Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 15 de abril de 2015 Páx. 14353

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, e se convocan para o ano 2015.

O artigo 45 da Constitución española recolle o dereito de todos a gozar dun ambiente para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo. Para isto, os poderes públicos mirarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, coa fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o ambiente.

A preservación ambiental da flora e da fauna galega obedece a unha repartición de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que vén regulado nos artigos 148 e 149 da Constitución española. A competencia do Estado reside na fixación da lexislación básica sobre protección do ambiente. Neste senso, a Lei estatal 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, recolle o precepto constitucional anteriormente citado, establecendo entre os seus principios, entre outros, o de conservación e preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais, da diversidade xeolóxica e da paisaxe. Para isto, as administracións públicas teñen o deber de promover o emprego de medidas de impulso de iniciativas de conservación da natureza e desincentivar aquelas que teñan unha incidencia negativa sobre a conservación da biodiversidade e o uso sustentable do patrimonio natural.

A Comunidade Autónoma de Galicia, pola súa parte, ten competencia exclusiva para establecer normas adicionais de protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23, conforme prevé o artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia. Neste contexto, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu artigo 52 crea o Catálogo galego de árbores senlleiras como instrumento de protección no cal se incluirán aqueles exemplares ou mouteiras dos que, polos seus valores ou interese natural, cultural, científico, educativo, estético ou paisaxístico, sexa necesario asegurar a súa conservación. Nos exemplares ou mouteiras incluídos no Catálogo poderanse levar a cabo, logo de autorización da consellería competente, todo tipo de tratamentos silvícolas e actuacións encamiñadas á súa protección, conservación e mellora.

De conformidade co disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, compételle a esta consellería o desenvolvemento e a aplicación da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, recolle o procedemento para a inclusión destas árbores e formacións singulares neste catálogo e establece o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan nel. O seu artigo 10.1 prevé a posibilidade de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poida establecer un réxime de axudas económicas encamiñadas á súa conservación, protección e mellora ou, se é o caso, para realizar tratamentos fitosanitarios ou silvícolas de mantemento.

O anexo I do Decreto 67/2007 fai referencia ás diferentes árbores senlleiras, mentres que o seu anexo II está dedicado ás formacións senlleiras declaradas en Galicia. Ambos os anexos foron substituídos polos anexos I e II, respectivamente, do Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

Por outra parte, a Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, establece como obxecto regular e establecer medidas para favorecer o desenvolvemento sustentable xa que supón condicións básicas que garanten a igualdade de toda a cidadanía no exercicio de determinados dereitos constitucionais; entre os seus obxectivos figura o de conservar e recuperar os recursos naturais do medio rural a través de actuacións públicas ou privadas que permitan compatibilizar o seu uso cun desenvolvemento sustentable. Por último, a lei prevé un conxunto de medidas entre as que figura a xestión sustentable dos recursos naturais, especialmente a auga, o solo, as masas forestais, os espazos naturais, a fauna cinexética e os recursos de pesca continental.

En aplicación desta lei, ditouse o Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro Programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014, de aplicación nas zonas rurais que delimita e cualifica. En concreto, no seu eixe 4, artigo 21, punto CA.6: apoio a iniciativas de protección do ambiente.

Finalmente, concretouse no convenio entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais figura, entre as actuacións de conservación da natureza, a actuación número tres da epígrafe 4.21-CA.6, consistente en axudas en concorrencia competitiva ás persoas ou entidades propietarias de árbores e formacións senlleiras para a súa conservación, protección e mellora (BOE núm. 139, do 11 de xuño de 2012).

O réxime xeral das axudas e subvencións de Galicia establécese na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Por outra banda, no DOG núm. 184, do 26 de setembro de 2014, publicouse a Orde do 23 de setembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, e se convocan para o ano 2014.

Logo da publicación desta orde de axudas, e tramitadas as solicitudes formuladas polos interesados ao respecto, as xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas procederon de conformidade co artigo 11.2 da orde, a remitir os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A publicación da Orde da Consellería de Facenda do 13 de novembro de 2014 pola que se regulan as operacións de peche do exercicio de 2014 e de apertura do exercicio 2015 (DOG núm. 219, do 14 de novembro de 2014), e a non concesión da excepcionalidade prevista na disposición adicional única desta orde imposibilitou concluír o procedemento de concesión das axudas convocadas pola Orde do 23 de setembro de 2014.

Os principios xerais que deben rexer a actuación da Administración relativos á eficacia, economía e celeridade, así como os criterios de eficiencia e servizo aos cidadáns, recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o feito de que a imposibilidade de resolver as axudas solicitadas debido a causas alleas aos solicitantes, motivan a necesidade de conservar a validez dos ditos actos e actuacións administrativas, no relativo á solicitude e á documentación presentada polos interesados no dito procedemento para os efectos da súa consideración nas bases dunha nova convocatoria desta orde para o ano 2015.

Nese sentido, con data do 11 de decembro de 2014, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolveu dispoñer a conservación de todos os actos realizados na tramitación do expediente de axudas derivado da Orde do 23 de setembro de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, e se convocan para o ano 2014, para os efectos da súa consideración nas bases da convocatoria desta orde para o ano 2015, feito que xa foi posto en coñecemento dos interesados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

En virtude do anterior e en uso das atribucións do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é regular a concesión de axudas ás persoas ou entidades propietarias de árbores e formacións senlleiras para a súa conservación, protección e mellora.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia polo sistema de rateo, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, son de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actividades subvencionables

1. As actividades que poden ser obxecto de axuda, en relación coas árbores e formacións senlleiras incluídas nos anexos I e II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e que estean validamente inscritas no Catálogo galego de árbores senlleiras, consonte os preceptos establecidos no capítulo II do devandito decreto, con anterioridade á entrada en vigor desta orde, son as seguintes:

a) Realización de podas e actuacións de formación e control da copa.

b) Realización de estudos.

c) Aplicación de tratamentos fitosanitarios.

d) Accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno.

e) Elaboración de materiais divulgativos.

f) Sinalización.

g) Creación, mantemento e conservación de accesos relacionados co réxime de uso público.

2. En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) O IVE.

b) Aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

c) Aquelas actuacións ou actividades que poñan ou poidan poñer en perigo os valores que xustificaron a especial protección das árbores ou formacións senlleiras e a súa inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras.

3. Para que estas axudas poidan outorgarse, deberanse cumprir as seguintes condicións:

3.1. Respecto da realización de podas e actuacións de formación e control da copa:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de podas e actuacións de formación e control da copa que se consideren precisas para a conservación e mellora dos elementos catalogados.

b) As características das podas e actuacións de formación e control da copa deberán ser validados polo servizo provincial de Conservación da Natureza, previamente ao seu desenvolvemento.

3.2. Respecto da realización de estudos:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa realización de estudos fitosanitarios, biomecánicos e calquera outro que se considere preciso para a conservación e mellora dos elementos catalogados.

3.3. Respecto da aplicación de tratamentos fitosanitarios:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa adquisición e aplicación de produtos fitosanitarios, e posterior xestión dos residuos con xestores autorizados.

b) As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do servizo provincial de Conservación da Natureza previamente á súa execución.

3.4. Respecto do desenvolvemento de accións encamiñadas á conservación e mellora do contorno:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa conservación e mellora das inmediacións dos elementos catalogados incluíndo, entre outros, descompactación ou fertilización do terreo, retirada ou modificación de elementos prexudiciais para os elementos catalogados por cuestións sanitarias ou estéticas, ou plantación de novos exemplares (só no caso de formacións senlleiras).

b) As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do servizo provincial de Conservación da Natureza previamente á súa execución.

3.5. Respecto da elaboración de materiais divulgativos:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa difusión da información da condición de árbores e formacións senlleiras incluíndo, entre outros, deseño e impresión dos materiais.

b) O formato, o contido e demais características dos materiais divulgativos deberán ser validados polo servizo provincial de Conservación da Natureza, previamente á edición dos materiais.

3.6. Respecto da sinalización:

a) Serán subvencionables os gastos directamente relacionados coa información á beira dos elementos catalogados da súa condición de árbores e formacións senlleiras incluíndo, entre outros, sinais, soportes e gastos de colocación.

b) O formato, a situación e demais características dos sinais deberán ser validados polo servizo provincial de Conservación da Natureza, previamente á execución dos traballos.

3.7. Respecto dos accesos:

a) Serán subvencionables a creación, o mantemento e a conservación de accesos aos elementos catalogados.

b) As características dos traballos deberán constar nunha memoria ou proxecto técnico que requirirá da aprobación do servizo provincial de Conservación da Natureza previamente á súa execución.

4. En ningún caso se poderán ter iniciado as actividades antes da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. É condición indispensable que, con anterioridade ao comezo dos traballos, o servizo provincial de Conservación da Natureza expida ou valide unha certificación de non inicio dos traballos, que será realizada de oficio a partir do momento da recepción da solicitude da axuda.

5. En todos os casos, deberanse indicar os elementos catalogados onde se van desenvolver as actividades para as que se solicita a subvención.

Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, incluíndo os concellos, propietarias das árbores incluídas no anexo I ou formacións incluídas no anexo II do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, e sempre e cando estas árbores e/ou formacións estean incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras con anterioridade á entrada en vigor da presente orde.

2. Só se admitirá unha única solicitude por persoa ou entidade solicitante. Cando unha mesma persoa ou entidade solicitante sexa propietaria de máis dunha árbore e/ou formación senlleira, deberá presentar unha única solicitude que abranguerá todas as árbores e/ou formacións para as que se solicita a axuda.

3. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou que foran sancionadas por infraccións ao Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras.

Artigo 4. Importe das axudas

1. A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables, fixándose un importe máximo de 6.000 euros de axuda por árbore e 12.000 euros de axuda por formación.

2. Se por causa xustificada o importe final dos gastos fose menor do que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

3. Non será causa de incremento da axuda que o importe final dos gastos sexa superior ao tomado en consideración para a concesión desta.

4. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao contido dela.

5. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

6. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada á dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 5. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A solicitude de axuda inclúe as seguintes declaracións da persoa ou entidade solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia consonte o disposto no artigo 52.d) da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, ao abeiro do carácter compensatorio destas axudas.

5. A solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As persoas ou entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

7. No caso de aquelas solicitudes presentadas por persoas ou entidades interesadas para as que se tivese resolto a conservación dos actos realizados na tramitación do expediente de axudas derivado da Orde do 23 de setembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia, e se convocan para o ano 2014, para os efectos da súa consideración nas bases da convocatoria desta orde para o ano 2015 pola Resolución do 11 de decembro de 2014 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, non será necesario presentar unha nova solicitude nesta convocatoria.

8. Porén, para as solicitudes mencionadas no punto anterior, as persoas ou entidades interesadas teñen a posibilidade de renunciar á solicitude realizada previamente ou, no caso de existiren feitos e circunstancias diferentes aos correspondentes a aquela convocatoria, de achegar documentación complementaria á entregada na convocatoria anterior dentro do prazo establecido no artigo 6 desta orde.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación

1. Coa solicitude deberá presentarse copia da seguinte documentación:

a) O anexo I debidamente cuberto, con identificación do/s exemplar/es ou formación/s onde se pretenden realizar as actuacións.

b) Acreditación da personalidade: poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa ou entidade solicitante. A presentación do NIF só será obrigada no caso de que a persoa representante non autorice a consulta dos datos de identidade a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

c) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación da persoa ou entidade titular para a súa dispoñibilidade.

d) Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar e para as cales se solicita a axuda, coa correspondente previsión de gastos e unha descrición das actividades proxectadas.

e) Factura pro forma ou oferta económica correspondentes á previsión de gastos das actividades que se pretenden realizar.

2. Deberase achegar, ademais, a seguinte documentación complementaria, en función da natureza do beneficiario:

a) No caso de comunidades de montes veciñais en man común, certificación do acordo da asemblea xeral conforme se autoriza a xunta reitora para solicitar estas axudas e certificado da sección territorial do Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común de posuír os estatutos en regra, figurando a composición da xunta reitora actualizada consonte os parámetros establecidos pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da antedita lei.

b) No suposto de que a árbore e/ou formación obxecto da actividade sexa propiedade de varias persoas ou entidades copropietarias, deberase presentar:

• Acreditación da titularidade de cada persoa ou entidade propietaria.

• Documento que acredite o consentimento de todas as persoas ou entidades propietarias.

• Representación da persoa ou entidade solicitante para realizar a actividade obxecto da subvención.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sx.cmati@xunta.es

Artigo 10. Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas

O crédito dispoñible en cada zona rural repartirase proporcionalmente entre as persoas ou entidades solicitantes. Cando nunha zona rural as solicitudes non esgoten o orzamento previsto, o remanente incrementará o orzamento dispoñible da zona ou zonas co mesmo nivel de prioridade, na mesma proporción.

No caso de que aínda quede remanente, repartirase proporcionalmente entre as zonas rurais que se vaian revitalizar ou primeiro nivel de prioridade. No suposto de que aínda así quede orzamento, repartirase proporcionalmente entre as zonas rurais de segundo nivel, terceiro nivel e intermedias, seguindo esta orde.

Os exemplares ou formacións para os cales se solicite axuda asignaranse ao concello que figure no anexo V desta orde con maior nivel de prioridade.

As actuacións sobre exemplares ou formacións incluídas integramente en concellos non recollidos no anexo V non serán subvencionables.

Artigo 11. Tramitación

1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se acompañan dos documentos sinalados.

Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, os citados servizos requirirán a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días contados a partir do seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, pode considerarse desistida da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán os expedientes, xunto co seu informe, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no prazo máximo dun mes, contado a partir da data límite de presentación das solicitudes.

3. Os expedientes serán valorados por unha comisión de avaliación creada para tal fin na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que analizará a repartición do orzamento por zonas rurais, segundo as prioridades establecidas no anexo VI, entre as solicitudes admitidas, sen que ningunha poida obter máis do 100 % de subvención sobre o investimento, nin exceder os 6.000 euros de axuda por árbore e 12.000 euros de axuda por formación. Esta comisión presidiraa a persoa responsable da Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

4. A comisión de avaliación elevará a súa proposta á persoa responsable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que efectuará a proposta de resolución.

5. A proposta de resolución fará mención ás persoas ou entidades solicitantes para as que se propón a concesión da subvención e a contía de modo individualizado, especificándose o investimento subvencionable e a porcentaxe de axuda. As solicitudes para as que se propoña a súa denegación relacionaranse conservando indicación da súa causa.

6. A concesión desta axuda outorgarase sen prexuízo de calquera outra autorización que sexa necesaria para o desenvolvemento das actuacións subvencionadas.

Artigo 12. Resolución e recurso

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras das axudas recollidas nesta orde.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir da publicación desta orde, entendéndose desestimadas por silencio administrativo aquelas solicitudes de axuda que non sexan resoltas e notificadas no devandito prazo.

3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no punto primeiro deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención deberá ser aceptado polas persoas ou entidades interesadas que fosen propostas como beneficiarias no prazo máximo de dez (10) días desde a notificación da resolución de concesión, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a persoa ou entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 14. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Publicidade da resolución

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza daralle publicidade no Diario Oficial de Galicia ás subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputan, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. A aprobación da subvención implicará o compromiso das persoas ou entidades solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións previstas na resolución.

2. As persoas ou entidades beneficiarias deberán conservar, polo menos durante cinco anos, os documentos acreditativos da utilización dos fondos recibidos, segundo o artigo 11.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Xustificación do gasto

1. O prazo para a xustificación do fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas, finalizará o día 1 de setembro de 2015. No entanto, poderase conceder, por petición xustificada da persoa ou entidade interesada realizada antes da finalización do prazo establecido e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto.

2. Para percibir o importe da axuda a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e formas sinalados no artigo 5 desta orde, o orixinal e a copia da seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo II desta orde.

b) Memoria xustificativa de actuacións e relación de gastos e investimentos segundo os anexos III e IV desta orde, respectivamente.

c) Facturas orixinais ou copias compulsadas destas xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade beneficiaria, de xeito que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

3. De acordo co artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou a entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

4. Conforme o previsto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas ou entidades beneficiarias poderán subcontratar parte ou a totalidade da actividade subvencionada. Non obstante, non se poderán subcontratar as actuacións que, incrementando o custo da actividade subvencionada, non incrementen o valor engadido ao contido desta.

5. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas á documentación que serviu de base para a concesión da axuda.

6. Unha vez realizado o anterior, o expediente remitirase, xunto cunha proposta, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 19. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa responsable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo do informe favorable do servizo provincial correspondente. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, consonte as indicacións do artigo 5.

Artigo 20. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, poderá subvencionarse unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, ou se o gasto tivese un importe inferior ao inicialmente previsto, aplicarase a correspondente minoración.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Revogación

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta da persoa responsable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, logo da audiencia previa ao interesado e o informe previo do servizo provincial, o secretario xeral técnico, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas concedidas e declarar a obriga de reintegro á Xunta de Galicia das cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora que correspondan.

Artigo 22. Financiamento

As axudas concedidas ao abeiro da presente orde serán cofinanciadas ao 50 % polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.05.541-B.760.2, ata un importe máximo de 90.000,00 €, e 07.05.541-B.780.2, ata un importe máximo de 65.733,33 €, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

O dito importe inicial poderá incrementarse con achegas adicionais despois da oportuna tramitación orzamentaria, axustándose ao disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos competentes desta consellería poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen as actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a axeitada execución das actividades que sexan obxecto das axudas, de acordo co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Publicidade e identificación

1. As persoas ou entidades beneficiarias das axudas deberán cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida consonte o disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Consonte a cláusula novena do Convenio específico entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona, do 7 de maio de 2012 (BOE núm. 139, do 11 de xuño), a persoa ou entidade beneficiaria comprometese a sinalizar e identificar as actuacións realizadas ao abeiro da presente orde de axudas, segundo os modelos de carteis especificados no anexo VII. En concreto, nas actividades de sinalización e elaboración de material divulgativo, incluiranse os logotipos indicados nese anexo e, no suposto de creación, mantemento e conservación de accesos, instalarase polo menos un cartel no acceso principal segundo as especificacións do devandito anexo, que será validado con anterioridade polo servizo provincial de Conservación da Natureza.

Artigo 25. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, as persoas ou entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas públicas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co que se establece no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Disposicións xerais

O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición adicional única. Delegación de funcións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 12.1, e demais competencias atribuídas nesta orde á persoa titular da consellería; así mesmo, delégase a facultade de revogar e aplicar o procedemento sancionador.

E delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza a autorización de calquera modificación nas actividades aprobadas, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento e cumprimento do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Zonas rurais de Galicia e niveis de prioridade segundo
o Real decreto 752/2010, do 4 de xuño

Niveis de prioridade

Zona rural

Provincia

Concellos e entidades locais menores

Importe (€)

Zona prioritaria nivel 1

Lugo Central

Lugo

Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza, (A), Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade

20.245,33

Montaña Lucense

Lugo

Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto

20.245,33

Depresións Ourensás e Terras do Sil

Ourense

Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia

24.917,33

Zona intermedia nivel 2

Miño Central

Ourense

Allariz, Amoeiro, Arnoia (A), Avión, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, Bola (A), Carballeda de Avia, Carballiño (O), Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Esgos, Gomesende, Irixo (O), Leiro, Maceda, Maside, Melón, Merca (A), Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Padrenda, Pereiro de Aguiar (O), Peroxa (A), Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Taboadela, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo

12.458,67

Valdeorras

Ourense

Barco de Valdeorras (O), Bolo (O), Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rúa (A), Rubiá, Veiga (A) e Vilamartín de Valdeorras

12.458,67

Zona intermedia nivel 3

As Mariñas

Lugo

Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ourol, Pontenova (A), Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro (O), Vicedo (O), Viveiro e Xove

9.344,00

Lugo Sur

Lugo

Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Saviñao (O), Sober e Taboada

9.344,00

Rías Altas e Arco Ártabro

A Coruña

Abegondo, Aranga, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Capela (A), Cariño, Carral, Cedeira, Cerdido, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Laracha (A), Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, Oza dos Ríos, Paderne, Pontedeume, Pontes de García Rodríguez (As), Sada, San Sadurniño, Somozas (As), Valdoviño, Vilamaior e Vilasantar

9.344,00

Terras de Santiago

A Coruña

Ames, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cerceda, Dodro, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, Padrón, Pino (O), Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra

9.344,00

Pontevedra Leste e Terras do Miño

Pontevedra

Arbo, Campo Lameiro, Cañiza (A), Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Guarda (A), Lama (A), Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Neves (As), Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Porriño (O), Rosal (O), Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui

9.344,00

Zona intermedia, sen prioridade

Costa da Morte e Rías Baixas

A Coruña

Baña (A), Boiro, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal (A), Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Vimianzo e Zas

9.344,00

Pontevedra Norte e Rías Baixas

Pontevedra

Agolada, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cuntis, Dozón, Estrada (A), Grove (O), Illa de Arousa (A), Lalín, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa

9.344,00

155.733,33

missing image file