Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 6 de marzo de 2015 Páx. 9352

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2015 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2015, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

O desenvolvemento e a competitividade de calquera organización están intimamente relacionados coa capacidade do factor humano que a compón, e esta, pola súa vez, depende directamente da formación adquirida. Nun contexto como o actual, no cal a sociedade demanda das administracións públicas unha eficiente xestión dos medios utilizados, hai que incidir na formación dos empregados públicos, como executores e prestadores de servizos, para que dispoñan das ferramentas persoais que lles permitan desenvolver mellor as súas funcións.

O pasado ano este centro directivo convocou por primeira vez subvencións destinadas ao financiamento dos plans de formación das entidades locais de Galicia. Esta convocatoria era consecuencia das sentenzas do Tribunal Constitucional 225/2012 e 7/2013, que establecían a titularidade das competencias das comunidades autónomas no referente á aprobación, seguimento e control, modificación e resolución de discrepancias na negociación dos plans de formación promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de ámbito autonómico e destinados aos empregados públicos que prestan os seus servizos nelas.

Atendendo á mencionada competencia, procédese este ano novamente á súa convocatoria, modificando a do ano 2014 naquelas cuestións que, pola experiencia deste ano, se considera necesario para evitar complexidades innecesarias que permitirán dar unha visión máis real do contido dos plans de formación.

Na súa virtude, e en uso das competencias atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e, ademais, efectuar a convocatoria da concesión de subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP).

Artigo 2. Finalidade

As subvencións destinaranse a financiar os plans de formación promovidos polas entidades locais de Galicia, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP).

As entidades locais poderán promover plans de formación unitarios ou plans de formación agrupados, circunscritos ao territorio autonómico. As asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto no artigo 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xuño, reguladora da Administración local de Galicia, poderán presentar plans de formación interadministrativos ou agrupados, tanto individualmente por iniciativa propia ou mediante as adhesións dos concellos e deputacións provinciais que o desexen.

Os plans deberán cumprir os obxectivos e demais requisitos fixados no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e serán aprobados pola Comisión Paritaria de Formación Local na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Actividades obxecto de financiamento

As entidades promotoras recollidas no artigo 5 da presente resolución poderán solicitar subvencións para financiar os seguintes tipos de plans:

1. Plans unitarios: caracterízanse por afectar o persoal dunha soa entidade local con, polo menos, 200 empregados públicos.

2. Plans agrupados: son aqueles que afectan o persoal de dúas ou máis entidades locais que agrupen, polo menos, 200 empregados públicos. Poderán ser formulados polas propias entidades locais das cales depende o persoal ou por federacións ou asociacións de entidades locais. En todo caso, cada entidade local só poderá participar nun único plan agrupado.

3. Plans interadministrativos: son aqueles destinados non só ao persoal da administración promotora senón tamén aos empregados públicos doutras administracións. Segundo o establecido no artigo 6, segundo parágrafo, da Resolución do 9 de outubro de 2013, da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, pola que se publica o Acordo de formación para o emprego das administracións públicas do 19 de xullo de 2013, no Boletín Oficial del Estado número 252, do 21 de outubro, segundo a redacción da corrección de erros publicada no Boletín Oficial del Estado do 9 de xaneiro de 2014, estes plans só poderán ser elaborados polas federacións ou asociacións de entidades locais cuxo ámbito de actuación se estende unicamente á Comunidade Autónoma de Galicia.

Os plans interadministrativos terán o 24 por cento dos fondos asignados e os unitarios e agrupados o 75 por cento.

Artigo 4. Financiamento

A concesión das subvencións para os plans de formación obxecto desta resolución financiarase con cargo ao crédito dispoñible no orzamento da Escola Galega de Administración Pública, na partida 05.80.122B.460.1, por un importe de 411.705 euros.

Artigo 5. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos, deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para os empregados públicos, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

Tamén poderán ter o carácter de beneficiarias as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, que promovan plans interadministrativos ou agrupados para a formación dos empregados públicos das entidades locais de Galicia.

Artigo 6. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para teren tal condición.

Ademais, serán obrigas das entidades promotoras as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto para o cal foron concedidos e executar a actividade que fundamenta a concesión da axuda no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano de concesión.

b) Achegar a documentación requirida na correspondente convocatoria, así como xustificar ante o órgano que a concede o cumprimento dos requisitos e condicións que determinen a concesión da subvención.

c) Acreditar con anterioridade á concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento do anterior poderá acreditarse mediante declaración responsable.

d) Efectuar a selección dos participantes nas accións formativas pola adecuación do seu perfil aos obxectivos e contidos daquelas.

e) Comunicar á Escola Galega de Administración Pública a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como da modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

f) Xustificar, antes da data que se sinala no número 1.c) do artigo seguinte, os gastos realizados no exercicio económico en que se concedeu a subvención nos termos fixados na convocatoria.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia, conservando os documentos xustificativos dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Achegar a información sobre as accións formativas realizadas que sexa necesaria para a súa inclusión nunha memoria anual e para efectos estatísticos do seguimento das accións formativas desenvolvidas.

i) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a Escola Galega de Administración Pública, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, achegando a información requirida.

j) Expedir os correspondentes certificados de asistencia e/ou aproveitamento, de acordo cos requisitos previamente establecidos pola Comisión Xeral de Formación para o Emprego das Administracións Públicas.

k) Garantir a calidade e gratuidade das accións formativas financiadas con estes fondos e cumprir con todas as obrigas previstas no AFEDAP.

l) Facer constar o carácter público do financiamento da actividade subvencionada.

m) Cumprir coas obrigas correspondentes previstas no Acordo de formación para o emprego das administracións públicas.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos directamente destinados ao desenvolvemento da actividade formativa programada, incluíndo os desprazamentos do docente.

Terán a consideración de gastos subvencionables os materiais didácticos e complementarios necesarios para o desenvolvemento da actividade formativa.

Na memoria da actividade formativa incluirase a previsión do custo da actividade formativa, desagregado pola natureza do gasto, debendo concorrer os seguintes requisitos:

a) Que o custo dos gastos subvencionables non supere o valor de mercado.

b) Que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano de concesión.

c) Que se atopen efectivamente pagados en 15 de marzo do ano seguinte, data de finalización do período de xustificación.

d) En ningún caso se considerarán gastos financiables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

2. Poderán financiarse con cargo ás subvencións concedidas os gastos directamente imputables ás accións formativas e ás actividades complementarias, así como os gastos xerais imputables á totalidade das actividades que conforman o plan de formación aprobado.

2.1. Gastos directamente imputables ás accións formativas:

a) Gastos de formadores internos e externos no exercicio de actividades de preparación, impartición, titoría e avaliación dos participantes.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno (compra, elaboración, reprodución e distribución), e materiais de traballo funxibles utilizados para o desenvolvemento das actividades de formación.

c) Gastos pola elaboración de contidos para a impartición de cursos a través da internet.

d) Gastos de aloxamento, manutención e desprazamento dos que interveñen nas accións formativas (alumnos, coordinadores, persoal de apoio e profesorado). As entidades beneficiarias a que lles sexa de aplicación o Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, axustaranse ás contías e condicións establecidas nel. Para as demais entidades beneficiarias, observaranse os principios xerais, os requisitos dos gastos e a forma de xustificación establecidos na devandita norma, limitándose as contías máximas subvencionables, con carácter xeral, ás establecidas para o grupo 2.

e) Gastos de alugamento tanto de instalacións como de equipamento necesarios para o desenvolvemento das actividades formativas.

2.2. Gastos xerais asociados á execución das actividades subvencionadas que non poidan ser imputados de forma directa, co límite máximo do 25 por cento do total dos gastos directos:

a) Gastos de persoal de apoio, tanto interno como externo, para a xestión e execución do plan.

b) Gastos de alugamento de instalacións e equipamento non imputables directamente ás actividades previstas no plan de formación.

c) Seguros, incluído, se é o caso, o da cobertura de accidentes dos participantes en coherencia coa disposición adicional terceira do AFEDAP.

d) Gastos de publicidade e difusión.

e) Gastos de avaliación e control.

f) Outros gastos indirectos en concepto de auga, gas, electricidade, mensaxaría, telefonía, material de oficina consumido, vixilancia e limpeza e outros non especializados imputables ao plan de formación, co límite máximo do seis por cento do total dos gastos directos e sen que sexa precisa a súa xustificación documental.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse exclusivamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo https://fedap-galicia.inap.es/ e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es) e é preciso que o promotor estea previamente rexistrado no portal FEDAP. O acceso ao portal FEDAP poderá realizarse introducindo os díxitos de usuario e contrasinal facilitados polo portal ao rexistrarse, ou ben mediante o documento nacional de identidade electrónico ou certificado dixital recoñecido de persoa física ou xurídica.

As solicitudes deberán ir asinadas electronicamente pola persoa designada como representante do promotor para o plan presentado. Nos formularios normalizados cubriranse todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos e, sen emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite. Xunto coa solicitude anexaranse copias dixitalizadas da documentación que se menciona nos artigos seguintes.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Os datos requiridos ao cubrir a solicitude fan referencia á seguinte información:

a) Datos administrativos da entidade promotora, incluíndo o número de efectivos en 31 de decembro de 2014.

b) Datos do representante que asina o plan, datos da persoa de contacto designada e, se é o caso, os datos bancarios.

c) Declaración responsable exixida nos artigos 25 e 26 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, referente a non estar incurso nas prohibicións que para obter a condición de beneficiario establece o artigo 13 da citada lei.

d) Datos das entidades adheridas a plans agrupados, se é o caso.

e) Datos relativos ás accións formativas:

1º. Datos descritivos das actividades formativas co detalle individualizado destas, a súa prioridade, número de edicións, alumnos e horas por edición, orzamento económico e destinatarios.

2º. Memoria das accións formativas que, polo menos, conterá os seguintes apartados:

1) Obxectivos xerais e finalidade do plan de formación.

2) Deseño do plan de formación.

2.1) Resposta do plan ás necesidades de formación detectadas na organización e especificación do procedemento e metodoloxía empregados para iso.

2.2) Resultados da avaliación do plan do ano anterior.

2.3) Incorporación dos resultados da avaliación do plan do ano anterior ao plan de formación presentado.

3) Criterios de seguimento e avaliación do plan: previsións acerca do seguimento das accións formativas (aplicación de técnicas para a avaliación dos resultados, e, se for o caso, do impacto da formación).

4) Implantación do plan de formación.

4.1) Ámbito de aplicación e colectivos afectados.

4.2) Criterios de selección dos participantes.

5) Contido de accións formativas específicas.

5.1) Actividades formativas que sexan instrumento de motivación e compromiso dos empregados públicos.

5.2) Accións formativas relativas á Administración electrónica.

6) Participación sindical na elaboración, xestión e execución do plan.

f) Datos relativos ás actividades complementarias: memoria de cada proxecto de actividade complementaria que conteña a súa denominación, descrición da actividade con expresa mención á súa finalidade, ao seu custo e ao produto específico que se obterá coa realización da actividade e que deberá entregarse xunto coa xustificación económica do gasto realizado con motivo da realización da actividade.

g) Datos relativos ao plan de formación:

1º. Datos relativos a anteriores convocatorias: destinatarios, recursos propios dedicados, fondos subvencionados, recursos humanos dedicados.

2º. Datos económicos do plan, con desagregación por conceptos de gasto.

2. Ás solicitudes xuntaránselles os seguintes documentos xerados en formato electrónico:

a) Tarxeta de identificación de persoas xurídicas e entidades en xeral (NIF).

b) No caso de federacións ou agrupacións, a documentación que acredite, conforme a lexislación vixente, as facultades de representación do asinante do plan para actuar en nome da persoa xurídica solicitante.

c) Cando se trate dun plan agrupado, os documentos de adhesión ao devandito plan.

d) Informe da representación sindical.

As entidades locais adheridas a un plan agrupado, ademais do documento de adhesión a que fai referencia a letra c) anterior, xuntarán informe da representación sindical na devandita entidade, sempre que o seu número de empregados sexa igual ou superior a 200.

3. Os documentos a que fai referencia o número 2.a) e b), de acordo co previsto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, incorporaranse ao expediente a través do portal FEDAP mediante copias dixitalizadas dos documentos, cuxa fidelidade co orixinal garantirán mediante a utilización de sinatura electrónica.

4. Os documentos previstos no número 2.c) e d) serán asinados manualmente polos representantes das administracións e responsables sindicais, respectivamente, e incorporados ao expediente mediante copias dixitalizadas.

5. A presentación da solicitude de concesión de subvencións comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento; neste caso, deberá achegar as certificacións xunto coa solicitude nos termos previstos regulamentariamente ou cando sexan requiridas polo órgano instrutor.

Artigo 10. Concorrencia e acumulación con outras subvencións

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Escola Galega de Administración Pública tan axiña como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. A presentación da solicitude comportará, se é o caso, a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Escola Galega de Administración Pública publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis. A dita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade financeira en que se aboe o pagamento das subvencións, ao Diario Oficial de Galicia e as demais cesións previstas na lei.

Artigo 12. Órganos competentes

Recibidas as solicitudes formuladas polas entidades locais, así como a súa documentación complementaria, procederá a analizalas e valoralas unha comisión de valoración que estará composta por seis membros: dous da EGAP, un da Federación Galega de Municipios e Provincias e tres da representación sindical. A resolución de concesión das subvencións que se outorguen será competencia da directora da EGAP, logo dos informes que se mencionan no artigo 15 desta resolución.

Artigo 13. Procedemento de concesión das subvencións. Instrución

1. O procedemento para a concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva conforme o artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará se reúne todos os requisitos e documentos sinalados no artigo 9 desta convocatoria. Pola contra, outorgarase un prazo de emenda de dez (10) días hábiles, coa advertencia expresa ao solicitante de que, se non atende o requirimento, se terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

3. O requirimento de emenda será notificado de acordo co establecido na Lei 30/1992; con todo, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no taboleiro electrónico habilitado para estes efectos na páxina web da EGAP, onde se establecerá o contido pormenorizado do requirimento que se fai. Se se opta por esta última modalidade, comunicarase por medios telemáticos que o requirimento de emenda se acha exposto no citado taboleiro electrónico. Poderase facer indicación expresa de que os seguintes actos administrativos do procedemento serán notificados a través do citado taboleiro.

4. A documentación a que se refire a emenda poderá presentarse ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ou por calquera dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade local solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

6. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, valoraranse os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de non admisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

7. Cando o importe da proposta de subvención sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, instarase o beneficiario para que no prazo de quince (15) días reformule a solicitude e adapte o plan de formación ao devandito importe, respectando, en todo caso, as directrices do plan inicial. Os órganos de valoración darán a súa conformidade ás adaptacións.

Artigo 14. Resolución

1. A Comisión Paritaria de Formación para o Emprego da Administración Local da Comunidade Autónoma de Galicia deberá emitir informe e aprobar con carácter previo os plans de formación que concorran á convocatoria de subvencións para o financiamento dos devanditos plans.

2. O órgano instrutor, á vista do expediente, das propostas de concesión e dos informes da Comisión Paritaria de Formación para o Emprego da Administración Local da Comunidade Autónoma de Galicia elaborará as propostas de resolución de concesión de subvencións, debidamente motivadas e nas cales constará a relación de solicitantes para os cales se propón a concesión da axuda e a súa contía, así como a desestimación expresa das demais solicitudes, de conformidade co artigo 25 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. Elaborada a relación sinalada anteriormente, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de dez (10) días. Con todo, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos, nin outras alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder cinco (5) meses a partir da publicación da correspondente convocatoria. O remate deste prazo sen se ter notificado a resolución lexitimará os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

Artigo 15. Criterios de outorgamento da subvención e a súa cuantificación

1. Serán obxecto de financiamento os plans de formación para o emprego presentados polas entidades locais de Galicia e as súas asociacións e federacións que cumpran os requisitos e obxectivos fixados no AFEDAP.

2. Para a valoración dos plans presentados polos beneficiarios para efectos de determinar a cuantificación individualizada da subvención concedida e tendo en conta, en todo caso, que non poderá ser superado o límite do crédito establecido no artigo 4, o parámetro que se vai utilizar será o número total de empregados que integren o cadro de persoal da entidade local promotora, no caso dos plans unitarios, ou a suma dos empregados incluídos nos respectivos cadros de persoal das entidades locais, no caso dos plans agrupados.

3. Como criterios cualitativos, co fin de determinar a adecuación dos plans presentados a uns criterios mínimos de calidade, a Comisión Paritaria de Formación Local valorará ponderadamente os seguintes criterios:

– Recursos económicos propios destinados á formación no exercicio anterior á convocatoria, ata 5 puntos.

– Recursos humanos destinados á xestión da formación no exercicio anterior, ata 3 puntos.

– Grao de execución da subvención no exercicio anterior, 5 puntos.

– Resposta do plan de formación ás necesidades de formación detectadas a través da aplicación de técnicas de avaliación, 5 puntos.

– Presentación e incorporación dos resultados da avaliación do plan de formación subvencionado no exercicio anterior, 5 puntos.

– Incorporación de actividades que sexan instrumento de motivación dos empregados públicos, 3 puntos.

– Inclusión de accións formativas relativas á Administración electrónica, 3 puntos.

– Previsión do seguimento das accións formativas, avaliación dos resultados e do impacto da formación, 5 puntos.

– Eficiencia económica do plan en función do custo hora-participante previsto. Valorarase a capacidade do solicitante para formar un maior número de persoas co menor custo posible, asignándolle 5 puntos ao plan máis eficiente e aplicando un criterio de proporcionalidade na valoración dos restantes plans.

– Sinatura sindical do plan presentado, 6 puntos.

Para a súa aprobación, o plan presentado deberá obter unha puntuación mínima de 20 puntos.

Artigo 16. Pagamento da subvención

1. Poderanse realizar ás entidades beneficiadas pagamentos anticipados por importe de ata o 80 % da subvención outorgada, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e cos límites establecidos no artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas entidades locais deberán xustificar o pagamento que dá lugar á subvención de acordo co previsto no artigo 18 destas bases reguladoras.

2. Non poderá realizarse o pagamento en canto o promotor non se ache ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co establecido no artigo 34.5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. Os beneficiarios estarán exentos de constituíren avais, depósitos ou calquera outro medio de garantía.

Artigo 17. Execución do plan de formación e as súas modificacións

1. O período de execución do plan de formación obxecto da subvención será o ano natural de concesión, con independencia da data de adxudicación ou en que se faga efectiva a axuda.

2. A partir do momento da adxudicación das subvencións, as entidades beneficiarias poderán modificar os seus plans de formación e deben realizalo antes do 30 de novembro de 2014; para ese efecto, deberán solicitar á Comisión Paritaria de Formación Local para o Emprego da Comunidade Autónoma a aprobación daquelas modificacións que se consideren substanciais segundo as condicións e no prazo que se determine na correspondente convocatoria.

Artigo 18. Xustificación

1. A xustificación da realización dos plans de formación para os cales foron concedidas as subvencións e dos gastos incorridos no ano natural de concesión realizarase mediante a achega á EGAP da correspondente conta xustificativa na forma e prazo que se determina nos números seguintes.

2. O prazo de xustificación será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de marzo do ano seguinte, prazo que será improrrogable.

3. A xustificación a que se refire o número 1 deste artigo adoptará a forma de «conta xustificativa simplificada», co contido seguinte:

1º. Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as funcións de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2º. Certificación expedida polo secretario da entidade local co visto e prace do alcalde, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, o seguinte:

a) Datos sobre a execución das accións formativas que conforman o plan de formación.

b) Datos dos gastos realizados por cada un dos conceptos de gasto recollidos no orzamento do plan de formación.

c) Certificado acreditativo da realización das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención, así como dos gastos realizados e o seu pagamento.

d) Unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

4. De acordo co establecido no artigo 70.3 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, se transcorrido o prazo de xustificación o beneficiario non presenta a documentación xustificativa, a EGAP requirirao para que no prazo improrrogable de quince (15) días sexa presentada, con apercibimento de que a falta de presentación dará lugar á exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados e tribunais competentes, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición ante a directora da Escola Galega de Administración Pública no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 20. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supoñerían a denegación da axuda ou subvención.

O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á directora da Escola Galega de Administración Pública acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte (20) días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Escola Galega de Administración Pública, tras a instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez (10) días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 23. Reintegro das subvencións

1. O incumprimento dos deberes contidos nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar ao deber de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 24. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «solicitantes de subvencións», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Escola Galega de Administración Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Escola Galega de Administración Pública, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: EGAP, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.es.

Artigo 26. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada en reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, cabe a interposición directa de recurso contencioso-administrativo ante os xulgados desa xurisdición que resulten competentes, no prazo de dous (2) meses contados tamén a partir do día seguinte ao da publicación deste acto no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que se opte polo recurso de reposición, non caberá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta por silencio do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública