Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 5 de maio de 2015 Páx. 17403

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, cofinanciadas parcialmente co FSE, e se convocan para o ano 2015.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas. O mesmo texto legal na súa disposición adicional sétima, establece que a Xunta de Galicia poñerá en marcha accións de promoción, difusión, desenvolvemento, formación e fomento do cooperativismo no marco da súa acción política e como fórmula empresarial de creación e mantemento de emprego, cohesión territorial e vertebración económica e social de Galicia.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se están as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos. A competencia da Comunidade Autónoma sobre as referidas entidades de economía social alcanza desde a exclusiva, relativa a cooperativas, como xa se indicou anteriormente, á de execución recollida nos decretos de traspaso de funcións da Administración do Estado á Comunidade Autónoma e normativa reguladora que lles afecta, no caso das sociedades laborais (Lei estatal 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, Real decreto 2114/1998, do 2 de outubro, sobre o rexistro administrativo e Real decreto 1456/1989, do 1 de decembro, sobre traspaso de funcións).

A economía social, polos seus principios, perfílase cada día como un axente económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento, creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento foi regulado mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

De acordo co disposto no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

O conxunto de axudas establecidas nesta orde forman, parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e concrétanse en tres programas con destinatarios diferenciados.

A través do primeiro dos programas procúrase un axeitado desenvolvemento das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, subvencionando parcialmente os gastos de funcionamento das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, así como as actividades de promoción do cooperativismo e da economía social realizadas por estas.

O segundo programa impulsa a creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo no ámbito local, impulsadas por entidades locais ou agrupacións de concellos, estimulando a participación da Administración local no labor de promoción e desenvolvemento da economía social.

Os programas anteriores son complementados por un programa que pretende incentivar a realización de actividades de promoción por parte de entidades que se teñen incorporado á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. Deste modo incentívase a efectiva participación nesta rede de entidades sen ánimo de lucro como asociacións e fundacións, de organizacións profesionais, empresariais e sindicais e de cámaras de comercio.

Os tres programas comparten, en maior ou menor medida, o marco de actuacións que representa a Rede Eusumo, que permite a coordinación de actuación e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento.

O programa operativo FSE Galicia 2007-2013 prevé, no seu eixe 4, tema prioritario 80, destinado ao fomento de colaboracións, pactos e iniciativas a través de redes de partes interesadas, establécese as axudas á economía social e á potenciación e dinamización de redes e asociacións, cos obxectivos específicos de desenvolver conxuntamente servizos, metodoloxías, ferramentas e produtos para a aprendizaxe mutua de novos enfoques e novos modelos de xestión, no ámbito da economía social, así como fomentar a cooperación e o traballo en rede. A Rede Eusumo conta coa colaboración de entidades alleas á Comunidade Autónoma de Galicia, afrontando de xeito efectivo a cooperación transnacional e interrexional.

Prevese o financiamento dos distintos programas con cargo ao Fondo Social Europeo e fondos propios.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para realizar actividades de impulso e fomento do cooperativismo e a economía social, a través dos seguintes programas:

Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais.

Programa II. Oficinas locais de fomento cooperativo.

Programa III. Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Artigo 2. Principios de xestión

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde:

a) As asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.

b) Os concellos de Galicia, a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios, dun consorcio local ou dunha agrupación dun mínimo de catro concellos que pertenzan a unha mesma zona, nos termos e para as actuacións previstas no programa II.

c) As fundacións e asociacións, as cámaras de comercio, as organización profesionais, empresariais e sindicais e outras entidades sen ánimo de lucro, sinaladas nas letras d), f) e g) do número 1 do artigo 5 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, que teñan formalizada a súa adhesión á esta rede por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde, para as actuación e nos termos previstos no programa III.

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) As asociacións de cooperativas, de sociedades laborais, as fundacións e asociacións, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais, así como outras entidades sen ánimo de lucro, deberán estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das axudas previstas nos programas desta orde estarán suxeitas á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás seguintes aplicacións da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social: 11.02.324A.481.1 para o programa I, 11.02.324A.460.0 para o programa II e 11.02.324A.481.2 para o programa III. Adicionalmente, para este último programa e soamente no caso de resultaren beneficiarias as cámaras de comercio, habilitarase a aplicación orzamentaria 11.02.324A.445.1

2. A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de axudas.

3. Os programas poderán ser atendidos co Fondo Social Europeo (ao 80 %) e fondos propios que cofinancian (ao 20 %) e con fondos propios libres.

4. De producirse remanentes de crédito nalgún dos devanditos programas procederase á reasignación das contías sobrantes entre os restantes, con excepción dos créditos cofinanciados co FSE, que só poderán ser redistribuídos entre programas elixibles e cofinanciados polo programa operativo FSE 2007-2013.

5. Estes importes poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

6. Estes créditos poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polos Fondos Europeos.

Artigo 5. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, no Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello e na Orde TIN/2965/2008, de 14 de outubro.

Capítulo II
Normas comúns, solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 6. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes de subvencións deberán presentarse nos modelos que figuran como anexos desta orde, deberá xuntarse a documentación citada no artigo 7 e dirixiranse á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda é un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación

1. A documentación que se debe xuntar a cada solicitude para o programa I é a seguinte:

a) Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Memoria aprobada polo órgano competente e asinada polo representante legal, segundo modelo que figura como anexo II desta orde.

c) Orzamento detallado dos gastos normais de funcionamento para os cales se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes.

d) Proposta das actividades para as cales se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as persoas destinatarias e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes e un orzamento detallado, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento e a porcentaxe de actividades que se prevén subcontratar.

e) No caso de asociacións de sociedades laborais, certificación acreditativa das inscricións practicadas no rexistro público onde figure inscrita e copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, de ser ó caso, así como relación de entidades socias debidamente certificada.

2. A documentación que se debe xuntar a cada solicitude para o programa II é a seguinte:

a) Memoria que conteña:

1. Identificación das entidades participantes e do seu ámbito de influencia.

2. Indicación das actividades de fomento do cooperativismo realizadas no ano anterior a través da oficina de fomento cooperativo, de ser o caso, sinalando o número de accións de formación, información e asesoramento, así como o número de proxectos empresariais cooperativos consolidados.

3. Persoa directora ou coordinadora do proxecto.

4. Descrición das actividades que se pretenden realizar, especificando a súa finalidade e as persoas destinatarias.

5. Cronograma ou planificación das actividades.

6. Medios previstos para a súa realización, con indicación expresa das características do local onde se sitúa a oficina de fomento.

7. Informe relativo á capacidade profesional da persoa técnica da oficina de fomento para a cal se solicita a subvención.

8. Orzamento detallado, cuantificado en todos os seus puntos, con indicación da procedencia dos recursos non achegados pola consellería e a porcentaxe de actividades que se prevén subcontratar.

b) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, ou persoa a que legalmente lle corresponda, do acordo polo que se solicita a subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta orde, así como de non estar incursos os concellos solicitantes ou mancomunidade de municipios nas prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Os concellos que se asocien para os efectos desta orde deberán achegar documento en que se acorde a colaboración dos concellos e a designación do que os representa, así como certificación das secretarías, ou persoa a que legalmente lle corresponda, dos acordos do órgano competente conforme se delega a petición de subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

d) No momento da xustificación parcial ou total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

3. A documentación que se debe xuntar a cada solicitude para o programa III é a seguinte:

a) Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Memoria aprobada polo órgano competente e asinada polo representante legal, segundo o modelo que figura como anexo IX desta orde.

c) Proposta das actividades de fomento do cooperativismo e a economía social para as cales se solicita a subvención, especificando a súa finalidade, as persoas destinatarias e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional das persoas intervenientes e un orzamento detallado, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes, que concrete a achega que realizará a entidade solicitante no seu financiamento, así como a porcentaxe de actividades que se prevén subcontratar.

d) De ser o caso, declaración relativa aos grupo de promotores creados por iniciativa da entidade solicitante e que formalizaron a súa constitución como cooperativa ou sociedade laboral, con identificación das súas características, os seus integrantes e asinada de conformidade por todos eles.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Traballo e Benestar/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante Consellería de Traballo e Benestar/Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

6. No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa ou entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignados a cada operación que se públicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 9. Criterios obxectivos de adxudicacións das subvencións

1. Os criterios de valoración das solicitudes serán os recollidos para os programa de axudas I, II e III nos artigos 27, 33 e 39, respectivamente. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

2. En caso de empate de puntos de baremación, asignarase a subvención ás beneficiarias que empreguen a lingua galega na realización das actividades. Se persistira o empate terán prioridade as solicitudes segundo orde de entrada.

O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Artigo 10. Instrución

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a interesada para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, de ser o caso, así como as certificacións indicadas no número 3 do artigo 8.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación, que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras e informará o órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta ao órgano competente para a resolución, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

4. A comisión de avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da Xefatura de Servizo de Cooperativas e Economía Social e dúas persoas xefas de sección, unha delas actuará como secretaria.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en quen delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da dirección xeral.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De ser o caso, na notificación da resolución da axuda comunicaráselle ao beneficiario o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2007-2013, con concreción do eixe, tema prioritario e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

3. A realización das actividades será responsabilidade exclusiva dos solicitantes, aínda que consellería debe estar informada puntualmente e con suficiente antelación das circunstancias concretas da execución e reserva para si o dereito de solicitar a información complementaria que considere oportuna, así como a comprobación de calquera aspecto relacionado con elas. En todos os soportes, materiais ou publicacións e calquera medio de divulgación das actividades deberá constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, a do FSE. De todo este material e documentación obxecto do financiamento da consellería, esta poderá facer uso coa finalidade de multiplicar o efecto promotor en toda a comunidade autónoma.

3.1. Con carácter previo á realización de actividades divulgativas ou formativas para as cales se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social a data, hora e lugar da súa realización.

3.2. En relación con esta epígrafe de programación das actividades formativas, achegarase, cunha antelación mínima de cinco días ao seu inicio, a seguinte documentación:

– Datas de inicio e remate e o horario de impartición.

– Planificación temporal dos módulos da acción formativa.

– O enderezo completo do lugar de impartición.

– Relación nominal dos docentes con especificación o seu DNI.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A beneficiaria deberá presentar perante o órgano administrativo competente para a instrución do procedemento a xustificación da subvención no prazo fixado na resolución de concesión da axuda e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá a beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. A unidade administrativa responsable da instrución analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento, que se elevará á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, órgano competente para ordenar o pagamento.

5. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

6. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Para estes efectos, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria.

7. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo IV, VII ou X, correspondentes aos programas I, II e III respectivamente, xunto coa documentación que se especifica no artigo 15.

8. En ningún caso se poderá realizar o pagamento da subvención mentres as beneficiarias non figuren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Pagamento anticipado

Para os programas I e II, unha vez acreditada a aceptación da subvención e logo de solicitude, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención, sen que en ningún caso o pagamento anticipado poida superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, segundo o previsto nos artigos 63 e 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, en referencia cos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de entidades non lucrativas e administracións públicas.

Artigo 14 Gastos subvencionables

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En todo caso, para os gastos que se financiarán co Fondo Social Europeo respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE (BOE núm. 252, do 18 de outubro de 2008).

Artigo 15. Documentación xustificativa para o pagamento

1. As entidades beneficiarias do programa I deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión, e que constará dos seguintes documentos:

a) Certificación detallada expedida polo secretario da asociación, co visto e prace do seu presidente, dos gastos realizados e do cumprimento dos fins obxecto da subvención.

b) Relación detallada das facturas e outros documentos xustificativos dos gastos.

c) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas.

d) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos xustificantes bancarios de pagamento.

e) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal deberase achegar:

– Nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións a conta do IRPF, así como xustificantes bancarios da realización do gasto.

– Certificación da empresa en que consten as persoas traballadoras asignadas ao proxecto ou actividade subvencionada, as tarefas que realizan, así como, de ser o caso, o criterio de imputación parcial dos gastos de cada unha delas.

– Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora, en que consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas diariamente.

f) Para outro tipo de gastos deberanse achegar os seus xustificantes xunto con memoria explicativa da súa vinculación ao proxecto ou actividade subvencionada, asinada pola beneficiaria. Cando unicamente se impute unha porcentaxe deles ao proxecto, a memoria deberá xustificar a aplicación tanto da parte imputada ao programa, como da restante, así como especificar o criterio de imputación.

g) No caso de actividades formativas (cursos, xornadas e similares) deberá achegarse ademais relación de asistentes segundo modelo que figura como anexo V, debidamente asinada por todos eles.

h) Memoria resumo da execución do programa subvencionado (en formato papel e formato dixital).

i) Copia de todos os documentos xerados durante a execución dos proxectos (en formato papel e formato dixital).

j) Documentación acreditativa da repercusión pública das accións executadas, cando proceda.

2. As entidades beneficiarias do programa II deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión e que constará dos seguintes documentos:

a) Informe exhaustivo da realización das actividades, xunto coa copia de todos os materiais e documentos xerados, así como constancia da súa repercusión pública.

b) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada do contrato de alugamento se procede.

c) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada do contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións á conta do IRPF, así como xustificantes bancarios da realización do gasto relativos á persoa técnica contratada ou persoa que o substitúa de xeito temporal nas súas funcións ata a finalización do período subvencionado, así como informe explicativo das retribucións brutas e as conseguintes cotizacións empresariais á Seguridade Social detalladas e periodificadas, con indicación das cantidades achegadas polas entidades, de ser o caso.

d) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos do programa recollidos no artigo 32.

e) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas e dos xustificantes bancarios de pagamento relativos aos custos derivados do alugamento de locais, xunto coa memoria explicativa da súa vinculación ao proxecto ou actividade subvencionada, asinada pola beneficiaria. Cando unicamente se impute unha porcentaxe deles ao proxecto, a memoria deberá xustificar a aplicación tanto da parte imputada ao programa, como da restante, así como especificar o criterio de imputación.

f) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas e dos xustificantes bancarios de pagamento relativos aos custos derivados das accións de promoción e fomento sinaladas no artigo 30.5.

g) No caso de actividades formativas (cursos, xornadas, e similares) deberá achegarse ademais, relación de asistentes segundo modelo que figura como anexo V e debidamente asinada por todos eles.

3. As entidades beneficiarias do programa III deberán achegar a documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, no prazo, termos e na forma que estableza a resolución da concesión, e que constará dos seguintes documentos:

a) Informe exhaustivo da realización das actividades, xunto con copia de todos os materiais e documentos xerados durante a execución do proxecto, así como constancia da súa repercusión pública (en formato papel e formato dixital).

b) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas.

c) Orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos xustificantes bancarios de pagamento.

d) Cando a xustificación comprenda gastos de persoal deberase achegar:

– Nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e documento de ingreso das retencións a conta do IRPF, así como xustificantes bancarios da realización do gasto.

– Certificación da empresa na cal consten as persoas traballadoras asignadas ao proxecto ou actividade subvencionada, as tarefas que realizan, así como, de ser o caso, o criterio de imputación parcial dos gastos de cada unha delas.

– Partes de traballo asinados pola empresa e a persoa traballadora, na cal consten as horas dedicadas ao proxecto ou actividade subvencionada, con descrición das tarefas realizadas diariamente.

e) Para outro tipo de gastos deberanse achegar os seus xustificantes xunto con memoria explicativa da súa vinculación ao proxecto ou actividade subvencionada, asinada pola beneficiaria. Cando unicamente se impute unha porcentaxe deles ao proxecto, a memoria deberá xustificar a aplicación tanto da parte imputada ao programa como da restante, ase como especificar o criterio de imputación.

f) No caso de actividades formativas (cursos, xornadas, e similares) deberá achegarse ademais relación de asistentes segundo modelo que figura como anexo V e debidamente asinada por todos eles.

g) No caso de conformación de grupos promotores, deberá achegarse unha memoria explicativa das características do grupo creado, con identificación das persoas participantes e das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto empresarial, debidamente asinada por todos eles e pola entidade beneficiaria.

4. No momento da xustificación parcial ou total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

5. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

6. As entidades beneficiarias deberán achegar como documentación acreditativa do sistema de contabilidade separada a que se refire a letra d) do artigo 18 un extracto do balance provisional contable, asinado e selado que permita verificar como se contabilizaron os gastos, o cal deberá incluir contas ou subcontas, datas e números dos correspondentes asentos contables, así como o seu cofinanciamento polo FSE.

7. A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa estean en poder da Administración actuante.

Artigo 16. Subcontratacións

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial, as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, coas condicións e requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Sen prexuízo do establecido no artigo 27.3 da Lei de subvencións de Galicia, as entidades deberán comunicar ao órgano xestor as actividades que pretenden subcontratar, en todo caso, e solicitar autorización sempre que se pretenda subcontratar máis do 30 % do importe da actividade subvencionada, sumando o prezo de todos os subcontratos.

Artigo 17. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá estar incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo III de solicitude desta orde en función do programa de que se trate.

2. O importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde non poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia a desenvolver a entidade beneficiaria, no cal se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período que deban manterse os postos de traballo creados, de ser o caso.

3. O importe máximo das axudas para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras dos distintos programas.

4. As axudas e subvencións previstas nesta orde serán compatibles coa obtención das axudas establecidas nos programas de impulso do autoemprego colectivo no marco da garantía xuvenil, cofinanciadas polo FSE, agás cando se trate de axudas para a mesma actividade e obxecto subvencionado, suposto no cal deberán optar polo financiamento a través dunha única orde de axudas.

5. En aplicación do artigo 54.5 do Regulamento (CE) 1083/2006, os gastos cofinanciados polos fondos comunitarios non poderán acollerse a axudas procedentes de ningún outro instrumento financiero comunitario.

Artigo 18. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención. A acreditación desta circunstancia no caso das beneficiarias do programa II poderá realizarse por medio dunha declaración responsable das solicitantes de acordo co artigo 20.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, de ser o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade. As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado tanto na súa forma coma na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

Para as accións cofinanciadas polo FSE, todas as medidas de publicidade e información que deban executarse serán coherentes co establecido nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006, do 8 de decembro, e na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais, publicada pola Consellería de Facenda e dispoñible na súa páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos .

O beneficiario asegurarase de que as partes intervenientes na operación foron informadas do dito financiamento. O beneficiario anunciará claramente que a operación que se está a executar foi seleccionada no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013. Calquera documento relativo a este tipo de operación incluirá unha declaración na cal se informe deste cofinanciamento.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. As beneficiarias dos programas cofinanciados polo FSE deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, e deberán, así mesmo, manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) As entidades beneficiarias do programa II deberán subscribir o convenio de colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar para a realización de servizos de asesoramento, información e formación e a utilización da oficina de fomento cooperativo como punto da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, e se regula o seu funcionamento.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da axuda

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificada.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da subvención incluirá os xuros de demora, que será o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se computarán desde a data de cobramento ata o momento en que se producise a devolución efectiva por parte do beneficiario.

3. O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación. En concreto, o ingreso deberase realizar na conta bancaria indicada anteriormente indicando expresamente a beneficiaria da subvención e o número de expediente.

4. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación das contías do principal da subvención que se devolve e dos xuros aplicados. Á memoria deberase xuntar copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

Artigo 22. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Capítulo III
Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais

Artigo 23. Finalidade

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas do cooperativismo e a economía social, en concreto das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e da economía social, desenvolvidas no marco da Rede Eusumo.

Artigo 24. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada.

2. Para ser beneficiarias as entidades deberán estar ao día no cumprimento das obrigas referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes.

Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables

1. Mediante o presente programa de axudas se subenciónanse gastos normais de funcionamento e actividades de promoción do cooperativismo e da economía social desenvolvidas no marco da Rede Eusumo.

2. Son subvencionables os gastos normais de funcionamento que se indican:

• Alugueiros e gastos de mantemento de locais e equipamentos.

• Gastos de persoal da asociación.

• Gastos de comunicacións (teléfono, internet, correo, mensaxaría e similares), material de oficina e publicacións diversas.

• Mantemento da páxina web da asociación.

• Cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

• Gastos de representación e participación en congresos, seminarios, xornadas e similares.

• Realización de asembleas e reunións.

• Servizos profesionais.

3. Como actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, son subvencionables as actividades de carácter informativo, formativo ou de asesoramento especialmente encamiñadas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. A título orientativo, as actividades poderán consistir en:

• Organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios e realización de charlas divulgativas e visitas formativas.

• Asesoramento a emprendedores e público en xeral.

• Elaboración, publicación e difusión de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos, inéditos, particularmente os que contribúan á potenciación das actividades da Rede Eusumo.

• Elaboración de proxectos de intercooperación e integración.

• Asistencia a feiras, mostras e congresos.

• Realización de procesos formativos de persoal responsable de titorías, especializado no asesoramento e acompañamento de proxectos.

• Calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo.

Estas actividades deben realizarse nas instalacións que conforman a referida rede e integrarse na súa programación nos termos previstos no Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

Artigo 26. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos, sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

A contía máxima da subvención non poderá exceder os cento cincuenta mil euros (150.000 €) por beneficiaria para a modalidade de gastos normais de funcionamento e douscentos mil euros (200.000 €) por beneficiaria para a modalidade de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social.

2. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

• Nas actividades divulgativas e formativas a contía será a resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por douscentos euros (200 €), ata un máximo de 4.000 euros por actividade.

• Asesoramento a emprendedores e público en xeral: ata un máximo de 20 euros por hora de atención e 20.000 euros por beneficiaria.

• Asistencia a feiras, mostras e congresos ata un máximo de 3.000 euros por beneficiaria.

3. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 euros (IVE excluído) a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 27. Criterios de avaliación

1. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as actividades propostas nas solicitudes presentadas, establecerase para cada modalidade unha prelación entre as actividades de acordo cos criterios de valoración que se indican a continuación e adxudicaranse a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación.

2. A concesión e contía das axudas para os gastos normais de funcionamento serán fixados en función da representatividade que teñan as asociacións solicitantes, en primeiro lugar, e tendo en conta os niveis de actividade que desenvolvan, en segundo lugar, de acordo co seguinte baremo:

a) Polo número de entidades asociadas:

• 1 punto por cada entidade asociada; se a cooperativa asociada é de segundo grao, computaranse as cooperativas integradas a través dela sempre e cando non estean asociadas directamente.

b) Polo nivel de actividade da asociación outorgarase:

• 8 puntos por cada local de atención ás entidades asociadas en funcionamento, cun horario mínimo de apertura de 35 horas semanais. Se o horario resulta inferior reducirase proporcionalmente a puntuación.

• 5 puntos pola participación no Consello Galego de Cooperativas.

• 4 puntos por cada traballador ou traballadora a tempo completo, no caso de traballo a tempo parcial reducirase proporcionalmente a puntuación.

• 4 puntos pola existencia de páxina web operativa e actualizada.

• 2 puntos pola integración da asociación nunha entidade de intercooperación e 2 puntos adicionais cando estea integrada en máis dunha.

3. Para as subvencións de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social desenvolvidas no marco da Rede Eusumo, teranse en conta os seguintes criterios ordenados segundo a súa importancia:

a) Por propostas dirixidas ao fomento do emprendemento e a creación de emprego: 20 puntos.

b) Por propostas dirixidas a fomentar a mellora da xestión empresarial e societaria das cooperativas e sociedades laborais: 10 puntos.

c) Por propostas dirixidas á formación especializada de membros dos órganos sociais: 10 puntos.

d) Por propostas dirixidas á formación básica de persoas socias e traballadoras: 10 puntos.

e) Por propostas que prevexan o acompañamento e titorización de proxectos: 10 puntos.

f) Por propostas dirixidas a divulgación do cooperativismo e a economía social: 10 puntos.

g) Por propostas formativas ou divulgativas dirixidas a fomentar a incorporación das mulleres aos órganos sociais das cooperativas e sociedades laborais e postos directivos en xeral: 10 puntos.

h) Por propostas dirixidas a inclusión social e laboral de persoas en risco de exclusión: 10 puntos.

i) Por propostas innovadoras: 10 puntos.

j) Polo cumprimento dos obxectivos perseguidos con actividades subvencionadas en anteriores convocatorias: 10 puntos.

k) Pola especial adecuación dos medios previstos aos obxectivos da actividade: 10 puntos.

Capítulo IV
Programa II. Oficinas locais de fomento cooperativo

Artigo 28. Finalidade

Este programa ten por obxecto incentivar a participación dos concellos e doutras entidades locais de Galicia no labor de promoción e fomento do cooperativismo e a economía social, subvencionando os gastos da creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo, así como a realización de actividades.

Artigo 29. Beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos de Galicia a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, que agrupen un mínimo de catro concellos, poderán solicitar as subvencións que regula este programa. Neste suposto, todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En particular, deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.

Cando nestas agrupacións participen entidades resultantes de procesos de fusión municipal, computaranse en función do número de concellos fusionados.

2. Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude. O incumprimento desta norma dará lugar a que unicamente se dea validez á solicitude presentada en primeiro lugar e que se proceda á inadmisión das restantes solicitudes onde figuren o concello ou concellos incumpridores.

Non obstante, cando un concello pertenza a unha área metropolitana, unha mancomunidade de municipios ou un consorcio local que soliciten as axudas previstas nesta Orde, poderá participar na solicitude presentada por unha agrupación de concellos distinta das anteriores, sempre e cando se desvincule expresamente da solicitude presentada polos primeiros.

Artigo 30. Actividades e gastos subvencionables

1. As actividades obxecto de subvención consistirán na creación e mantemento de oficinas de fomento cooperativo que realicen actividades de promoción e fomento do cooperativismo dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia, en particular mediante o estímulo do autoemprego e o emprendemento cooperativos e o apoio á xeración de novos proxectos cooperativos.

2. Estas Oficinas deberán integrarse na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e desenvolver as súas actividades en colaboración coas entidades que forman parte dela, estean ou non radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Poderase subvencionar a contratación de persoal técnico asesor en materia de fomento cooperativo por parte da entidade beneficiaria, sempre que se dedique a tempo completo para tal fin. Igualmente, poderase subvencionar o alugamento de locais que resulten necesarios para o funcionamento das referidas oficinas.

4. Unicamente será subvencionable unha oficina de fomento cooperativo por cada solicitude presentada, así como un único local e un único técnico, independentemente do número de concellos que agrupe.

5. Cando exista oficina de fomento cooperativo poderán ser subvencionables as actividades de promoción e fomento do cooperativismo que estean dirixidas ao ámbito territorial dos concellos solicitantes e a súa área de influencia. A título de exemplo, poderán consistir na elaboración e publicación de estudos, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos; celebración de feiras, mostras, congresos; organización de cursos, xornadas, conferencias, seminarios e simposios, así como actividades de fomento de viveiros cooperativos.

Estas actividades deberán coidar especialmente o enfoque de carácter práctico e eficaz das actividades, así como a súa imbricación coa realidade do contorno socioeconómico local onde se desenvolven. Na medida que resulte posible, procurarase a participación das asociacións de cooperativas representadas no Consello Galego de Cooperativas como xeito de contribuír á difusión dos valores e potencialidades do cooperativismo.

Artigo 31. Contía das axudas

1. Para a creación e mantemento das oficinas de fomento cooperativo, a subvención poderá ascender ás seguintes contías:

a) Contía equivalente ás retribucións totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, dunha persoa técnica contratada con dedicación exclusiva e a tempo completo, ata un límite máximo de 2.000 € mensuais.

b) Ata o 100 % dos custos derivados do alugamento de locais ata un máximo de 250 € mensuais.

2. Para as accións de promoción e fomento do cooperativismo referidas no artigo 30.5, a contía das subvencións poderá ascender ata o 80% dos gastos necesarios para a súa realización.

Para as ditas accións establécense os seguintes límites da subvención:

a) Nas actividades divulgativas e formativas a contía será a resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por douscentos euros (200 €), ata un máximo de 4.000 euros por actividade.

b) No caso da actividade de fomento de viveiros cooperativos será subvencionable parte do importe do alugamento do local do viveiro durante un ano, cun límite máximo de 250 € mensuais.

3. A contía máxima da axuda por todos os conceptos subvencionables non poderá exceder os 28.000 € por solicitude. Este límite incrementarase en 3.200 € máis por cada concello adicional a partir de catro, ata un límite máximo total de axuda de 37.600 € por solicitude.

4. Unha vez alcanzados os primeiros 36 meses de funcionamento subvencionado das actividades da oficina de fomento cooperativo, de xeito continuo ou descontinuo, a axuda por mantemento anual dela, incluídos as epígrafes da persoa técnica, oficina e outras accións de promoción e fomento, será dun máximo do 75 % do seu custo. Para este efecto, tamén se respectarán os límites de subvención recollidos nos puntos anteriores.

Artigo 32. Requisitos das oficinas de fomento cooperativo

1. Deberase habilitar unha oficina, estar debidamente sinalizada e publicitar o servizo prestado por distintos medios, tendo en conta o previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e na letra c) do artigo 18 desta orde.

2. Os labores que asumirá a oficina de fomento cooperativo serán:

a) Asesoría e acompañamento de proxectos.

b) Accións formativas e informativas de promotores.

c) Elaboración de plans empresariais.

d) Seguimento e titorización dos proxectos cooperativos en xestación.

e) Formación e divulgación de fórmulas cooperativas, así como coordinación das actividades de fomento e promoción.

3. As persoas técnicas asesoras adscritas a este programa deberán posuír titulación académica universitaria e comprometeranse a realizar un curso de formación en materia de cooperativismo cunha duración mínima de 60 horas.

4. A beneficiaria deberá acreditar a dedicación da persoa técnica asesora ao programa cos seguintes documentos:

a) Partes horarios e plan de traballo.

b) Actas de reunións para xestións de proxectos cooperativos.

c) Informe de actividades.

d) Relación asinada polos distintos destinatarios dos servizos.

e) Certificación da entidade local ou persoa a quen legalmente lle corresponda.

5. A beneficiaria deberá designar unha persoa interlocutora válida para todas as cuestións relacionadas coa oficina de fomento cooperativo. É responsabilidade da beneficiaria impartir todas as ordes, criterios de realización do traballo e directrices ás súas persoas traballadoras, e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia allea por completo a estas relacións laborais. Corresponde, así mesmo, á beneficiaria a vixilancia do horario de traballo, as posibles licenzas horarias, os permisos ou calquera outra manifestación das facultades do empregador.

6. Terase en conta o número de proxectos empresariais cooperativos consolidados e outros indicadores referidos ás actividades das oficinas de emprego cooperativo para a concesión das axudas en anos sucesivos.

Artigo 33. Criterios de avaliación

1. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, establécese unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados no punto seguinte e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación.

2. Como criterios de avaliación teranse en conta os seguintes, ordenados como se indica a continuación:

a) Por contar cun número de cooperativas activas con domicilio no ámbito dos concellos solicitantes, en relación coa poboación, inferior á media dos concellos: 50 puntos.

b) Por cada concello que se agrupe na mesma solicitude: 5 puntos ata un máximo de 40 puntos, tendo en conta que as entidades resultantes de procesos de fusión municipal computarán en función do número de concellos fusionados.

c) Pola titulación académica universitaria que debe posuír o técnico asesor: 20 puntos, se se corresponde con calquera das seguintes:

a) Licenciatura ou grao en Economía, Administración e Dirección de Empresas, Dereito ou titulacións ou graos mixtos que as inclúan.

b) Diplomatura ou grao en Ciencias Empresariais ou Relacións Laborais.

c) Másteres en Xestión e Dirección Empresarial Cooperativa.

d) Por cada acción de formación, información e asesoramento realizadas por oficinas de fomento cooperativo no ano anterior: 5 puntos ata un máximo de 65 puntos.

e) Por cada socio promotor de proxectos empresariais cooperativos consolidados a través de oficinas de fomento cooperativo no ano anterior: 5 puntos ata un máximo de 65 puntos.

f) Pola participación de entidades resultantes de procesos de fusión municipal, culminados nos dez anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes: 81 puntos.

g) Por cada actividade realizada en colaboración con entidades transnacionais ou internacionais no ano inmediatamente anterior: 5 puntos ata un máximo de 30 puntos.

Capítulo V
Programa III. Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social

Artigo 34. Finalidade

A finalidade deste programa é apoiar as actividades de fomento do cooperativismo e a economía social realizadas por entidades adheridas á Rede Eusumo, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro, subvencionando parcialmente os gastos derivados da súa realización.

Artigo 35. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as fundacións e asociacións, as cámaras de comercio, as organizacións profesionais, empresariais e sindicais e outras entidades sen ánimo de lucro, sinaladas nas letras d), f) e g) do número 1 do artigo 5 do Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, que teñan formalizada a súa adhesión a esta rede por medio de convenio de colaboración, asinado con anterioridade á publicación desta orde.

Artigo 36. Actividades e gastos subvencionables

1. Son subvencionables as actividades de carácter informativo, formativo e de asesoramento, especialmente encamiñadas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. A título orientativo, as actividades poderán consistir na realización de charlas divulgativas, visitas formativas, cursos, xornadas, obradoiros e seminarios, así como na conformación de grupos promotores de iniciativas cooperativas.

2. Estas actividades realizaranse fundamentalmente nas instalacións que conforman a referida rede e integradas na súa programación nos termos previstos no Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.

Artigo 37. Contía das axudas

1. A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades e non poderá exceder os seis mil euros (6.000 €) por beneficiaria. Non obstante, se unha vez atendidas todas as solicitudes que cumpran os requisitos previstos nesta orde para acceder ás axudas, quedasen remanentes de crédito, poderá procederse á súa distribución, seguindo a orde de prelación existente, e ata un máximo de seis mil euros adicionais por beneficiario.

2. Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

• Nas actividades divulgativas e formativas a contía será a resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por douscentos euros (200 €), ata un máximo de catro mil euros (4.000 €) por actividade.

• Conformación de grupos promotores de iniciativas cooperativas, ata un máximo de 100 euros por persoa incorporada, que poderán incrementarse ata 200 euros máis por cada un deles que teña previsto incorporarse como persoa socia traballadora ou de traballo.

Artigo 38. Incentivo adicional

1. En compensación do esforzo asociado ao labor de impulso e promoción de lanzamento de proxectos cooperativos e de economía social, establécese un incentivo adicional por cada grupo promotor creado por iniciativa da entidade beneficiaria que alcanzase a fase de constitución formal durante o ano inmediatamente anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A contía do incentivo pola creación de grupos promotores poderá ascender a 1.000 euros cando se trate de constitución de cooperativa e cincocentos euros (500 €) cando se trate de constitución de sociedade laboral. Estas contías non computarán nos límites indicados anteriormente e serán asignadas con carácter previo á atribución de contías por outros conceptos, e establecerase un límite máximo por entidade beneficiaria de seis mil euros (6.000 €).

3 A iniciativa de creación dun grupo promotor unicamente poderá ser atribuída a unha entidade. O incumprimento desta norma dará lugar a que non se tomen en consideración os grupos promotores creados por intervención de máis dunha entidade para os efectos da obtención do dito incentivo.

Artigo 39. Criterios de avaliación

1. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, establecése unha prelación entre elas de acordo cos criterios de avaliación fixados no punto seguinte e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación.

2. Como criterios de avaliación teranse en conta os seguintes:

a) Por propostas dirixidas ao fomento do emprendemento e a creación de emprego: 20 puntos.

b) Por propostas dirixidas á divulgación do cooperativismo e a economía social: 10 puntos.

c) Por propostas dirixidas á formación básica en materia de cooperativismo e economía social: 10 puntos.

d) Por propostas que prevexan o acompañamento e titorización de proxectos: 10 puntos.

e) Por propostas dirixidas á inclusión social e laboral de persoas en risco de exclusión: 10 puntos.

f) Polo cumprimento dos obxectivos perseguidos con actividades subvencionadas en anteriores convocatorias: 10 puntos.

g) Pola especial adecuación dos medios previstos aos obxectivos da actividade: 10 puntos.

h) Por cada actividade realizada en colaboración con entidades transnacionais ou internacionais no ano inmediatamente anterior: 5 puntos ata un máximo de 30 puntos.

Capítulo VI
Convocatoria de axudas para o ano 2015

Artigo 40. Convocatoria

Convócanse para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a realización de actividades de fomento do cooperativismo e a economía social reguladas por esta orde.

Artigo 41. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 42. Período de execución das accións

1. O período de execución de accións para o programa I será o comprendido entre o 1 de novembro de 2014 e o 30 de setembro de 2015.

2. O período de execución para o programa II e III abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 30 de setembro de 2015, agás o previsto no artigo 38.1 desta orde.

Artigo 43. Xustificación das accións subvencionadas

1. As entidades beneficiarias das axudas deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo do anexo IV, VII ou X, correspondentes aos programas I, II e III, respectivamente.

2. A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 15 de outubro de 2015.

Artigo 44. Financiamento e normativa reguladora

1. O financiamento das axudas previstas no programa I da presente orde realizarase con cargo á aplicación 11.02.324A.481.1 cunha contía inicial de cincocentos oitenta e sete mil cento vinte euros (587.120 €), de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Para os gastos normais de funcionamento destinaranse douscentos vinte e sete mil cento vinte euros (227.120 €) de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para atender as actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, desenvolvidas no marco da Rede Eusumo, reservarase a cantidade de trescentos sesenta mil euros (360.000 €) correspondentes a fondos financiados polo Fondo Social Europeo (ao 80 %) e fondos propios que cofinancian (ao 20 %), no eixe 4, tema prioritario 80.

2. A concesión das axudas previstas no programa II realizarase con cargo á aplicación 11.02.324A 460.0 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por un crédito cun importe de cento trinta e cinco mil euros (135.000 €), dos cales o 80 % corresponde ao financiamento do Fondo Social Europeo por cento oito mil euros (108.000,00 €) e o 20 % corresponde a fondos propios da Comunidade Autónoma que cofinancian por un total de vinte e sete mil euros (27.000,00 €), de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

3. O financiamento das axudas previstas no programa III da presente orde realizarase con cargo á aplicación 11.02.324A.481.2, cunha contía inicial de cento corenta mil euros (140.000,00 €), dos cales o 80 % corresponde a financiamento do Fondo Social Europeo por cento doce mil euros (112.000,00 €) e o 20 % corresponden a fondos propios da Comunidade Autónoma que cofinancian cun total de vinte e oito mil euros (28.000,00 €), de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Neste programa III, e só para o caso de resultaren beneficiarias as cámaras de comercio, a concesión das axudas previstas realizarase con cargo a aplicación presupostaria 11.02.324A.445.1, minorando o crédito da aplicación 481.2

4.O orzamento total ascende a oitocentos sesenta e dous mil cento vinte euros (862.120 €) e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: 587.120 € (11.02.324A.481.1).

Programa II: 135.000 € (11.02.324A.460.0).

Programa III: 140.000 € (11.02.324A.481.2 e 11.02.324A.445.1).

Disposicións adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

Se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file