na provincia da Coruña.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 116/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 110/2013; e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista do escrito de alegacións presentado, da contestación a este por parte da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– Canto á alegación relativa ao cambio de titularidade do predio afectado que figura na RBDA, hai que indicar que para a súa toma de razón deberase achegar a correspondente documentación acreditativa con anterioridade ou durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación, acto ao que serán oportunamente convocados os afectados.

– Canto á alegación relativa á solicitude de expropiación total do predio que resulta afectado parcialmente pola instalación eléctrica de referencia, non se toma en consideración, por non ser obxecto deste procedemento senón do procedemento expropiatorio; concretamente, durante o acto de levantamento de actas previas á ocupación. Neste acto, para o cal serán previamente convocadas todas as persoas titulares dos predios afectados, poderase formular a solicitude de expropiación total.

Terceiro. A respecto da afección da liña eléctrica LMT nova saída Silleda-Boqueixón sobre o permiso de investigación solicitado da sección C) denominado Boqueixón nº 7861, hai que indicar que non procede regulamentariamente trámite de compatibilidade por unha posible concorrencia de utilidades públicas porque estamos ante unha simple solicitude en trámite, dun permiso de investigación; non estamos ante un permiso de investigación outorgado, tal e como estaría configurado cun contido legal concreto e determinado definido na respectiva resolución de outorgamento e, por tanto, non existe o dereito que se concedería ao seu titular consonte ao artigo 44 da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas. Tan só o outorgamento do permiso de investigación levaría implícita a declaración de utilidade pública para os efectos da normativa sobre expropiación forzosa, tal e como reflicte o artigo 104.2 da dita Lei de minas.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT nova saída Silleda-Boqueixón, situada nos termos municipais de Silleda (Pontevedra) e Boqueixón (A Coruña) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Modificación de proxecto de LMT nova saída Silleda-Boqueixón (datado o 8.11.2013), asinado polo enxeñeiro industrial Burkard Hecht Elorduy (colexiado nº 2.633 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e con visado dixital deste colexio con nº 20132354 e data 22.11.2013; e no que figura un orzamento de 191.843,38 €.

Segunda. A empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, as xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña da Consellería de Economía e Industria, a respecto da parte da instalación que cae dentro dos seus ámbitos territoriais, poderán autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deben comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante as xefaturas territoriais de Pontevedra e da Coruña da Consellería de Economía e Industria, a respecto da parte da instalación que cae dentro dos seus ámbitos territoriais, os cales deberán estendela tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito quinto da presente resolución), a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas