Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 22 de abril de 2015 Páx. 15333

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da comunidade autónoma, cuxa presidencia corresponde á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, tendo en conta que as sociedades cooperativas amosaron o seu importante potencial para o impulso do desenvolvemento local, en xeral, e rural, en particular, entende que cómpre apoiar o seu aproveitamento integral como elementos dinamizadores da economía local e singularmente creadores de riqueza e emprego, a través do estímulo aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, particularmente aqueles máis ligados ao ámbito local, e, para tal efecto, acordou establecer as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.

O Consello Galego de Cooperativas emitiu informe sobre as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, así como a súa convocatoria para o ano 2015.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas

Artigo 1. Finalidade

A finalidade deste concurso é estimular o labor das persoas que interveñen nos procesos de asesoramento e impulso de proxectos empresariais, para que fomenten o cooperativismo como fórmula de desenvolvemento local en Galicia.

Con este obxecto premiaranse as persoas impulsoras das mellores iniciativas de proxectos empresariais organizadas baixo a fórmula cooperativa. Os proxectos terán por obxecto o impulso e aproveitamento integral dos recursos locais no ámbito galego de xeito que poidan incentivar o desenvolvemento local, en xeral, e rural, en particular.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar neste concurso as persoas físicas pertencentes a colectivos tales como axentes de desenvolvemento local, de extensión pesqueira, de extensión agraria, técnicos e técnicas de emprego, de grupos de acción local, das oficinas de fomento cooperativo e da Rede Eusumo, das asociacións de cooperativas, das consellerías do Medio Rural e do Mar e de Traballo e Benestar, orientadores e orientadoras educativos e laborais, así como persoas asesoras e consultoras de cooperativas. Así mesmo, o concurso estará aberto a todas as persoas físicas, maiores de idade e de calquera nacionalidade, impulsoras de proxectos empresariais cooperativos.

2. Non poderán participar as persoas en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Presentación de proxectos

1. Poderán presentarse proxectos individuais ou colectivos. Cada persoa poderá participar nun só proxecto individual e/ou nun só proxecto colectivo. A participación en máis dun proxecto unicamente será admisible cando sexan proxectos de diferente modalidade (individual e colectiva).

2. A solicitude de participación (anexo I) xunto co proxecto presentaranse na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

3. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .

Artigo 4. Documentación

1. Deberá presentarse unha copia de cada proxecto, en papel formato A4 (DIN-A4, 210 × 297), claramente impresa a espazo simple e preferentemente en Arial 12 ou tipo de letra similar e nunha soa das caras da folla. A extensión máxima dos proxectos será de 20 páxinas (incluíndo no cómputo os anexos). Ademais, será obrigatorio enviar os proxectos en formato electrónico de xeito complementario ao envío en papel.

2. Cada proxecto presentarase asinado cun pseudónimo na portada e acompañado por un sobre, debidamente pechado; na súa fronte indicarase o pseudónimo usado polas persoas autoras. No interior dese sobre deben figurar os datos persoais e de contacto do autor ou autora para os proxectos individuais e de cada unha das persoas que forman o grupo de traballo nos proxectos colectivos: nome e apelidos, DNI ou número de pasaporte, domicilio, teléfono e enderezo de correo electrónico, se o tiver. O dito sobre permanecerá invariablemente pechado, a excepción do correspondente ao proxecto que acade o premio e daqueles que sexan seleccionados para formar parte dun catálogo de referencia.

3. Cada proxecto entregado estará acompañado, ademais, dunha declaración polas persoas autoras e asinado co seu pseudónimo, na cal aceptará expresamente as bases e condicións do concurso e declarará que a obra é da súa autoría, inédita, que non foi presentada a outro concurso pendente de resolución e que non ten cedidos ou comprometidos os dereitos de edición e/ou reprodución en calquera forma con terceiros. No sobre pechado indicado anteriormente incluirase unha certificación asinada co nome e apelido das persoas autoras, na cal estas se fan expresamente responsables da veracidade e exactitude da declaración mencionada neste parágrafo. No caso de faltar este requisito, o proxecto quedará excluído do concurso.

Artigo 5. Prazo

A presentación dos proxectos farase no prazo indicado na convocatoria. Os textos entregados fóra de prazo non serán admitidos no concurso.

As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou candidata ou persoa que o propoña, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo indicado na convocatoria.

Poderase requirir das persoas interesadas aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

Artigo 6. Premios

Outorgarase un único premio á mellor iniciativa cooperativa.

Artigo 7. Órgano instrutor

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días e, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Tribunal e criterios de avaliación

1. Os proxectos presentados serán avaliados pola Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas, que actuará como tribunal para a concesión do premio. O premio será outorgado polo tribunal, que poderá declarar o premio deserto ou conceder o premio compartido. A entrega do premio terá lugar no transcurso do acto público que se realizará con motivo do día do cooperativismo galego.

2. Avaliaranse a coherencia e viabilidade económica dos proxectos, o seu carácter innovador, a súa achega á posta en valor e aproveitamento sustentable dos recursos locais do contorno e a súa adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do Plan estratéxico para o cooperativismo, así como a súa incidencia na creación de emprego.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O tribunal fará pública a proposta provisional de adxudicación do premio na web www.cooperativasdegalicia.coop .

4. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

5. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación do premio.

6. A persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, a concesión do premio, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizasen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, mediante envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 10. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión do premio realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. A aplicación orzamentaria e o importe asignado a este premio figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Coa xustificación da actividade subvencionada deberá presentarse declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Artigo 11. Condicións xerais de participación

1. O outorgamento do premio establecido neste concurso implica, sen necesidade de ningunha declaración por parte das persoas autoras, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social a reproducir, traducir e difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios a través dos suxeitos, entidades ou institucións que considere oportunos.

2. O Consello Galego de Cooperativas reservará para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes do gañador ou da gañadora, polos medios e formas de comunicación que crea convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. A presentación do proxecto comportará, para estes efectos, o consentimento das persoas participantes no concurso.

3. As persoas concursantes exoneran de toda responsabilidade a Consellería de Traballo e Benestar, no caso de que os proxectos resulten danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estean no seu poder. Os materiais presentados non serán devoltos.

4. A presentación dun proxecto neste concurso implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido nelas e, no seu defecto, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro

1. Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Capítulo II
Convocatoria do concurso de iniciativas cooperativas para o ano 2015

Artigo 13. Convocatoria

Convócase o concurso de iniciativas cooperativas para o ano 2015.

Artigo 14. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes e dos proxectos remata o 15 de maio de 2015. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes e os proxectos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Contía do premio

Premio á mellor iniciativa cooperativa, que conta cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. Unha vez publicada a resolución definitiva, as persoas autoras do proxecto premiado propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento realizarase logo da entrega da seguinte documentación:

a) Datos de identificación das persoas premiadas e do representante legal, de ser o caso: nome e apelidos, número de identificación fiscal, domicilio, teléfono e correo electrónico.

b) No caso de proxectos colectivos, declaración asinada por todas as persoas autoras do proxecto que acredite as contías atribuídas individualmente a cada unha delas.

c) As persoas autoras da mellor iniciativa cooperativa deberán presentar, ademais, os seguintes documentos:

– Acta das reunións do grupo promotor cos seus datos de identificación (nome e apelidos, domicilio e NIF).

– Memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

e) Declaración de non estar incursos nas circunstancias recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable acreditativa acerca da veracidade dos datos da conta bancaria.

3. A devandita documentación deberá presentarse na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela) antes do 30 de setembro de 2015.

Artigo 17. Financiamento

A concesión do premio previsto nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, na aplicación 11.02.324A.480.2, código de proxecto 2015 00509, nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2015, ata un importe máximo de 5.000,00 €.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión do premio previsto nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro de importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file