Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 21 de abril de 2015 Páx. 15276

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 6 de abril de 2015, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se anuncia a toma de posesión provisoria dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de Filgueira de Barranca-Trasanquelos (Oza e Cesuras-A Coruña).

Despois de publicar o acordo de concentración parcelaria da zona de Filgueira de Barranca-Trasanquelos (Oza e Cesuras-A Coruña), e ao non exceder o número de recursos presentados e pendentes o seis por cento dos titulares das explotacións, nin representaren os reclamantes máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios con data do 30 de marzo de 2015.

Todas as persoas interesadas tomarán posesión dos seus terreos obrigatoriamente, sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen, segundo o artigo 44 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Se algún propietario non permitir a toma de posesión dos novos predios no prazo que se indica neste aviso, será apercibido e a seguir será obxecto de compulsión directa (artigo 45 da antedita lei), ademais de que lle serán impostas as sancións económicas que procedan, conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes.

Os interesados poderán reclamar sobre as diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e a que conste no expediente de concentración, no prazo dos sesenta días naturais seguintes á data en que os predios se poñan á súa disposición (artigo 46). Deberán achegar coa reclamación ditame pericial visado polo colexio correspondente.

Os prazos para a toma de posesión son os seguintes:

a) Labradíos sen colleita pendente, prados e pastos: o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

b) Os restantes predios, no momento de seren retiradas as colleitas que estiveren pendentes de recolección no día antes citado.

c) En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia, logo da petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de seren especies autóctonas protexidas; sen prexuízo das demais autorizacións que legalmente procedan. Transcorrido o referido prazo, entenderase que pertencen ao propietario do novo predio.

Así mesmo, deberán adoptarse as medidas relativas á prevención de incendios forestais previstas na lexislación vixente.

A Coruña, 6 de abril de 2015

Antonio Manuel Aguión Fernández
Xefe territorial da Coruña