Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 16 de xullo de 2015 Páx. 29689

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 3 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a promoción do cooperativismo, e se convocan para o ano 2015.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Segundo o establecido no artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos transferidos, correspóndelle á comunidade autónoma a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

De acordo co disposto no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro (DOG núm. 46, do 6 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións.

As distintas subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Traballo e Benestar pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, tanto no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade como á promoción das cooperativas, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A situación económica actual afecta especialmente a capacidade de creación de emprego. Neste contexto, resulta preciso incidir na mellora da competitividade da economía social e activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego, tendo en conta a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, así como a oportunidade que estas empresas representan para a recuperación económica e para a mellora do benestar social.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece subvencións orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socios e socias traballadores/as ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Adicionalmente, o programa de fomento de acceso á condición de persoa socia prevé subvencións dirixidas ás persoas desempregadas para promover a súa incorporación a empresas de economía social, facilitando a realización da contribución económica ao capital social que resulta precisa para o bo fin do proxecto de emprendemento. Igualmente, prevense como posibles beneficiarios os asalariados, co obxectivo de conseguir a consolidación dos seus empregos e a plena integración na empresa.

O programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica pon á disposición dos desempregados e demais emprendedores os recursos precisos para a posta en marcha dos proxectos, incluso na fase previa á súa constitución formal, potenciando singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento das novas iniciativas.

Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola problemática derivada do alto nivel de desemprego existente entre a mocidade galega e aborda un tratamento singular da súa situación promovendo a constitución de cooperativas constituídas maioritariamente por mozos e mozas con idades comprendidas entre 16 e 29 anos e que poñan en común o seu traballo persoal. Asígnase un programa específico para a súa promoción (programa IV), que financiará os custos derivados do lanzamento inicial da actividade, ao tempo que se prevén incrementos significativos das contías recollidas noutros programas que lle afectan.

Recóllese o financiamento dos distintos programas con cargo a fondos propios e fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de empleo (PAPE).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais e apoiar o desenvolvemento de proxectos de emprendemento.

2. Establécense os seguintes programas:

a) I: Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

b) II: Programa de fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).

c) III: Programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos e asistencia técnica (procedemento TR807D).

d) IV: Programa de promoción das cooperativas xuvenís (procedemento TR807E).

3. Para os efectos desta orde terán a consideración de cooperativas xuvenís as que estean formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión destes programas de subvencións realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. A concesión das subvencións previstas nos programas desta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións 11.02.324A.471.0 e 11.02.324A.472.0 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

2. A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de subvencións.

3. Os programas poderán ser atendidos con fondos propios libres e con fondos finalistas cando se trate de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

4. De se produciren remanentes de crédito nalgún dos ditos programas procederase á reasignación das contías sobrantes entre os restantes.

5. Estes importes poderán verse incrementados con fondos comunitarios, da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

6. Estes créditos poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás subvencións cofinanciadas polos Fondos Europeos.

Artigo 5. Beneficiarias

Con carácter xeral, as beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

2. Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

3. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nesta.

4. As cooperativas deberán estar inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia dependente da Xunta de Galicia e as sociedades laborais deberán estar inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil.

5. As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes.

Artigo 6. Empresas e actividades excluídas

Esta orde non será de aplicación ás solicitudes formuladas polas empresas e para as actividades que se indican a seguir:

1. Empresas que operan nos sectores da pesca e a acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) núm. 104 do Consello (DO L 17, do 21 de xaneiro de 2000, agás para as que poidan acollerse ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e dentro dos límites previstos no artigo 20 desta orde.

2. Empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado, agás para as que poidan acollerse ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) e dentro dos límites previstos no artigo 20 desta orde.

3. Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, é dicir, as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e á explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora.

Capítulo II
Solicitudes, documentación e procedemento

Artigo 7. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos, xunto coa documentación citada nesta orde, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Os formularios de solicitude tamén poderán ser obtidos, cubertos e validados pola solicitante a través da aplicación informática á cal se poderá acceder igualmente a través da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar ( http://traballoebenestar.xunta.es ). As solicitudes obtidas a través desta aplicación informática deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que son auténticas.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. As entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación que resulte coincidente coa primeira das solicitudes presentadas, e farase constar tal circunstancia nas posteriores.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

9. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de subvencións será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, nos correspondentes rexistros públicos as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. No suposto de que a subvención estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á beneficiaria que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos ou das beneficiarias, das operacións e da cantidade de fondos públicos asignados a cada operación, que se públicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 9. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxa finalidade e usos é a xestión das relacións administrativas cos cidadáns, entre elas, axudas e subvencións. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a lopd.traballo.benestar@xunta.es .

Artigo 10. Criterios obxectivos de adxudicacións das subvencións

1. Os criterios de valoración das solicitudes serán os recollidos para cada programa de subvencións nos artigos 28, 35, 44 e 51 desta orde. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario ou beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

2. En caso de empate de puntos de baremación entre as solicitudes establécense os seguintes criterios de desempate:

a) En primeiro lugar, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no primeiro dos criterios de avaliación, segundo a orde de aparición en que figuran na base reguladora. De persistir o empate, terán prioridade as solicitudes que obtivesen maior puntuación no segundo dos criterios de avaliación e así sucesivamente.

b) De persistir o empate, terase en conta a data de rexistro de entrada da solicitude e terán prioridade as solicitudes presentadas con anterioridade.

3. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde, segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

4. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Artigo 11. Instrución

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirán a interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido ou desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Cando as bases reguladoras desta orde exixan a presentación dunha memoria técnica económica do proxecto empresarial ou plan de empresa, programas I,II e IV, deberá analizarse a súa viabilidade e no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, así como as certificacións indicadas no artigo 8.3 desta orde.

2. O órgano instrutor dos expedientes para os programas I e II será o Servizo de Traballo e Economía Social da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar competente por razón do territorio.

O órgano instrutor dos expedientes relativos aos programas III e IV será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación, que aplicará os criterios de valoración sinalados nas bases reguladoras e informará ao órgano instrutor. Este órgano elevaralle proposta o órgano competente para a resolución, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

4. A comisión de avaliación das solicitudes presentadas estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, que a presidirá, a persoa titular da xefatura do Servizo de Cooperativas e Economía Social, as persoas titulares dos servizos de Traballo e Economía Social das xefaturas territoriais da consellería e unha persoa xefa de sección, que actuará como secretaria.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da dirección xeral.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses desde a data de publicación desta orde no DOG. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. De ser o caso, na notificación da resolución da subvención comunicaráselle ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo, con concreción do eixe, tema prioritario e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Capítulo III
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 14. Réxime de compatibilidades e concorrencia

1. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles entre si.

Porén, non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de subvención previstos nesta orde.

O importe máximo das subvencións para cada finalidade deberá respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras, e en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria, na cal se incluirán todos os custos directamente derivados dela, tales como o custo total do activo e os custos de persoal calculados sobre o período en que deban manterse os postos de traballo creados, de ser o caso.

2. As subvencións previstas nesta orde serán compatibles coa obtención das subvencións establecidas nos programas de impulso do autoemprego colectivo no marco da garantía xuvenil, cofinanciadas polo FSE, agás cando se prevexa expresamente a incompatibilidade ou se trate de subvencións para a mesma persoa incorporada ou os mesmos gastos, suposto en que deberán optar polo financiamento a través dunha única orde de subvencións.

3. As subvencións para o fomento do acceso á condición de persoa socia previstas no programa II resultarán compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único, así como coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal.

4. As subvencións establecidas no programa I desta orde serán incompatibles coas subvencións establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego, de iniciativas de emprego de base tecnolóxica, de promoción do emprego autónomo, de centros especiais de emprego e de promoción do emprego autónomo das persoas afectadas por diversidade funcional, convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 15. Obrigas das beneficiarias

1. Son obrigas das beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención durante un tempo mínimo de tres anos, agás cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

e) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. As beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, ademais, as obrigas específicas previstas en cada programa, nos artigos 30, 37, 46 e 53 desta orde.

Artigo 16. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

1. Para as accións cofinanciadas polo FSE, a entidade promotora deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

• Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013. Pódese consultar a guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estucturais publicada pola Consellería de Facenda e dispoñible na súa páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/documents/10433/33435/Guia_publicida_fondos0713g.pdf/189fa666-eed0-40ab-b745-c8487ea0e263

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na presente orde:

• Levar un sistema de contabilidade separada ou código contable adecuado en relación con todos os gastos subvencionados.

• Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 17. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da subvención concedida.

b) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 30.2 desta orde, por cada incorporación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo procederá o reintegro nos seguintes termos:

1º. Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo estivo menos de 12 meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro total da axuda concedida.

2º. Se non se efectúa a substitución e a persoa socia traballadora ou de traballo estivo 12 ou máis meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses a subvención concedida.

b. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante; para estes efectos computarase o prazo que se concede para proceder á substitución.

c. Multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses durante os cales o posto de traballo estivese vacante.

3º. Se se efectuou a substitución dunha persoa socia traballadora ou de traballo a tempo completo por outra a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa socia traballadora ou de traballo de que se trate.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. O resultado anterior multiplícase polo número de meses que resten desde a nova incorporación ata cumprir os vinte e catro.

c) No caso de que a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 37 desta orde, procederá o reintegro nos seguintes termos:

1º. Se non se efectúa a transmisión da achega e a persoa socia estivo menos de 12 meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro total da axuda concedida.

2º. Se non se efectúa a transmisión da achega e a persoa socia estivo 12 ou máis meses de alta na cooperativa ou sociedade laboral, procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese o importe concedido entre o número de meses subvencionados.

b. Calcúlase o número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida.

c. E multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida (b).

3º. No caso de socios traballadores ou de traballo a tempo completo, se a persoa a quen se lle transmite a achega se incorpora a tempo parcial, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería pola xornada inferior. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre trinta e seis meses o importe concedido pola persoa socia traballadora ou de traballo de que se trate.

b. Calcúlase o 50 % deste importe.

c. O resultado anterior multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os trinta e seis.

d) No caso de que a beneficiaria incumpra a obriga establecida nos artigos 30.1, 46.1 ou 53.1 desta orde, segundo o caso, procederá o reintegro nos seguintes termos:

1º. Se a obriga se mantivo por un período de menos de 12 meses procederá o reintegro total da axuda concedida.

2º. Se a obriga se mantivo por un período de 12 ou máis meses procederá o reintegro parcial da axuda concedida. O cálculo da contía que se debe reintegrar farase do seguinte xeito:

a. Divídese entre trinta e seis meses a subvención concedida.

b. Calcúlase o número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida.

c. E multiplícase o importe obtido na operación primeira (a) polo número de meses que faltan para que a obriga quede cumprida (b).

e) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou do deber de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado. En particular, o incumprimento parcial das obrigas previstas no artigo 15 desta orde dará lugar ao reintegro da contía proporcional ao grao de incumprimento.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da subvención incluirá os xuros de demora, que será o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que se computarán desde a data de cobramento ata o momento en que se producise a devolución efectiva por parte da beneficiaria.

3. O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e indicaranse expresamente a beneficiaria da subvención e o número de expediente.

4. En todo caso, a beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente cunha memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das persoas ou entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación das contías do principal da subvención que se devolve e dos xuros aplicados. Á memoria deberase xuntar a copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

Artigo 19. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 20. Subvencións baixo condicións de minimis

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

1. Regulamento (UE) núm. 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Cando se trate dunha única empresa que realice por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada, o importe total das axudas de minimis concedidas non excederá os 100.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, sen que estas axudas podan utilizarse para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

2. Regulamento (UE) núm. 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Regulamento (UE) núm. 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A beneficiaria deberá presentar ante o órgano administrativo competente para a instrución do procedemento, segundo o programa de que se trate de acordo co previsto no artigo 11, a xustificación da subvención no prazo fixado na resolución de concesión e cumprindo co recollido nos artigos 28 e 29 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. As unidades administrativas responsables da instrución de cada programa analizarán a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirán unha proposta de pagamento, que se elevará á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, órgano competente para ordenar o pagamento.

5. O pagamento efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

6. En todo caso, a forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria.

7. O pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo VI, VIII, X ou XII, segundo o programa de que se trate, xunto coa documentación xustificativa que corresponda relacionada nos artigos 29, 36, 45 ou 52 desta orde en función do programa de que se trate.

8. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

9. Cando concorran varias subvencións ao abeiro desta orde só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, e faranse constar os procedementos a que se refire.

10. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 22. Pagamento anticipado

Non obstante o previsto no artigo anterior, no caso da subvención prevista no programa IV para cooperativas xuvenís poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata un 80 % do importe da subvención, logo da solicitude e sen que en ningún caso o pagamento anticipado poida superar os 12.000 euros, segundo o previsto nos artigos 63.3 e 65.4.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, en referencia cos pagamentos anticipados e a exoneración da constitución de garantía por tratarse de beneficiarios de subvencións concedidas das cales os pagamentos non superan os 18.000 euros.

Artigo 23. Gastos subvencionables

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nesta orde. En todo caso, para os gastos financiables con Fondo Social Europeo respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e pola Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.

Capítulo IV
I: Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais

Artigo 24. Finalidade

Este programa de subvencións está dirixido a fomentar a incorporación de persoas desempregadas e de traballadores e traballadoras con carácter temporal como socios e socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido.

Artigo 25. Beneficiarias

1. Poderán acollerse ás subvencións previstas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo as seguintes persoas:

a) Persoas que no momento da incorporación sexan desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego. Para os efectos desta subvención, o requisito de ser persoa desempregada e estar inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego deberá cumprirse na data de alta da persoa socia traballadora no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Persoas vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo temporal non superior a 24 meses, cunha vixencia mínima de 6 meses á data da súa incorporación.

A incorporación deberá supor incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballadoras ou de traballo da cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria da subvención, respecto á media dos últimos doce meses anteriores á incorporación dos novos socios e socias polos cales se percibe a subvención. Para os efectos do incremento do emprego non se terán en conta os traballadores e traballadoras temporais, nin os socios en situación de proba.

2. Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo que tiveron tal condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral, nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias (agás cando fose en situación de proba), ou cando se trate da incorporación de persoas polas que se obtiveron as subvencións previstas para a contratación de directores ou xerentes ou para apoio ás entidades que presten servizos de natureza social e á comunidade, nos últimos cinco anos.

3. En todo caso, a cooperativa ou sociedade laboral deberá acreditar a viabilidade do seu proxecto empresarial.

Artigo 26. Contía das subvencións

1. Tanto no suposto previsto na letra a) como na letra b) do número 1 do artigo anterior, a contía da subvención será de 5.500 € por cada persoa que se incorpore a xornada completa. Estas contías veranse incrementadas do seguinte xeito:

a) Cando a persoa incorporada sexa unha muller, a contía da subvención incrementarase en 1.500 € ata 7.000 €.

b) No caso de persoas en situación de exclusión social pertencentes a algún dos colectivos recollidos no Programa de fomento do emprego vixente no momento da incorporación como socio, a contía da subvención incrementarase en 2.500 € ata 8.000 €.

c) No caso de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, a contía da subvención incrementarase en 4.500 € ata 10.000 €.

2. A incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal e a contía dos incentivos previstos no punto anterior reducirase ao 50 %.

3. No caso de cooperativas xuvenís, as ditas contías incrementaranse nun 25 %.

4. A contía máxima que poderá ser concedida a unha beneficiaria por subvencións con cargo ao programa I será de 50.000 euros.

Artigo 27. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que deben presentar as cooperativas e sociedades laborais para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto no artigo 7, é a seguinte:

1. Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

3. Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

4. Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, un breve currículo das persoas polas cales se solicita subvención, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

5. Copia do documento nacional de identidade das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde), de acordo co modelo do anexo IV.

6. Certificación emitida polo Servizo Público de Emprego dos períodos de inscrición como demandante de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, referidos á data de presentación da solicitude, das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, ou ben autorización expresa destas persoas para a comprobación directa polo órgano xestor, de acordo co modelo do anexo IV (artigo 8.1 desta orde).

7. Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias traballadoras ou de traballo por quen se solicita subvención, referido á data de presentación da solicitude, ou ben autorización expresa destas persoas para a comprobación directa polo órgano xestor, de acordo co modelo do anexo IV (artigo 8.1 desta orde).

8. Documentos acreditativos da pertenza aos colectivos sinalados no anexo I, se é o caso. A comprobación da condición de persoa afectada por diversidade funcional realizaraa directamente o órgano xestor das subvencións sempre que sexa autorizada expresamente polas persoas interesadas de acordo co modelo do anexo IV (artigo 8.1 desta orde), e salvo que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, no suposto de pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, acreditarase esa condición de pensionista na data da incorporación, mediante certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social. No suposto de pensionistas de clases pasivas, mediante certificación da condición de pensionista por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade por clases pasivas do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do órgano de procedencia da persoa funcionaria, na data de incorporación.

9. Certificación de relación nominal das persoas socias traballadoras ou de traballo e do persoal asalariado fixo no ano inmediatamente anterior á data da nova incorporación, con indicación das altas e baixas no dito período (segundo o modelo do anexo III).

10. Calendario laboral da cooperativa ou sociedade laboral e certificación relativa á xornada de traballo asignada ás persoas que se incorporan como socias traballadoras ou de traballo. Poderá obter un modelo na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

Artigo 28. Criterios de avaliación

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

1. Emprego xerado: 2 puntos por cada persoa incorporada ata un máximo de 10 puntos.

2. Porcentaxe de mulleres no emprego xerado: 10 puntos cando a porcentaxe de mulleres incorporadas sexa igual ou superior ao 50 %.

3. Contribución á integración de colectivos en situación de exclusión social: 10 puntos cando se incorpore algunha persoa pertenecente a algún dos colectivos en situación de exclusión social.

4. Actividades desenvolvidas no marco dos novos viveiros de emprego definidos pola Unión Europea: 10 puntos no caso de que a cooperativa ou sociedade laboral se desenvolva no dito marco.

5. Incorporación de novas tecnoloxías da información e as comunicacións: 10 puntos cando a memoria técnica e económica ou plan de empresa, prevexa a incorporación das tecnoloxías da información e as comunicacións na xestión empresarial.

6. Desenvolvemento de proxectos de I+D+i: 10 puntos no caso de que a actividade para a cal se solicita a subvención garde relación directa con proxectos de I+D+i.

7. Incidencia na creación e mantemento do emprego no contorno xeográfico en que se desenvolva a actuación: 5 puntos cando a cooperativa ou sociedade laboral teña o domicilio social nun concello que teña 30.000 habitantes ou máis, e 10 puntos cando o concello teña menos de 30.000 habitantes.

8. Contribución á mellora ambiental: 10 puntos cando a memoria técnica e económica ou plan de empresa prevexa e avalíe especificamente a contribución da cooperativa ou sociedade laboral á mellora ambiental.

Artigo 29. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 21 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Certificado de alta e permanencia como persoa socia traballadora ou de traballo emitido pola cooperativa ou sociedade laboral.

3. Declaración de que o traballador ou traballadora que se incorpora como socio ou socia non tivo nos dous últimos anos na entidade tal condición (segundo o modelo do anexo II).

4. Alta na Seguridade Social das persoas incorporadas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde), de acordo co modelo do anexo IV.

5. No suposto de traballadores ou traballadoras vinculados á cooperativa ou sociedade laboral por contrato laboral de carácter temporal, copia do contrato de traballo, documento de alta inicial na Seguridade Social, así como xustificante da comunicación á Seguridade Social dos cambios producidos.

6. Cando de trate da incorporación dun socio ou socia que vaia realizar unha xornada a tempo parcial, unha copia do contrato de traballo no caso de sociedades laborais. De tratarse de cooperativas, certificado en que conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

Artigo 30. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias deberán manter, polo menos, durante un período de tres anos, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiarias da subvención concedida.

2. As beneficiarias están obrigadas a manter a persoa pola cal se concede a subvención como persoa socia traballadora ou de traballo, polo menos durante dous anos. No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituíla por outra persoa e polo período que reste ata completar os dous anos, e estarán obrigadas a comunicarlle a baixa ao órgano concedente no prazo dun mes contado desde aquel en que esta se producise. A persoa substituta deberá cumprir os requisitos do artigo 25 desta orde e cando a subvención se concedese pola incorporación dunha persoa pertencente a un colectivo determinado, a substitución deberá ser realizada por outra persoa pertencente a algún dos colectivos polos cales se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta substitución deberá realizarse no prazo máximo de nove meses desde a data da baixa, feito que deberá ser comunicado pola cooperativa ou sociedade laboral beneficiaria ao órgano competente que concedese a subvención, no mes seguinte á substitución. Esta nova incorporación en ningún caso dará lugar a unha nova subvención. Esta incorporación poderá realizarse en situación de persoa socia a proba polo máximo tempo permitido legalmente, transcorrido o cal a relación poderá converterse en ordinaria e indefinida ou, de non ser así, incorporar con este carácter a outra persoa coas características anteriormente sinaladas.

3. No caso de non producirse a substitución de acordo co número anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 17 desta orde.

Capítulo V
II: Programa de fomento do acceso á condición de persoa socia

Artigo 31. Finalidade

1. Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de socios e socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

Artigo 32. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa de subvencións:

a) As persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral.

b) As persoas socias a proba de cooperativas e as persoas asalariadas de cooperativas ou sociedades laborais que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo.

c) As persoas que figuren de alta no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de mellora de emprego e que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais.

d) As persoas que se incorporen como socias traballadoras ou de traballo, en virtude da transformación da empresa na cal presten servizos en cooperativa ou sociedade laboral.

e) As persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias, con compromiso de exclusividade, para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen.

2. As cooperativas e as sociedades laborais deberán acreditar o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, ao respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea, así como establecer un plan específico que recolla medidas que aseguren a progresiva incorporación das persoas asalariadas á condición de socios ou socias, se é o caso.

Artigo 33. Contía das subvencións

1. A contía das subvencións para as beneficiarias previstas no artigo 32.1, letras a), b), c) e d) poderá ascender ata 4.500 € para a incorporación a unha cooperativa e ata 3.000 € para a incorporación a unha sociedade laboral.

2. A contía das subvencións para as beneficiarias previstas no artigo 32.1, letra e), poderá ascender ata 3.000 €.

3. As contías referidas nos anteriores números en ningún caso poderán ser superiores ás que corresponda subscribir en concepto de achega de capital social e cota de ingreso, ou de accións ou participacións sociais, de ser o caso, pola incorporación como socio ou socia. A contía máxima da subvención, no momento do seu pagamento, non poderá ser superior aos importes efectivamente desembolsados en concepto de achega ao capital social e cota de ingreso ou de accións ou participacións sociais, segundo o caso.

4. No caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal, e a contía dos incentivos previstos no apartado anterior reducirase ao 50 %.

5. Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas socias que obtiveron unha subvención para financiar a achega ao capital social de cooperativas ou sociedades laborais durante os últimos cinco anos.

6. No caso das subvencións para acceso á condición de persoa socia traballadora, será necesario acreditar a viabilidade do proxecto empresarial ao cal se incorpora a persoa solicitante, mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, previstos nesta orde.

7. No caso das subvencións para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, será necesario acreditar a viabilidade da actividade económica que a persoa realizará por conta propia mediante a memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, previstos nesta orde.

8. No caso de cooperativas xuvenís, as ditas contías incrementaranse nun 25 %.

9. No caso de sociedades cooperativas, o importe da subvención será recoñecido como achegas obrigatorias desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social, ou como cota de ingreso que deberá incorporarse ao Fondo de Reserva Obrigatorio. No caso das sociedades laborais, o importe das subvencións será recoñecido como accións ou participacións sociais desembolsadas do novo socio ou socia ao capital social.

Artigo 34. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto no artigo 7 desta orde é a seguinte:

1. Copia do documento nacional de identidade da persoa física solicitante, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante legal, se é o caso, cando non autorice expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

3. Certificación emitida polo Servizo Público de Emprego dos períodos de inscrición como demandante de emprego, así como do tempo de permanencia na situación de desemprego, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde). No caso de demandantes de mellora de emprego, acreditación do tempo de permanencia como tales.

4. Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

5. Certificación do acordo da asemblea xeral da cooperativa, relativo á aprobación da contía das achegas obrigatorias das novas persoas socias e da cota de ingreso, de ser o caso. No caso de sociedades laborais, o acordo da contía mínima das accións ou participacións que se exixen para a incorporación como socio deberá ser acreditado mediante certificación do acordo da correspondente Xunta Xeral.

6. Documentación específica da subvención para o acceso á condición de persoa socia traballadora de cooperativas e sociedades laborais:

a) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa da entidade á cal se incorpora, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade, con detalle dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

b) Certificación do número de persoas asalariadas da entidade que acredite o cumprimento das previsións sobre o número máximo de persoas asalariadas de acordo coa Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e da Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais e, de ser o caso, plan específico de incorporación de persoal asalariado.

c) Calendario laboral da cooperativa ou sociedade laboral e certificación relativa á xornada de traballo asignada ao solicitante. Poderá obter un modelo na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

7. Documentación específica da subvención para o acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas:

a) Alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no Censo de Obrigados Tributarios no Ministerio de Economía e Facenda, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

b) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa da persoa emprendedora, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

Artigo 35. Criterios de avaliación

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

1. Por ter a condición de persoas con discapacidade: 10 puntos.

2. Por ter a condición de mulleres: 5 puntos.

3. Polo tempo de permanencia no desemprego: 1 punto por cada mes ata un máximo de 20 puntos.

4. Por ter a condición de persoas asalariadas da cooperativa: 20 puntos.

5. Por ter a condición de persoas asalariadas da sociedade laboral: 10 puntos.

6. Polo tempo de permanencia como demandante de mellora de emprego: 0,20 puntos por cada mes ata un máximo de 5 puntos.

7. Pola incorporación como persoas socias de sociedades cooperativas: 20 puntos.

8. Por incorporación como persoa socia traballadora ou de traballo a unha microempresa: 20 puntos.

Artigo 36. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 21 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Certificación da incorporación e permanencia na cooperativa ou sociedade laboral.

3. Alta na Seguridade Social, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

4. Certificación emitida pola cooperativa ou sociedade laboral do importe das achegas, participacións ou accións, subscritas e desembolsadas para adquirir a condición de socio ou socia, así como relativa ao desembolso das cotas de ingreso, de ser o caso.

5. Certificación do acordo do consello reitor da cooperativa, relativo á admisión como persoa socia e a inexistencia de impugnacións ao respecto, ou certificación do órgano de administración da sociedade laboral relativo á incorporación como persoa socia, agás cando se trate de socios promotores das referidas entidades.

6. Cando de trate da incorporacións de persoas socias traballadoras ou de traballo a tempo parcial: certificado no cal conste a duración da xornada que ten fixada a persoa que se incorpora.

Artigo 37. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias das subvencións previstas no programa II desta orde quedan obrigadas a manter esta condición na mesma cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan por un período mínimo de tres anos.

2. O importe das ditas subvencións recoñecido como capital social deberá manter o seu carácter de achegas ao capital social de sociedades cooperativas, ou de accións ou participacións sociais de clase laboral, no caso das sociedades laborais, durante un período mínimo de tres anos. Durante este período non poderán ser obxecto de reembolso nin transmisión por actos inter vivos. Non obstante, a persoa socia que cause baixa obrigatoria poderá transmitir a súa achega a favor da persoa que se incorpore para substituíla nas mesmas condicións e ata o final do referido período, como mínimo. Esta substitución non dará lugar a unha nova subvención.

3. No caso de incumprimento do previsto nos números anteriores procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 17 desta orde.

Capítulo VI
III: programa de impulso de proxectos empresariais cooperativos
e asistencia técnica

Artigo 38. Finalidade

1. Este programa de subvencións está dirixido a fomentar o cooperativismo e a economía social, concedendo subvencións que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais, tanto de nova creación como xerados polas cooperativas e sociedades laborais existentes.

2. Terán a consideración de proxectos empresariais subvencionables os seguintes:

a) Constitución de cooperativas ou sociedades laborais.

b) Transformación doutras fórmulas empresariais en cooperativas ou sociedades laborais.

c) Lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade das cooperativas ou sociedades laborais existentes.

Artigo 39. Beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas neste programa as cooperativas e sociedades laborais que realicen proxectos empresariais subvencionables

2. Igualmente, poderán resultar beneficiarias as persoas físicas e empresas privadas que presten os servizos de asesoramento e acompañamento de proxectos recollidos no artigo 42 desta orde.

Artigo 40. Subvención para gastos de constitución

1. Poderán subvencionarse ata o 75 % dos gastos ocasionados con motivo da formalización e inscrición da escritura pública e demais trámites derivados do proceso de constitución de cooperativas ou sociedades laborais, ou de transformación, de ser o caso, ata un máximo de 1.500 € para gastos de notaría e inscrición en rexistros oficiais e 500 € adicionais para a realización doutros trámites.

2. Igualmente, poderá subvencionarse ata o 75 % dos seguintes gastos:

a) Elaboración de estudos de viabilidade, de organización, de comercialización, auditorías e outros informes de natureza análoga, necesarios para a posta en marcha dos proxectos empresariais, ata un máximo de 1.000 € cando integren menos de 10 persoas socias e ata un máximo de 3.000 € cando integren a 10 persoas socias ou máis.

b) Elaboración dos estatutos sociais e regulamentos de réxime interno necesarios para a posta en marcha dos proxectos empresariais, ata un máximo de 2.000 €.

A asistencia técnica deberá ser prestada por persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa solvencia profesional, por medio de titulación académica oficial suficiente para a prestación do servizo. No caso de persoas xurídicas, a persoa posuidora da titulación deberá acreditar o seu vínculo coa entidade.

Artigo 41. Subvención para a formación empresarial

1. Esta subvención irá destinada ao financiamento parcial de cursos de dirección e xestión empresarial, co fin de cubrir as necesidades de formación das persoas socias que se incorporen a cooperativas e sociedades laborais.

2. A contía da subvención será de ata o 75 % do custo dos servizos prestados e calcularase tendo en conta os seguintes límites máximos: 20 euros por cada hora de duración efectiva multiplicados polo número de persoas socias participantes na actividade, cun límite máximo de 1.000 euros de subvención por cada persoa socia incorporada á cooperativa ou sociedades laboral que participe na formación e 5.000 euros de subvención por cada beneficiaria.

Artigo 42. Subvención para o asesoramento e acompañamento de proxectos

1. Poderán outorgarse subvencións para a contratación da prestación do servizo de asesoramento e acompañamento de proxectos, que comprenderá desde a realización de actividades previas ao inicio da actividade, tales como a orientación do proxecto e accións formativas e informativas do grupo promotor, ata a elaboración do plan empresarial da cooperativa ou sociedade laboral, o seu seguimento e asesoramento na execución. As solicitudes poderán ser formuladas ou ben pola cooperativa ou sociedade laboral ou ben polos que presten o servizo, sempre que sexan de carácter gratuíto para as persoas asesoradas; neste último caso poderá presentarse unha solicitude por cada un dos proxectos asesorados.

2. Será preceptiva a elaboración dun plan de traballo por parte dos que presten o servizo que inclúa a temporalización e a estimación do número de horas, con indicación das dedicadas á preparación das actividades e ás reunións presenciais co grupo promotor, así como o resto de actividades previstas para a posta en marcha do proxecto.

3. O número de horas dedicadas ao acompañamento do proxecto, que non será inferior a 200 horas anuais, das cales deberá reservarse o número suficiente que permita o mantemento dunha reunión de seguimento quincenal, así como 100 horas para a realización de sesións específicas coas persoas promotoras para o tratamento e análise das seguintes áreas:

a) Formación en materia de cooperativismo, economía social e habilidades sociais (20 horas).

b) Formación en materia económico-financeira (20 horas).

c) Formación en materia comercial-mercado (20 horas).

d) Formación en materia organizativa (40 horas).

4. Cada reunión ou actuación subvencionable deberá documentarse cos modelos normalizados facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar, que conterán como mínimo a súa duración e lugar de celebración, a relación de asistentes cos seus datos de identificación e sinaturas de conformidade, así como con copias dos documentos elaborados nas distintas fases. Poderá obter os modelos normalizados na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

5. O asesoramento e acompañamento subvencionable unicamente poderá ser prestado por persoas físicas ou empresas privadas que conten con persoal, propio ou concertado, con coñecementos e formación específica nas áreas que se indican:

a) Cooperativismo e economía social: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas nas cales a carga lectiva específica sobre cooperativismo e economía social teña unha duración mínima de 180 horas.

b) Xestión empresarial: considerarase acreditado este requisito polo feito de estar en posesión da licenciatura ou grao en Administración e Dirección de Empresas, ou en Relacións Laborais e Recursos Humanos, ou ben da diplomatura ou grao en Ciencias Empresariais ou en Relacións Laborais, ou equivalentes.

c) Asesoría xurídica: considerarase acreditado este requisito polo feito de estar en posesión da licenciatura ou grao en Dereito ou equivalente.

d) Xestión societaria: considerarase acreditado este requisito pola participación en actividades formativas en materia de psicoloxía organizacional, habilidades sociais, traballo en equipo e solución de conflitos, xunto cunha experiencia mínima de 3 anos de asesoramento nesta área.

Unicamente se terán en conta os títulos oficiais expedidos pola universidade. No caso de diplomas e certificados, só se terán en conta os outorgados pola universidade ou calquera entidade do sector público, así como aqueles diplomas ou certificados outorgados por entidades privadas sempre que se refiran a formación impartida no marco de instrumentos de colaboración coa Administración pública (cursos organizados, subvencionados ou impartidos en colaboración con calquera entidade das administracións públicas).

6. A contía da subvención ascenderá a 30 € por hora de información, formación ou asesoramento por cada proxecto. O número mínimo de persoas asesoradas por proxecto será de tres. Establécense os seguintes límites máximos para a subvención, en función das persoas físicas promotoras directamente asesoradas:

a) De 3 a 5 persoas promotoras: ata 250 horas.

b) De 6 a 10 persoas promotoras: ata 300 horas.

c) Máis de 10 persoas promotoras: ata 350 horas.

7. Para estes efectos entenderase por persoas directamente asesoradas, aquelas que participen na totalidade das sesións específicas previstas no número 3. O número total de horas xustificadas en concepto de preparación das actividades presenciais non poderá superar o 50 % do total.

8. Se as persoas promotoras desisten do proxecto por causa xustificada antes de finalizar o acompañamento previsto, resultarán subvencionables as actuacións realizadas ata ese momento, cos límites anteriormente indicados.

9. Esta subvención resultará incompatible coa prevista nos artigos 40.2 e 41 desta orde.

Artigo 43. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar as subvencións deste programa, de acordo co previsto no artigo 7 desta orde, é a seguinte:

1. Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

2. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

3. Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

4. No caso de lanzamento de novas áreas funcionais ou territoriais de actividade das cooperativas ou sociedades laborais existentes, deberase achegar memoria explicativa do novo proxecto empresarial.

5. Documentación específica para a subvención para gastos de constitución:

a) Orzamento individualizado correspondente a cada concepto subvencionable e cuantificado economicamente en todas as epígrafes.

b) Documentación que acredite a habilitación legal e debida cualificación para a prestación do servizo, nos termos previstos no artigo 40 desta orde, de ser o caso.

6. Documentación específica para formación empresarial: memoria relativa á formación empresarial na cal se indique, como mínimo, o programa, número de horas, o lugar e data de impartición, o nome das persoas socias ás cales vai destinada, a capacidade profesional dos formadores e o orzamento.

7. Documentación específica para asesoramento e acompañamento de proxectos:

• Memoria da actividade para a cal se solicita a subvención na cal consten:

– As liñas xerais do proxecto.

– O plan de traballo que inclúa a temporalización e a estimación do número de horas con indicación das dedicadas á preparación das actividades e ás reunións presenciais co grupo promotor, así como o resto de actividades previstas para a posta en marcha do proxecto.

– A relación de promotores, con indicación das persoas socias ou asalariadas que prestarán o seu traballo persoal.

– O investimento previsto no acompañamento.

• Acreditación dos coñecementos e formación específica das persoas que presten o servizo, nas áreas e nos termos previstos no artigo 42 desta orde.

Artigo 44. Criterios de avaliación das solicitudes

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

1. Polo emprego previsto, 2 puntos por cada persoa socia traballadora ou asalariada que se incorpore á cooperativa ou sociedade laboral.

2. Pola constitución de microempresa, 10 puntos.

3. Pola constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña (anexo XIII), 10 puntos.

Artigo 45. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 21 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas acreditativas da realización das actividades, así como xustificante bancario do seu pagamento.

3. No caso das subvencións para a elaboración dos estudos, proxectos, auditorías e informes en xeral, deberá presentarse unha copia deles.

4. Cando se trate de formación empresarial deberá achegarse unha certificación da entidade formativa que detalle a formación impartida, asinada de conformidade pola persoa ou persoas socias destinatarias dela.

5. No caso de asesoramento e acompañamento de proxectos deberá achegarse certificación dos servizos realizados expedida polas persoas que o prestaron e conformada polo grupo promotor, que inclúa o balance de ingresos e gastos da actividade realizada, xunto cos documentos normalizados acreditativos da realización das distintas fases e copias dos documentos elaborados, de acordo co previsto no artigo 42.4 desta orde, así como o plan de empresa. Se a beneficiaria é a cooperativa promotora do proxecto deberá acreditar o pagamento dos servizos.

Artigo 46. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias deberán manter durante un período de tres anos, polo menos, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultar beneficiarias da subvención concedida.

2. No caso de incumprimento do previsto no número anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 17 desta orde.

Capítulo VII
IV: Programa de promoción das cooperativas xuvenís

Artigo 47. Finalidade

Este programa de subvencións está dirixido a apoiar o desenvolvemento de proxectos de creación de cooperativas xuvenís mediante subvencións para financiar os custos derivados do lanzamento da actividade.

Artigo 48. Beneficiarias

1. As cooperativas xuvenís de nova creación formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras ou de traballo que teñan entre 16 e 29 anos de idade poderán acollerse ás subvencións para o financiamento de custos previstos neste programa por unha soa vez.

2. Para os efectos deste programa, consideraranse como cooperativa de nova creación aquelas que non superen os dous anos de actividade, contados ininterrompidamente desde a data de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, da alta no censo de persoas obrigadas tributarias do Ministerio de Economía e Facenda, ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 49. Obxecto e contía das subvencións

1. Poderá concederse unha subvención directa para financiar parcialmente os gastos correntes derivados do inicio da actividade ata un importe máximo do 75 % do seu custo, excluídos impostos. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos correntes:

a) Arrendamento e mantemento de locais, instalacións, maquinaria e elementos de transporte.

b) Materias primas, embalaxes, envases e outros aprovisionamentos necesarios para a produción, agás os que sexan obxecto de simple comercialización.

c) Elaboración de material publicitario funxible e anuncios publicitarios nos medios de comunicación.

d) Seguros, gastos financeiros e bancarios.

e) Enerxía, comunicacións e transportes.

f) Material de oficina.

g) Consumibles para equipamentos informáticos e maquinaria.

h) Mantemento de equipamentos e sistemas para as tecnoloxías da información e as comunicacións, de páxinas web e de sistemas telemáticos de xestión e para o comercio electrónico.

i) Roupa de traballo e material funxible para a prevención de riscos laborais.

2. O importe máximo desta subvención será de 15.000 € por cooperativa beneficiaria.

3. A determinación dos gastos subvencionables axustarase ao disposto nesta orde e no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 18.000 € (IVE excluído), a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

5. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 50. Documentación para a solicitude da subvención

A documentación que debe presentarse para solicitar a subvención deste programa, de acordo co previsto no artigo 7 desta orde, é a seguinte:

a) Copia da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal da entidade solicitante, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

b) Copia do documento nacional de identidade da persoa representante legal, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

c) Alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, só no caso de non autorizar expresamente a comprobación de datos (artigo 8.1 desta orde).

d) Memoria técnica e económica do proxecto empresarial ou o plan de empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición do proxecto, os aspectos técnicos de produción e comercialización, a previsión de postos de traballo netos que se van crear, a identificación, data de nacemento e un breve currículo das persoas promotoras, así como unha descrición detallada dos aspectos económicos, técnicos e financeiros que permitan avaliar a viabilidade do proxecto. Poderá obter un modelo de memoria na páxina web da consellería ( http://traballoebenestar.xunta.es ), no seu punto de axudas e subvencións.

e) Memoria que inclúa o orzamento total dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles aos cales se vai destinar a subvención e a procedencia do financiamento previsto.

f) Facturas, facturas proforma, orzamentos ou declaración da previsión de gastos. No suposto previsto no artigo 49.4 desta orde, deberán presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores.

Artigo 51. Criterios de avaliación

A concesión e contía das subvencións, que se realizará en réxime de concorrencia competitiva, estará en función dos seguintes criterios:

1. Polo emprego xerado, 2 puntos por cada persoa socia traballadora ou asalariada incorporada.

2. Pola constitución de microempresa, 10 puntos.

3. Pola constitución da empresa en zona desfavorecida ou de montaña (anexo XIII), 10 puntos.

4. No caso de que á entidade non lle fosen concedidas subvencións para a finalidade prevista no programa I da presente ou anteriores convocatorias, 20 puntos.

Artigo 52. Documentación para a xustificación da subvención

De acordo co previsto no artigo 21 desta orde, para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención deste programa, a beneficiaria deberá presentar, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable complementaria do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo V.

2. Orixinal ou copia compulsada ou cotexada das facturas acreditativas da realización das actividades, así como xustificante bancario do seu pagamento.

Artigo 53. Obrigas das beneficiarias

1. Manter durante un período de tres anos, polo menos, a forma xurídica de sociedade cooperativa galega.

2. No caso de incumprimento do previsto no número anterior, procederá o reintegro das cantidades percibidas nos termos previstos no artigo 17 desta orde.

Capítulo VIII
Convocatoria de subvencións para o ano 2015

Artigo 54. Convocatoria

Convócanse para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións para o fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e promoción do cooperativismo reguladas polas bases contidas nesta orde.

Artigo 55. Presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 56. Período de execución das accións

1. Con carácter xeral e para todos os programas, o período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 14 de novembro 2015.

2. Excepcionalmente e para posibilitar a atención de proxectos iniciados en períodos en que a convocatoria de subvencións estivo pechada, as accións realizadas entre o 8 de abril de 2014 e a data de publicación desta orde darán lugar ao acceso á condición de beneficiario. Porén, o gasto subvencionable corresponderá ao ultimo trimestre do 2014 e ao exercicio orzamentario do 2015.

Artigo 57. Xustificación das accións subvencionadas

As beneficiarias das subvencións deberán xustificar o investimento conforme a resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos mediante solicitude conforme o modelo do anexo VI, VIII, X ou XII, en función do programa que se trate.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 16 de novembro de 2015.

Artigo 58. Financiamento e normativa reguladora

O financiamento das subvencións previstas na presente orde realizarase con cargo ás aplicacións 11.02.324A.471.0, cunha contía inicial de 280.000 €, e 11.02.324A.472.0, cunha contía inicial de 1.904.177 €, de acordo coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

O orzamento total ascende a 2.184.177 € e a distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I: 1.104.177 € (11.02.324A.472.0).

Programa II: 680.000 € (80.000 € da 11.02.324A.471.0 e 600.000 € da 11.02.324A.472.0).

Programa III: 200.000 € (11.02.324A.472.0).

Programa IV: 200.000 € (11.02.324A.471.0).

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa estean en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

Se unha vez adxudicadas as subvencións resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file