Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 29 de xuño de 2015 Páx. 27201

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Boimorto

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan especial de ordenación do núcleo rural Galiñeiras, Vilar.

O Pleno desta corporación municipal, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 26 de febreiro de 2015, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar, con carácter definitivo, o Plan especial de ordenación do núcleo rural de Galiñeiras, Vilar (Boimorto-A Coruña) co mesmo contido que na aprobación inicial. Este plan que desenvolve o Plan xeral de ordenación municipal deste concello.

Segundo. Remitir un exemplar completo debidamente dilixenciado á consellería competente da Xunta de Galicia, xunto co certificado do presente acordo de aprobación definitiva.

Terceiro. Publicar este acordo de aprobación definitiva e contido e os artigos das normas deste plan no DOG e o contido completo deste instrumento de planeamento na páxina web municipal, indicando o previo depósito na consellería competente en materia de urbanismo.

Cuarto. Deixar sen efecto a suspensión de licenzas, debéndose axustar no sucesivo os terreos, as instalacións, as construcións e edificacións ao destino que resulte da súa clasificación e cualificación e o réxime urbanístico que, consecuentemente, lles sexa de aplicación, como consecuencia da aprobación deste novo instrumento de planeamento.

Publícase a seguir o texto da normativa deste plan e indícase que foi depositado na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con data do 8.5.2015.

Xustificación de aliñacións.

O Plan xeral de ordenación municipal de Boimorto regula as distancias de cerramentos ou edificacións en solo de núcleo rural no artigo 43.3 da normativa. Segundo as súas determinacións as ditas distancias situaranse a 5 metros do eixo da vía, excepto no caso de varias edificacións arrimadas consolidadas que marquen unha liña definida que poderá manterse a condición de que non se menoscabe o uso da vía.

Isto supón que no núcleo de Galiñeiras-Vilar quedan en situación de fóra de ordenación absoluta cinco vivendas, impedíndose, polo tanto, a realización calquera tipo de obra que non sexan as de conservación e mantemento.

O artigo 72.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en diante LOUGA, establece que «tamén se poderá redactar un plan especial de ordenación do núcleo rural coa exclusiva finalidade de completar o trazado da súa rede viaria e a sinalización de aliñacións e rasantes ou para asegurar a existencia de redes de dotación de servizos suficientes».

Desta maneira, procédese a xustificar as aliñacións en función das características da rede viaria do núcleo rural, composta por catro vías:

a) Estrada CP-0602.

b) Vía 1.

c) Vía 2.

d) Vía 3.

missing image file

As vías 1, 2 e 3 son de titularidade municipal, e presentar un reducido tráfico, xa que tan só dan servizo a un escaso número de edificacións situadas nas súas marxes. Delas a número 1 é a que serve para vertebrar o núcleo de Vilar, localizándose nos seus bordos todas as vivendas do lugar, aínda que, unha vez que a vía sae do núcleo, unicamente dá servizo a leiras de carácter rústico. Por este motivo, óptase por darlle unha sección de 8 metros, e respéctanse, en todo caso, as aliñacións definidas polas vivendas e as edificacións de carácter tradicional existentes, que implican unha lixeira redución da sección, xa que estes pequenos estreitamentos non impiden a correcta circulación de vehículos.

As vías 2 e 3 teñen unha función exclusiva de dar servizo a leiras rústicas, concretamente, a número 3 comunica cunha corte situada ao bordo do núcleo e continúa cara aos terreos agrícolas. A número 2 conflúe na mesma corte, formando co número 1 e 3 unha mazá triangular de pequenas dimensións. A estas dúas vías, o número 2 e o número 3, proporciónaselles unha sección de 6 metros dado o seu escaso percorrido no núcleo rural e o seu practicamente nulo uso rodado. Ademais, non podemos esquecer que a día de hoxe a número 2 está fóra de uso, totalmente cuberta polo mato.

Polo que respecta á estrada CP-0602 da Deputación Provincial, a delimitación do núcleo rural apóiase nun tramo na liña límite de edificación que, para este tipo de vías, pertencentes á rede secundaria se situaba a 7 metros medidos desde a aresta exterior da explanación. Nun segundo tramo, a estrada discorre polo lugar de Vilar, onde se localizan 4 vivendas e varias edificacións auxiliares.

É importante sinalar que nestes momentos existe unha nova Lei de estradas de Galicia, a Lei 8/2013, do 28 de xuño, que modificou os criterios que serven para definir a liña limite edificación, que non coinciden cos que se utilizaron durante a tramitación do Plan xeral de ordenación municipal.

De acordo co establecido no artigo 7 da Lei 8/2013, a estrada CP-0602, estaría clasificada como vía convencional, tendo a consideración de tramo urbano ao seu paso polo lugar de Galiñeiras, xa que ten a consideración de núcleo rural e mediante o presente plan especial definiranse as súas aliñacións. Ademais, segundo o establecido no artigo 8 sería unha travesía rural, ao discorrer por solo clasificado como de núcleo rural.

Nas estradas convencionais, a liña límite de edificación fíxase en 15 metros medidos desde a liña exterior de delimitación da calzada (artigo 41.1), aínda que nos tramos urbanos das estradas, o instrumento de plan urbanístico determinará a aliñación da edificación, que se poderá fixar, de maneira motivada, a unha distancia inferior á que prevé esta lei, con carácter xeral, para a liña límite de edificación das estradas, valorando a existencia de edificacións continuadas preexistentes, así como a concorrencia de razóns técnicas, socioeconómicas ou de orografía do terreo que poidan aconsellar a redución (artigo 23.3).

É importante ter en conta que nos tramos urbanos das estradas non se establecen nin zonas de protección da estrada nin liña límite de edificación (artigo 38.4).

Polo exposto, para a definición das aliñacións ao bordo da estrada CP-0603, consideramos dous tramos. O primeiro deles, que se corresponde co tramo da estrada que queda fóra do núcleo, aínda que, este apóiase nela ao bordo da liña límite de edificación, segundo as distancias definidas pola anterior Lei de estradas de Galicia (7 metros medidos desde a aresta exterior da explanación). Neste tramo, que só afecta a unha beira da estrada, proponse que a aliñación se sitúe a 8 metros medidos desde o bordo da estrada, que aproximadamente coincide coa liña que delimita o núcleo rural. Medida desde o eixo da estrada, a aliñación sitúase a 12 metros.

O segundo tramo correspóndese co lugar de Galiñeiras, onde a estrada discorre por terreos clasificados como solo de núcleo rural. Neste caso fíxase a aliñación considerando unha sección de viaria de 16 metros, 8 metros a cada lado do eixo.

Boimorto, 4 de maio de 2015

Ana Ledo Fernández
Alcaldesa