Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 15 de abril de 2015 Páx. 14419

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de abril de 2015 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2015.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no preámbulo que o dominio dunha segunda, ou mesmo dunha terceira lingua estranxeira, se converteu nunha prioridade na educación, como consecuencia do proceso de globalización en que vivimos, á vez que se mostra como unha das principais carencias do noso sistema educativo. A Unión Europea fixa o fomento do plurilingüismo como un obxectivo irrenunciable para a construción dun proxecto europeo.

Dentro da cooperación entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén convocando, nos últimos anos, actividades formativas para o profesorado, tanto dentro do estado español como no estranxeiro para o profesorado, co obxecto de fomentar a actualización metodolóxica e a mellora do seu nivel de competencia en comunicación lingüística en linguas estranxeiras a través do contacto directo con persoas dos países de fala inglesa, francesa, alemá e portuguesa.

Esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns e cidadás da nosa comunidade autónoma e da preocupación que, neste sentido, se manifesta desde todos os ámbitos sociais, puxo en marcha o Plan de potenciación de linguas estranxeiras ao abeiro do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que pretende dar continuidade a propostas anteriores como a anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, o programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (en diante, Cuale) e os programas de seccións bilingües, así como implantar novas propostas, como a creación dos centros plurilingües. Todas estas accións requiren para a súa óptima implantación dun profesorado actualizado e cun alto nivel de competencia comunicativa, polo que tamén se deseñaron os cursos de actualización lingüística e comunicativa (en diante, CALC) para o profesorado, que se desenvolven nas escolas oficiais de idiomas (en diante, EEOOII) de Galicia.

Do mesmo xeito, leváronse a cabo diferentes actividades formativas dentro do marco do programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PALE) e PIALE.

Con esta convocatoria trátase de mellorar a competencia idiomática do profesorado así como afondar na didáctica do ensino de idiomas estranxeiros. Con este fin, ofértanse itinerarios intensivos que revitalicen e potencien contidos e aspectos lingüísticos xa adquiridos, que promovan o avance na consolidación e adquisición de niveis de competencia lingüística superior e se teña a ocasión de aplicar no propio contexto todo o adquirido, fomentando o carácter cooperativo entre as persoas participantes.

En consecuencia, en virtude das competencias atribuídas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é a convocatoria de prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa en lingua estranxeira do profesorado.

Artigo 2. Modalidades das prazas convocadas

As modalidades en que se convocan prazas para o profesorado son as seguintes:

1. Modalidade 1: inmersión. Itinerario formativo en tres fases.

a) Fase A (75 horas): curso de formación en inglés na Comunidade Autónoma de Galicia, que se realizará en período lectivo, con substitución do profesorado que realice esta actividade formativa.

b) Fase B (75 horas): inmersión no país falante da lingua estranxeira de ensino e aprendizaxe, cunha duración de tres semanas, que se realizará no mes de xullo de 2015 nun dos seguintes países: Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos.

c) Fase C (25 horas): elaboración de materiais para a sociedade da información, que se realizará no primeiro trimestre do curso 2015/16.

2. Modalidade 2: integración. Itinerario formativo en dúas fases.

a) Fase de integración (100 horas): programa de inmersión total en inglés ou portugués, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá ou Portugal. O profesorado seleccionado integrarase en centros escolares e estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas, no primeiro trimestre do curso 2015/16 e será substituído nos seus centros educativos. No caso do profesorado de formación profesional, o profesorado estará acompañado por un/unha docente dos mesmos módulos, cando sexa posible, ou por un/unha docente dun módulo afín.

b) Fase de difusión da experiencia adquirida. O profesorado participante deberá presentar un plan de difusión, cando menos no seu centro de destino, da experiencia adquirida en Canadá ou Portugal. Do mesmo xeito, deberá presentar unha memoria do desenvolvemento dese plan de difusión, na cal se deberá acreditar todo o plan desenvolvido. Na memoria deberá constar unha proposta didáctica que demostre a transferencia á aula dos coñecementos e metodoloxía adquiridos na integración. Tanto o plan como a memoria deberán elaborarse no primeiro trimestre do curso 2015/16.

3. Modalidade 3: cursos. Itinerario formativo en dúas fases.

a) Fase de formación (50 horas): convócanse os seguintes cursos de lingua estranxeira, que se desenvolverán nos meses de xullo e/ou agosto de 2015:

1) Curso de dúas semanas para profesorado especialista de inglés de ensino primario e secundario no Reino Unido.

2) Curso de dúas semanas para profesorado especialista de francés de ensino secundario e primario en Francia.

3) Curso de francés en Francia de dúas semanas de duración para profesorado non especialista de lingua francesa de ensino secundario e primario. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 en lingua francesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.

4) Curso de portugués en Portugal de dúas semanas de duración para profesorado especialista e non especialista de lingua portuguesa de ensino secundario e primario. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 de lingua portuguesa do Marco común europeo de referencia para as linguas.

5) Curso de alemán en Alemaña de dúas semanas de duración para profesorado especialista e non especialista de lingua alemá de ensino secundario e primario. Este profesorado deberá acreditar un nivel B2 de lingua alemá do Marco común europeo de referencia para as linguas.

b) Fase de elaboración de materiais (25 horas): elaboración de materiais para a sociedade da información, no primeiro trimestre do curso 2015/16.

Artigo 3. Profesorado destinatario e requisitos de participación

1. As persoas solicitantes, con carácter xeral, deben ser funcionarios/as de carreira dos corpos docentes detallados neste artigo.

2. Na modalidade 1, de inmersión, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Na actividade 1.1. Profesorado especialista en inglés que estea a impartir a lingua estranxeira en educación infantil ou en educación primaria.

b) Na actividade 1.2. Profesorado de áreas, materias ou módulos non lingüísticos impartidos en inglés (en diante, AICLE/CLIL en inglés) de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2.

c) Na actividade 1.3. Profesorado AICLE/CLIL en inglés de educación primaria, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2.

d) Tamén poderán optar ás prazas das actividades 1.2. e 1.3. o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou o de centros plurilingües en lingua inglesa a partir do curso 2015/16, presentando:

1º. Un compromiso individual e do seu centro educativo de participación nalgún dos devanditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do Consello Escolar, unha vez informado o Claustro;

2º. A acreditación da competencia lingüística B2 en lingua inglesa.

O profesorado referido nesta epígrafe poderá ser seleccionado sempre que queden prazas libres, xa que ten prioridade aquel profesorado que estea impartindo docencia CLIL.

3. Na modalidade 2, de integración, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Na actividade 2.1. Profesorado de inglés de ensino primario que sexa coordinador de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües.

b) Na actividade 2.2. Profesorado de inglés de ensino secundario que sexa coordinador de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües.

c) Na actividade 2.3. Profesorado AICLE/CLIL en inglés de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües en lingua inglesa. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2.

d) Na actividade 2.4. Profesorado AICLE/CLIL en inglés de educación primaria, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües en lingua inglesa. Terá prioridade o profesorado que acredite un nivel B1 en lingua inglesa do Marco común europeo de referencia para as linguas e que non teña acreditado o nivel B2.

e) Na actividade 2.5. Profesorado que imparte lingua portuguesa no ensino secundario ou profesorado de áreas ou materias non lingüísticas impartidas en portugués (en diante, AICLE/CLIL en portugués) de educación secundaria ou formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües en lingua portuguesa.

4. Na modalidade 3, de cursos, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Na actividade 3.1. Profesorado especialista de inglés. Para os efectos desta orde enténdese que son especialistas: os/as catedráticos/as e profesores/as de inglés de ensino secundario e os/as catedráticos/as e profesores/as de inglés das EEOOII. Así mesmo, poderán participar os/as inspectores/as de educación que teñan como especialidade de orixe lingua estranxeira. Do mesmo xeito, poderán participar os/as mestres/as especialistas de inglés que non estean impartindo inglés en educación infantil ou en educación primaria.

b) Na actividade 3.2. Profesorado especialista de francés. Para os efectos desta orde enténdese que son especialistas: os/as catedráticos/as e profesores/as de francés de ensino secundario, os/as mestres/as de francés e os/as catedráticos/as e profesores/as de francés das EEOOII. Así mesmo, poderán participar as/os inspectores/as de educación que teñan como especialidade de orixe lingua estranxeira.

c) Nas actividades 3.3., 3.4. e 3.5. Profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na Inspección educativa. Na actividade 3.4. terá prioridade o profesorado que imparta a lingua portuguesa no ensino secundario, así como o profesorado AICLE/CLIL en lingua portuguesa. Na actividade 3.5. terá prioridade o profesorado que imparte lingua alemá no ensino secundario.

d) O profesorado participante nesta modalidade deberá asinar o anexo V, comprometéndose a promover a creación ou mantemento de seccións bilingües ou do programa de centros plurilingües, no seu centro de destino e a impartir a súa materia na lingua correspondente.

5. As persoas que participaron nas actividades convocadas pola Orde do 13 de marzo de 2014 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2014 (DOG do 25 de marzo), non terán preferencia para participar nas actividades ofertadas, polo que só poderán ser seleccionadas se non se cubrisen todas as prazas.

6. As persoas participantes en cada unha das modalidades, que non sexan especialistas en lingua estranxeira, deberán realizar a proba que se determine ao finalizar a fase de inmersión ou integración, que poderá acreditar a competencia do nivel B2 segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas.

Artigo 4. Criterios de exclusión

Quedarán excluídas desta convocatoria as persoas solicitantes que teñan concedidada no curso 2014/15, ou para o curso 2015/16, licenza por estudos outorgada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 5. Organización das actividades

1. A organización das actividades correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen poderá concertar os servizos necesarios para o seu desenvolvemento.

2. O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.423B.640.2 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dos orzamentos de 2015.

3. O importe total das axudas ascende a 453.000 euros.

Artigo 6. Solicitudes de participación e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas que o desexen poderán completar en liña o formulario de solicitude, na páxina web http://www.edu.xunta.es/piale . As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas solicitantes. Posteriormente, estas solicitudes deberán dirixirse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, xunto coa documentación expresada no artigo 7, e presentaranse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, de acordo co disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación

Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no anexo III.

2. Certificado, expedido polo secretario ou secretaria do centro, co visto e prace da persoa directora, no cal conste a área, materia ou módulo que imparte a persoa solicitante durante o curso académico 2014/15.

3. Para o futuro profesorado AICLE/CLIL, a seguinte documentación:

1º. Un compromiso individual e do seu centro educativo de participación nalgún dos devanditos programas durante o próximo curso, mediante a certificación de aprobación do Consello Escolar, unha vez informado o Claustro.

2º. A acreditación da competencia lingüística B2, en lingua inglesa.

4. Acreditación do nivel lingüístico exixido para cada praza, agás para aquelas persoas que xa teñan recollida esta información no expediente de datos persoais.

5. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que aleguen. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II. A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que a persoa solicitante incorpore á súa solicitude, poderá efectuarse nos centros de traballo das persoas solicitantes, compulsa que asinará o/a director/a ou secretario/a do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.

Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se aleguen fóra do prazo a que se refire o artigo 6 desta convocatoria.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es

Artigo 10. Procedemento para a adxudicación das prazas

1. A selección das persoas candidatas realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais, con categoría de subdirector ou subdirectora xeral, xefe ou xefa de servizo ou membros da Inspección educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

d) Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un ou unha representante para asistir ás sesións da comisión.

A comisión poderá solicitar a incorporación de persoas asesoras especialistas, limitándose as devanditas persoas a prestaren a súa colaboración.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1 e 2 do baremo do anexo II. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Esta comisión rexerase polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo II. En caso de empate entre as persoas funcionarias, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2.2 do baremo.

De manterse o empate, terá preferencia a persoa de maior antigüidade no corpo.

3. Finalizada a preselección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ( www.edu.xunta.es/piale ) na internet.

A exposición abrirá un prazo de dez (10) días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das actividades perante a persoa que exerza a presidencia da comisión. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevaralle a proposta definitiva á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá a relación final das persoas seleccionadas e de suplentes ordenadas por puntuación.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ( www.edu.xunta.es/piale ) na internet.

4. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco (5) meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

6. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada pola comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

Artigo 11. Renuncias e retirada de documentación

1. Resolta esta convocatoria, soamente se admitirán renuncias ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade e libremente apreciada pola persoa que exerza a presidencia da comisión de selección.

As prazas vacantes seranlles ofertadas ás persoas suplentes por chamamento directo, de acordo coa relación publicada.

2. Transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas, ou os/as seus/súas representantes legais, disporán dun prazo de seis (6) meses para poder retirar a documentación ante a persoa que preside a comisión. Transcorrido o dito prazo, entenderase que renuncian á súa devolución.

Artigo 12. Comunicación

Toda a información con respecto á organización e ao desenvolvemento dos cursos, viaxes ao lugar de realización e reunións informativas será anunciada no enderezo web: http://www.edu.xunta.es/piale .

Artigo 13. Condicións económicas

Para as actividades realizadas fóra de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria encargarase, a través das empresas adxudicatarias, do desprazamento, a docencia, actividades culturais, manutención e aloxamento. A consellería determinará o medio de desprazamento ao país estranxeiro, así como o tipo de aloxamento e manutención, que será comunicado ao profesorado seleccionado unha vez adxudicadas as empresas.

Artigo 14. Retribucións

Durante o tempo de duración das actividades de formación o profesorado seleccionado recibirá os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

Artigo 15. Certificación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria expedirá as seguintes certificacións, segundo as modalidades:

1. Modalidade 1: rematadas as tres fases, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria emitirá tres certificados de formación do profesorado ás persoas participantes no programa: un certificado de 75 horas pola primeira fase, un certificado de 75 horas pola fase de formación no estranxeiro e un certificado de 25 horas pola terceira fase. En ningún caso se certificará a actividade de maneira parcial nin de xeito anticipado. Só recibirá a certificación de todas as partes o profesorado que remate todo o itinerario formativo, despois da entrega dos materiais elaborados na última fase.

2. Modalidade 2: rematadas as dúas fases, o profesorado participante por esta modalidade recibirá dous certificados de formación do profesorado pola súa participación no programa: 100 horas de formación permanente pola fase de integración en centros canadenses ou portugueses e 25 horas pola fase de elaboración do plan de difusión e da memoria correspondente, que incluirá unha proposta didáctica. En ningún caso se certificará a actividade de maneira parcial nin de xeito anticipado. Só recibirá a certificación de todas as partes o profesorado que remate todo o itinerario formativo, despois da entrega dos materiais elaborados na última fase.

3. Modalidade 3: rematadas as dúas fases, o profesorado participante por esta modalidade recibirá dous certificados de formación do profesorado pola súa participación no programa: 50 horas de formación permanente pola primeira fase e 25 horas pola fase de elaboración de materiais. En ningún caso se certificará a actividade de maneira parcial nin de xeito anticipado. Só recibirá a certificación de todas as partes o profesorado que remate todo o itinerario formativo, despois da entrega dos materiais elaborados na última fase.

Artigo 16. Habilitación normativa

Autorízase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Artigo 17. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II
Baremo

Méritos

Puntos por curso ou actividade

Total puntos máximo

Documentos

1. Méritos docentes.

– Por cada ano de servizo como funcionario ou funcionaria.

0,5 punto por ano completo.

3 puntos

2. Outros méritos.

Fotocopias compulsadas das certificacións acreditativas

2.1. Docencia en actividades de formación do profesorado, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,1 puntos por cada

3 horas de formación.

1,5 puntos

2.2. Asistencia e/ou coordinación de actividades de formación do profesorado relacionadas con linguas estranxeiras, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,05 puntos por cada 10 horas de formación.

3 puntos

2.3. Asistencia e/ou coordinación de actividades de formación do profesorado, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,1 puntos por cada 10 horas de formación.

1,5 puntos

2.4. Participación en proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, e participación no plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras (modalidade 1 e 2) nos institutos de educación secundaria establecidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Participación no Programa de seccións europeas, seccións bilingües, aulas bilingües ou centros plurilingües da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

0,5 puntos por ano.

4 puntos

2.5. Participación en intercambios ou estadías formativas, con alumnos, no estranxeiro. Participación no programa de inmersión lingüística con alumnado de 6º de educación primaria.

0,25 puntos por actividade.

2 puntos

2.6. Non ter participado con anterioridade na convocatoria de estadías no estranxeiro ou na do programa PALE ou PIALE.

6 puntos

ANEXO III
Modelo de folla de autobaremación
(Relacionar e numerar na mesma orde que aparece no anexo II.
As fotocopias cotexadas presentaranse na mesma orde)

Apartado

Méritos alegados

Puntuación

1.

2.

2.1.

2.2.

2.3.

2.4.

2.5.

2.6.

ANEXO IV
Relación de actividades

Actividades

Prazas (*)

Destinos

1.1. PIALE. Inglés en infantil e primaria

15

Reino Unido (3 semanas)

1.2. PIALE. Inglés para profesorado CLIL de secundaria/FP

15

Canadá ou EUA (3 semanas)

1.3. PIALE. Inglés para profesorado CLIL de primaria

5

Reino Unido (3 semanas)

2.1. PIALE. Integración para profesorado de inglés de primaria

5

Canadá (4 semanas)

2.2. PIALE. Integración para profesorado de inglés de secundaria

10

Canadá (4 semanas)

2.3. PIALE. Integración inglés para profesorado CLIL de secundaria

20

Canadá (4 semanas)

2.4. PIALE. Integración inglés para profesorado CLIL de primaria

15

Canadá (4 semanas)

2.5. PIALE. Integración en lingua portuguesa

5

Portugal (4 semanas)

3.1. Inglés para profesorado especialista

10

Reino Unido (2 semanas)

3.2. Francés para profesorado especialista

15

Francia (2 semanas)

3.3. Francés para profesorado non especialista

10

Francia (2 semanas)

3.4. Lingua portuguesa

10

Portugal (2 semanas)

3.5. Lingua alemá

5

Alemaña (2 semanas)

(*) As prazas ofertadas poderanse incrementar na medida en que se aumente o orzamento para a realización destas actividades.

ED305F G.pdf
ED305F G.pdf
ED305F G.pdf