Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 7 de abril de 2015 Páx. 13169

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.1.1, establece que corresponde á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva na materia de fomento e planificación da actividade económica en Galicia, de acordo coas bases e coa ordenación da actuación económica xeral e coa política monetaria do Estado, e nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13 da Constitución. Ademais, o artigo 39 do Estatuto preceptúa que tamén lle corresponde á nosa comunidade autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado.

En exercicio da competencia citada, aprobouse a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, coa finalidade de apoiar os colectivos emprendedor e empresarial para que poidan actuar como catalizadores do crecemento da economía galega. Neste sentido, no capítulo IX do seu título II, denominado «Medidas para estimular o emprendemento e a actividade emprendedora», establece a creación do Consello Galego de Economía e Competitividade, como órgano colexiado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun conxunto de mecanismos de mellora, na coordinación de políticas e servizos de apoio a persoas emprendedoras e empresas, e que se adscribe á consellería con competencias nas materias de economía e industria. Por outra banda, a disposición transitoria segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, habilita para que o dito órgano colexiado asuma as funcións e competencias que se lle atribúen, na normativa correspondente, ao Consello Galego de Industria, ao Consello Galego da Minaría e ao Consello Galego de Comercio, que quedarán suprimidos no momento da constitución daquel.

Os artigos 19.3 e 22 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, determinan que, mediante regulamento, se dispoñerá a composición, atributos e condicións, así como o réxime de funcionamento, do Consello Galego de Economía e Competitividade, polo que en cumprimento desa disposición, dos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a través desta norma apróbase a súa composición, atribucións, condicións, organización e funcionamento.

O decreto contén un único artigo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade; dúas disposicións adicionais, que establecen, respectivamente, a asunción das funcións da Comisión Consultiva do extinto Consello Galego de Comercio e o non incremento de consignacións orzamentarias; e catro disposicións derradeiras, que se refiren, en cada caso, á supletoriedade normativa, ao desenvolvemento regulamentario, á obriga de colaboración por parte dos órganos administrativos, organismos e entidades da consellería competente en materia de economía e industria, así como á entrada en vigor do decreto.

O texto do Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade consta de 24 artigos, e estrutúrase a través de tres capítulos.

O capítulo I, artigos 1 ao 9, relativo á súa natureza e aos seus fins, que o configuran como órgano colexiado de participación, coordinación, representación e consulta, que se adscribe á consellería competente en materia de economía e industria, e que exerce dous tipos de funcións, as xerais e as específicas.

O capítulo II, artigos 10 ao 17, regula a súa estrutura orgánica e a súa composición, establece a existencia de órganos colexiados (pleno e comités executivos) e unipersoais (presidencia e vicepresidencia), fixa a orixe de cada unha das persoas que integran o Consello, así como as regras básicas que determinan a composición dos seus comités executivos, enumera as funcións que corresponden a cada un dos seus órganos, e determina as atribucións de cada persoa membro do Consello, así como da secretaría deste.

O capítulo III, artigos 18 ao 24, que se refire ao réxime de funcionamento, regula a convocatoria das sesións, o quórum preciso, a orde do día, a maneira de adoptar os acordos e os requisitos e contido das actas, así como o réxime básico de funcionamento dos comités executivos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

Apróbase o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, mediante o cal se regula a súa composición, atribucións, condicións, organización e funcionamento, en execución e desenvolvemento do capítulo IX do título II da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Disposición adicional primeira. Asunción das funcións da Comisión Consultiva do extinto Consello Galego de Comercio

As persoas designadas para formar parte da Comisión Consultiva creada no seo do Consello Galego de Comercio seguirán exercendo as súas funcións na Comisión Consultiva que se cree no seo do Consello Galego de Economía e Competitividade, segundo o establecido nos artigos 6 e 13.

Disposición adicional segunda. Non incremento de consignacións orzamentarias

A constitución, posta en marcha e funcionamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, así como de calquera dos seus órganos internos, non xerarán incrementos das consignacións orzamentarias do departamento a que se adscribe.

Os membros dos órganos colexiados non percibirán ningún tipo de retribución, indemnización ou compensación económica pola súa asistencia ás sesións.

Disposición derradeira primeira. Supletoriedade normativa

En todo o non establecido no Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, e nomeadamente no relativo á organización e funcionamento dos seus órganos, así como ao estatus xurídico das persoas membros, observarase o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de economía e industria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento e, de maneira específica, as que sexan precisas para a constitución do Consello Galego de Economía e Competitividade e as que se refiran á composición, organización e funcionamento dos diferentes órganos colexiados, seccións e grupos de traballo que se constitúan, no marco das directrices que fixe ao respecto o pleno.

Disposición derradeira terceira. Obriga de colaboración

Os distintos órganos administrativos, organismos e entidades da consellería competente en materia de economía e industria quedan obrigados a colaborar co Consello Galego de Economía e Competitividade en todo o preciso para o desenvolvemento das funcións deste.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

CAPÍTULO I
Natureza e fins do Consello Galego de Economía e Competitividade

Artigo 1. Natureza

1. O Consello Galego de Economía e Competitividade (no sucesivo, o Consello), creado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, é un órgano colexiado de participación, coordinación, representación e consulta das políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de economía e industria, especialmente as que se refiran a apoio a persoas emprendedoras e empresas, innovación, competitividade, internacionalización, comercio interior e exterior, política industrial e desenvolvemento enerxético e mineiro.

2. O Consello está adscrito á consellería competente en materia de economía e industria, coa natureza xurídica de órgano colexiado, pero non participa na estrutura xerárquica do dito departamento.

3. A consellería competente en materia de economía e industria facilitaralle ao Consello os medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das funcións recollidas na Lei 9/2013, do 19 de decembro, e neste regulamento, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2. Funcións do Consello

1. O Consello exercerá funcións xerais e funcións específicas.

2. As funcións específicas do Consello referiranse ao emprendemento, a innovación, a competitividade, a internacionalización, o comercio interior e exterior, a política industrial e o desenvolvemento enerxético e mineiro.

Artigo 3. Funcións xerais

O Consello terá as seguintes funcións xerais, nos termos que establecen os artigos 20 e 21 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia:

a) Aprobar anualmente o informe o que se refire o número 1 do artigo 20 da Lei 9/2013, do 19 de decembro.

b) Establecer os comités executivos, por obxectivos temáticos, que se consideren convenientes, así como fixar as súas directrices de funcionamento e propoñer á persoa titular da presidencia os/as vogais que os integrarán, para que proceda á súa designación.

c) Crear, de ser o caso, seccións técnicas e grupos de traballo, nos termos que se indican no número 4 do artigo 10.

d) Formular propostas para a mellora da planificación, xestión e avaliación das políticas públicas nas materias do ámbito da economía e a industria.

e) Responder as consultas que lle formulen e elaborar os informes que lle soliciten as administracións públicas.

f) Aqueloutras funcións que lle sexan atribuídas por unha norma de rango legal ou regulamentario, ou que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas mediante orde da consellería con competencias en materia de economía e industria.

Artigo 4. Funcións específicas en materia de política industrial

O Consello terá as seguintes funcións específicas en materia de política industrial:

a) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e os proxectos de regulamento con incidencia sobre o sector industrial galego, así como sobre o anteproxecto de plan director da industria de Galicia e sobre o estudo do impacto das políticas públicas autonómicas en materia industrial.

b) Formular propostas con relación aos instrumentos de planificación da política industrial de Galicia, coa finalidade de actualizalos, adaptalos ás necesidades do sector industrial galego e mellorar a súa eficacia e eficiencia.

c) Emitir ditames sobre aquelas cuestións que, no ámbito das políticas públicas vinculadas coa industria, lle sexan consultadas polo Consello da Xunta de Galicia ou pola consellería con competencia en materia de industria.

d) Elaborar estudos sobre política industrial.

e) Con carácter xeral, calquera competencia que o ordenamento xurídico e, nomeadamente, a normativa autonómica con rango legal que regula a materia de política industrial, lle atribúa ao extinto Consello Galego de Industria.

Artigo 5. Funcións específicas en materia de minaría

O Consello terá as seguintes funcións específicas en materia de minaría:

a) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e os proxectos de regulamento con incidencia sobre o sector mineiro galego, así como sobre o anteproxecto de plan sectorial de actividades extractivas de Galicia.

b) Emitir ditames sobre aquelas cuestións que, no ámbito das políticas públicas con incidencia no ámbito mineiro, lle sexan consultadas polo Consello da Xunta de Galicia ou pola consellería con competencia en materia de minaría.

c) Elaborar estudos e formular propostas en materia de políticas públicas relacionadas coa minaría.

d) Coñecer da evolución do emprego no sector da minaría, das sancións firmes derivadas dos incumprimentos da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, e das estatísticas de sinistros do sector e subsectores da minaría.

e) Efectuar o seguimento do grao de cumprimento de todas as iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade do emprego na minaría de Galicia, incrementar a seguridade laboral e impulsar a formación dos traballadores e das traballadoras do sector na nosa Comunidade.

f) Xenericamente, calquera competencia que o ordenamento xurídico, e particularmente a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, lle atribúa ao extinto Consello da Minaría de Galicia.

Artigo 6. Funcións específicas en materia de comercio

O Consello terá as seguintes funcións específicas en materia de comercio:

a) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e os proxectos de regulamento con incidencia sobre a ordenación do comercio e da actividade comercial.

b) Emitir ditames sobre aquelas cuestións que, no ámbito das políticas públicas con incidencia na actividade comercial, lle sexan consultadas polo Consello da Xunta de Galicia ou pola consellería con competencia en materia de comercio.

c) Formular propostas e suxestións que se consideren convenientes para o fomento e a mellora do tecido comercial galego.

d) Elaborar a proposta de resolución das autorizacións comerciais autonómicas de conformidade co previsto no artigo 32.5 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, para o cal a súa composición se complementará segundo se establece na disposición adicional primeira e no artigo 13.3.d).

e) En xeral, calquera competencia que o ordenamento xurídico, e particularmente a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, lle atribúa ao extinto Consello Galego de Comercio e á súa Comisión Consultiva.

Artigo 7. Funcións específicas en materia de emprendemento

O Consello terá as seguintes funcións específicas en materia de emprendemento:

a) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e os proxectos de regulamento con incidencia sobre o emprendemento empresarial en Galicia.

b) Emitir ditames sobre aquelas cuestións que, no ámbito das políticas públicas con incidencia no emprendemento, lle sexan consultadas polo Consello da Xunta de Galicia ou pola consellería con competencias na materia.

c) Formular propostas e suxestións que se consideren convenientes para o fomento e a mellora da actividade emprendedora en Galicia.

Artigo 8. Funcións específicas en materia de competitividade

O Consello terá as seguintes funcións específicas en materia de competitividade:

a) Emitir ditames sobre aquelas cuestións que, no ámbito das políticas públicas con incidencia nos factores de competitividade empresarial, lle sexan consultadas polo Consello da Xunta de Galicia ou pola consellería con competencias na materia.

b) Formular propostas e suxestións sobre a redución e simplificación de normas e trámites que incidan sobre os factores de competitividade e, en xeral, sobre as actuacións públicas, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da actividade empresarial.

c) Formular propostas e suxestións sobre os instrumentos públicos de impulso da competitividade empresarial, coa finalidade de que manteñan a súa concordancia coas necesidades do tecido empresarial galego e para a mellora continua da súa eficacia e eficiencia.

Artigo 9. Funcións específicas en materia de internacionalización

O Consello terá as seguintes funcións específicas en materia de internacionalización:

a) Emitir ditames sobre aquelas cuestións que, no ámbito das políticas públicas con incidencia na internacionalización das empresas galegas, lle sexan consultadas polo Consello da Xunta de Galicia ou pola consellería con competencias na materia.

b) Formular propostas e suxestións sobre os instrumentos públicos de impulso da internacionalización das empresas galegas, coa finalidade de que manteñan a súa concordancia coas necesidades do tecido empresarial galego e para a mellora continua da súa eficacia e eficiencia.

CAPÍTULO II
Estrutura orgánica e composición do Consello Galego de
Economía e Competitividade

Artigo 10. Estrutura orgánica

1. O Consello estrutúrase en órganos colexiados e órganos unipersoais.

2. Son órganos colexiados do Consello, o pleno e os comités executivos.

3. Son órganos unipersoais do Consello, a presidencia e a vicepresidencia.

Artigo 11. Composición

1. O Consello estará integrado polas persoas ás cales lles corresponda a súa presidencia e vicepresidencia, así como polos/as vogais.

2. As persoas que ocupen os postos de vogal, así como as persoas que as suplan, serán nomeadas pola persoa que exerza a presidencia do Consello, segundo a seguinte procedencia:

a) A persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de economía e industria.

b) As persoas propostas por cada unha das persoas titulares da dirección dos seguintes órganos e entidades da consellería competente en materia de economía e industria, a razón dunha persoa por cada un deles:

1º. O órgano directivo competente en materia de enerxía, recursos minerais e administración industrial.

2º. O órgano directivo con competencias en materia de comercio.

3º. A entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de innovación.

4º. A entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento, competitividade e internacionalización.

5º. A entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de consumo.

6º. A entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de defensa da competencia.

7º. A entidade instrumental do sector público autonómico con competencias nas materias de desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, así como aforro e eficiencia enerxética.

c) Unha persoa proposta pola Presidencia da Xunta de Galicia.

d) Unha persoa proposta por todas e cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, con excepción da consellería competente en materia de economía e industria.

e) Unha persoa proposta polas persoas titulares dos órganos directivos de cada unha das seguintes entidades do sector público autonómico de Galicia:

1ª. A entidade instrumental con competencias en materia de turismo.

2ª. A entidade instrumental con competencias en materia de modernización tecnolóxica.

f) Tres persoas propostas polas organizacións sindicais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do previsto pola Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

Asemade, tamén proporán unha persoa cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, segundo o previsto pola disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, agás que xa teñan realizado a súa proposta en atención ao criterio sinalado no parágrafo anterior.

g) Un número de persoas equivalente ao que resulte da aplicación da alínea anterior, que serán propostas polas organizacións empresariais intersectoriais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto pola referida Lei 17/2008, do 29 de decembro.

h) Unha persoa proposta pola organización máis representativa das entidades locais de Galicia.

i) Unha persoa proposta pola organización representativa do conxunto das cámaras de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Unha persoa proposta pola organización máis representativa do sector comercial da Comunidade Autónoma de Galicia.

k) Unha persoa proposta pola organización máis representativa dos grandes distribuidores e medianos formatos comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Unha persoa proposta polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

m) Unha persoa proposta pola organización máis representativa dos centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma de Galicia.

n) Unha persoa proposta polas universidades integradas no Sistema universitario de Galicia, de entre especialistas en materias económicas, industriais e comerciais.

ñ) Unha persoa proposta polas asociacións profesionais dos distintos subsectores mineiros de Galicia.

o) Unha persoa proposta, conxuntamente, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

p) Unha persoa proposta polo Consello Galego de Colexios de Economistas.

q) Unha persoa proposta pola organización de defensa da natureza máis representativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

r) Unha persoa proposta polas entidades máis representativas do sector da economía social da Comunidade Autónoma de Galicia ou polo órgano autonómico a través do cal se concrete a súa participación institucional, segundo determine a normativa sectorial aplicable.

3. Cada un dos órganos, entidades e organizacións sinalados no punto anterior deberán incluír na súa proposta de representantes no Consello un número equivalente de persoas que exerzan a suplencia das persoas titulares nos casos de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal.

4. Os órganos colexiados e unipersoais do Consello poderán ser asistidos por persoas que non teñan a condición de membro, sempre e cando así o autorice a persoa que ocupe a presidencia e as súas funcións se limiten ao asesoramento e consulta en asuntos específicos, con carácter temporal, con voz e sen voto, e sen prexuízo do establecido con respecto ás seccións técnicas e grupos de traballo.

5. No seo do Consello procurarase unha composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 12. Pleno

1. O Pleno é o órgano en que se integran todos os membros do Consello e ao cal lle corresponden todas as funcións xerais que se recollen no artigo 3, sen prexuízo das que, noutra norma de rango legal ou regulamentario, se lle poidan atribuír expresamente a outro órgano colexiado ou unipersoal, nin do que preceptúa a disposición transitoria segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con respecto aos termos da asunción das funcións e competencias do Consello Galego de Industria, do Consello Galego da Minaría e do Consello Galego de Comercio.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, o Pleno poderá delegar nos comités executivos do Consello aquelas atribucións que, por razón da materia, considere oportunas.

Artigo 13. Comités executivos

1. O Pleno establecerá a creación e determinará as directrices do funcionamento dos correspondentes comités executivos do Consello nos termos do artigo 3.b).

2. Con carácter mínimo, deberá existir un comité executivo por cada unha das seguintes materias: 1) política industrial; 2) enerxía; 3) emprendemento, competitividade e internacionalización das empresas galegas; 4) comercio interior e exterior e 5) desenvolvemento mineiro.

3. Cada un dos comités executivos de existencia obrigatoria terá atribuídas as seguintes funcións específicas:

a) O Comité Executivo de Política Industrial exercerá as funcións específicas recollidas no artigo 4, ademais daquelas que lle sexan delegadas polo Pleno.

b) O Comité Executivo de Enerxía exercerá as funcións específicas que lle sexan delegadas polo Pleno.

c) O Comité Executivo de Emprendemento, Competitividade e Internacionalización das empresas galegas exercerá as funcións específicas recollidas nos artigos 7, 8 e 9, ademais daquelas que lle sexan delegadas polo Pleno.

d) O Comité Executivo de Comercio Interior e Exterior exercerá as funcións específicas recollidas no artigo 6, ademais daquelas que lle sexan delegadas polo Pleno.

Para o exercicio da función prevista no artigo 6.d, no seo deste comité executivo constituirase a Comisión Consultiva á cal fai referencia o artigo 20.3 da Lei 13/2010, do 26 de decembro, de comercio interior de Galicia, de maneira que, exclusivamente para tal fin, deberá respectar a composición establecida no citado precepto, que se complementará, de ser o caso, coas correspondentes vogalías.

e) O Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro exercerá as funcións específicas recollidas no artigo 5, ademais daquelas que lle sexan delegadas polo Pleno.

4. Os comités executivos de carácter facultativo que o Pleno determine crear exercerán as funcións que lle sexan delegadas polo dito órgano colexiado, no ámbito da correspondente materia sectorial.

5. As persoas integrantes de cada un dos comités executivos serán propostas polo Pleno, para a súa designación pola persoa titular da presidencia, de entre os/as vogais do Consello.

As persoas que se propoñan para as vogalías de cada comité executivo procederán daqueles órganos e entidades do sector público autonómico con competencias na respectiva materia, así como das entidades sociais vinculadas coa correspondente materia.

En todo caso, na composición de cada un dos comités, respectarase a paridade de representación entre os/as vogais procedentes de órganos e entidades do sector público autonómico coa daqueles/as que fosen propostos por entidades e organizacións sociais, así como a obriga de paridade entre organizacións sindicais e empresariais intersectoriais prevista na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia.

6. A persoa titular da presidencia do Consello designará en cada comité executivo, de entre os/as vogais que procedan do sector público autonómico, á persoa que exercerá a presidencia do correspondente comité.

Da mesma forma, a persoa titular da presidencia do Consello designará para cada comité executivo unha persoa funcionaria de carreira do corpo superior da Administración destinado na consellería con competencias en materia de economía e industria, para que exerza as funcións de secretaría, con voz pero sen voto, á cal se lle garantirán os medios e a colaboración precisos para o exercicio das súas tarefas.

Artigo 14. Presidencia

1. A presidencia do Consello correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de economía e industria.

2. Son funcións da Presidencia do Consello:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Nomear os/as vogais, segundo as propostas formuladas polos órganos, entidades e organismos sinalados no artigo 11, así como designar as persoas integrantes dos comités executivos, seccións técnicas e grupos de traballo, por proposta do órgano colexiado correspondente.

c) Acordar a convocatoria das sesións tanto ordinarias coma extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta as peticións dos demais membros formuladas con suficiente antelación.

d) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

e) Dirimir co seu voto os empates, co obxecto de adoptar acordos.

f) Asegurar o cumprimento do ordenamento xurídico.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos do Pleno do Consello.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado, segundo o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Vicepresidencia

1. A vicepresidencia do Consello corresponderalle á persoa titular da dirección da entidade instrumental do sector público autonómico con competencias en materia de emprendemento.

2. Son funcións da Vicepresidencia:

a) A substitución da presidencia nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

b) Asistir a presidencia nas tarefas propias daquela.

c) Aquelas que lle sexan delegadas pola presidencia.

Artigo 16. Membros

1. Correspóndelles ás persoas membros do Consello:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria das sesións do Pleno, onde se recolla o contido da orde do día. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa referida antelación.

b) Participar nos debates das sesións do pleno.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular, de ser o caso, o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican, aínda que non poderán absterse nas votacións aqueles membros que teñan a condición de autoridade ou persoal ao servizo da Administración autonómica.

d) Formular solicitudes e preguntas.

e) Obter a información precisa que lle permita cumprir coas funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición, segundo o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os membros do Consello perderán a súa condición de tales por:

a) Renuncia expresa mediante escrito dirixido á Presidencia do Consello.

b) Perda das condicións necesarias para ser proposto ou nomeado.

c) Decisión xudicial firme que anule a súa elección como membro do Consello.

d) Acordo de cesamento por parte da Presidencia do Consello, por proposta da persoa titular do órgano, organismo ou entidade que propuxese o seu nomeamento.

Artigo 17. Secretaría

1. A secretaría do Consello recaerá nunha persoa funcionaria de carreira do corpo superior da Administración que exerza as súas funcións na consellería competente en materia de economía e industria, e que será designada pola persoa titular da Presidencia do Consello.

2. As funcións da persoa titular da secretaría do Consello serán as seguintes:

a) Asistir ás reunións do Pleno do Consello, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do pleno do Consello, así como das citacións dos membros, por orde da presidencia.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co Consello e cos seus órganos, e, en consecuencia, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións do Pleno do Consello.

e) Expedir certificacións de consultas, ditames e acordos aprobados polo Pleno do Consello.

f) Cantas funcións sexan inherentes á secretaría, segundo o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que ocupe a secretaría do Consello será substituída por unha persoa funcionaria do corpo superior da Administración que exerza as súas funcións na consellería competente en materia de economía e industria, e que será designada pola persoa titular da presidencia do Consello.

4. A consellería con competencias en materia de economía e industria garantirá que a Secretaría do Consello conte cos medios e a colaboración necesarios para o correcto exercicio das súas funcións.

CAPÍTULO III
Réxime de funcionamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

Artigo 18. Convocatoria de sesións

1. As sesións do pleno do Consello serán convocadas pola persoa que exerza a secretaría, por decisión da súa Presidencia ou por petición da maioría dos seus membros.

2. As sesións poderán ser ordinarias ou extraordinarias. As convocatorias de ambos os tipos de sesións serán notificadas aos membros do Consello cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

3. As notificacións das convocatorias de sesións, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse, preferentemente, por correo electrónico, a través dos enderezos facilitados polas persoas integrantes, nos termos e cos efectos previstos no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As notificacións das convocatorias deberán conter a orde do día, o lugar, a data e a hora sinalados para a realización da sesión en primeira e segunda convocatoria. Xunto coa dita notificación achegarase, se é o caso, a documentación necesaria para o desenvolvemento da sesión.

Artigo 19. Quórum

1. O Pleno do Consello quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando estean presentes, cando menos, as persoas que exerzan a presidencia e a secretaría, ou, de ser o caso, quen as substitúan, as persoas propostas por órganos, entidades ou organismos da Administración pública autonómica e as persoas propostas polas distintas organizacións e entidades sociais ás cales se lles atribuíse a condición de voceiras.

2. En segunda convocatoria, o Pleno do Consello quedará validamente constituído cando estean presentes as persoas que exerzan a presidencia e a secretaría, ou, de ser o caso, as queas substitúan, e, cando menos, un terzo dos membros nomeados por proposta dos órganos, entidades ou organismos da Administración pública autonómica, e un terzo dos membros nomeados a proposta das distintas organizacións e entidades sociais.

Artigo 20. Orde do día

1. A orde do día das sesións do Pleno do Consello será establecida pola persoa que exerza a presidencia, e deberanse incluír preceptivamente os puntos solicitados pola maioría dos seus membros.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 21. Adopción de acordos

1. Os acordos do Pleno do Consello serán adoptados pola maioría de votos dos membros que asistan á respectiva sesión.

2. As votacións realizaranse á man alzada, salvo que un terzo dos membros exprese o seu desexo de que sexan secretas; neste caso realizaranse mediante papeletas.

Artigo 22. Actas

As actas das sesións do Pleno do Consello rexeranse en canto aos seus requisitos e contido polo regulado no artigo 20 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 23. Réxime básico de funcionamento dos comités executivos

1. Os comités executivos que se creen no seo do Consello nos termos do artigo 13, estarán integrados, en todo caso, por unha persoa titular da súa presidencia e polas persoas vogais que se determinen.

A persoa designada para exercer as funcións de secretaría en cada comité executivo desenvolverá as súas tarefas nos termos que o número 2 do artigo 17 establece para a secretaría do Consello, coa cal se deberá coordinarse.

2. As persoas integrantes de cada un dos comités executivos exercerán, no seo destes, as atribucións e dereitos, e exercerán as funcións, que se establecen no número 1 do artigo 16 para os membros do Consello.

A perda da condición de persoa integrante producirase por algunha das causas previstas para os membros do Consello no número 2 do artigo 16, así como por decisión da persoa titular da presidencia do Consello, por proposta do Pleno.

3. A persoa titular da presidencia de cada comité executivo exercerá, con respecto ao correspondente órgano colexiado, as funcións que se atribúen á persoa titular da presidencia do Consello nas letras a), c), d), e), f), g) e h) do artigo 14.2.

As funcións relativas á representación do comité executivo, convocatoria de sesións e fixación da orde do día serán exercidas pola persoa titular da presidencia de cada comité executivo, en coordinación coa persoa titular da presidencia do Consello, e coa asistencia da persoa que realice as funcións de secretaría.

4. Aplicaráselles aos comités executivos, coas debidas adaptacións á súa composición e características, a regulación que os anteriores artigos deste capítulo establecen con respecto ao Pleno do Consello en canto a convocatoria de sesións, quórum, orde do día, adopción de acordos e actas.

Artigo 24. Seccións técnicas e grupos de traballo

1. Os órganos colexiados do Consello poderán constituír seccións técnicas e grupos de traballo, que non formarán parte da súa estrutura orgánica, e que estarán integrados polas persoas membros daqueles que se xulgue oportuno e, de ser o caso, por persoas empregadas públicas, profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio, para o desenvolvemento das súas funcións e o mellor tratamento das correspondentes temáticas.

2. As persoas integrantes das seccións técnicas e dos grupos de traballo que, se é o caso, non sexan membros do Consello, serán designados pola persoa titular da presidencia, logo da proposta do Pleno ou do correspondente comité executivo.