Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 14 de xullo de 2015 Páx. 29266

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de xullo de 2015 pola que se convocan prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2015/16.

Os centros residenciais prestan un servizo que contribúe eficazmente a facilitar o acceso ao ensino postobrigatorio non universitario do alumnado que debe realizar os seus estudos en localidade distinta á do domicilio habitual. E o normal funcionamento deste tipo de centros, tanto en aspectos relacionados coa orde interna e a convivencia como nos relativos ao desenvolvemento de accións formativas complementarias, exixe que o persoal profesional que traballa na residencia conte co reforzo de colaboradores, alumnos universitarios que compatibilizan os seus estudos co labor de apoio na residencia.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional en centros residenciais docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu desenvolvemento.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Capítulo I
Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria de prazas de colaboradores bolseiros nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2015/16.

2. O número de prazas ofertadas é o seguinte:

Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.

Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.

Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.

3. Os adxudicatarios de prazas de colaborador bolseiro utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta, durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.

Artigo 2. Requisitos persoais e dispoñibilidade

1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:

a) Dezaoito anos cumpridos, ou acadar esta idade dentro do ano natural 2015.

b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.

2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o dito labor de apoio.

Artigo 3. Requisitos académicos

1. A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2015/16.

2. Considéranse estudantes en réxime de dedicación académica a tempo completo os matriculados no número de créditos indicado a seguir:

a) Estudos de grao: 60 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.

Estes solicitantes terán preferencia na adxudicación de prazas.

3. Non obstante, os solicitantes en situación de matrícula parcial poderán obter praza cando estean matriculados no número mínimo indicado a seguir:

a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % do créditos indicados no punto 2.b).

Artigo 4. Incompatibilidades

1. As persoas beneficiarias de praza de colaborador bolseiro non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.

3. A condición de beneficiario será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.

Capítulo II
Criterios de baremo: económicos, académicos e outros méritos

Sección 1ª. Valoración de criterios económicos: renda e deducións

Artigo 5. Membros computables da unidade familiar

1. A persoa solicitante deberá indicar na solicitude os membros computables da unidade familiar en 31 de decembro de 2014.

2. Terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa solicitante.

b) Os pais non separados legalmente ou divorciados.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai da persoa solicitante.

d) Os irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) Os irmáns maiores de 25 anos con discapacidade física, psíquica ou sensorial que dependan dos proxenitores, sempre que convivan no domicilio familiar.

3. Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá achegar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se a residencia independente e os medios económicos propios non quedan convenientemente xustificados, a solicitude será denegada.

4. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O proxenitor que non conviva habitualmente coa persoa solicitante, no caso de separación legal ou divorcio.

b) O agresor, nos casos de violencia de xénero constatada de acordo co artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 6. Renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda da unidade familiar obterase mediante a suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os números seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas; computarán as rendas do exercicio fiscal 2013.

2. Cando o membro computable presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, a renda da unidade familiar será a suma da base impoñible xeral (recadro 366) e a base impoñible do aforro (recadro 374). Cando non presentase a dita declaración, sumaranse todos os ingresos netos obtidos durante o exercicio, agás as bolsas de estudo concedidas polas administracións públicas, que non computarán como ingreso.

3. Nos casos de separación legal ou divorcio, a achega económica que realice o proxenitor que non conviva habitualmente co solicitante en concepto de pensión compensatoria ou pensión de alimentos computa para os efectos de calcular a renda da unidade familiar.

4. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito do proxenitor con que conviva habitualmente o solicitante computan para calcular a renda da unidade familiar.

5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor (artigo 38 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Artigo 7. Deducións da renda familiar

1. Calculada a renda familiar segundo o indicado, aplicaranse as deducións seguintes:

a) 500 € por cada irmán, incluído o solicitante, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral e 750 € para familias numerosas de categoría especial, en ambos os casos, sempre que convivan no domicilio familiar.

b) 1.800 € por cada irmán, incluído o solicitante, que estea afectado de discapacidade legalmente cualificada de grao igual ou superior ao 33 %, e 2.900 € cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

c) 1.200 € por cada irmán, incluído o solicitante, que curse estudos postobrigatorios, universitarios ou non, sempre que resida fóra do domicilio familiar por razón dos estudos.

2. Cando o solicitante sexa orfo absoluto e menor de 25 anos, o limiar da renda familiar incrementarase no 20 %.

Artigo 8. Limiar de renda e baremo

1. Terase en conta o limiar 2 fixado no Real decreto 472/2014, do 13 de xuño, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2014/15 (Boletín Oficial del Estado núm. 144, do 14 de xuño).

2. Atendendo á porcentaxe que represente a renda da unidade familiar respecto do limiar 2, ou no caso do orfo absoluto menor de 25 anos, do que resulte de aplicar o incremento do 20 %, atribuiranse as seguintes puntuacións:

a) Ata o 50 %: 6 puntos.

b) Ata o 60 %: 5 puntos.

c) Ata o 70 %: 4 puntos.

d) Ata o 80 %: 3 puntos.

e) Ata o 90 %: 2 puntos.

f) Ata o 100 %: 1 punto.

g) A partir do 100 %: 0 puntos.

Sección 2ª. Valoración do rendemento académico

Artigo 9. Valoración do rendemento académico

1. O rendemento académico acadado no curso 2014/15 valorarase numericamente en función da nota media que resulte de aplicar os criterios indicados a seguir.

2. Para os estudantes que se matriculen por primeira vez en estudos de grao:

a) Se accederon á universidade mediante proba de acceso estando en posesión do título de bacharel, atenderase á nota de acceso, é dicir, ao resultado da media ponderada do 60 % da nota media de bacharel (NMB) máis o 40 % da cualificación da fase (CFG), sempre que nesta última obtivese unha cualificación mínima de 4 puntos, que se calculará de acordo coa seguinte fórmula: 0,6 NMB + 0,4 CFG.

b) Nas demais vías de acceso á universidade, atenderase á nota obtida na proba ou ensinanza que permita o acceso á universidade.

3. Para os estudantes matriculados en ensinanzas universitarias teranse en conta:

a) As cualificacións numéricas finais do curso na escala de 0 a 10.

b) Cando non existan cualificacións numéricas, aplicarase a seguinte táboa:

– Matrícula de honra = 10 puntos.

– Sobresaliente = 9 puntos.

– Notable = 7,5 puntos.

– Aprobado ou apto = 5,5 puntos.

c) Nos plans de estudos organizados por materias, a nota media calcularase dividindo o total de puntos obtidos entre o número total de materias.

d) Nos plans de estudos organizados por créditos, a puntuación obtida en cada materia pondérase en función do número de créditos que a integran, de acordo coa seguinte fórmula: V= P × NCa/NCt.

V: resultado da ponderación da nota obtida en cada materia.

P: puntuación de cada materia.

NCa: número de créditos que integran a materia.

NCt: número de créditos cursados computables.

A nota media final é a suma dos valores resultantes da ponderación da nota obtida en cada materia.

Sección 3ª. Outros méritos: experiencia e coñecementos

Artigo 10. Experiencia e coñecementos

1. Para asegurar a maior idoneidade dos solicitantes no desenvolvemento do labor de apoio na actividade da residencia, a comisión realizaralles unha entrevista que versará sobre: a) experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou formativas; b) coñecemento de linguas estranxeiras e/ou de ofimática, coa finalidade de avaliar a aptitude ou capacidade do solicitante para o bo desempeño ou exercicio da actividade de apoio na residencia, así como a súa actitude persoal ou disposición de ánimo (responsable, organizativo, conciliador, solidario...).

2. Os méritos das letras a) e b) acreditaranse documentalmente. O resultado da entrevista e a ponderación dos méritos reflectirase nun informe.

3. A puntuación máxima que se poderá outorgar a estes méritos é de 3 puntos.

Capítulo III
Procedemento para a adxudicación de praza en período ordinario

Artigo 11. Competencias

Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de colaboradores bolseiros, corresponderalle a instrución ao respectivo centro residencial docente e, a valoración dos criterios de baremo, a resolución e publicación á comisión de valoración.

Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación

Artigo 12. Presentación de solicitude: forma, lugar e consecuencias

1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro residencial docente, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es

2. Así mesmo, o formulario publícase como anexo I e II desta orde.

3. A presentación da solicitude implicará para a persoa solicitante que acepta as bases da convocatoria; que reúne os requisitos exixidos nela e que son certos todos os datos que constan na solicitude.

Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 7 de agosto de 2015.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á consellería competente en materia de educación para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os centros docentes publicarán no seu taboleiro de anuncios e/ou páxina web: a relación provisional e definitiva de excluídos, con indicación da causa da exclusión; a puntuación provisional e definitiva total por orde descendente, con indicación da correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos; a relación de adxudicatarios e de suplentes. Igualmente, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, incluiranse nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de educación e os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse ante esta, mediante o envío da comunicación correspondente ao enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao correo electrónico sxt.cultura.educacion@xunta.es

Artigo 16. Documentación

1. Forma de presentación. Cando a solicitude e a documentación se presenten no centro, achegaranse fotocopias e os respectivos orixinais para que a persoa que a reciba verifique a súa autenticidade; cando se presenten nun lugar distinto do centro, á solicitude xuntaranse os documentos orixinais ou copias cotexadas. En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación.

2. As persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

a) Identidade. Achegará copia do DNI ou NIE dos membros computables da unidade familiar, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

b) Matrícula. Achegará xustificante da inscrición ou matrícula para o curso académico 2015/16.

1º. As persoas que se matriculen por primeira vez en estudos de grao, se proceden de bacharelato, presentarán orixinal ou copia cotexada do certificado oficial da nota media do bacharelato e da cualificación da fase xeral; nos demais casos, o certificado oficial da nota obtida na proba que permita o acceso, de acordo co previsto no artigo 9.2 desta orde.

2º. As persoas xa matriculadas en ensinanzas universitarias, o certificado oficial das notas obtidas no curso 2014/15, de acordo co previsto no artigo 9.3 desta orde.

c) Composición da unidade familiar. Achegará copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación en 31 de decembro de 2014, poderá xustificala utilizando, entre outros, os seguintes medios: sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador; certificado de convivencia; informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia; certificado de falecemento.

d) Residencia habitual da unidade familiar. Achegará certificado de convivencia que acredite en 31 de decembro de 2014 que a persoa solicitante e os demais membros computables residen no mesmo domicilio.

e) Renda familiar. Achegará copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do ano 2013 ou, en defecto desta, do certificado tributario de imputacións dos membros computables da unidade familiar distintos da persoa solicitante, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

f) Discapacidade. Achegará o certificado acreditativo do grao de discapacidade, agás que fose emitido pola Xunta de Galicia, que só se presentará se non autoriza expresamente a súa verificación.

Así mesmo, a discapacidade inferior ao 65 % poderá acreditarse achegando xustificación documental da percepción de prestación da Seguridade Social por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou equivalente de clases pasivas, cando non autoricen a consulta de forma telemática.

3. A comisión de valoración poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria, para constatar a concorrencia dos requisitos e dos criterios de baremo. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito impedirá obter a praza e cando a omisión ou deficiente xustificación afecte a un criterio de baremo, atribuiránselle neste 0 puntos.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección 2ª. Comisión de valoración

Artigo 17. Comisión de valoración: composición e funcións

1. A comisión de valoración constituirase en cada centro residencial docente e estará formada por:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección do centro residencial.

b) Vogais: o/a xefe/a de residencia; un/unha educador/a ou profesor/a de actividades.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do centro.

2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas
e listaxe de suplentes

Artigo 18. Publicación das listaxes provisionais de persoas excluídas e das puntuacións provisionais

1. Antes do 31 de agosto de 2015, a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo centro a relación provisional de persoas de excluídas, con indicación da causa da exclusión, e a puntuación provisional total por orde descendente, con indicación da correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos.

2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a comisión de valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 19. Publicación das listaxes definitivas de persoas excluídas, das puntuacións definitivas, da adxudicación de prazas e da listaxe de suplentes

1. Antes do 15 de setembro de 2015, a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro a relación definitiva de persoas excluídas, con indicación da causa, e a listaxe de puntuacións definitivas de todas as persoas admitidas, con indicación da puntuación total e desagregada.

2. Así mesmo, publicará a relación de persoas adxudicatarios e a relación de suplentes, que remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos de expedir a correspondente credencial.

3. Fronte a estas resolucións da comisión de valoración, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web do centro residencial.

Capítulo IV
Procedemento de adxudicación de praza en período extraordinario

Artigo 20. Solicitudes e tramitación

Cando unha vez feita a adxudicación de prazas en período ordinario existan prazas vacantes, o centro residencial abrirá un período extraordinario de presentación de solicitudes que se tramitará segundo o previsto no capítulo V da Orde do 9 de xuño de 2015 de convocatoria de prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2015/16 (DOG núm. 114, do 18 de xuño).

Capítulo V
Obrigas dos colaboradores bolseiros e causas de perda da praza

Artigo 21. Obrigas dos colaboradores bolseiros

Os colaboradores bolseiros teñen as seguintes obrigas:

1. Residir no centro residencial docente.

2. Colaborar no desenvolvemento das tarefas e actividades relacionadas con accións formativas complementarias.

3. Na súa condición de colaborador bolseiro ante o resto dos residentes, teñen a obriga de cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial.

Artigo 22. Causas de perda da praza

1. Os colaboradores bolseiros poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio da súa actividade, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte á concorrencia de requisitos exixidos na convocatoria.

d) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada cando, afectando criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio fose determinante da adxudicación da praza.

e) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, ou do deber de vixiar o cumprimento por parte dos residentes, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 23. Procedemento

1. Ante un incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro residencial daralle audiencia á persoa interesada e advertiraa expresamente por escrito de que, en caso de reiteración, se incoará o procedemento.

2. Se o colaborador bolseiro incorre de novo en incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro iniciará o procedemento e concederalle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, solicitará informe motivado á xunta de residencia.

3. A continuación, a persoa titular da dirección do centro ditará a resolución.

4. Fronte a esta resolución, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Capítulo VI
Recurso

Artigo 24. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación (artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses (artigos 8, 10 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición adicional primeira. Período de funcionamento dos centros residenciais docentes

1. O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2015/16. En todo caso, o centro residencial pechará as súas portas antes do 30 de xuño de 2016.

2. Así mesmo, permanecerán pechados os fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file