Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 31 de marzo de 2015 Páx. 12540

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 11 de marzo de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación municipal de Lalín para a ampliación do SG-EQ-3, cemiterio municipal da Romea, en Botos.

O Concello de Lalín achega a modificación puntual número 13 do PXOM para a ampliación do sistema xeral de equipamento público municipal do cemiterio da Romea en Botos, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Lalín, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello de Lalín conta cun PXOM aprobado definitivamente o 5 de febreiro de 1999.

I.2. Consta Decisión do 8 de agosto de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da MP 13 (DOG do 13 de setembro).

I.3. A modificación foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación na sesión do 31 de marzo de 2014. Foi sometida a información pública dous meses con anuncios nos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia do 9 de abril; e no DOG do 9 de abril. Consta notificación aos concellos limítrofes.

I.4. Consta certificación municipal do 17 de xuño de 2014 conforme non se presentou ningunha alegación no período de información pública.

I.5. Constan informes municipais respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta: técnicos do 24.3.2014 e 22.12.2014; xurídico do 22.12.2014; e de Secretaría Xeral do 24.3.2014 e 22.12.2014.

I.6. Constan os seguintes informes sectoriais favorables:

– Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a sociedade da información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, do 7 de maio de 2014.

– Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, do 30 de xuño de 2014.

– Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar, do 26 de setembro de 2014.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 25 de novembro de 2014.

I.7. A modificación puntual núm. 13 do PXOM foi aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación na sesión do 29 de decembro de 2014.

II. Análise e consideracións.

1. A modificación puntual ten por obxecto posibilitar a ampliación do cemiterio municipal da avenida da Romea no lugar de Botos, co fin de incrementar a súa capacidade de acollida, dado o seu grao de ocupación actual que acada un 97 % e tendo en conta a media anual de defuncións no concello.

2. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas na modificación puntual por canto se pretende ampliar unha dotación pública constituída polo servizo básico dun cemiterio, que está próximo a esgotar a súa capacidade máxima de acollida.

3. A parcela que actualmente ocupa o cemiterio (19.840 m2), así como o ámbito sobre o cal se quere ampliar (14.850 m2), están clasificados no PXOM como solo rústico común, na subcategoría de prados, cultivos e mato. A parcela do cemiterio existente está cualificada como sistema xeral de equipamento SG-EQ-3.

4. A modificación puntual contempla a ampliación do sistema xeral de equipamento núm. 3 (SG-EQ-3) mantendo a mesma clase de solo asignada polo PXOM fóra da liña límite de edificación da autoestrada AP-53.

5. Segundo o artigo 33.2.g) en relación co 36 da LOUG, os cemiterios son dotacións permitidas en solo rústico de protección ordinaria.

6. Ao abeiro das competencias autonómicas establecidas no artigo 85.9 da LOUG verbo da aprobación definitiva do planeamento municipal, considérase suficiente a documentación da modificación puntual, a súa conformidade coa lexislación urbanística e a coherencia cos instrumentos de ordenación do territorio, así como a non incidencia do seu contido e alcance sobre materias de competencia autonómica.

De conformidade co artigo 89 da LOUG e o artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 13 do Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Lalín, para a ampliación do cemiterio municipal da Romea, no lugar de Botos.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas