Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35070

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de agosto de 2015 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de máster universitario nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2015/16.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

Polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establécese a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, dispoñendo no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante Acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Logo de ser autorizadas para implantaren os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición alén dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alén de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na sesión extraordinaria do 3 de xuño de 2015, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable á solicitude de implantación polas universidades de Santiago de Compostela e Vigo de determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorízase a Universidade de Santiago de Compostela para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Historia Moderna: «Monarquía de España séculos XVI-XVIII», conxunto coa Universidade Autónoma de Madrid, a Universidade de Cantabria e a Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 2

Autorízase a Universidade de Vigo para implantar as ensinanzas universitarias oficiais de:

• Máster universitario en Oceanografía, conxunto coa Universidade de Cádiz, a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e a Universidade de Vigo. Esta autorización inicia o proceso de extinción na Universidade de Vigo do máster universitario en Oceanografía, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4312602 e do máster universitario en Ciencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Mudanza Climática, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro, e que figura inscrito no RUCT co código 4311009.

Artigo 3

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria