Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 7 de maio de 2015 Páx. 18016

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 65/2015, do 30 de abril, polo que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 72/2013, do 25 de abril).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, acordou en Xunta Xeral a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante Decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, e verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do trinta de abril de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial do Decreto 293/1999, do 28 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

2. A modificación afecta os artigos 27, 29, 31 e 32, que quedan redactados co contido que figura como anexo a este decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Artigo 27. A Xunta Xeral: definición

A Xunta Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade colexial e está composta pola totalidade dos arquitectos colexiados que poderán asistir a ela con voz e voto, xa sexa presencialmente, a través de medios telemáticos ou por representación mediante a delegación do voto nos termos previstos nos presentes estatutos.

Artigo 29. Constitución da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral celebrarase no día e hora sinalados en primeira ou, se procede, segunda convocatoria.

2. Se a unha Xunta Xeral non asiste a metade máis un dos colexiados, ben presencialmente, ben a través de medios telemáticos ou por representación mediante a delegación do voto, celebrarase media hora máis tarde co número de colexiados que concorran.

3. A mesa da Xunta Xeral estará constituída polo decano, o secretario e outros tres membros da Xunta de Goberno designados por esta.

4. A mesa estará presidida e o debate será dirixido polo decano ou, en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou imposibilidade xustificada, polo membro da Xunta de Goberno que o substitúa.

5. Actuará como secretario o da Xunta de Goberno ou, en iguais circunstancias, o membro da Xunta de Goberno que o substitúa.

Artigo 31. Votacións

1. Todos os colexiados non suspendidos nos seus dereitos terán voz e voto na Xunta Xeral cando asistan a ela. A asistencia poderá ser presencial, en remoto por vía telemática ou por representación mediante a delegación do voto nos termos previstos no número 3 deste artigo.

2. A asistencia e participación mediante conexión telemática axustarase ás exixencias técnicas que garantan a validez do voto, o seu control e o seu carácter secreto, nos casos en que este sexa exixido. Establecerase, regulamentariamente, o procedemento de voto telemático que garanta os requisitos de confidencialidade e seguridade na identificación.

3. Todos os colexiados poderán delegar o seu voto en calquera compañeiro igualmente colexiado que asista á Xunta xa sexa presencialmente ou mediante conexión telemática. A delegación de voto deberá facerse por escrito en modelo oficial e será comprobada e verificada pola mesa antes das votacións; deberá consignar coa debida claridade se está feita para todos os puntos da orde do día ou só para algún ou algúns deles. Entenderase que o delegado recibiu facultades para votar segundo a súa vontade en relación con aquel ou aqueles puntos da orde do día que veñan comprendidos na delegación de voto, e teranse por nulas as delegacións que restrinxan ou condicionen esta liberdade. O máximo número de votos delegados nun mesmo colexiado será de dez.

4. As votacións serán públicas, á man alzada para os asistentes presenciais ou a través de conexión telemática mediante o procedemento de voto dixital. Cando o soliciten polo menos o dez por cento dos colexiados asistentes, a votación será nominal ou secreta. En todo caso, será secreta a votación nas mocións de censura e cando a cuestión afecte a dignidade persoal ou profesional dalgún colexiado. A votación telemática axustarase ás exixencias técnicas que garantan a validez do voto, o seu control e o seu carácter secreto, nos casos en que este sexa exixido.

Artigo 32. Acordos

1. Os acordos serán aprobados, como norma xeral, por maioría dos votos emitidos, pero nos casos de modificación destes estatutos e nas mocións de censura será precisa a maioría dos colexiados con dereito a voto, xa sexan presenciais, mediante conexión telemática ou por representación mediante a delegación do voto.

2. Os acordos aprobados pola Xunta Xeral obrigarán a todos os colexiados, presentes, ausentes, disidentes e abstidos, sen prexuízo de que se poidan utilizar os recursos que procedan.

3. Os acordos serán publicados nas circulares do COAG e deberán serlles comunicados directamente aos interesados aos cales lles afecten persoalmente; todo isto no prazo máis breve posible, e sempre antes da seguinte reunión ordinaria da Xunta Xeral.

4. Non se poderán aprobar acordos sobre asuntos que non figuren expresamente na orde do día.