Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 23 de marzo de 2015 Páx. 11462

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 12 de marzo de 2015 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da obra: reforma do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito: parque empresarial de Santa Comba-Abuín (clave AC/08/064.01.1).

Con data do 11 de marzo de 2015, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 20 de novembro de 2014 a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o proxecto de construción da obra: reformado do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito: parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave: AC/08/064.01.1.

Segundo. Con data do 10 de decembro de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 236) a Resolución con data do 4 de decembro de 2014, pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de construción da obra: reformado do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito: parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave: AC/08/064.01.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. Remitiuse ao Concello de Santa Comba e ao Servizo de Infraestruturas da Coruña, para a súa exposición ao público, durante 30 días hábiles, prazo durante o cal tamén estivo exposto ao público na Axencia Galega de Infraestruturas.

Cuarto. Con data do 5 de marzo de 2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite a resolución pola que se formula o informe de impacto ambiental sobre o proxecto referenciado.

Quinto. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións que foron estudadas para a súa valoración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que será preceptivo o sometemento dos estudos informativos, ou, se é o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos destas que non estiveran previstas no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo ao planeamento urbanístico municipal.

No punto 3 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto someteranse ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitan informe, entenderase que mostran a súa conformidade co trazado proposto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. A aprobación definitiva do proxecto de construción da obra: reformado do acondicionamento da estrada AC-406 Portomouro-Santa Comba, treito: parque empresarial de Santa Comba-Abuín, de clave: AC/08/064.01.1, mantendo o trazado proposto como definitivo, e coa consideración das alegacións recibidas, referidas a límites de expropiación e/ou titularidade de bens.

Isto é, de xeito detallado:

– Reducir a expropiación en zonas puntuais, de tal xeito que se minimice a afección a edificacións e outros bens existentes.

– Completar e corrixir a relación de bens e dereitos afectados, así como dos seus titulares, cos identificados a raíz do procedemento de información pública.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra, cumpriranse as prescricións da Resolución do 5 de marzo de 2015, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula o informe de impacto ambiental sobre o proxecto referenciado.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Santa Comba deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Cuarto. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas), porase á disposición dos interesados un documento coa planta do proxecto de construción aprobado.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas