Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 15 de maio de 2015 Páx. 18955

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de maio de 2015 pola que se crea o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio.

As enfermidades do aparello circulatorio representan a primeira causa de morte en Galicia, sendo as síndromes coronarias agudas (SCA) e, en particular, o infarto agudo de miocardio (IAM) determinantes dunha significativa proporción desta mortalidade. Por iniciativa da Consellería de Sanidade, Galicia conta desde o ano 2005 cun programa de atención ao infarto (Progaliam) que, a través dos correspondentes protocolos clínicos para mellorar a coordinación dos diferentes axentes que interveñen na atención a estes/as pacientes, busca reducir a mortalidade e morbilidade provocada polo IAM.

Por outra parte, para poder realizar unha adecuada planificación en calquera ámbito da asistencia sanitaria, é preciso dispoñer de mecanismos de información que permitan coñecer os recursos de que se dispón e as necesidades da sociedade. Neste senso, o IAM é, polas súas propias características, unha das patoloxías máis susceptibles de beneficiarse dun sistema de recollida, análise e tratamento de datos, de xeito que permita a realización de estudos epidemiolóxicos e clínicos para avaliar o proceso e valorar a calidade da asistencia destes/as pacientes, así como planificar as modificacións precisas para a súa mellora continua, de xeito que se promova a equidade no acceso ás prestacións do sistema sanitario e os seus procedementos diagnósticos e terapéuticos.

A realización deste tipo de estudos epidemiolóxicos constitúe unha das actividades fundamentais do sistema sanitario, e así queda recollido no artigo 8.1 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que pon de relevancia a eficacia destes estudos como ferramenta para a prevención dos riscos para a saúde, así como para a planificación e avaliación sanitaria. Para tal fin, resulta necesario contar cun sistema organizado de información sanitaria, vixilancia e acción epidemiolóxica.

Ademais, o Parlamento de Galicia, na súa sesión do 3 de decembro de 2014, aprobou unha proposición non de lei pola que insta a Xunta de Galicia a dispoñer dun rexistro único de ámbito galego que recolla toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto de miocardio, e que os datos reflectidos no rexistro se teñan en conta para adaptar os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais nas estruturas de xestión integrada.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal regula o tratamento dos datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior deses datos polos sectores público e privado, co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, especialmente a súa honra e intimidade persoal e familiar. Por tal motivo, o artigo 20 da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou no diario oficial correspondente.

Con base no anterior, e tendo en conta a habilitación efectuada ás administracións sanitarias polo artigo 23 da Lei xeral de sanidade de cara á creación de rexistros para o coñecemento das distintas situacións de que poidan derivar accións de intervención en favor da poboación, resulta necesario abordar a creación e posta en marcha dun rexistro único de ámbito galego no cal se recollan todos aqueles datos pertinentes, necesarios e non excesivos dos/as pacientes atendidos/as por infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST atendidos/as nos centros sanitarios pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia e no centro Povisa, nos casos de asistencia sanitaria concertada, así como os/as atendidos/as pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia (061).

Por todo iso e de acordo co disposto no artigo 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta orde é crear o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio (Regaliam), único para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o cal queda integrado na Rede galega de vixilancia en saúde pública.

2. O Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio quedará adscrito á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das competencias que correspondan ao órgano responsable deste.

3. Os datos asociados ao Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio formarán parte da historia clínica electrónica.

Artigo 2. Contido

No Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio incluiranse os datos dos/das pacientes afectados/as por infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST que sexan atendidos/as nos centros sanitarios pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia e no centro Povisa, nos casos de asistencia sanitaria concertada, así como os/as atendidos/as pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia (061).

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, para as disposicións de creación de ficheiros figura recollida no anexo I.

Artigo 3. Obxectivos

1. O Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio terá os seguintes obxectivos:

a) Determinar as características epidemiolóxicas, clínicas e terapéuticas da poboación afectada, rexistrando o procedemento de acceso do/a paciente ao sistema sanitario, o itinerario seguido para recibir asistencia, os procedementos diagnósticos e terapéuticos utilizados e o seu resultado.

b) Proporcionar, a través de distintos indicadores de calidade, datos epidemiolóxicos e asistenciais precisos para unha planificación eficaz e eficiente dos recursos materiais e humanos destinados á atención ao infarto agudo de miocardio.

c) Avaliar a eficacia, efectividade e eficiencia da rede asistencial en relación co infarto agudo de miocardio, nos seus aspectos sanitario, económico e de xestión.

d) Servir de base para a elaboración de estudos epidemiolóxicos, clínicos e estatísticos.

2. Os datos de carácter personal incluídos no rexistro únicamente serán empregados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo I e polo persoal debidamente autorizado, con respecto, en todo caso, ao previsto no Decreto 29/2009, do 5 de febreiro, polo que se regula o uso e acceso á historia clínica electrónica.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e os declarados no anexo I.

Artigo 5. Órgano responsable do rexistro

A responsabilidade sobre o Rexistro Galego do Infarto Agudo de Miocardio corresponde á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde, os cales garantirán a confidencialidade dos datos de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Así mesmo, no anexo I detállanse as unidades ante as que poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nel.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O nivel de protección do rexistro que figura no anexo I atópase clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

A persoa titular do órgano responsable deste adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición adicional única. Colaboración co Sistema estatístico de Galicia

A Dirección do Rexistro do IAM de Galicia establecerá as medidas necesarias para a coordinación co Sistema estatístico de Galicia e coa Rede galega de vixilancia en saúde pública.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde para ditar cantas instrucións sexan necesarias para garantir o adecuado funcionamento do rexistro.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Nome e descrición do ficheiro

Regaliam

Finalidade do ficheiro e usos previstos

a) Determinar as características epidemiolóxicas, clínicas e terapéuticas da poboación afectada, rexistrando o procedemento de acceso do/a paciente ao sistema sanitario, o itinerario seguido para recibir asistencia, os procedementos diagnósticos e terapéuticos utilizados e o seu resultado.

b) Proporcionar, a través de distintos indicadores de calidade, datos epidemiolóxicos e asistenciais precisos para unha planificación eficaz e eficiente dos recursos materiais e humanos destinados á atención ao infarto agudo de miocardio.

c) Avaliar a eficacia, efectividade e eficiencia da rede asistencial en relación co infarto agudo de miocardio, nos seus aspectos sanitario, económico e de xestión.

d) Servir de base para a elaboración de estudos epidemiolóxicos, clínicos e estatísticos.

Órgano responsable do ficheiro

Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde.

Persoas e colectivos sobre os que se pretende obter datos

Pacientes atendidos/as nos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde, Povisa e 061, afectados/as por infarto agudo de miocardio con elevación do segmento ST

Servizos ou unidades ante os que poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Consellería de Sanidade ou calquera dos centros/unidades dependentes desta, así como o Servizo Galego de Saúde ou calquera dos centros/unidades dependentes deste, así como as entidades públicas instrumentais dependentes da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde.

Nivel do ficheiro

Alto, por recoller datos sanitarios.

Procedencia e procedemento de recollida de datos

Actos de prestación sanitaria directa.

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos de carácter identificativo: TIS/núm. de tarxeta sanitaria.

Datos de características personais: sexo, idade, concello de residencia.

Datos especialmente protexidos: datos de saúde e clínicos.

Encargado do tratamento

Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde.

Comunicacións ou cesións de datos

Investigadores/as, para o desenvolvemento de estudos científicos, de acordo co sinalado no artigo 11 do Decreto 29/2009, do 5 de febreiro. Instituto Galego de Estatística e Órgano Estatístico Sectorial da Consellería de Sanidade, de acordo coa normativa estatística da Comunidade Autónoma de Galicia e coa normativa de protección de datos no Sistema sanitario público de Galicia.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Non se atopan previstas.