Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 12 de xuño de 2015 Páx. 23216

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 84/2015, do 28 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade de dúas parcelas lindeiras coa estrada PO-553 (parroquia de Goián) a prol do Concello de Tomiño.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Tomiño solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de dúas parcelas lindeiras coa estrada PO-553 sitas na parroquia de Goián e que foron expropiadas con motivo da construción da ponte internacional en Goián (Tomiño)-Vilanova da Cerveira (Portugal), co obxecto de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade das seguintes parcelas de referencia castastral:

– Parcela referencia catastral: 36054B506050020000LK.

– Parcela referencia catastral: 36054B506050010000LO.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de maio de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño das seguintes parcelas:

– Parcela referencia catastral: 36054B506050020000LK.

– Parcela referencia catastral: 36054B506050010000LO.

Artigo 2

O Concello de Tomiño deberá de levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade dos terreos adxacentes obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Tomiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de maio de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas