Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 31 de agosto de 2015 Páx. 35229

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2015, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Montajes Tubacer, S.L. para os anos 2014-2016.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Montajes Tubacer, S.L. para os anos 2014-2016, que se subscribiu con data do 27 de febreiro de 2015 entre a representación empresarial e a representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2015

Carmen Bouso Montero
Directora xeral de Traballo e Economía Social

Convenio colectivo da empresa Montajes Tubacer, S.L. para os anos 2014-2016

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto do convenio

O presente convenio colectivo ten por obxecto regular as relacións económicas e sociais entre a empresa Montajes Tubacer, S.L. e os traballadores desta.

Son asinantes deste convenio, dunha parte, a dirección da empresa Montajes Tubacer, S.L. e, doutra parte, os representantes dos traballadores na empresa.

Artigo 2. Ámbito territorial

O presente convenio colectivo será de aplicación á empresa Montajes Tubacer, S.L., sexa cal for o lugar en que se desenvolva a actividade da empresa.

Artigo 3. Ámbito persoal

Este convenio será de aplicación á totalidade dos traballadores da empresa Montajes Tubacer, S.L.

Artigo 4. Vixencia. Denuncia e prórroga

O presente convenio colectivo entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da provincia e manterá a súa vixencia ata o 31.12.2016.

Non obstante, nos seus aspectos salariais o convenio retrotraerá os seus efectos ao 1.1.2014.

Con dous meses de antelación ao termo da súa vixencia, calquera das partes poderá denunciar o convenio colectivo, notificarallo á outra parte e tramitarase a través de Rexcon. As partes comprométense, desde ese momento, a constituír a Comisión Negociadora do convenio colectivo no prazo máximo dun mes.

Se durante o prazo antes citado non mediase denuncia, o convenio colectivo prorrogaríase tacitamente ano a ano.

Artigo 5. Compensación e absorción. Garantía ad personam

As melloras económicas que calquera disposición obrigatoria puidese establecer no futuro absorberanse ou compensaranse globalmente.

Así mesmo, respectaranse, a título individual, as percepcións de calquera clase que sexan máis beneficiosas que as establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual; a diferenza integrarase co total devindicado que resultaría da aplicación das táboas salariais que se aproban, nun complemento ad personam, que será compensable e absorbible con futuros incrementos das táboas salariais.

CAPÍTULO II
Ordenación económica

Artigo 6. Estrutura salarial

A remuneración do persoal afectado polo presente convenio colectivo estará constituída polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Complementos salariais.

Artigo 7. Incremento salarial

Salvo acordo expreso entre as partes asinantes do presente convenio colectivo de empresa, durante a súa vixencia non se producirá incremento ningún sobre salarios e demais conceptos retributivos.

Artigo 8. Salario base

Os salarios base establecidos por cada categoría profesional serán os que recolle a táboa salarial anexa.

Artigo 9. Complementos salariais

Serán os seguintes:

a) Complemento de asistencia.

b) Complemento de xefe de equipo.

c) Pagas extraordinarias.

Artigo 10. Complemento de asistencia

Consiste no aboamento dunha cantidade fixa mensual, de acordo coa táboa salarial anexa.

Perderase o dereito a percibir este complemento durante un mes cando o traballador rexistre dúas faltas de asistencia non xustificadas no transcurso do dito mes.

Artigo 11. Complemento de xefe de equipo

Consiste no aboamento dunha cantidade equivalente a un 20 % do salario base durante o exercicio real desta función.

Non se consolidará a percepción do dito complemento, sexa cal for o tempo durante o que se realice de forma continuada a dita función, e corresponderá en exclusiva á empresa a designación dos concretos traballadores que deban desempeñala.

Artigo 12. Horas extraordinarias

Establécese a preferencia por compensar as horas extraordinarias que se realicen con períodos de descanso, a razón dunha hora de descanso por cada hora extraordinaria realizada.

No caso de non ser posible a compensación con períodos de descanso das horas extraordinarias que se vaian realizar, a súa retribución realizarase de acordo coas cantidades que se detallen para cada categoría profesional na táboa salarial anexa.

Artigo 13. Retribucións con vencemento superior ao mes

Aboaranse dúas pagas extraordinarias, de verán e nadal, os días 15 de xullo e 22 de decembro, a razón de 30 días de salario base.

O aboamento destas pagas realizarase de modo proporcional ao tempo traballado durante cada un dos dous semestres do ano.

Artigo 14. Período de devindicación de haberes

Os ingresos das retribucións deberán realizarse antes do día 10 de cada mes.

Artigo 15. Gastos de viaxe e axudas de custo

Os traballadores que por necesidade da industria e por orde da empresa teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos a poboacións distintas daquelas en que radique o centro de traballo a que se encontre adscrito serán compensados de acordo cos seguintes criterios:

– Corresponde á empresa poñer á disposición do traballador os medios de transporte adecuados para efectuar a viaxe ou desprazamento ou, no caso de que o traballador efectúe a dita viaxe ou desprazamento polos seus propios medios, a empresa compensarao a razón de 0,19 €/km.

– En caso de que o traballador, como consecuencia da viaxe ou desprazamento ordenado pola empresa, deba realizar as dúas comidas principais fóra do seu domicilio, fíxase en concepto de axuda de custo a cantidade de 25,00 €.

– En caso de que o traballador unicamente deba efectuar unha das dúas comidas principais fóra do seu domicilio, fíxase en concepto de media axuda de custo a cantidade de 15,00 €.

– En caso de que o traballador deba durmir fóra do seu domicilio, fíxase en concepto de axuda de custo a cantidade de 40,00 €.

Non se adquire dereito a axuda de custo cando os traballos se leven a cabo en locais pertencentes á mesma industria onde non se prestan servizos habituais, se non están situados a distancia que exceda os tres quilómetros da localidade onde está localizada a industria. Mesmo cando exceda a dita distancia, non se percibirán axudas de custo cando a localidade onde se vaia prestar eventualmente o traballo resulte ser a residencia do produtor sempre que, independentemente desta circunstancia, non se lle ocasione prexuízo económico determinado.

Se por circunstancias especiais os gastos orixinados polo desprazamento superan o importe das axudas de custo, o exceso deberá ser aboado pola empresa, logo de coñecemento desta e posterior xustificación polos traballadores.

CAPÍTULO III
Emprego e contratación

Artigo 16

Dadas as actuais circunstancias económicas e produtivas, a empresa non pode comprometerse a garantir unha porcentaxe mínima de traballadores con contrato indefinido, polo que ambas as dúas partes acordan expresamente que a empresa non deberá respectar ningunha porcentaxe de emprego indefinido.

Artigo 17. Contrato fixo descontinuo

Coa finalidade de proporcionar unha maior estabilidade no emprego, e considerando a intermitencia da carga de traballo da empresa, establécese o contrato fixo descontinuo como a figura contractual máis óptima.

A regulación desta modalidade contractual axustarase ao seguinte:

– Crearase un rexistro de traballadores fixos descontinuos vinculados á empresa, no cal se detallarán as aptitudes profesionais de cada traballador e os datos de contacto, co fin de efectuar os correspondentes chamamentos.

– Terán dereito a ser inscritos no dito rexistro aqueles traballadores que, despois de prestar servizos para a empresa en máis de tres obras diferentes, estivesen vinculados a ela durante máis de 24 meses de forma ininterrompida, sexa cal sexa a modalidade contractual.

– Cando a empresa precise a contratación de persoal como consecuencia do incremento da actividade produtiva, deberá chamar aqueles traballadores que estean inscritos no rexistro indicado, sen suxeición a ningunha orde de preferencia.

– O chamamento dos traballadores inscritos no rexistro referido poderá efectuarse, por calquera medio que permita a súa comprobación, ao enderezo postal, de correo electrónico ou teléfono móbil que conste ao seu nome no dito rexistro.

– Con carácter previo á contratación temporal dun traballador, a empresa deberá efectuar chamamento a todos os traballadores incluídos no rexistro indicado que cumpran as aptitudes técnicas requiridas para desempeñar o posto de traballo que se deba cubrir e, só no caso de que non lle sexa posible cubrir o dito posto de traballo por esta vía, poderá recorrer á contratación temporal.

– A negativa dun traballador inscrito no rexistro ao chamamento efectuado pola empresa facultará esta para cursar a súa baixa no dito rexistro, salvo que a negativa veña motivada por encontrarse en situación de incapacidade temporal. Entenderase por negativa a falta de resposta ao chamamento efectuado pola empresa no prazo dos tres días naturais seguintes a este.

– O indicado rexistro deberá actualizarse como mínimo con periodicidade trimestral, e esta actualización poñerase en coñecemento dos representantes dos traballadores.

Artigo 18. Contratación temporal

Remítense as partes en canto á contratación temporal á normativa vixente, e faise constar expresamente que, no ámbito da construción e reparación naval, cada un dos encargos efectuado á empresa polos seus clientes terá a consideración de obra ou servizo determinado con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa.

Ademais, facúltase a empresa para aboar mensualmente a indemnización por finalización de contratos temporais que corresponda aos traballadores, de conformidade co previsto no artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

En caso de conversión dun contrato temporal en indefinido, xa sexa por propia decisión empresarial ou en virtude de disposición legal ou orde xudicial ou de órgano administrativo competente, respectándose a antigüidade do traballador, a empresa queda facultada para compensar as cantidades que entregase mensualmente ao traballador en concepto de indemnización por finalización contractual con aquelas cantidades que deba aboar ao traballador, xa sexan de natureza salarial, indemnizatoria ou para compensación de gastos.

Artigo 19. Período de proba

O ingreso dos traballadores considerarase feito a título de proba se así consta por escrito. O dito período será variable segundo sexan os postos de traballo que se van cubrir e que, en ningún caso, poderán exceder o tempo fixado na seguinte escala:

– Persoal titulado: catro meses ampliables a seis por petición do traballador.

– Persoal técnico non titulado e administrativo: un mes, ampliable a dous, por petición do traballador.

– Resto do persoal: quince días.

Durante o período de proba, a empresa e o traballador poderán resolver o contrato de traballo sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización.

Transcorrido o período de proba sen que se producise desistencia, o contrato producirá plenos efectos; computarase o tempo dos servizos prestados na antigüidade do traballador na empresa.

Salvo pacto en contrario, a situación de incapacidade temporal (IT) que afecte o traballador durante o período de proba interromperá o cómputo deste, que se restablecerá a partir da data da reincorporación efectiva ao traballo.

Artigo 20. Cesamentos voluntarios

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente estarán obrigados a poñelo en coñecemento dela, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

– Técnicos superiores, 3 meses.

– Técnicos medios, 1 mes.

– Resto do persoal, 15 días.

O incumprimento da obriga de avisar previamente coa referida antelación dará dereito á empresa a descontar da liquidación do traballador unha contía equivalente ao importe do seu salario diario por cada día de atraso no aviso.

CAPÍTULO IV
Clasificación profesional

Artigo 21. Grupos profesionais

Páctase a seguinte clasificación profesional dos traballadores da empresa:

1) Técnico superior.

2) Técnico medio.

3) Auxiliar técnico.

4) Oficial de 1ª.

5) Oficial de 2ª.

6) Oficial de 3ª.

7) Especialista.

8) Peón.

En canto á definición das funcións e tarefas propias de cada grupo profesional observarase o previsto no convenio colectivo de industria siderometalúrxica da provincia da Coruña (BOP do 29 de abril de 2014).

Artigo 22. Mobilidade funcional

A empresa adecuará as funcións que deberá realizar cada un dos seus traballadores ás necesidades produtivas e organizativas que se presenten en cada momento, sen máis límites que os establecidos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 23. Mobilidade xeográfica

A mobilidade xeográfica, no ámbito deste convenio, recibirá distinto tratamento segundo se trate de:

a) desprazamentos ou

b) traslados

Artigo 24. Desprazamentos

Enténdese por desprazamentos o destino temporal dun traballador a un lugar distinto do seu centro habitual de traballo.

A empresa poderá desprazar os seus traballadores ata o límite máximo dun ano e designará libremente os traballadores que deban desprazarse, no exercicio da facultade de dirección e organización da empresa.

Nos desprazamentos superiores a tres meses que non lle permitan ao traballador durmir no seu domicilio, as empresas e os afectados convirán libremente as fórmulas para que os traballadores poidan regresar aos seus domicilios periodicamente, que poderán consistir na subvención das viaxes de ida e regreso en todas ou parte das fins de semana, adecuación das xornadas de traballo para facilitar periódicas visitas ao seu domicilio, concesións de permisos periódicos, subvención do desprazamento dos seus familiares, etc.

No suposto de non chegar a acordo nesta materia, observarase o disposto no artigo 40.4 do Estatuto dos traballadores.

Nos supostos de desprazamento xerarase o dereito, ademais de á totalidade das retribucións económicas que habitualmente se viñesen percibindo, ás axudas de custo e gastos de viaxe que procedan.

Sendo a mobilidade xeográfica condición habitual da actividade da empresa que presta servizos nas instalacións propias das empresas clientas, non existe desprazamento, senón incorporación a obra, nos chamamentos que se efectúen aos traballadores fixos descontinuos, fose cal fose o lugar de prestación de servizos no chamamento anterior.

Non se entenderá que se producen as causas de desarraigamento familiar previstas no Estatuto dos traballadores (artigo 40) nin, consecuentemente, se dará lugar a días de descanso ou vacacións cando o traballador pacte co seu empregador e este aboase o seu desprazamento e o da súa familia.

De mutuo acordo, poderá compensarse o desfrute dos ditos días por contía económica.

Os días de descanso poderán acumularse, e deberá engadirse o seu desfrute ás vacacións, Semana Santa ou Nadal.

Artigo 25. Traslados

Considerarase como tal a adscrición definitiva dun traballador a un centro de traballo da empresa distinto daquel en que viña prestando os seus servizos e que requira cambio da súa residencia habitual. En canto á súa regulación, remitiranse as partes ao previsto no artigo 40 do Estatuto dos traballadores.

CAPÍTULO V
Tempo de traballo

Artigo 26. Xornada de traballo

Establécese unha xornada laboral máxima anual de 1.760 horas.

A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de corenta horas semanais de traballo efectivo de media, respectando en cómputo anual a xornada máxima antes indicada.

Respectando o número de horas anuais de traballo convidas, así como os períodos mínimos de descanso diario ou semanal, a empresa poderá realizar unha distribución irregular da xornada en períodos de tres meses.

Artigo 27. Horario de traballo

Dentro dos tres primeiros meses do ano, a empresa, logo de consulta á representación dos traballadores, elaborará o calendario laboral, onde se fará constar a distribución semanal e diaria da xornada anual, o horario de traballo para cada tipo de xornada ou quenda de traballo, así como os días festivos, os descansos semanais e o período de vacacións, o cal deberá axustarse á xornada anual das 1.760 horas. Indicaranse expresamente as datas de desfrute no suposto de producirse un exceso da citada xornada.

Artigo 28. Vacacións

Os traballadores terán unha vacación anual retribuída de 23 días hábiles, entendendo por días hábiles, para estes efectos, de luns a venres. O período do seu desfrute fixarase de común acordo entre a empresa e o traballador, preferentemente do 15 de xuño ao 15 de setembro, e poderase convir dividir o seu desfrute en 2 períodos, 12 días serán a conveniencia do traballador e 11 da empresa. O traballador ou traballadora coñecerá as datas que lle corresponden dous meses antes, polo menos, do comezo do seu desfrute.

Cando o período de vacacións fixado no mencionado calendario coincida no tempo cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, o parto ou a lactación natural ou co período de suspensión do contrato de traballo previsto no artigo 48.4 do ET, terase dereito a gozar as vacacións en data distinta á da incapacidade temporal ou á do desfrute do permiso que por aplicación do dito precepto lle correspondera ao finalizar o período de suspensión, aínda que finalizase o ano natural a que corresponda.

Os traballadores que na data determinada para o desfrute da vacación anual non tivesen completado un ano efectivo na empresa gozarán dun número de días proporcional ao tempo de servizos prestados.

O persoal con dereito a vacacións que cese no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional da vacación segundo o número de meses traballados.

Os días de vacacións serán retribuídos conforme a media obtida polo traballador, salario base e complementos salariais, primas, antigüidade, tóxicos, penosos ou perigosos, nos tres últimos meses traballados con anterioridade á data de iniciación daquelas.

Artigo 29. Descanso semanal, festas e permisos

Será de aplicación neste ámbito o disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

CAPÍTULO VI
Disposicións varias

Artigo 30. Seguro colectivo

A empresa comprométese a concertar seguros colectivos de accidentes, con primas íntegras ao seu cargo, durante a vixencia do presente convenio, mediante pólizas que cubran, coas exclusións previstas na normativa legal vixente, as seguintes indemnizacións (quedan excluídos da obriga de aseguramento os supostos previstos como exclusións xerais neste tipo de pólizas):

– Accidente laboral con resultado de morte, invalidez permanente absoluta ou grande invalidez: 40.000 euros.

– Accidente laboral con resultado de invalidez permanente total: 35.000 euros.

Artigo 31. Xubilación parcial

Nesta materia resultará de aplicación o previsto no convenio colectivo de industria siderometalúrxica da provincia da Coruña (BOP do 29 de abril de 2014).

Artigo 32. Incapacidade temporal

Cando o traballador se vexa afectado por incapacidade temporal derivada dun accidente de traballo ou enfermidade profesional, a empresa aboará un complemento ata chegar ao 100 % da base reguladora mentres dure a situación que motivou o seu aboamento e se manteña a relación laboral.

Cando o traballador se encontre en situación de IT, por enfermidade común ou accidente non laboral, con hospitalización, a empresa aboará un complemento ata chegar ao 100 % da base reguladora mentres dure a hospitalización e se manteña a relación laboral.

En caso de incapacidade temporal por enfermidade común, aboarase o 60 % da base reguladora nos 3 primeiros días.

Artigo 33. Comisión Paritaria.

Establécese a constitución dunha Comisión Paritaria de Interpretación e Vixilancia do cumprimento do convenio colectivo. A Comisión estará formada por un membro designado pola representación dos traballadores e outro designado pola empresa.

Unha vez recibida unha solicitude de reunión da Comisión Paritaria, esta terá un prazo de vinte días para dar unha resposta ao solicitado na petición. De non haber acordo sobre ela, a Comisión Paritaria trasladará a cuestión a unha arbitraxe a través do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

A Comisión reunirase logo de convocatoria escrita dunha das partes.

As funcións da Comisión serán as de estudar as discrepancias e dúbidas que xurdan ao redor da interpretación e cumprimento do convenio colectivo.

CAPÍTULO VII
Código de conduta

Artigo 34

Será de aplicación en materia disciplinaria o previsto no capítulo IX. Código de conduta, do convenio colectivo de industria siderometalúrxica da provincia da Coruña (BOP do 29 de abril de 2014).

CAPÍTULO VIII
Regulación subsidiaria

Artigo 35. Remisión normativa

En todo o non pactado expresamente neste convenio observarse o que dispoña en cada materia o Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

ANEXO I
Táboas salariais

Aplicables ao período de 1.1.2014 ao 31.12.2016

Categoría

Salario base

Complemento asistencia

Importe hora extraordinaria

Técnico superior

1.300,00 €

150,00 €

12,00 €

Técnico medio

1.100,00 €

120,00 €

11,00 €

Auxiliar técnico

950,00 €

105,00 €

10,00 €

Oficial 1ª

1.000,00 €

150,00 €

11,00 €

Oficial 2ª

950,00 €

105,00 €

10,00 €

Oficial 3ª

945,00 €

100,00 €

9,00 €

Especialista

940,00 €

95,00 €

8,00 €

Peón

900,00 €

90,00 €

7,00 €