Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 3 de xullo de 2015 Páx. 27780

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 91/2015, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia.

O artigo 28 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, dispón que a organización e o funcionamento do Consello Consultivo de Galicia se rexerá polo seu propio regulamento de organización e funcionamento, que será elaborado polo Consello Consultivo e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. A disposición derradeira primeira prevé que o Consello Consultivo de Galicia elaborará, no prazo de tres meses a partir da súa efectiva renovación, o novo Regulamento de organización e funcionamento e elevarao ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Cumprindo ese mandato lexislativo dítase o presente regulamento, no cal se desenvolven os aspectos organizativos e de funcionamento do Consello Consultivo de Galicia atendendo, fundamentalmente, ao novo deseño dos seus órganos e á nova delimitación competencial daquel implantados pola Lei 3/2014, do 24 de abril.

O Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo conta con seis títulos (disposicións xerais, composición, organización, funcionamento e procedemento, persoal e orzamento), dúas disposicións adicionais, relativas ao persoal laboral e ás referencias á Lei 3/2014, do 24 de abril, e unha disposición derradeira verbo das facultades de desenvolvemento e aplicación do regulamento.

Na súa virtude, por proposta do Consello Consultivo de Galicia, tramitada por conduto da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Apróbase o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, ditado en execución e desenvolvemento da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Queda derrogado o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, aprobado polo Decreto 282/2003, do 22 de maio.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e autonomía

O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Actúa con independencia respecto de calquera órgano e, en garantía dela, goza de autonomía orgánica e funcional, e o os seus membros non están ligados por ningún mandato imperativo.

Artigo 2. Memoria anual

1. Dentro do primeiro semestre de cada ano, o Consello Consultivo elevará unha memoria de actividades ao Consello da Xunta de Galicia, na cal exporá a súa actividade no exercicio anterior, así como as suxestións que considere oportunas para a mellora das actuacións administrativas.

2. Da elevación da memoria anual de actividades ao Consello da Xunta darase conta ao Parlamento de Galicia.

Artigo 3. Deber de segredo

1. As conselleiras e os conselleiros teñen a obriga de gardar segredo sobre o contido das deliberacións dos órganos do Consello, en todo momento, así como dos relatorios e acordos adoptados mentres os asuntos a que se refiran non estean resoltos polo órgano consultante, sen prexuízo do establecido no artigo 47 respecto da publicación dos ditames, e non poderán facer, sen autorización previa do Pleno do Consello Consultivo, declaracións ou manifestacións públicas, valorativas, orais ou escritas, ou formular do mesmo modo opinións científicas sobre temas ou materias concretas que estean directamente relacionadas con asuntos sometidos ou que deba coñecer o Consello.

2. Iguais deberes ten o persoal letrado e demais persoal do Consello; neste caso a autorización correspóndelle á Presidencia.

Artigo 4. Omisión de ditames preceptivos

Cando un asunto para o cal unha lei exixa expresamente o ditame do Consello Consultivo for resolto omitindo a consulta a este, a Presidencia porallo de manifesto á autoridade que corresponda.

TÍTULO II
Composición

Artigo 5. Membros do Consello Consultivo

1. O Consello Consultivo de Galicia está integrado por conselleiras e conselleiros electivos e por conselleiras e conselleiros natos.

2. Son conselleiras e conselleiros electivos do Consello Consultivo as persoas nomeadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 3.2 da lei.

3. Son conselleiras e conselleiros natos as persoas que exerceron a Presidencia da Xunta de Galicia, que se incorporasen ao Consello Consultivo de Galicia e que estean prestando servizos neste órgano.

4. Dentro dos dez días seguintes á publicación do decreto do nomeamento dos membros electivos no Diario Oficial de Galicia ou a que os membros natos presenten o escrito de formalización do seu desexo de incorporarse ao Consello Consultivo, tomarán estes posesión do seu cargo ante a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia e prestarán xuramento ou promesa de acordo coa seguinte fórmula: «Xuro (ou prometo) cumprir as obrigas do meu cargo de conselleira (ou conselleiro) do Consello Consultivo de Galicia e cumprir e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de autonomía».

5. O período de mandato das conselleiras e conselleiros contará a partir do día da súa toma de posesión.

Artigo 6. Incompatibilidades das conselleiras e dos conselleiros

1. As conselleiras e os conselleiros están sometidas ao réxime de incompatibilidades previsto no artigo 6.1 da lei.

2. Antes da súa toma de posesión, as conselleiras e conselleiros electivos presentarán unha declaración xurada de non estaren incursos en causa de incompatibilidade.

As conselleiras e conselleiros natos formularán a declaración xurada de non estaren incursos en causa de incompatibilidade no momento de formalizar ante o Consello Consultivo o desexo de incorporarse a el.

3. Se algunha conselleira ou conselleiro, vixente no seu mandato, considera que pode incorrer nalgunha causa legal de incompatibilidade, deberá manifestarllo á persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo co fin de que o Pleno se pronuncie nos termos do artigo 7.3 deste regulamento.

Artigo 7. Inamovibilidade e cesamento

1. Durante o tempo do seu mandato, as conselleiras e os conselleiros serán inamovibles, e non poderán removerse dos seus cargos senón por renuncia, límite de idade, incapacidade, incompatibilidade sobrevida ou incumprimento grave dos deberes do cargo, así como por resultaren condenados por delito doloso no exercicio do cargo de conselleira ou conselleiro.

2. O cesamento por renuncia exixe a aceptación previa da renuncia por parte da Presidencia do Consello Consultivo. Este cesamento deberá ser decretado polo Consello da Xunta.

3. O cesamento nos restantes supostos será tamén decretado polo Consello da Xunta, logo de audiencia da interesada ou interesado e apreciación da concorrencia da causa do cesamento por parte do Pleno do Consello Consultivo, en acordo adoptado por maioría dos seus membros.

Artigo 8. Dereitos e obrigas

Correspóndelle a cada conselleira e conselleiro:

a) Recibir a convocatoria das sesións dos órganos de que forman parte cunha antelación, respecto á data en que vaian ter lugar, de dous días naturais.

b) Dirixir o desempeño polo persoal letrado das funcións de estudo, preparación e redacción dos asuntos que teña asignados e nos cales a conselleira ou conselleiro sexa relatora ou relator, así como decidir o sentido do relatorio.

c) Asistir ás sesións dos órganos de que formen parte e participar nos debates dos asuntos sometidos á consulta.

En supostos de imposibilidade de asistencia, deberá a conselleira ou conselleiro escusar debidamente a súa asistencia á persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo.

d) Exercer, de ser o caso, o seu dereito ao voto e formular voto particular.

e) Formular suxestións e preguntas.

f) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

g) Elevar mocións ao Pleno, cunha antelación polo menos de cinco días a que teña lugar, sobre asuntos de interese para o funcionamento do Consello.

Artigo 9. Abstención e recusación

1. A conselleira ou conselleiro en quen se dea algún dos motivos de abstención previstos na materia de procedemento administrativo deberá absterse de intervir no asunto de que se trate e pór esa circunstancia en coñecemento da persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo, quen ditará a resolución que proceda no prazo de tres días.

2. Polos mesmos motivos de abstención, as conselleiras e os conselleiros poderán ser recusados polos interesados.

No día seguinte ao da comunicación da súa recusación, a persoa recusada participaralle á persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo se se dá nela ou non a causa alegada. No primeiro caso, a persoa titular da Presidencia poderá decidir sen máis trámites sobre a cuestión e, de ser o caso, sobre a súa substitución, e no segundo, resolverá o procedente, logo das comprobacións que considere oportunas, no prazo de tres días.

Artigo 10. Honras e precedencias

1. O Consello e os seus membros terán dereito ás honras e precedencias que lles correspondan, de conformidade co disposto nas normas aprobadas ao respecto polo Goberno galego ou o Parlamento de Galicia.

2. A persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo e as conselleiras e conselleiros vestirán a toga tradicional nas sesións ou actos solemnes e cando a persoa titular da Presidencia o determine.

3. A persoa titular da Presidencia e as conselleiras e conselleiros disporán dunha credencial expresiva da súa condición.

TÍTULO III
Organización

Artigo 11. Órganos

O Consello Consultivo de Galicia articúlase nos seguintes órganos:

a) Presidencia.

b) Pleno.

c) Sección de Ditames.

d) Sección de Estudos e Informes.

e) Secretaría Xeral.

Capítulo I
Presidencia

Artigo 12. Toma de posesión

A persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo tomará posesión do seu cargo ante o Pleno dentro dos dez días seguintes á publicación do decreto de nomeamento no Diario Oficial de Galicia e prestará xuramento ou promesa de acordo coa seguinte fórmula: «Xuro (ou prometo) ser fiel ao meu mandato como presidenta (ou presidente) do Consello Consultivo de Galicia, observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia e as demais leis de Galicia e do Estado, e exercer as miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España».

Artigo 13. Funcións da Presidencia

Son funcións da Presidencia do Consello Consultivo as indicadas no artigo 18 da lei e no presente regulamento e ademais:

a) Impulsar e coordinar a actuación do Consello.

b) Informar publicamente, cando proceda, das actividades do Consello.

c) Autorizar coa súa sinatura todas as comunicacións que se dirixan ás autoridades que formularan as consultas.

d) Someter ao Pleno as propostas lexislativas e de reforma estatutaria elaboradas pola Sección de Estudos e Informes.

e) Solicitar, logo de acordo da Sección de Estudos e Informes, a asistencia de persoal funcionario dos corpos do sector público autonómico cando a realización dun determinado anteproxecto lexislativo ou dun informe concreto requira información ou asesoramento técnico especializado.

f) Nomear o persoal letrado do Consello.

g) Exercer a superior xefatura e dirección de todo o persoal que presta servizos no Consello Consultivo e exercer a potestade disciplinaria, agás no relativo á separación do servizo, conforme as disposicións vixentes.

h) Designar o persoal letrado que, baixo a dirección da relatora ou relator correspondente ou formando parte dun grupo de traballo, debe realizar as funcións de estudo, preparación e redacción dos asuntos sometidos á consulta do Consello.

i) Declarar a compatibilidade para o exercicio da actividade docente das conselleiras e conselleiros e autorizar o exercicio da actividade docente e investigadora do persoal letrado.

j) Resolver a abstención e recusación das conselleiras e conselleiros e do persoal letrado.

k) Convocar e resolver os procesos selectivos para o acceso ao corpo de letradas e letrados do Consello Consultivo.

l) Convocar e resolver os procesos de provisión dos postos de traballo do persoal que presta servizos no Consello Consultivo.

m) Nomear e cesar o persoal eventual do Consello.

n) Aprobar a organización das actividades convenientes para o mellor cumprimento das funcións do Consello e proporlle ao Pleno a subscrición de convenios con toda clase de persoas ou entidades públicas ou privadas.

o) Designar a persoa que, exercendo funcións de letrada ou letrado do Consello, desenvolva as funcións da Secretaría Xeral nos casos de ausencia, enfermidade ou calquera imposibilidade temporal da persoa titular.

Capítulo II
Pleno

Artigo 14. Composición

1. O Pleno do Consello Consultivo está constituído pola persoa que desempeñe a Presidencia, as conselleiras e os conselleiros electivos e mais as conselleiras e os conselleiros natos.

2. As conselleiras e os conselleiros natos actuarán no Pleno con voz e sen voto; en consecuencia, non se computará a súa asistencia para os efectos do quórum de constitución e adopción de acordos.

Artigo 15. Funcións do Pleno

1. Son funcións do Pleno:

a) Emitir os ditames a que se refiren as letras a), b), c), d), e) e l) do artigo 12 da lei.

b) Emitir os ditames facultativos sobre anteproxectos de lei elaborados polo Consello da Xunta.

c) Pronunciarse sobre as propostas lexislativas ou de reforma estatutaria encomendadas polo Consello da Xunta e elaboradas pola Sección de Estudos e Informes.

d) Aprobar a memoria anual de actividades.

e) Aprobar anualmente o anteproxecto de orzamentos do Consello.

f) As demais funcións que correspondan ao Consello Consultivo e non fosen expresamente atribuídas a outros órganos del.

2. Tamén son funcións do Pleno:

a) Outorgar, de ser o caso, a autorización a que se refire o artigo 8 da lei.

b) Resolver sobre a abstención ou recusación da persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo respecto dos asuntos sometidos a coñecemento do Pleno.

c) Declarar a compatibilidade para a actividade docente da persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo.

d) Proporlle ao Consello da Xunta a aprobación e modificación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo do Consello Consultivo.

e) Aprobar as bases dos procesos selectivos para o acceso de letradas e letrados do Consello Consultivo.

f) Aprobar as bases dos procesos de provisión dos postos de traballo do persoal que preste servizos no Consello Consultivo.

g) Interpretar e suplir o Regulamento de organización e funcionamento no caso de dúbida ou omisión, con respecto aos principios que inspiran a lei.

h) Propor a aprobación ou modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo.

Capítulo III
Sección de Ditames

Artigo 16. Composición

A Sección de Ditames está integrada pola persoa titular da Presidencia do Consello e as conselleiras e os conselleiros electivos.

Artigo 17. Funcións da Sección de Ditames

Son funcións desta sección:

a) A emisión dos ditames a que se refiren as letras f), g), h), i), j) e k) do artigo 12 da lei.

b) A emisión dos ditames facultativos sobre os asuntos referidos nas letras b), c) e d) do artigo 13 da lei.

c) A emisión dos demais ditames que lle correspondese emitir ao Consello Consultivo sobre asuntos non atribuídos á competencia do Pleno.

Capítulo IV
Sección de Estudos e Informes

Artigo 18. Composición

1. A Sección de Estudos e Informes estará composta pola persoa titular da Presidencia do Consello, por unha conselleira ou conselleiro electivo e por unha conselleira ou conselleiro nato.

2. Nos primeiros quince días de cada ano natural o Pleno do Consello, por proposta da persoa titular da Presidencia, adoptará un acordo no cal se designarán as conselleiras ou os conselleiros que integrarán a Sección de Estudos e Informes. Este acordo será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Así mesmo, o Pleno do Consello, por proposta da persoa titular da Presidencia, poderá acordar a incorporación á Sección de Estudos e Informes doutra conselleira electiva ou conselleiro electivo para a súa intervención nun asunto concreto.

Artigo 19. Funcións da Sección de Estudos e Informes

Compételle a esta sección:

a) A redacción dos anteproxectos lexislativos que o Consello da Xunta lle encomende ao Consello Consultivo.

b) A elaboración, para o seu sometemento ao Pleno, das propostas lexislativas ou de reforma estatutaria que encomende o Consello da Xunta ao Consello Consultivo. Neste caso, a Sección de Estudos e Informes desempeñará o relatorio na sesión do Pleno.

c) Realizar os informes que a persoa titular da Xunta de Galicia solicite ao Consello Consultivo sobre calquera cuestión concreta que, ao xuízo dela, sexa de indubidable transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo V
Secretaría Xeral

Artigo 20. Toma de posesión

A persoa titular da Secretaría Xeral tomará posesión do seu cargo ante a Presidencia do Consello dentro dos dez días seguintes á publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia e prestará xuramento ou promesa, de acordo coa seguinte fórmula: «Xuro (ou prometo) cumprir as obrigas do meu cargo como secretario (ou secretaria) xeral do Consello Consultivo de Galicia e cumprir e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia».

Artigo 21. Estatuto persoal da persoa titular da Secretaría Xeral

1. O réxime de incompatibilidades da persoa titular da Secretaría Xeral será o establecido con carácter xeral para o persoal funcionario na lexislación en materia de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral disporá dunha credencial acreditativa do seu cargo expedida pola persoa titular da Presidencia do Consello.

3. No caso de ausencia, enfermidade ou calquera imposibilidade temporal, será substituída no exercicio das súas funcións pola persoa que, desenvolvendo funcións de letrada ou letrado do Consello Consultivo, sexa designada pola Presidencia.

Artigo 22. Funcións da Secretaría Xeral

1. En relación co funcionamento do Consello Consultivo, correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral:

a) Asistir ás sesións do Consello con voz e sen voto.

b) Desempeñar a Secretaría do Pleno, da Sección de Ditames e da Sección de Estudos e Informes, e expedir as actas das sesións visadas pola persoa titular da Presidencia.

c) Custodiar a documentación do Consello Consultivo.

d) Elaborar a orde do día das sesións do Pleno e das seccións, e sometela á aprobación da Presidencia.

e) Efectuar, por orde da persoa titular da Presidencia, a convocatoria das conselleiras e conselleiros para as sesións.

f) Levar a efecto os acordos do Consello.

g) Dirixir os actos de comunicación do Consello, con excepción dos que sexan realizados pola persoa titular da Presidencia.

h) Expedir certificacións dos acordos do Consello, votos particulares e demais documentos confiados á súa custodia, visadas pola persoa titular da Presidencia do Consello.

i) Entregarlles copia dos expedientes ás conselleiras e conselleiros, así como ao persoal letrado a quen corresponda o seu estudo.

j) Asistir a Presidencia do Consello en todos os asuntos e, singularmente, preparar e redactar, cando aquela o considere conveniente, os proxectos de ditames, informes ou propostas naqueles asuntos que a persoa titular da Presidencia determine.

k) Preparar, para a súa posterior aprobación polo Pleno do Consello, o proxecto da memoria de actividades anuais.

2. En relación cos servizos e persoal do Consello, correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral:

a) A coordinación dos servizos do Consello.

b) A xefatura directa e xestión do persoal, así como do réxime interior dos servizos e dependencias do Consello, sen prexuízo da superior autoridade da Presidencia.

c) A xestión dos créditos orzamentarios.

d) A tramitación e xestión da contratación administrativa.

e) A administración do patrimonio.

f) A elaboración do anteproxecto de orzamentos.

g) Aqueloutras que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia.

TÍTULO IV
Funcionamento e procedemento

Capítulo I
Funcionamento do Consello Consultivo de Galicia

Artigo 23. Réxime xeral

O Consello Consultivo actúa en Pleno, Sección de Ditames e Sección de Estudos e Informes. As sesións terán lugar a porta pechada, e poderá a persoa titular da Presidencia acordar que as sesións solemnes do Pleno sexan públicas.

Artigo 24. Convocatoria

1. A convocatoria das sesións efectuaraa a persoa titular da Secretaría Xeral por orde da Presidencia e remitiralles aos membros do Consello, no prazo mencionado no artigo 8.a), a orde do día, á cal se xuntarán os relatorios dos asuntos sometidos á consulta do Consello.

Cando o asunto sometido a consulta fose un anteproxecto ou proxecto normativo, xuntarase tamén coa convocatoria a copia do texto consultado.

Ás propostas lexislativas ou de reforma estatutaria elaboradas pola Sección de Estudos e Informes xuntarase a documentación que esa sección considere precisa para que se poida pronunciar o Pleno.

2. En casos de extraordinaria urxencia, poderase convocar sesión cunha antelación non inferior a vinte e catro horas e non será preceptiva a remisión da documentación.

Artigo 25. Constitución do Pleno e seccións e adopción de acordos

1. A constitución do Pleno e seccións require, para a validez das súas deliberacións e acordos, a presenza da persoa titular da Presidencia, ou de quen legalmente a substitúa, dun número de conselleiras e conselleiros que, coa Presidencia, constitúan a maioría absoluta e a da persoa titular da Secretaría Xeral ou de quen a substitúa.

2. Os acordos adoptaranse por maioría dos votos das conselleiras e conselleiros asistentes, e deberase facer constar neles se se adoptan por unanimidade ou por maioría.

3. Ningún dos membros do Consello con dereito a voto pode absterse nas votacións, agás que concorran causas legais de abstención.

4. Nas sesións do Pleno, os membros natos do Consello actuarán con voz pero sen voto e non computará a súa asistencia para os efectos do quórum de constitución e adopción de acordos.

Artigo 26. Desenvolvemento das sesións do Pleno e da Sección de Ditames

1. Unha vez que a Presidencia abra a Sección, a persoa titular da Secretaría Xeral tomará nota das persoas asistentes e, de ser o caso, das escusas de asistencia, para os efectos de determinar se a sesión se pode levar a cabo, suposto en que procederá a ler a orde do día.

2. En primeiro lugar, a persoa titular da Secretaría Xeral lerá a acta da anterior sesión, por se procede a súa aprobación, no caso de que non fose aprobada inmediatamente despois daquela.

Calquera conselleira ou conselleiro poderá pedir a rectificación da acta en relación coas opinións ou manifestacións por ela ou el formuladas.

3. A orde de despacho de asuntos seguirá a proposta da orde do día, pero a súa preferencia pode ser modificada por acordo do Consello.

4. Os asuntos en que non se pida a palabra serán sometidos directamente a votación.

Se algunha conselleira ou conselleiro pide a palabra respecto dalgún asunto, por estar en desacordo con todo ou parte do relatorio presentado, abrirase a discusión, e a conselleira ou conselleiro defenderá as discrepancias que manifestase; as intervencións desenvolveranse pola orde en que fora solicitada a palabra.

Tratándose de ditames relativos a un anteproxecto ou proxecto de disposicións legais ou regulamentarias, a Presidencia pode acordar que a discusión e as intervencións se desenvolvan polos artigos respecto dos que xurda discrepancia co contido do relatorio.

5. Cando, a xuízo da Presidencia, o asunto principal, as súas emendas, adicións ou modificacións fosen obxecto de discusión suficiente, procederase á súa votación. Votará en primeiro lugar a relatora ou relator e despois os demais membros electivos por orde inversa á súa antigüidade ou idade; a persoa titular da Presidencia votará en derradeiro lugar e decidirá con voto de calidade en caso de empate.

Artigo 27. Desenvolvemento das sesións da Sección de Estudos e Informes

1. A Sección de Estudos e Informes será convocada, para atender os asuntos da competencia da Sección, cando e cantas veces o considere preciso a persoa titular da Presidencia.

2. Para realizar os informes que a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia solicite, a sesión da Sección de Estudos e Informes desenvolverase de acordo coas normas sinaladas para o Pleno e a Sección de Ditames.

3. Para a redacción dos anteproxectos lexislativos e a elaboración das propostas lexislativas ou de reforma estatutaria, a Sección de Estudos e Informes constituirase en grupo de traballo baixo a dirección da Presidencia, quen poderá distribuír a tarefa por partes entre os membros electivos, sen prexuízo de someter cada unha desas partes á aprobación da Sección.

Participará no grupo de traballo o persoal letrado que se considere conveniente en función das tarefas que se deban realizar.

4. No caso de que o asunto aprobado pola Sección de Estudos e Informes sexa unha proposta lexislativa ou de reforma estatutaria, a Presidencia elevará o asunto ao Pleno do Consello para a súa aprobación.

Artigo 28. Votos particulares

1. En calquera asunto sometido a coñecemento do Pleno do Consello ou das súas seccións, a conselleira ou conselleiros discrepantes poderán formular por escrito voto particular razoado. Se a discrepancia partise da conselleira ou conselleiro designado relator no asunto, a persoa titular da Presidencia trasladará o relatorio a outro dos que conformasen o sentido maioritario do acordo.

2. Os votos particulares deberanse anunciar unha vez finalizada a votación do asunto que os determine e deberán confeccionarse, á vista do acordo maioritario, no prazo de tres días a partir da dita data, agás nos casos de extraordinaria urxencia, en que o prazo será dun día.

3. Os votos particulares entregaránselle á persoa titular da Secretaría Xeral co fin de xuntalos ao ditame, anteproxecto lexislativo, proposta lexislativa, proposta de reforma estatutaria ou informe.

4. Así mesmo, as conselleiras e conselleiros que discrepasen do acordo maioritario poderán adherirse ao voto particular confeccionado por unha ou un deles sempre que, unha vez finalizada a votación, manifestasen a súa vontade de redactar voto particular en relación co acordo adoptado pola maioría.

Artigo 29. Documentación dos acordos do Consello

Os acordos do Consello Consultivo certificaraos a persoa titular da Secretaría Xeral co visto e prace da Presidencia. Do mesmo modo, certificaranse os votos particulares ben que, neste caso, o texto deberá estar previamente asinado pola conselleira ou conselleiro discrepante.

Artigo 30. Actas

De cada sesión do Pleno ou das seccións a persoa titular da Secretaría Xeral redactará unha acta que poderá ser aprobada a continuación ou na primeira reunión que a seguir teña lugar. Nela faranse constar necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, o carácter desta, as circunstancias de lugar e tempo en que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións e os contidos dos acordos adoptados. Poderá facerse constar, por solicitude das conselleiras ou conselleiros interesados, o sentido negativo do seu voto en relación co acordo adoptado, cando non desexen formular voto particular.

Artigo 31. Acceso aos ditames

O acceso aos ditames do Consello Consultivo terá lugar a través da súa publicación na páxina web do Consello.

Capítulo II
Consultas

Artigo 32. Solicitudes

1. As solicitudes de ditames correspóndelles efectualas, dentro do ámbito das súas competencias, á Presidencia da Xunta de Galicia, ao Consello da Xunta, a calquera das persoas que forman parte del e ás persoas que desempeñen a presidencia das entidades integrantes do sector público autonómico.

No caso das entidades locais e das universidades públicas de Galicia, os ditames debe solicitalos, respectivamente, a persoa titular da Presidencia da corporación local e a persoa titular da Reitoría.

2. A encomenda ao Consello Consultivo da redacción de anteproxectos lexislativos e a elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria realizaraas o Consello da Xunta.

3. Correspóndelle á Presidencia da Xunta de Galicia solicitar do Consello Consultivo a emisión de informes sobre calquera cuestión concreta cando, a xuízo da Presidencia da Xunta, sexan de indubidable transcendencia para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 33. Apertura de expedientes e valoración da competencia do Consello

1. As solicitudes determinarán a apertura dun expediente, ao cal se incorporarán sucesivamente todos cantos documentos posteriores teñan relación con el.

2. Unha vez aberto o expediente, e como trámite previo, no caso de observarse a falta manifesta de competencia do Consello, por parte da Presidencia do Consello decidirase a devolución do expediente remitido e o arquivamento do actuado ante o Consello, sen máis trámite.

Noutro caso, a cuestión sobre a falta de competencia requirirá ditame ou acordo do órgano competente do Consello. Para estes efectos, a Secretaría Xeral daralle conta á persoa titular da Presidencia sobre se o asunto é competencia do Pleno ou das seccións do Consello.

Artigo 34. Forma de presentación dos expedientes

1. Con cada solicitude deberase achegar canta documentación sexa necesaria para despachar a consulta e precisar os aspectos a que se refire. Conterá igualmente un índice numerado de documentos.

2. Á solicitude de ditames, ademais de xuntarlle o expediente completo, deberase incorporar un proxecto normativo ou unha proposta de resolución do órgano consultante. A falta dese proxecto ou proposta determinará a devolución do expediente ao organismo de procedencia pola Presidencia do Consello.

3. No caso da solicitude de redacción de anteproxectos lexislativos e elaboración de propostas lexislativas ou de reforma estatutaria, deberán establecerse claramente os criterios que se deberán seguir e os obxectivos que se pretenden acadar.

4. Se a relatora ou relator considerase, no caso da solicitude de ditames, a falta da documentación esencial para pronunciarse o Consello ou defectos relevantes na instrución do procedemento, e no mesmo sentido se pronunciase o órgano competente do Consello, a Presidencia do Consello devolverá o expediente ao organismo de procedencia para a emenda dos defectos observados no prazo que en cada caso se estableza.

Esta devolución suporá a interrupción do prazo para a emisión do ditame.

Artigo 35. Asignación de relatorios e acumulación de expedientes

1. Unha vez iniciado o expediente e establecida inicialmente a competencia do Consello para despachar a consulta, a persoa titular da Presidencia procederá á designación da relatora ou do relator do asunto e do persoal letrado que, baixo a dirección da relatora ou do relator, realizará as funcións de estudo, preparación e redacción, coa indicación da data en que finaliza o prazo para a súa emisión, dándolles traslado dunha copia da documentación presentada. Ao mesmo tempo, a persoa titular da Secretaría Xeral comunicaralles ao resto dos membros do órgano competente do Consello a asignación do relatorio, con referencia ao asunto de que se trata e á data en que finaliza o prazo para a emisión do ditame, a redacción do anteproxecto, a elaboración da proposta lexislativa, da proposta de reforma estatutaria ou do informe.

2. No caso de solicitudes de ditame, cando se apreciase identidade nas persoas interesadas e no obxecto, o órgano competente do Consello poderá acordar a acumulación dos expedientes.

Artigo 36. Audiencias e informes na emisión de ditames

1. Admitida a trámite a solicitude de ditame, antes de someter o relator ou a relatora o proxecto de ditame á aprobación do Pleno ou da Sección de Ditames, poderá propor ao órgano competente para coñecer do asunto que, de oficio, acorde que sexan oídas ante el as persoas directamente interesadas no asunto motivo da consulta. Igual acordo poderá tomar o órgano competente para coñecer do asunto por petición destas.

2. Así mesmo, a relatora ou o relator poderá propor que, a través do órgano consultante, ou directamente, se solicite informe oral ou escrito daqueles organismos ou persoas que tivesen notoria competencia técnica nas cuestións formuladas en relación coas materias obxecto do ditame.

Artigo 37. Prazos de emisión de ditames, informes, redacción de anteproxectos lexislativos e elaboración de propostas lexislativas

1. O Consello Consultivo deberá emitir os seus ditames e informes, con carácter xeral, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da solicitude no Rexistro Xeral do Consello Consultivo.

2. Non obstante, cando na solicitude do ditame ou informe o órgano ou institución consultante fixese constar motivadamente a urxencia, o prazo de emisión do ditame ou informe será de quince días, agás que a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou o Consello da Xunta fixen outro menor.

3. No caso de solicitude de ditames, transcorridos aqueles prazos, entenderase que non existe ningunha obxección á cuestión suscitada.

4. O prazo para redactar anteproxectos lexislativos e elaborar propostas lexislativas ou de reforma estatutaria será o que fixe a autoridade consultante; no seu defecto, o prazo será de seis meses. Os ditos prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da recepción da solicitude da consulta no Rexistro Xeral do Consello Consultivo. Excepcionalmente, cando pola complexidade da materia sexa previsible a insuficiencia do prazo establecido, a Presidencia do Consello solicitará á autoridade consultante que fixe un prazo superior.

5. O termo dos prazos entenderase referido á data de rexistro de saída do ditame.

Artigo 38. Interrupción dos prazos de emisión de ditames, de redacción de anteproxectos lexislativos e de elaboración de propostas lexislativas e informes

1. Os prazos mencionados no artigo 37 interromperanse nos casos establecidos no artigo 34.4.

2. Así mesmo, os prazos mencionados nos números 1 e 2 do artigo 37 interromperanse cando o Consello, con ocasión da emisión dun ditame, acorde a audiencia ou solicite os informes a que se refire o artigo 36. Nestes casos, o cómputo dos prazos reiniciarase cando se teña producido a audiencia ou se teña tramitado o informe, segundo corresponda, a partir da súa entrada no Rexistro Xeral do Consello.

Artigo 39. Ampliación dos prazos para a emisión de ditames e informes

1. Salvo disposición legal en contrario, o órgano competente do Consello, mediante resolución motivada e notificada ao órgano ou Administración consultante, poderá acordar a ampliación do prazo para emitir un ditame ou informe por un período que non excederá a metade do inicialmente establecido.

2. Excepcionalmente, e salvo disposición legal en contrario, cando o número de solicitudes de ditame ou informe formuladas impida razoablemente o cumprimento do prazo, o órgano competente poderá amplialo por un tempo igual ao orixinario.

Artigo 40. Cómputo dos prazos por meses

1. Os prazos a que se refire o artigo 37 computarán de data a data.

2. Se no mes do vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes. Cando o último día do prazo resulte inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 41. Cómputo dos prazos por días

1. Os prazos expresados en días entenderanse sempre referidos a días hábiles.

2. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 42. Forma dos ditames, informes, anteproxectos lexislativos, propostas lexislativas e propostas de reforma estatutaria

1. Os ditames, informes, propostas lexislativas e de reforma estatutaria conterán un encabezamento no cal se consignará o lugar e a data da súa emisión, se é o Pleno ou unha das súas seccións quen os emite, as conselleiras e os conselleiros intervenientes con expresión en primeiro termo da persoa que exerza a Presidencia, a persoa titular da Secretaría Xeral e o persoal letrado a quen se tiver encomendado o estudo e preparación do asunto.

En epígrafes separadas consignarán os antecedentes de feito en que expresamente se referirá o órgano ou institución que deu orixe coa súa actuación ao ditame, proposta lexislativa ou informe, ás consideracións xurídicas e, de ser o caso, á conclusión, con indicación de se se adoptou por maioría ou por unanimidade.

No caso das propostas lexislativas, deixarase constancia das datas da súa aprobación na Sección de Estudos e Informes e no Pleno.

2. Os anteproxectos lexislativos cuxa redacción se lle encomende ao Consello Consultivo adoptarán a forma dun texto articulado.

O texto articulado irá precedido dun encabezamento no cal se consignará a data da reunión da Sección de Estudos e Informes en que se aprobou o anteproxecto, as conselleiras e os conselleiros intervenientes, con expresión en primeiro termo daquel que exerza a Presidencia, a persoa titular da Secretaría Xeral e o persoal letrado a quen se tiver encomendado o estudo e a preparación do asunto.

Artigo 43. Certificacións e arquivamento dos ditames, anteproxectos lexislativos, propostas lexislativas e de reforma estatutaria e informes

1. A persoa titular da Secretaría Xeral expedirá certificación do ditame, anteproxecto lexislativo, proposta lexislativa ou informe aprobado, en unión do voto ou votos particulares, se os houber, para a súa ulterior remisión ao órgano ou institución consultante. O expediente administrativo remitido será devolto ao órgano ou institución consultante, xunto coa antedita certificación.

2. Unirase outra certificación á acta da sesión en que o asunto se deliberase e votase para a súa incorporación ao arquivo do Consello.

Artigo 44. Rectificación dos acordos do Consello

O Consello Consultivo poderá rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia das persoas interesadas, os erros de feito, materiais ou aritméticos dos seus acordos.

Artigo 45. Comunicación dos actos ou disposicións adoptados tras a emisión de ditame

O órgano ou institución consultante, no prazo dun mes desde a emisión do ditame, comunicaralle á persoa titular da Secretaría Xeral do Consello Consultivo a adopción ou publicación da resolución ou disposición xeral en cuestión.

Artigo 46. Medios electrónicos

A comunicación e a remisión de ditames, anteproxectos lexislativos, propostas lexislativas e informes elaborados polo Consello Consultivo de Galicia realizaranse, de xeito preferente e con carácter ordinario, a través de medios electrónicos.

Artigo 47. Publicación dos ditames

1. Transcorrido un mes desde a remisión do ditame ao órgano ou Administración consultante, o Consello publicará na súa páxina web os ditames ou un extracto deles, con omisión dos datos concretos sobre a procedencia e identificación das consultas.

2. Os ditames referidos a disposicións de carácter xeral publicaranse transcorridos tres meses desde a antedita remisión.

3. Os informes, os anteproxectos lexislativos e as propostas lexislativas elaborados polo Consello Consultivo non serán obxecto de publicación na páxina web.

TÍTULO V
Persoal do Consello

Capítulo I
Persoal letrado

Artigo 48. Incompatibilidades

O persoal letrado terá as incompatibilidades establecidas con carácter xeral para o persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e non poderá exercer funcións distintas a aquelas que lle son propias, agás a docencia ou investigación que se consideren compatibles con aquelas e non prexudiquen a boa marcha do Consello e sempre logo de autorización da Presidencia.

Artigo 49. Funcións

Ao persoal letrado correspóndelle:

1. Estudar os asuntos sometidos á consulta do Consello para os cales fose designado pola Presidencia e preparar e redactar, baixo a dirección desta ou das conselleiras ou conselleiros, os proxectos de ditames, informes e propostas relativos a eles.

2. Asistir ás sesións do Pleno e seccións cando así o acorde a persoa titular da Presidencia, por proposta da relatora ou do relator, e facer uso nelas da palabra, coa venia da Presidencia, cantas veces sexa requirido para iso.

3. Participar nos grupos de traballo da Sección de Estudos e Informes desenvolvendo as tarefas de estudo, preparación e redacción que lle sexan encomendadas.

4. Igualmente desempeñará as funcións de asistencia técnica e apoio técnico-xurídico que, no marco da organización xeral do Consello, lle sexan encomendadas pola Presidencia.

Artigo 50. Réxime xurídico

O réxime xurídico do persoal letrado será o previsto na Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, neste regulamento e, supletoriamente, aplicarase o establecido para o persoal funcionario na lexislación de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 51. Abstención e recusación

1. O persoal letrado deberá absterse de intervir naqueles asuntos en que proceda consonte a normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Así mesmo, poderá ser recusado polas persoas interesadas nun asunto polas mesmas causas previstas para a abstención.

2. No día seguinte ao coñecemento da causa de abstención ou da formulación da recusación, a letrada ou o letrado comunicaralle por escrito á persoa titular da Presidencia do Consello o que considere sobre a concorrencia da causa, e a Presidencia resolverá o procedente no prazo de tres días.

Capítulo II
Persoal non letrado

Artigo 52. Persoal non letrado

O Consello Consultivo disporá, ademais do persoal letrado, do persoal funcionario, laboral e eventual necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 53. Provisión, nomeamento e réxime xurídico

1. A provisión efectuaraa o Consello Consultivo de acordo co disposto no artigo 29 da lei, neste regulamento e, supletoriamente, na normativa xeral en materia de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O nomeamento e o cesamento do persoal eventual do Consello Consultivo efectuarao a persoa titular da Presidencia.

3. O persoal non letrado que preste servizos no Consello Consultivo de Galicia rexerase pola Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, por este regulamento e, supletoriamente, pola normativa xeral en materia de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO VI
Orzamento

Artigo 54. Elaboración

O Consello Consultivo de Galicia elaborará o seu anteproxecto de orzamento, que se incorporará como sección propia ao da Comunidade Autónoma.

Artigo 55. Execución

1. O réxime económico do Consello Consultivo rexerase pola normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as respectivas leis de orzamentos, a lexislación de contratación do sector público e a súa normativa de desenvolvemento.

2. O Consello Consultivo, de acordo con este regulamento e de conformidade coa normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia, exercerá as competencias de xestión, execución e liquidación orzamentarias e de contratación administrativa.

3. Correspóndenlle á Presidencia do Consello as competencias que as citadas normas lles atribúen ás persoas titulares das distintas seccións orzamentarias.

4. A función interventora dos gastos do Consello será exercida conforme a normativa aplicable ao réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Persoal laboral

O persoal de carácter laboral rexerase pola normativa que lle é propia.

Disposición adicional segunda. Referencia á lei reguladora do Consello

Sempre que neste regulamento se faga referencia á lei, agás que do contexto se infira outra cousa, entenderase feita á Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Disposición derradeira única. Facultades da Presidencia para o desenvolvemento e a aplicación do presente regulamento

Autorízase a persoa titular da Presidencia do Consello Consultivo para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste regulamento.