Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 21 de agosto de 2015 Páx. 34409

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 24 de xullo de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Laxos e Cardecide e a de Pazo, do concello de Cuntis, respecto do lindeiro común dos seus montes.

Para os efectos previstos nos artigos 53 da Lei 7/2013, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día 30 de xuño de 2015, adoptou o seguinte acordo en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Laxos e Cardecide e a comunidade de Pazo, no concello de Cuntis respecto do lindeiro común dos seus montes.

Antecedentes feitos:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG número 140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalamento dos montes veciñais. Polo tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 26.10.2012, a CMVMC de Laxos e Cardecide comunícalle ao Xurado de MVMC de Pontevedra o acordo coa CMVMC de Pazo de límites entre ambas as comunidades. Logo de requirimento de documentación consta no expediente a seguinte documentación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acto de conciliación no Xulgado de Cuntis, certificados de aprobación en Asemblea Xeral de ambas comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. Con data do 21.2.2015, publícase no DOG número 21 a revisión de esbozo da CMVMC de Laxes e Cardecide: Anuncio do 5 de decembro de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade do Acordo do 8 de outubro de 2014 sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Laxos e Cardecide, do concello de Cuntis.

Cuarto. Con data do 8.6.2015, o xefe da Sección de Topografía informa: «publícase no DOG o anuncio do Xurado Provincial de clasificación de MVMC de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao Acordo do 8 de outubro de 2014 sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Laxos e Cardecide, no Concello de Cuntis. Este deslindamento abrangue máis terreos que os definidos na revisión de esbozo aprobada, é dicir, marcan unha liña partindo dun encravado e pasando a un monte veciño privado (punto número 1)».

Quinto. Descrición da liña poligonal que determina o deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común de Laxos-Cardecide e Pazo realizado polo enxeñeiro operador José Manuel Mesego Fernández e formada polos seguintes puntos (UTM ETRS89): punto 1. Esquina da cerrada do piñeiro x=537.951,057 y=4.719.806,728. Punto 2. Outeiro do Home de Pé x=537.734,886 y=4.719.813,987. Punto 3. Pedra de referencia x=537.111,957 y=4.719.853,793. Punto 2. Eira do Castro x=536.816,841 y=4.719.872,650.

Por todo o exposto, informo de xeito favorable ao deslindamento solicitado sempre que se respecten os encravados existentes e se limite o deslindamento ás zonas estremeiras de terreos clasificados como montes veciñais en man común das comunidades de Laxos-Cardecide e Pazo.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo cuarta, establece que para adecuar as avinzas realizada con anterioridade á entrada en vigor desta lei ao procedemento de deslindamento entre montes veciñais en man común previstos nos artigos 53 e 54, deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia a resolución do xurado.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre a CMVMC de Laxos e Cardecide a CMVMC de Pazo e congruente coa respectiva resolución de clasificación e cos lindeiros nela descritos.

Vista a avinza presentada, a documentación achegada con esta e o informe técnico do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra este xurado, en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2013, de montes de Galicia, por unanimidade,

acorda:

Primeiro. Aprobar a avinza realizada entre a CMVMC de Laxos e Cardecide e a CMVMC de Pazo (Cuntis) respecto do seu lindeiro común nos termos indicados no antecedente de feito quinto e segundo os planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativob ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 24 de xullo de 2015

Miguel Ángel Pérez Dubois
Presidente do Xurado de Montes