Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35044

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 7 de agosto de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 con financiamento plurianual.

O artigo 27 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle a competencia exclusiva en materia de vivenda á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto nos artigos 47 e 149.1.3 da Constitución.

O contexto de crise económica sufrido nos últimos anos provocou un importante impacto na situación de moitos fogares, o que xerou en moitos casos situacións de especial vulnerabilidade. Estas situacións modificaron as prioridades das políticas públicas de vivenda co obxectivo de orientar os seus programas na procura de que as persoas e familias puidesen seguir a manter as súas vivendas.

Neste sentido, o 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta aprobou o Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, inclúe no seu eixe 3º un programa específico, tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o Bono de Alugueiro Social.

O bono alugueiro, de marcado carácter social, diríxese a prestar un apoio urxente e inmediato ás unidades de convivencia que necesiten unha axuda para afrontar o pagamento das rendas derivadas do alugueiro da súa vivenda habitual, respecto da cal xa fora ditada a oportuna resolución xudicial de terminación dun procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, ou no caso de que o desafiuzamento fose executado, a prestar unha axuda respecto un novo contrato de alugueiro.

Para tal fin, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) subvencionará a renda dun contrato de alugueiro ingresando directamente na conta da persoa arrendadora unha parte da renda mensual do contrato, en concepto de axuda á persoa arrendataria.

Non poderán beneficiarse das axudas deste programa as vivendas xestionadas polo IGVS, ao entender que as persoas ocupantes destas vivendas xa desfrutan dunha solución á necesidade da vivenda nunhas condicións vantaxosas.

A presente orde, que consta de 27 artigos, unha disposición transitoria, dúas disposicións adicionais e dúas derradeiras, define as bases reguladoras das subvencións, nas que se inclúe o seu obxecto, os requisitos e condicións das persoas beneficiarias, o sistema de concorrencia, o procedemento para resolver as axudas, o seu importe, o xeito de xustificación e o pagamento das axudas concedidas, o procedemento de reintegro, a publicidade das axudas, o réxime de compatibilidades e a convocatoria para o ano 2015.

En consecuencia e segundo o disposto nos artigos 4 do Decreto 44/2012, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

ACORDO:

CAPITULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións no exercicio 2015 con financiamento plurianual.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. As subvencións do programa do Bono de Alugueiro Social están destinadas a atender con carácter urxente ás unidades de convivencia que precisen, por estar inmersas en situacións de especial dificultade, dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, paliando deste xeito os efectos derivados dunha resolución xudicial ditada nun procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagamento das rendas da súa vivenda habitual ou, se é o caso, evitando o lanzamento efectivo desta.

2. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter sido parte, en calidade de persoa arrendataria, dun procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, derivado dun contrato de arrendamento de duración non inferior a 12 meses.

b) Que entre a presentación da solicitude da axuda e a data da notificación da resolución xudicial de terminación do procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas non transcorreran máis de 3 meses.

c) Que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante polo menos 12 meses anteriores á data da solicitude da axuda.

d) Que sexa titular ou estea en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa, ou vaia constituír, o seu domicilio habitual e permanente.

f) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvenciona non poderá superar os importes sinalados no artigo 6.

g) Que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4, sexan inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (IPREM).

h) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña unha vivenda en propiedade ou en usufruto no territorio nacional.

i) Que a persoa arrendataria nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia non teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

2. A persoa beneficiaria non pode ser arrendataria de vivendas xestionadas polo IGVS.

3. As persoas membros da unidade de convivencia deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social, e non estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada un dos seus membros durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude.

O resultante mensual ponderarase de acordo ao establecido no artigo seguinte. A contía resultante deste rateo non poderá superar o límite que a seguir se indica:

Nº membros unidade familiar

1,5 veces IPREM Mensual

1

745,51

2

1.035,44

3

1.164,87

4

1.331,28

5 ou máis

1.553,15

2. Para os efectos da presente Orde, considerase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan nunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 5. Ponderación dos ingresos

1. Os ingresos medios das unidades familiares ponderaranse mediante a aplicación do seguinte coeficiente multiplicador:

Familias dun membro: 1,25.

Familias de dous membros: 0.90.

Familias de tres membros: 0,80.

Familias de catro membros: 0,70.

Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

2. Se algún membro da unidade familiar é unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente multiplicador aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese.

3. No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicador previsto neste artigo, sempre que da aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

4. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, ponderados conforme o previsto nos puntos anteriores, sumaranse, e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos que permite o acceso á axuda do programa.

Artigo 6. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 400 €, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

b) 350 €, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 300 €, para as vivendas situadas no resto de concellos.

2. Estas contías poderán ser incrementadas ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha familia numerosa ou dunha unidade de convivencia onde necesiten unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Artigo 7. Contía da axuda

1. A contía de cada bono alugueiro será de 150 euros mensuais. Cada unidade de convivencia só poderá recibir ata un máximo de doce bonos, prorrogables unha soa vez polo mesmo período recoñecido inicialmente.

2. Ademais, poderase outorgar á persoa beneficiaria unha axuda complementaria no caso da inmediata formalización dun contrato de alugueiro, para atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e a alta en subministracións ou, no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para atender cantidades pendentes, derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe máximo desta axuda complementaria será de 450 euros.

Artigo 8. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto, á que se xuntará a documentación que nel se indica. Deberase dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

5. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que ningunha das persoas da unidade de convivencia ten solicitado ou obtido subvencións ou axudas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados. No caso de que se solicitasen ou concedesen outras axudas para a mesma finalidade, deberanse indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten unha vivenda en propiedade ou en usufruto no territorio nacional.

d) Declaración responsable de que a ningunha persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda, ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

g) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2 g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. No modelo de solicitude poderán asinarse as seguintes autorizacións a favor do IGVS:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

c) Para consultar os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de non facelo, deberase presentar o certificado de empadroamento.

Artigo 9. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Declaración responsable de todos os membros da unidade de convivencia (anexo II). No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha familia, deberase cubrir un anexo por cada unidade familiar. Na citada declaración responsable poderanse outorgar a favor do IGVS as seguintes autorizacións:

a) Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de non outorgala, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

b) Autorización para a consulta dos datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. No caso de non outorgala, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de arrendamento. No caso de persoas que desexen acceder a un novo contrato arrendamento de vivenda, deberanse presentar os certificados de empadroamento das persoas membros da unidade de convivencia no prazo dun mes desde a resolución da concesión da axuda.

c) Autorización para realizar a consulta para efectos de coñecer se son perceptores/as doutras subvencións de análoga finalidade.

d) Autorización, de ser o caso, para comprobar a condición de discapacidade das persoas membros da unidade de convivencia no suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de non autorizar a consulta, ou de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá presentarse a correspondente documentación.

2. Copia da resolución xudicial de terminación do procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas.

3. Certificado xudicial da data de notificación da resolución xudicial de terminación do procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas.

4. Contrato de arrendamento, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar nun prazo dun mes contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda.

5. No caso de ter contrato de arrendamento, presentación do xustificante do depósito da fianza ou indicación do código de procedemento, número de expediente e ano de presentación do depósito da fianza. No caso descoñecer se foi presentada a fianza, indicarase o seu descoñecemento na folla de solicitude. No caso de non ter contrato á data de presentación da solicitude, o xustificante do depósito da fianza presentarase coa achega do contrato.

6. No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

7. De ser o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

8. Informe dos servizos sociais do concello, que deberá recoller os seguintes extremos:

a) O número do procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagamento de rendas do que fora parte o solicitante, con indicación da resolución xudicial de terminación do citado procedemento.

b) A duración do contrato de alugueiro que motivou o procedemento de desafiuzamento.

c) A composición da unidade de convivencia.

d) Os ingresos de cada un dos membros da unidade de convivencia, conforme o sinalado no artigo 4, e a situación económica na que se indique a dificultade do pagamento da renda da vivenda que se vaia subvencionar.

e) O seu grao de integración social. En concreto, debe informarse se os membros da unidade de convivencia incumpriron reiteradamente as normas da comunidade de veciños/as. Para estes efectos, poderán ser excluídas destas axudas aquelas persoas que, en virtude do informe emitido polos servizos sociais, conste que incumpriron reiteradamente as devanditas normas.

f) Memoria de actuación para o apoio á unidade de convivencia na que se indiquen os recursos postos á súa disposición, orientados á recuperación da economía familiar.

g) A necesidade, de ser o caso, da participación nun proxecto individualizado no que se defina o itinerario, os recursos e o conxunto de obrigas e compromisos da persoa beneficiaria e da súa unidade de convivencia, orientado á recuperación da economía familiar.

h) As distintas axudas, cos seus importes, que para a mesma finalidade, poida recibir a unidade de convivencia.

i) Unha proposta da duración temporal desta axuda, en atención as circunstancias concorrentes na correspondente unidade de convivencia.

9. Anexo III de compromiso polas persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do programa de Bono de Alugueiro Social, con indicación do número de conta bancaria titularidade da persoa arrendadora no que se realizará o ingreso das subvencións. Para o caso de non ter contrato de arrendamento á data da presentación da solicitude, este anexo III presentarase coa achega do contrato.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano instrutor poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano instrutor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano instrutor para obter as comprobacións relativas aos datos catastrais de inmobles, que figuran na base de datos do catastro, asociado á persoa solicitante, dado o consentimento legal previsto no artigo 53 da Lei do catastro inmobiliario. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 11. Prórroga da subvención

A persoa beneficiaria poderá solicitar a prórroga da subvención dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial. Para tal efecto, deberá presentar de acordo co establecido no artigo 8 parágrafos 2, 3 e 4, a solicitude que figura incorporada como anexo IV a esta orde.

Xunto coa citada solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Informe dos servizos sociais municipais no que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos ponderados da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data de solicitude de prórroga.

b) Declaración formalizada polos/as asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

Artigo 12. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda é competencia da Área Provincial do IGVS que corresponda por razón da situación da vivenda. A resolución será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente publicación da resolución de convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase á persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non atender o requirimento, se terá por desistido da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da Área Provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que segundo en dereito proceda.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. Mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, acordarase tanto o outorgamento das subvencións como a súa denegación, de xeito motivado.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contado desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 15. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nestas bases.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxeran de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para tales efectos, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro da Área Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación, aquela na que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación ou revogación da resolución de concesión da subvención, comunicándolle á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase co correspondente contrato de aluguer.

2. Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual para poder cobrar o importe da subvención.

3. A documentación xustificativa do pagamento da parte da renda que lle corresponde satisfacer á persoa arrendataria, deberase presentar na Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro dos 10 primeiros días naturais de cada mes. Para tales efectos, só será válida a xustificación realizada mediante á achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento no número de conta sinalado pola persoa arrendadora no anexo IV.

4. A axuda complementaria, prevista no artigo 7.2 desta orde, xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza, dos contratos de altas de subministracións e/ou os xustificantes de pagamento das cantidades pendentes. Esta documentación xustificativa deberase presentar na Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro do prazo de dous meses, contado desde a data de notificación da resolución da concesión da subvención.

Artigo 18. Pagamento das subvencións

Unha vez acreditada a xustificación das subvencións, procederase ao seu pagamento mediante transferencia bancaria directamente na conta da persoa arrendadora.

Artigo 19. Pagamento anticipado

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados ata un importe do 25 % da subvención concedida e sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado é necesario o adianto da presentación da xustificación do pagamento referida no artigo 17 por correo electrónico dirixido á correspondente unidade tramitadora na Área Provincial do IGVS.

Artigo 20. Xustificación final

Para a percepción da axuda do derradeiro mes subvencionable deberá terse xustificado a totalidade dos pagamentos dos meses anteriores dentro do prazo de 10 días naturais correspondentes ao dito mes.

Artigo 21. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causas de perda e reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, a resolución do contrato de arrendamento subvencionado.

2. Na resolución de convocatoria de axudas deste programa poderá establecerse que os remanentes derivados de perdas de subvencións poderán reasignarse á concesión doutras solicitudes, atendendo á orde de prelación establecida no artigo 15.2.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Acreditar o pagamento da renda conforme o previsto nestas bases reguladoras.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias, así como da súa publicación.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.es

Artigo 25. Compatibilidade e incompatibilidade

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas axudas que poidan conceder outras administracións ou entidades públicas ou privadas ou outros departamentos da Xunta de Galicia, agás as incompatibilidades que se deriven da regulación de cada axuda ou subvención.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Convocatoria con financiamento no ano 2015

Artigo 26. Obxecto

1. A convocatoria das subvencións do Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, algumento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 para o exercicio 2015 rexese polo establecido nesta orde.

2. O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, e en todo caso ata o día 30 de novembro de 2015.

Artigo 27. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2015, 2016 e 2017, faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.81.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 255.000 euros para anualidade 2015, 455.000 euros para anualidade 2016 e 310.000 euros para anualidade 2017.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de subvencións de Galicia.

Disposición transitoria. Presentación de solicitudes para aquelas persoas arrendatarias que xa fosen obxecto dun procedemento xudicial de desafiuzamento por non pagamento de rendas

Poderán solicitar estas axudas, no prazo dun mes contados desde a data de publicación destas bases, as persoas arrendatarias respecto das que se lle tivese ditado unha resolución xudicial de terminación dun procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas nos tres meses anteriores á data de publicación desta orde.

Disposición adicional primeira. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto en:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file