Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 10 de agosto de 2015 Páx. 32765

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de xullo de 2015 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro O Castro International School, de Mos (Pontevedra).

Por Orde do 10 de xullo de 2014, concédese autorización definitiva ao centro privado estranxeiro O Castro International School, de Mos, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 anos de idade) ata o curso Year 7 (12 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales. Número de postos escolares 450.

A titularidade do centro inicia un expediente de modificación da autorización para ampliar a 550 postos escolares para os cursos de Nursery (3 anos de idade) ata Year 6 (11 anos de idade) con carácter definitivo, e de 150 postos escolares para os cursos de Year 7 (12 anos de idade) ata Year 9 (14 anos de idade) con carácter provisional.

Con data do 8 de maio de 2014, o British Council certifica que, de acordo co informe de inspección, o centro docente reúne os requisitos do artigo 14 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, para unha autorización plena para as ensinanzas desde o curso de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ao curso de Year 6 (11 anos de idade) para 550 postos escolares. Coa mesma data tamén certifica que se pode conceder unha autorización temporal para un máximo de 150 postos escolares desde o curso Year 7 (12 anos de idade) ata o curso de Year 9 (14 anos de idade), do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales ata o 1 de maio de 2016. A partir desta data a autorización dependerá dunha inspección posterior.

Polo que antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

1. Conceder a autorización de 550 postos escolares para os cursos de Nursery ata Year 6 con carácter definitivo, e de 150 postos escolares para os cursos de Year 7 ata Year 9 con carácter provisional, do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales.

2. Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro.

Denominación específica: O Castro International School.

Código do centro: 36024835.

Titular: O Castro International School of Vigo, S.L.

Domicilio: Camiño de San Cosme, nº 1.

Localidade: San Pedro de Cela.

Concello: Mos.

Provincia: Pontevedra.

3. Composición resultante:

• Nursery (3 anos de idade) ata o curso de Year 6 (11 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales, con carácter definitivo. Número de postos escolares: 550.

• Year 7 (12 anos de idade) ata Year 9 (14 anos de idade) do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales, con carácter provisional ata o 1 de maio de 2016. Número de postos escolares: 150.

4. Alumnado: español e estranxeiro.

Segundo. O centro deberá completar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua castelá e literatura e de lingua galega e literatura, que se deberán impartir co mesmo deseño e horario establecidos nas normas da Comunidade Autónoma de Galicia, que regulan as ensinanzas correspondentes á educación infantil, educación primaria e educación secundaria.

Así mesmo, o currículo de cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da área de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, recollidos nas normas reguladoras das ensinanzas.

Terceiro. O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no punto anterior deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para os niveis educativos correspondentes, e terá os dereitos e as obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

Cuarto. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación dos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da jurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria