Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 11 de agosto de 2015 Páx. 33029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 23 de xullo de 2015 para facer pública a resolución pola que se pon fin ao expediente de información pública do proxecto de trazado da obra de actuacións no ámbito metropolitano da Coruña, conexión DP-1706-AP-9 na Barcala e San Pedro de Nós-AP-9, de clave AC/09/029.01.

Con data do 17 de xullo de 2015, a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro de 2013), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. O Plan sectorial da rede viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de xullo de 2004, e publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 183, de 20 de setembro de 2004.

Segundo. Con data do 14 de setembro de 2010 a entón directora xeral de Infraestruturas resolveu aprobar provisoriamente o proxecto de trazado da obra de actuacións no ámbito metropolitano da Coruña, conexión DP-1706 - AP-9 na Barcala e San Pedro de Nós - AP-9, de clave AC/09/029.01.

Terceiro. Con data do 30 de outubro de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 208) a Resolución do 14 de outubro de 2013 pola que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de trazado da obra de actuacións no ámbito metropolitano da Coruña, conexión DP-1706 - AP-9 na Barcala e San Pedro de Nós-AP-9, de clave AC/09/029.01, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Cuarto. Remitiuse aos concellos de Cambre e Oleiros e ao Servizo de Infraestruturas da Coruña, para a súa exposición ao público, durante 30 días hábiles, prazo durante o cal tamén estivo exposto ao público na Axencia Galega de Infraestruturas.

Quinto. Durante todo o trámite de información pública presentáronse diversas alegacións que foron estudadas para a súa valoración.

Sexto. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no seu informe do 12 de novembro de 2013, considerou, unha vez examinada a documentación que constitúe o expediente, que o proxecto referenciado é ambientalmente viable.

Non obstante, emite un segundo informe o 21 de xaneiro de 2015, tras unha alegación dun grupo municipal de Cambre, onde comunican a necesidade de aplicar a avaliación de impacto ambiental simplificada.

Polo exposto, e para cumprir coas prescricións da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a Axencia Galega de Infraestruturas tramitará un novo proceso de información pública, na parte que afecta o Concello de Cambre, tanto en materia de estradas como ambiental.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que será preceptivo o sometemento dos estudos informativos ou, se for o caso, dos anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, aos trámites de información pública en materia de estradas e de informe das administracións afectadas cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Construción de novas estradas ou treitos destas que non estivesen previstas no planeamento urbanístico municipal.

b) Modificacións substanciais de estradas existentes que afecten de xeito significativo o planeamento urbanístico municipal.

No punto 3 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto someteranse ao informe, en materia de estradas, das administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para os seus intereses e informe sobre ese aspecto. Transcorrido ese prazo sen que as administracións consultadas emitan informe, entenderase que mostran a súa conformidade co trazado proposto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais normas vixentes de aplicación.

Por todo o exposto, e despois da análise efectuada das alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Que a información pública correspondente á obra Actuacións no ámbito metropolitano da Coruña conexión DP-1706 - AP-9 na Barcala e San Pedro de Nós - AP-9, de clave: AC/09/029.01, quede en suspenso soamente na parte que afecta o Concello de Cambre e se elabore un novo proxecto cun trazado máis acorde co previsto no Plan sectorial da rede viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo, que teña en conta as alegacións, informes e suxestións recibidas, e que se someterá a un novo proceso de información pública.

Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra, cumpriranse as prescricións do informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre o procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Oleiros deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/tema/c/Infraestruturas_Estradas), porase á disposición dos interesados un documento coa planta da parte do proxecto aprobado.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas