Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35106

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2015 pola que se convoca un curso de condución de vehículos todoterreo para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de condución de vehículos todoterreo para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil (AVPC) da Comunidade Autónoma de Galicia, con 7 edicións, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo: curso.

Denominación: condución de vehículos todoterreo.

Modalidade: presencial.

Edicións: 7.

Horas lectivas: 20.

Prazas por edición: 20.

Segunda. Obxectivos e contido

– Obxectivos: adquirir os coñecementos teórico-prácticos necesarios para conducir con maior seguridade os vehículos todoterreo empregados na prestación do servizo público.

– Contido: o contido do curso de condución de vehículos todoterreo divídese en dúas partes.

• Teoría: catro horas nas cales se abordarán os seguintes temas:

- O vehículo: características técnicas (ángulos de ataque, ventral e de saída, inclinación lateral).

- Técnicas de condución (barro, neve, area, terreos accidentados, baixadas e subidas extremas).

- Rescate do vehículo (tracción directa, poleas e reenvíos, ancoraxes). Protocolos de seguridade nas manobras de rescate.

- Accesorios e mantemento do vehículo.

- Lexislación: conservación da natureza, responsabilidade patrimonial.

- Práctica: 16 horas de prácticas de condución en circuíto.

Terceira. Destinatarios/as e requisitos de participación

– Destinatarios/as: persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

– Requisitos de participación:

• Os/as solicitantes deberán ter o permiso de conducir B1.

• Os/as solicitantes que sexan voluntarios/as de protección civil deben ter superado con anterioridade o curso básico de protección civil.

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

– Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

– Datas e horario: as datas e horarios concretos de cada edición serán comunicados ás persoas seleccionadas coa suficiente antelación.

Quinta. Inscrición

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición empeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 7 de setembro.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

f) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

g) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sexta. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. Teñen preferencia as persoas que estean desempregadas.

2º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

3º. Teñen preferencia as mulleres ata alcanzar o 50 % das prazas convocadas (artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes). Se non houbese suficientes solicitudes de participación de mulleres, estas prazas acrecentarán as da quenda xeral.

4º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

5º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Sétima. Acreditación da condición de desempregado/a

1. Acreditación da condición de desempregado/a:

A condición de desempregado/a deberá acreditarse presentando a tarxeta do paro debidamente actualizada.

2. Forma e prazo de presentación:

Os/as solicitantes teñen de prazo ata o día 14 de setembro para presentar a documentación que acredite que están en situación de desemprego e que cumpren os requisitos de acceso. Esta documentación deberá presentarse por correo electrónico (formacion.emerxencias.agasp@xunta.es).

A documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta no proceso de selección para as diferentes actividades formativas.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Uso da residencia, uniformidade e normas de comportamento

– Uso da residencia: no caso das actividades formativas que se realicen nas instalacións da Agasp, os/as alumnos/as poderán solicitar aloxamento na residencia da Agasp, sempre que se cumpran todas as condicións seguintes:

• Que o curso se realice entre luns e venres.

• Que o/a alumno/a teña a súa residencia a máis de 80 km da Agasp.

• Que haxa cuartos dispoñibles.

– Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

– Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

Décima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Décimo primeira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo terceira. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 21 de agosto de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública