Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 26 de marzo de 2015 Páx. 11959

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as bases que rexen a convocatoria conxunta de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

De acordo co previsto nos artigos 99 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, 13 e 19 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional (BOE do 9 de agosto), modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño (BOE do 9 de xullo), e de conformidade co establecido na Orde do 8 de setembro de 1994, do Ministerio de Administracións Públicas, pola que se aproba o modelo de convocatoria conxunta e bases comúns polas que se rexerán os concursos ordinarios para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional (BOE núm. 216, do 9 de setembro), na Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a estes funcionarios (BOE núm. 192, do 12 de agosto) e demais normativa concordante, esta dirección xeral

DISPÓN:

Primeiro. Dar publicidade ás bases comúns, así como aos méritos de determinación autonómica e específicos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes nas corporacións locais, reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Segundo. Esta publicación, en cumprimento da normativa de aplicación, realízase para os exclusivos efectos de publicidade, e non supón a apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2015

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO I
Bases comúns

Primeira. Postos

Ofrécense neste concurso os postos vacantes reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional naquelas corporacións que aprobaron as bases específicas.

Segunda. Participación

1. Os funcionarios con habilitación de carácter nacional así como os funcionarios non integrados nas actuais subescalas, pertencentes aos extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios da Administración local a que se refire a disposición transitoria primeira, 1, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, poderán concursar aos postos que se ofrecen nos termos seguintes:

– Os secretarios de primeira, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría superior.

– Os secretarios de segunda, a postos reservados á subescala de secretaría, categoría de entrada.

– Os secretarios de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría intervención.

– Os secretarios de concellos para extinguir, ás secretarías de concellos con poboación que non exceda os 2.000 habitantes.

– Os interventores, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente a postos de intervención.

– Os depositarios, a postos reservados á subescala de intervención-tesouraría, pero unicamente a postos de tesouraría.

2. Non poderán concursar:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firmes, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c) e d), da Lei de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o paso a elas.

d) Os funcionarios que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, salvo que concursen a postos reservados á súa subescala e categoría na mesma corporación ou se encontren nos supostos do artigo 20.1.f), da Lei de medidas para a reforma da función pública.

Terceira. Documentación e prazo para participar

1. No prazo de quince (15) días naturais, a partir da publicación conxunta deste concurso no Boletín Oficial del Estado, os funcionarios con habilitación de carácter nacional que desexen tomar parte nel dirixirán á corporación local do posto a que concursan a seguinte documentación:

– Solicitude de participación comprensiva de declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño (BOE do 9 de xullo).

– Documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica de acordo co que establece a base cuarta desta resolución, así como os específicos de cada posto nos termos que se indican no anexo I.

2. Os concursantes a dous ou máis postos presentarán solicitude e documentación acreditativa dos méritos de determinación autonómica en todas as corporacións en que soliciten postos. Así mesmo, os concursantes a dous ou máis postos presentarán en idéntico prazo de quince (15) días naturais orde de prelación de adxudicacións ante a Subdirección Xeral de Relacións con outras Administracións (María de Molina, nº 50, 28071 Madrid). A orde de prelación será única e comprensiva da totalidade de postos solicitados, e único, así mesmo, se se concursa a unha ou varias subescalas e categorías. A formulación da orde de prelación, cuxo único obxecto é evitar a adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante, non substituirá a solicitude de participación dirixida a cada corporación local.

3. Os requisitos exixidos, así como os méritos, deberán reunirse na data correspondente á resolución da Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarta. Méritos de determinación autonómica

Méritos de determinación autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional).

1. Méritos.

Os méritos relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia serán incluídos polas corporacións locais na respectiva convocatoria.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos está constituído polos seguintes:

– Experiencia profesional: consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia que impliquen o coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia.

– Cursos de formación e perfeccionamento superados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública e que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

– Actividade docente: dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal e réxime económico-financeiro das entidades locais en cursos organizados pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración con esta.

– Publicacións: en materias relativas ás especialidades de organización territorial e do dereito propio de Galicia.

2. Valoración de méritos.

A proporción que corresponde a cada unha das clases de méritos expresados no artigo anterior é a seguinte:

– Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

– Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,50 puntos.

– Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

– Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

3. Regras para a puntuación de méritos.

Experiencia profesional: os servizos prestados valoraranse do seguinte xeito:

– Servizos prestados como funcionarios de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

a.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

a.2) De distinta subescala e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

– Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionarios de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

a.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

a.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

Máximo: 0,90 puntos.

Cursos de formación e perfeccionamento: a valoración dos cursos, con exclusión dos que formen parte dos procesos selectivos correspondentes, efectuarase da forma seguinte:

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente, fosen homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para os efectos deste artigo.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter estatal, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto.

Para o suposto de que a puntuación dos cursos non estivese determinada nas súas convocatorias, a valoración farase exclusivamente respecto daqueles cursos en que a materia impartida teña relación coas funcións reservadas aos funcionarios con habilitación de carácter nacional, da forma seguinte:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento con duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

Máximo: 1,5 puntos.

Actividade docente: valorarase cun máximo de 0,30 puntos, a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose os congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

Publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,30 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

4. Acreditación de méritos.

Os concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación do certificado correspondente ou a copia do título debidamente compulsada.

5. Valoración dos méritos pola comisión avaliadora.

A comisión avaliadora do concurso comprobará e valorará os méritos alegados de acordo coas regras e coas puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

Quinta. Méritos específicos

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se detallan no anexo III.

Sexta. Valoración de méritos

1. De acordo coas previsións da convocatoria, a comisión avaliadora comprobará e valorará os méritos específicos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño.

Non se valorarán aqueles méritos que non se consideren suficientemente acreditados coa documentación presentada.

2. Para a valoración dos méritos autonómicos no concurso ordinario, as comisións avaliadoras poderán solicitar á consellería competente en materia de réxime local informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

3. Coa puntuación que se deduza das valoracións, sumada aos méritos xerais e autonómicos, a comisión elevará proposta á corporación comprensiva dos/as candidatos coa orde da valoración final de méritos.

4. A comisión de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo aqueles que non os reúnan. A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte xeito tendo en conta o parágrafo 6 do novo artigo 92 bis da Lei de bases de réxime local, introducido pola Lei 27/2013, onde se establece un novo reparto de porcentaxes sobre o total da puntuación de méritos (30 puntos) de cara aos concursos de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional:

– Méritos xerais, deben supoñer mínimo o 80 % da puntuación total, 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais dos habilitados nacionais aprobada pola Dirección Xeral de Función Pública, sen que sexa posible ningunha acreditación adicional por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte da comisión de valoración.

– Méritos específicos, un 5 % da puntuación total, 1,50 puntos, e méritos de determinación autonómica, non poderán superar o 15% da puntuación total, ata un total de 4,5 puntos, con base na documentación acreditativa achegada polos concursantes.

Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, a comisión de valoración asignará unicamente a puntuación de méritos autonómicos, se existiren.

5. Tamén poderán sinalar unha puntuación mínima no caso indicado no artigo 21.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e a previsión dunha exposición oral para os efectos de concreción dos méritos.

6. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, a comisión avaliadora dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación de méritos xerais, seguindo a orde de enumeración deles determinada na normativa estatal. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Sétima. Proposta de resolución

Efectuadas polo tribunal a exclusión e puntuación final de concursantes, elevaralle ao presidente da corporación proposta de resolución comprensiva de todos os non excluídos e as súas puntuacións ordenadas de maior a menor. Así mesmo, elevará relación fundada de excluídos.

Oitava. Resolución

1. O presidente da corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada polo tribunal de valoración.

2. A dita resolución será motivada con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos candidatos e comprender, por orde de puntuación, a totalidade dos concursantes non excluídos.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral da Función Pública dentro dos trinta días naturais seguintes ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Novena. Coordinación de nomeamentos

1. A Dirección Xeral da Función Pública transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, procederá a efectuar a coordinación de resolucións coincidentes a favor dun mesmo concursante, con adxudicación final de postos, atendendo á orde formulada polos interesados na folla de prelación e á puntuación obtida en cada un dos postos afectados.

Décima. Formalización de nomeamentos

De acordo co resultado da coordinación nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións nos restantes, a Dirección Xeral da Función Pública procederá a formalizar os nomeamentos, ao seu envío ás comunidades autónomas e a súa publicación no prazo dun mes, no Boletín Oficial del Estado.

Décimo primeira. Prazo de toma de posesión

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

2. Este prazo empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de nomeamentos no Boletín Oficial del Estado. Se o destino obtido comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computar desde a dita publicación.

3. O cómputo de prazos de toma de posesión iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se lles concedesen aos interesados.

4. Por necesidades do servizo, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que teña que cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferir o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres (3) meses; o segundo deles deberá dar conta deste acordo á Dirección Xeral de Cooperación Local.

Décimo segunda. Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos

Os concursantes non poderán renunciar ao concurso nin ao posto que sexa adxudicado a partir do momento en que os tribunais eleven proposta de resolución á corporación.

As adxudicacións de postos no concurso terán carácter voluntario e non xerarán, en consecuencia, ningún dereito ao aboamento de indemnización por traslado.

Décimo terceira. Cesamento e toma de posesión

1. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariais inherentes ao posto, pasando a depender o funcionario da correspondente corporación.

2. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes serán comunicadas á Dirección Xeral de Cooperación Local e á comunidade autónoma respectiva, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

Décimo cuarta. Recursos

Os actos administrativos dos tribunais de valoración poderán ser impugnados conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

ANEXO II

Bases específicas polas que se rexerán os concursos para a provisión
de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local
con habilitación de carácter nacional

* Intervención-Tesouraría do Concello de Narón (A Coruña):

Entidade e provincia: Concello de Narón (A Coruña).

Denominación e clase do posto: interventor do Concello de Narón.

Subescala e categoría: intervención-tesouraría, categoría superior.

Poboación en data de 31.12.2013: 39.568 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 30.

Complemento específico: 3.586,76 €/mes.

• Baremo de méritos específicos.

A) Formación.

Por cursos de especialización en facendas locais; contabilidade e auditoría de administracións públicas territoriais, impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas publicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP, universidades públicas...).

– Por cursos de 15-49 horas: 0,10 puntos.

– Por cursos de 50-74 horas: 0,15 puntos.

– Por cursos de 75-99 horas: 0,25 puntos.

– Por cursos de 100-299 horas: 0,50 puntos.

– Por cursos de 300 horas ou máis: 1 punto.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiren. Non se valorarán os cursos con duración inferior a 15 horas. Para os efectos de garantir a actualización dos coñecementos, só serán valorados aqueles cursos cuxa data de expedición do diploma acreditativo sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2000.

A puntuación máxima neste punto será de 1,5 puntos.

Dadas as características deste concello, posto que se trata dun municipio de preto de 40.000 habitantes a corporación municipal acorda primar, á hora de cubrir este posto de traballo, a formación superior adquirida na área económica de intervención (contabilidade e fiscalización) xa que resulta necesario un especialista para o desempeño do posto de traballo.

B) Medios de acreditación de méritos.

En ningún caso se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias.

C) Non se prevé a realización de entrevista persoal.

D) Comisión de valoración:

Tribunal titular:

Presidente: Paula Castro Mazorra, tesoureira do Concello de Ferrol.

Secretario e 1º vogal da comisión de valoración: Alfonso de Prado Fernández-Canteli, secretario do Concello de Narón.

2º vogal: Alejandro Antelo Martínez, secretario do Concello de Neda.

3º vogal: Ana Cacharrón Castelos, secretaria do Concello de Bergondo.

4º vogal: Pilar M. Pastor Novo, secretaria do Concello de Culleredo.

Tribunal suplente:

Presidente: Ana Gago Fernández, viceinterventora do Concello de Santiago de Compostela.

Secretario e 1º vogal da comisión de valoración: Manuel Larrosa Rodríguez, secretario-interventor do Concello de Ares.

2º vogal: Rafael Bermúdez Iglesias, secretario do Concello de Mugardos.

3º vogal: María Fernanda Martínez Parapar, secretaria do Concello de Cuntis.

4º vogal: Ana Prieto Martínez, interventora do Concello de Valdoviño.

No non previsto nestas bases aplicarase o disposto no Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo para funcionarios da Administración local con habilitación de carácter estatal, así como as normas que o desenvolve, e a calquera outra que lle sexa de aplicación.

As presentes bases poderán ser impugnadas na forma e prazos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.