Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 2 de xullo de 2015 Páx. 27637

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2015, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, se acorda o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia e o nomeamento de persoal interino correspondente a determinados grupos, categorías, corpos e escalas.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, establece no artigo 6.1 «poderanse presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública» e no punto 2 que «…en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada porque non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben porque haxa un excesivo número de inscritas/os, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes ata a resolución dun novo proceso selectivo para ese grupo, categoría, corpo e escala, coa excepción das/os interesadas/os que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Xunta de Galicia para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade».

Mediante Resolución do 24 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 40, do 27 de febreiro), acordouse o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes, e entre as que se abriron figura a lista do corpo de auxiliares de carácter técnico, grupo C2, escala de axentes forestais.

Na disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, decláranse a extinguir a escala de axentes forestais do corpo de auxiliares de carácter técnico e a escala de axentes facultativos ambientais do corpo de axudantes de carácter facultativo.

Non obstante, polo que se refire á escala de axentes facultativos ambientais, a disposición derradeira quinta da mesma lei establece que a declaración «a extinguir» entrará en vigor cando se produza o desenvolvemento regulamentario da nova escala de axentes técnicos en xestión ambiental, desenvolvemento que aínda non tivo lugar.

Tendo en conta o exposto, e para poder atender as necesidades urxentes de persoal da Consellería do Medio Rural e do Mar, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Abrir o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para o desempeño transitorio de postos reservados a funcionarios do corpo de axudantes de carácter facultativo, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais (código 207H), coas condicións establecidas no anexo.

Segundo. Pechar o prazo para incorporación de novas solicitudes ás listas correspondentes ao extinto corpo de auxiliares de carácter técnico, grupo C2, escala de axentes forestais.

A Administración devolverá de oficio o importe ingresado en concepto de dereitos de inscrición na lista do corpo de auxiliares de carácter técnico, grupo C2, escala de axentes forestais, aos aspirantes que presentaron este ano a solicitude e aboaron as taxas correspondentes se realizaron o pagamento con certificado dixital ou DNI electrónico ou ben fixeron constar na súa solicitude o número de conta para estes efectos.

Para a devolución do importe ingresado este ano por aqueles aspirantes que non fixeron constar eses datos será necesaria a presentación dun escrito en que o/a interesado/a faga constar o número de conta, a entidade bancaria e a localidade desta, ou dun certificado expedido pola entidade en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser presentada ata o 1 de decembro de 2015.

Terceiro. Con carácter transitorio, en canto non estean operativas as listas do corpo de axudantes de carácter facultativo, subgrupo C1, escala de axentes facultativos ambientais, para a cobertura dos postos de traballo deste corpo acudirase ás listas do corpo de auxiliares de carácter técnico, grupo C2, escala de axentes forestais.

A selección realizarase por orde de prelación entre os aspirantes que posúan os requisitos daquela escala: titulación de técnico superior en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos ou titulación de técnico especialista equivalente, e estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir das modalidades A2 e B con autorización BTP.

Cuarto. Contra esta resolución, de conformidade co disposto nos artigos 107.1 e 114 ao 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as/os interesadas/os poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2015

José Mª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Publica

ANEXO
Listas do corpo de axudantes de carácter facultativo, subgrupo C1,
escala de axentes facultativos ambientais (código 207H)

Primeiro. Ámbito territorial

O ámbito territorial das listas será provincial.

Segundo. Requisitos que deberán posuír os solicitantes para ser admitidas/os nas listas:

Os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

1. Idade: ter feito os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o título de técnico superior en Xestión e Organización dos Recursos Naturais e Paisaxísticos ou titulación de técnico/a especialista equivalente.

No caso de titulacións obtidas no extranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

4. Permiso de conducir. Estar en posesión ou en condicións de obter o permiso de conducir das modalidades A2 e B con autorización BTP.

5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

6. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

7. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Terceiro. Solicitudes

1. Os/as interesados/as en formar parte das listas correspondentes á escala de axentes facultativos ambientais deberán presentar a instancia conforme o modelo que está á súa disposición na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es/funcion-publica), na epígrafe «Listas de contratación», subepígrafe «Xeración de solicitudes».

2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e presentaranse nos rexistros xerais de Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas súas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de xullo de 2015, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Cuarto. Documentación

Xunto coa instancia deberá presentarse fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) DNI ou pasaporte.

Estarán exentos da presentación os/as interesados/as que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación dos seus datos de identidade.

b) Titulación académica requirida na alínea segundo.3.

c) Permiso de conducir requirido na alínea segundo.4.

d) Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

e) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición.

Quinto. Taxas

1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe das taxas que hai que aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 16,98 euros.

2. Están exentos do pagamento, de acordo co sinalado no artigo 23.5 da citada lei:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As personas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e non perciban prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes exentos do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude, imprimirana e presentarana antes da finalización do prazo fixado, xunto co orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento, segundo o suposto en que se encontren.

Discapacitados:

Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

a) Certificación expedida pola oficina de emprego na cal conste que o/a aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde, polo menos, seis meses antes da data da convocatoria.

b) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non perciben prestación ou subsidio por desemprego.

3. Os solicitantes que non estean exentos de pagamento poderán aboar as taxas:

a) Nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto utilizarán os impresos que están á súa disposición no Servizo do Rexistro Xeral e Información de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas oficinas de Rexistro e Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

Tamén poderán descargar o impreso na página web da Consellería de Facenda, epígrafe «Axencia Tributaria», premendo no enlace «Taxas e prezos» no menú da marxe esquerda, epígrafe «confección online de impresos» e por último «Modelo A1. Autoliquidación de taxas».

A presentación do xustificante do ingreso das taxas en que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data determinará a exclusión do/a solicitante.

b) A través da páxina web da Consellería de Facenda.

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa e achegarase xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

4. O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolverase, tras os trámites correspondentes, só aos aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas definitivas.

Sexto. Orde de prelación

1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

2. Para dirimir os empates de puntuación aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

3. A actualización de méritos efectuaraa anualmente de oficio a Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Sétimo. Elaboración das listas

1. A Comisión Permanente Central prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición dos listados provisionais e definitivos de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

2. Os ditos listados, nos cales se indicará a puntuación obtida por cada candidato, poderán consultarse no Servizo do Rexistro Xeral e Información de Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no Servizo de Información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es/funcion-publica).