Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 18 de xuño de 2015 Páx. 24195

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de xuño de 2015 pola que se modifica a autorización do centro privado Agarimo, do concello de Arteixo.

O representante da titularidade do centro privado Agarimo, do concello de Arteixo (A Coruña), solicita a autorización para impartir o ciclo de formación profesional básica de Servizos Administrativos e o de Cociña e Restauración.

Mediante a Orde do 18 de xullo de 2012 (DOG do 7 de agosto) modifícase a autorización do centro que queda configurado como se cita a continuación: 5 unidades de educación especial, 1 PCPI de Albanelaría, 1 PCPI de Carpintaría, 1 PCPI de Servizos Administrativos, 1 PCPI de Servizos de Restauración, 1 PCPI de Xardinería e Viveiros e a educación básica para persoas adultas (ensinanzas básicas iniciais: nivel I e II e a educación secundaria para persoas adultas: nivel I e II).

O Real decreto 127/2014, do 28 de febreiro (BOE do 5 de marzo), regula aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, e na súa disposición adicional quinta establece que as administracións educativas poderán determinar a efectividade da autorización dos centros públicos e privados que viñeran impartindo programas de cualificación profesional Inicial (PCPI) para impartir ensinanzas conducentes a un título profesional básico sen necesidade de solicitar unha nova autorización, sempre que o título conteña o perfil profesional do programa que viñera impartindo.

Por resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 11 de setembro de 2014 autorízase o centro privado Agarimo para impartir os ciclos de formación profesional básica de Servizos Administrativos e Cociña e Restauración durante o curso 2014/15.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar os ciclos de formación profesional básica de Servizos Administrativos e Cociña e Restauración, no centro privado que se sinala:

Denominación xenérica: centro privado.

Denominación específica: Agarimo.

Código: 15020431.

Enderezo: r/ Padre Villa, 30. Laxobre.

Localidade: Arteixo.

Concello: Arteixo.

Provincia: A Coruña.

Titular: Asociación Agarimo.

Composición resultante:

a) Educación especial: 5 unidades (psíquicos).

b) Ciclos de formación profesional básica:

– Servizos Administrativos.

– Cociña e Restauración.

c) Educación básica para persoas adultas:

– Ensinanzas básicas iniciais: nivel I e II.

– Educación secundaria para persoas adultas: nivel I e II.

Segundo. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se teña que modificar calquera dos datos que sinala a presente orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria