Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 19 de agosto de 2015 Páx. 33928

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 7/2015, do 7 de agosto, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.

Exposición de motivos

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece, no seu artigo 13.1, a iniciativa popular para a presentación de proposicións de lei que teñan que ser tramitadas polo Parlamento de Galicia, así como que a dita iniciativa será regulada por este mediante lei.

En cumprimento do mandato estatutario, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular, ante o Parlamento de Galicia, evidenciando, como se expresa na exposición de motivos desta norma, a vontade do poder lexislativo autonómico de favorecer unha máis plural e intensa participación da sociedade civil galega no labor de dirección política da Comunidade Autónoma a través do exercicio da potestade lexislativa; unha participación cidadá directa na iniciativa lexislativa que, lonxe de restarlle protagonismo político ao Parlamento de Galicia, contribuíu ao longo dos últimos anos a reforzar a súa centralidade, a mellorar o exercicio por parte das deputadas e dos deputados da representación política e a achegar as demandas e inquietudes sociais á institución parlamentaria.

A vontade de favorecer a participación cidadá nos procedementos lexislativos autonómicos quedou reafirmada coa recente reforma da Lei 1/1988, mediante a Lei 9/2014, do 30 de outubro, na que, co obxecto de darlle un novo pulo, se reduciu o número de sinaturas precisas para que as iniciativas lexislativas populares poidan ser debatidas no Parlamento de Galicia, se habilitou a posibilidade de recoller as sinaturas electronicamente e se estableceu un prazo para que, unha vez completados todos os requisitos que a lexislación e o Regulamento da Cámara establecen, se produza o debate para a correspondente toma en consideración.

Adicionalmente, e coa mesma vontade de facilitar a participación cidadá na elaboración das leis, a Presidencia e a Mesa do Parlamento promoveron na presente lexislatura a posta en marcha, a través da páxina web oficial da Cámara, da iniciativa denominada «Lexisla con nós», un instrumento que permite á cidadanía coñecer e realizar achegas aos proxectos e proposicións de lei que se están a tramitar. Unha iniciativa útil, que, como se fai nesta norma, cómpre regular con maior garantía para todas aquelas persoas que queiran trasladar a súa opinión aos lexisladores con pleno coñecemento tanto do texto do proxecto ou proposición de lei como das emendas que os respectivos grupos parlamentarios presenten de acordo co previsto no Regulamento do Parlamento de Galicia.

Co fin de ampliar máis aínda a posibilidade de que todas as persoas que gozan da condición política de galegos poidan participar nas funcións que o Estatuto de autonomía lle atribúe ao Parlamento de Galicia e de reforzar así a centralidade política que a nosa asemblea representativa ten na estrutura institucional autonómica, nesta norma introdúcense dous novos mecanismos de participación cidadá directa: a presentación de iniciativas de impulso, mediante proposicións non de lei; e de control, a través de preguntas.

Con estas dúas iniciativas trátase de facilitar que os galegos e as galegas poidan sentirse partícipes da actividade parlamentaria traendo ao Parlamento de Galicia aqueles asuntos de relevancia que consideren que deben ser debatidos pola Cámara, participando máis activamente na fixación das axendas de debate das sesións parlamentarias, así como presentando preguntas dirixidas á Xunta de Galicia para que o Goberno poida informar e dar resposta sobre aqueles asuntos que lles preocupan.

Finalmente, e para facilitar o exercicio do dereito de petición que a Constitución recoñece a todas as persoas no seu artigo 29, prevese a posta en marcha dun mecanismo electrónico para a presentación no Rexistro do Parlamento daquelas peticións que vaian dirixidas á Cámara lexislativa autonómica.

Coa finalidade de simplificar o marco normativo, de xeito que tanto cidadáns como asociacións e colectivos e a propia Administración poidan contar cun marco normativo máis simplificado, fácil de manexar e máis operativo, aprovéitase a introdución dos novos mecanismos de participación cidadá nas actividades de impulso e control do Parlamento de Galicia para reunir nun único texto a normativa xa existente sobre as iniciativas lexislativas populares, sen modificar o previsto no articulado da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, reformada mediante a Lei 9/2014, do 30 de outubro.

En consecuencia, a presente lei estrutúrase en seis títulos. O título I ten un único artigo, no que se recoñece o dereito de participación no Parlamento de Galicia de todas e todos os cidadáns que gocen da condición política de galegos e galegas. No título II recóllese o texto consolidado da Lei de iniciativas lexislativas populares. O título III regula a participación popular na elaboración das leis que se tramiten no Parlamento de Galicia. O título IV abre a posibilidade da participación popular no impulso da acción de goberno, regulando a posibilidade de presentación de proposicións non de lei pola cidadanía. No título V regúlase a participación cidadá no control ao Goberno, a través da presentación de preguntas dirixidas ao Goberno. E no título VI introdúcese a posibilidade de exercitar o dereito de petición perante a Cámara a través de medios telemáticos.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia.

TÍTULO I
Disposición xeral

Artigo 1

As persoas maiores de idade que gocen da condición política de galegos ou galegas e se atopen inscritas no censo electoral poden exercer a iniciativa lexislativa prevista no artigo 13.1 do Estatuto de autonomía, así como as restantes formas de participación política a través do Parlamento de Galicia, de acordo co disposto por esta lei.

TÍTULO II
Iniciativa lexislativa popular perante o Parlamento de Galicia

Artigo 2

A iniciativa lexislativa popular perante o Parlamento de Galicia exércese por medio da presentación de proposicións de lei asinadas, polo menos, por 10.000 das cidadás e dos cidadáns referidos no artigo anterior.

Artigo 3

Quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as materias seguintes:

1. As non atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.

2. As de desenvolvemento básico do Estatuto de autonomía e as que, en todo caso, requiran para a súa aprobación o voto favorable dunha maioría cualificada.

3. As de natureza orzamentaria e tributaria.

Artigo 4

O procedemento para o exercicio da iniciativa lexislativa popular iniciarase mediante a presentación no Rexistro do Parlamento dun escrito dirixido á Mesa, que conterá:

a) O texto articulado da proposición de lei, precedido dunha exposición de motivos.

b) Unha exposición das razóns que, a xuízo dos asinantes, aconsellen a tramitación e aprobación polo Parlamento de Galicia da proposición de lei.

c) A relación de membros da comisión promotora, cun mínimo de 10 persoas e coas sinaturas e datos persoais de cada un deles, e a indicación do enderezo que se sinale para cursar as notificacións e comunicacións que sexa preciso realizar.

Os Servizos Xurídicos do Parlamento de Galicia deben asesorar os membros da comisión promotora para facilitarlles o cumprimento dos requisitos formais.

Artigo 5

1. Os membros da comisión promotora deberán reunir a condición de electores, de acordo co disposto no artigo 1 desta lei.

2. Non poderán formar parte da comisión promotora os deputados e as deputadas do Parlamento de Galicia nin as persoas incursas en causas de inelixibilidade ou incompatibilidade das aplicables nas eleccións ao Parlamento de Galicia.

Artigo 6

Recibida a documentación presentada, a Mesa do Parlamento procederá a examinala, e resolverá sobre a súa admisión no prazo dun mes.

A Mesa do Parlamento soamente poderá declarar a inadmisión dunha iniciativa lexislativa popular por algún dos seguintes motivos:

a) Que teña por obxecto algunha das materias excluídas.

b) Que o escrito de presentación non reúna algún dos requisitos exixidos. Non obstante, tratándose dun defecto reparable, a Mesa comunicarallo á comisión promotora para que proceda, de ser o caso e no prazo dun mes, á reparación.

c) Que exista previamente no Parlamento un proxecto ou proposición de lei que verse sobre o mesmo obxecto da iniciativa lexislativa popular e se atope no trámite de emendas ou noutro posterior, mentres non se esgote o procedemento lexislativo.

d) Que reproduza outra iniciativa lexislativa popular de contido igual ou substancialmente equivalente que se atope en trámite.

A resolución da Mesa do Parlamento notificaráselle á comisión promotora e publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Contra a decisión da Mesa de non admitir a proposición de lei, a comisión promotora poderá interpoñer recurso de amparo.

Artigo 7

1. Admitida a proposición, a Mesa do Parlamento comunicarallo á Xunta Electoral de Galicia, que garantirá a regularidade do procedemento de recollida de sinaturas pola comisión promotora.

2. A Xunta Electoral de Galicia notificaralle á comisión promotora a admisión da proposición co obxecto de que se proceda á recollida das sinaturas requiridas.

3. O procedemento finalizará coa entrega á Xunta Electoral de Galicia das sinaturas recollidas, no prazo máximo de catro meses, que se contarán desde o día seguinte ao da notificación a que se refire o punto anterior. Este prazo poderá ser prorrogado por tres meses por petición da comisión promotora cando concorra causa xustificada, apreciada pola Mesa do Parlamento. Transcorrido o prazo sen que se fixese entrega das sinaturas requiridas, caducará a iniciativa.

Artigo 8

1. Recibida a notificación de admisión da proposición, a comisión promotora presentará, no prazo de dez días hábiles, ante a Xunta Electoral de Galicia, os pregos necesarios para a recollida de sinaturas. Nestes pregos reproducirase o texto íntegro da proposición de lei.

2. No suposto de que o texto da proposición superase en extensión as tres caras do prego, poderase achegar un prego máis, que se xuntará ao destinado a recoller as sinaturas, de modo que non poidan ser separados, e selaranse e numeraranse de acordo co disposto no punto seguinte.

3. Recibidos os pregos pola Xunta Electoral de Galicia, esta, dentro das setenta e dúas horas seguintes, selaraos, numeraraos e devolveraos á comisión promotora.

Artigo 9

1. As sinaturas recollidas figurarán necesariamente nos pregos a que fai referencia o artigo anterior e tamén se poderán recoller a través de sinatura electrónica, conforme o acordo da Xunta Electoral de Galicia do 22 de xaneiro de 2015, sobre o procedemento para a verificación e certificación de sinaturas electrónicas nas iniciativas lexislativas populares, e demais normas de aplicación.

A Xunta Electoral de Galicia será competente para establecer os requisitos necesarios para que o procedemento de recollida de sinaturas poida realizarse a través do sistema de sinatura electrónica.

2. Xunto coa sinatura de cada elector ou electora faranse constar o seu nome e apelidos, o número do documento nacional de identidade, a data de nacemento e o municipio galego en cuxas listas electorais está inscrito ou inscrita.

3. As sinaturas deberán ser autenticadas por un notario, un cónsul, un secretario xudicial ou o secretario municipal que corresponda ao municipio en cuxo censo electoral estea inscrita a persoa asinante. Indicarase a data en que se realice a autenticación, que poderá ser colectiva, prego por prego, en cuxo caso deberá consignarse o número de sinaturas contidas en cada prego.

4. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, as sinaturas poderán tamén ser autenticadas por fedatarios especiais designados pola comisión promotora.

5. Poderá adquirir a condición de fedatario especial quen, sendo maior de idade e tendo a condición política de galego, xure ou prometa ante a Xunta Electoral de Galicia dar fe da autenticidade das sinaturas dos signatarios da proposición, baixo as penas que, en caso de falsidade, procedan.

6. A comisión promotora será responsable de que os datos persoais que estean no seu poder sexan tratados con respecto á lexislación aplicable en materia de protección de datos, e garantirá, particularmente, que os ditos datos non sexan utilizados para fins distintos do apoio declarado a esa iniciativa.

Artigo 10

1. Os pregos que conteñan as sinaturas recollidas, a cada un dos cales se achegará certificado, expedido en forma xenérica por algunha das persoas con facultade de autenticar, que acredite a inscrición dos asinantes no censo electoral, presentaranse ante a Xunta Electoral de Galicia.

Co obxecto de facilitar a expedición dos indicados certificados, facilitaránselles ás persoas para iso facultadas exemplares, o acceso aos correspondentes censos electorais ou copias compulsadas destes.

2. A Xunta Electoral, unha vez entregados os pregos e as certificacións correspondentes, comprobaraos e fará o reconto de sinaturas nun acto público. Para a asistencia a este acto serán notificadas as persoas representantes da comisión promotora.

A Xunta Electoral declarará nulas as sinaturas que non cumpran os requisitos establecidos nesta lei, que non se computarán.

3. Efectuado o reconto de sinaturas no prazo indicado anteriormente e comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos para a válida presentación da proposición, a Xunta Electoral debe comunicar estes datos no prazo de quince días hábiles, que se contarán desde a data do acto público de reconto, e remitir á Mesa do Parlamento e á comisión promotora a certificación acreditativa do número de sinaturas válidas, e procederá a destruír os pregos das sinaturas que estean no seu poder, coa excepción daqueles que conteñan sinaturas ás que se lles negase a súa validez.

Artigo 11

Recibida a notificación que acredite que se reuniu o número de sinaturas exixido, a Mesa ordenará a publicación da proposición, e a súa tramitación axustarase ao disposto no artigo 123 do Regulamento da Cámara. A inclusión na orde do día dunha sesión plenaria do debate de toma en consideración da correspondente iniciativa deberá producirse nun dos dous plenos ordinarios seguintes que se realicen, unha vez que esta teña cumpridos todos os trámites establecidos na lexislación vixente e no Regulamento da Cámara.

Artigo 12

Para a defensa da proposición de lei, no debate para a toma en consideración no Pleno do Parlamento, a comisión promotora poderá designar un dos seus membros ou un dos asinantes.

Artigo 13

1. A iniciativa lexislativa popular que estea a tramitarse no momento en que se disolva o Parlamento seguirá a súa tramitación na nova lexislatura.

2. Non poderá exixirse en ningún caso que volva acreditarse o cumprimento dos requisitos establecidos pola presente lei nin que volvan presentarse as sinaturas.

3. A Mesa do Parlamento, de acordo coa Xunta de Portavoces, acordará o trámite a partir do cal debe continuarse, neste suposto, o procedemento lexislativo.

Artigo 14

O Parlamento resarcirá a comisión promotora dos gastos realizados, ata un máximo de 0,64 euros por sinatura, co límite máximo de 6.000 euros, sempre que a proposición de lei sexa tomada en consideración polo Parlamento de Galicia e que os gastos estean debidamente acreditados con facturas e xustificantes de pagamento, conforme o establecido na normativa vixente en materia de subvencións. Esta cifra será revisada pola Mesa do Parlamento segundo as variacións do índice de prezos de consumo.

TÍTULO III
Da participación popular na elaboración das leis

Artigo 15

1. As persoas maiores de idade e coa condición política de galegos poderán participar na tramitación parlamentaria das leis remitindo as súas suxestións e achegas á Mesa do Parlamento de Galicia antes da sinatura do informe da ponencia da iniciativa lexislativa.

2. Unha vez admitidas a trámite as suxestións e achegas, serán entregadas á ponencia encargada de elaborar o informe de ponencia para o seu estudo á vista do texto da iniciativa lexislativa e das emendas presentadas.

3. A Mesa do Parlamento aprobará as normas necesarias para facilitar a presentación das achegas populares mediante medios electrónicos e a información aos autores do estado de tramitación das iniciativas lexislativas.

TÍTULO IV
Da participación popular no impulso da acción do Goberno a través de proposicións non de lei

Artigo 16

1. Calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, ou calquera cidadán ou cidadá coa súa sinatura e a doutros nove, e coa mención dos seus documentos nacionais de identidade, poderán promover a presentación de proposicións non de lei ao Parlamento de Galicia.

2. O procedemento para a presentación de proposicións non de lei de iniciativa popular será o previsto nesta mesma norma para a tramitación das iniciativas lexislativas populares, agás nas especificidades seguintes:

a) A Mesa da Cámara pronunciarase sobre a admisibilidade de cada unha delas, e rexeitará de xeito motivado, pero sen posible recurso, as que considere improcedentes, conforme o disposto no Regulamento do Parlamento de Galicia e nos seus acordos complementarios.

b) O número requirido de sinaturas de persoas lexitimadas para subscribir unha proposición non de lei de iniciativa popular é de 2.500.

c) Unha vez admitida unha proposición non de lei, quedará depositada no Rexistro da Cámara. Nese momento, calquera grupo parlamentario poderá asumila, debendo convertela en proposición non de lei en pleno ou en comisión. Seralle de aplicación o disposto no artigo 161.1 do Regulamento do Parlamento. De seren varios os grupos parlamentarios que manifesten a asunción, quedará asignada ao primeiro que o solicite.

d) Ao formulala, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando a identidade das persoas asinantes.

e) O aboamento dos gastos previstos no artigo 14 da presente lei producirase sempre que a proposición non de lei sexa aprobada polo Parlamento e co límite máximo de 1.500 euros.

4. As proposicións non de lei admitidas pola Mesa e non asumidas por ningún grupo parlamentario nos quince días seguintes ao seu anuncio no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia consideraranse decaídas.

5. As proposicións non de lei asumidas por un grupo parlamentario seranlle imputadas a ese grupo parlamentario respecto da formación das correspondentes ordes do día.

TÍTULO V
Da participación popular no control ao Goberno

Artigo 17

1. Calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, e calquera cidadán ou cidadá coa súa sinatura e mención do seu documento nacional de identidade, poderán dirixir preguntas ao Parlamento de Galicia co rogo de que sexan formuladas á Xunta de Galicia.

2. A Mesa da Cámara pronunciarase sobre a admisibilidade de cada unha delas, e rexeitará de xeito motivado, pero sen posible recurso, as que considere improcedentes, conforme o disposto no Regulamento do Parlamento de Galicia e nos seus acordos complementarios.

3. Unha vez admitida unha pregunta, quedará depositada no Rexistro da Cámara e será cualificada e admitida, de ser o caso, pola Mesa.

As preguntas admitidas anunciaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e establecerase un prazo de quince días, que se contarán desde o seguinte ao da súa publicación, para que os deputados ou as deputadas as poidan asumir como propias e convertelas en preguntas con resposta escrita ou oral. De seren varios os deputados ou as deputadas que manifesten a asunción, será asignada ao primeiro que o solicite.

Ao formulalas, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando, se se trata dunha persoa física, o nome e os apelidos do asinante, e expresando así mesmo os deputados ou as deputadas que as asumisen.

4. As preguntas admitidas pola Mesa e non asumidas por ningún deputado ou deputada nos quince días seguintes ao seu anuncio no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia consideraranse decaídas.

5. As preguntas de iniciativa popular asumidas por un deputado ou deputada seranlle imputadas ao seu grupo respecto da formación das correspondentes ordes do día.

TÍTULO VI
Do exercicio do dereito de peticións perante o Parlamento de Galicia

Artigo 18

Para facilitar o exercicio do dereito de peticións dos cidadáns e das cidadás perante o Parlamento de Galicia habilitarase na páxina web oficial desta institución un mecanismo electrónico.

Disposición derrogatoria

1. Queda derrogada a Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións se opoñan á presente lei.

Disposición derradeira

A presente lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de agosto de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente