Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 30 de xullo de 2015 Páx. 31866

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 16 de xullo de 2015, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se fai pública a aprobación das bases definitivas de concentración parcelaria da zona do Burgo-Vilamaior-Camba (Castro Caldelas).

O xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Ourense pon en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona do Burgo-Vilamaior-Camba (Castro Caldelas-Ourense), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 246/2008, do 23 de outubro (DOG nº 216, do 6 de novembro), que a xunta local da zona, na súa reunión do día 9 de xullo de 2015, unha vez introducidas as modificacións oportunas e á vista do resultado das alegacións ás bases provisionais, aprobou as bases definitivas de concentración parcelaria, que serán notificadas individualmente a cada un dos afectados. As mencionadas bases estarán expostas ao público no local da casa do Concello de Castro Caldelas e nos lugares de costume da zona durante o prazo de interposición de recursos, de conformidade co que determina a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro.

Os documentos que os interesados poden examinar nos lugares de exposición refírense á determinación do perímetro (colección de planos coas parcelas incluídas e relación das excluídas), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes que servirán de base para facer as compensacións que sexan necesarias, así como á determinación dos propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas, das cales se declara formalmente a súa titularidade.

Para o caso de que se tivesen formulado alegacións en relación coas bases provisionais, as resolucións destas serán as modificacións reflectidas nos boletíns individuais da propiedade das bases definitivas.

Contra estas bases os interesados poderán interponer, por si mesmos ou por representación, recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, dentro do prazo de trinta días contados desde o seguinte á recepción da notificación individual ou da publicación no Diario Oficial de Galicia para os que non puidesen ser notificados individualmente. Os recursos poderán presentarse no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural e do Mar (sito na rúa Florentino L. Cuevillas, 4, 6, baixo, Ourense), no rexistro xeral da consellería (sito no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), o en calquera das dependencias ás cales fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, expresando no escrito un domicilio dentro do termo municipal para facerlles as comunicacións que procedan.

Desde o día 1 de xullo de 2006, data en que tivo entrada en vigor o Decreto 105/2006 (DOG nº 125, do 30 de xuño), polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, deberase ter en conta o establecido nos seus artigos 21 e seguintes de cara a evitar posibles danos nos predios en cuestión.

Ourense, 16 de xullo de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Xefe territorial de Ourense