Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 15 de xuño de 2015 Páx. 23373

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de maio de 2015 pola que se autorizan as ensinanzas básicas iniciais (nivel II) e as ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas, ambas pola modalidade semipresencial, no centro público de educación e promoción de adultos de Teixeiro, no concello de Curtis.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do artigo 81, o desenvolven e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30º da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, considera a educación como unha aprendizaxe permanente e no seu artigo 66 establece que a educación para as persoas adultas ten a finalidade de ofrecer a todos os maiores de dezaoito anos a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

A Orde do 11 de xuño de 2010, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, autorizou as ensinanzas para persoas adultas, nas modalidades presencial e a distancia, no centro de educación e promoción de adultos de Teixeiro, no concello de Curtis.

Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta necesaria a ampliación das ensinanzas básicas de persoas adultas no centro, para racionalizar a oferta e mellorar a atención do colectivo atendido.

Por todo canto antecede, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorización de ensinanzas

Autorízase a implantación das ensinanzas básicas iniciais (nivel II) e das ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas, ambas na modalidade semipresencial, no centro público de educación e promoción de adultos de Teixeiro, no concello de Curtis (código 15032650).

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria