Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 18 de setembro de 2015 Páx. 37134

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2015 pola que se convocan a concurso público prazas de persoal docente e investigador contratado.

Esta reitoría, en cumprimento do acordado polo Consello de Goberno do 5 de xuño de 2015 desta universidade e logo da autorización conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos con data do 31 de agosto de 2015, resolveu convocar para á súa provisión mediante concurso público as prazas de profesor asociado de Prácticas Tuteladas da Facultade de Farmacia que figuran como anexo I a esta resolución, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Aos concursos obxecto desta convocatoria seranlles de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRX-PAC); o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, de 30 de xaneiro; a normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada polo Acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polos consellos de goberno de 10 de maio de 2007, 19 de xullo de 2007 e 22 de xullo de 2009 (en diante, Normativa); o II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito o 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, Convenio), así como no Convenio subscrito cos colexios de farmacéuticos da Comunidade Autónoma, por proposta da Comisión Mixta establecida no citado convenio, e as bases desta convocatoria.

1.2. Cando os prazos a que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos, segundo o disposto no artigo 48.1º da LRX-PAC. Considéranse festivos para estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, ampliándose en calquera caso en ambos os dous campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día en que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

2. Prazas convocadas.

2.1. Convócanse catro prazas de profesor asociado para coordinar as prácticas tuteladas do alumnado da Facultade de Farmacia, nos ámbitos territoriais das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, nos termos establecidos no anexo I desta convocatoria.

3. Requisitos das persoas aspirantes.

Unicamente poderán participar neste concurso as/os farmacéuticas/os titulares e adxuntos de oficinas de farmacia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter desenvolvido actividade profesional como farmacéutica/o por un período mínimo de tres anos ao longo dos cinco últimos, computados por referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter impartidas prácticas tuteladas como titores con anterioridade, no ámbito territorial para o cal se convoca a praza.

4. Solicitudes.

4.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar na instancia que se axustará ao modelo anexo II que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, así como nas dependencias do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador. Deberase presentar unha instancia por cada concurso en que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

4.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

4.3. A presentación da solicitude farase en calquera dos rexistros xerais desta universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, avenida Bernardino Pardo Ouro s/n, polígono Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da LRX-PAC. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto, para que sexan datadas e seladas antes de que procedan á súa certificación. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

No caso de terse presentado a solicitude a través dos últimos procedementos descritos, as persoas solicitantes deberán adiantar por correo electrónico ao enderezo spdocente@usc.es e dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes, copia da instancia debidamente dilixenciada polo organismo competente.

4.4. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboar á USC, por cada concurso en que soliciten participar, a cantidade de 40,74 euros en concepto de dereitos de exame. Para estes efectos poderase efectuar unha transferencia á conta corrente IBAN ES072080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estará exenta do pagamento da taxa por dereitos de exame a persoa que posúa unha minusvalía igual ou superior ao 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) da cualificación do grao de minusvalía.

Así mesmo, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50 %. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do título de familia numerosa, que deberá estar vixente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes irán acompañadas dos seguintes documentos:

a) Certificación do Colexio Profesional de Farmacéuticos en que conste que está de alta e que a actividade profesional vén sendo desenvolvida nas condicións que se indican na base terceira desta convocatoria.

b) Certificación expedida polo Decanato da Facultade de Farmacia desta universidade, do período en que foron impartidas as prácticas tuteladas como titores.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

d) Recibo de ingreso dilixenciado pola entidade bancaria en concepto de dereitos de exame ou o xustificante acreditativo de transferencia bancaria.

Nin o ingreso en conta nin a transferencia bancaria substituirán o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o reitor.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancia non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento da dita taxa.

Non procederá reintegrar as persoas aspirantes as cantidades aboadas por este concepto no caso de que sexan excluídas definitivamente do concurso por causas imputables a elas.

e) Certificación académica oficial en que consten as cualificacións obtidas en cada materia na súa carreira universitaria.

f) Proxecto de actividade docente: memoria detallada onde se recollan as posibles actividades que se van desenvolver, metodoloxía docente, programa e fontes.

A totalidade dos méritos alegados na solicitude deberán ser acreditados mediante documento orixinal ou fotocopia perfectamente lexible e deberán achegarse integramente coa solicitude para que os examine a comisión. A non presentación dos documentos indicados nas alíneas a), b), c) e d) será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. A Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador publicará unha resolución aprobando a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de quince (15) días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. A lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo coa data da súa inserción. Así mesmo, difundirase a través da web: http://www.usc.es/profesorado

5.3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de persoas aspirantes admitidas e excluídas poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión, senón serán excluídas definitivamente da realización das probas.

5.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de quince (15) días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

5.5. Esta resolución, que será publicada nos mesmos taboleiros e web que as listas provisorias, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato na categoría docente de que se trate.

6. Comisión de selección.

6.1. Os méritos das persoas aspirantes serán xulgados por unha comisión de selección (anexo III) composta por profesorado da Universidade entre as cales deben figurar os membros da Comisión Mixta Delegada de seguimento do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e os colexios de farmacéuticos. Presidirá a comisión a decana da Facultade de Farmacia, que disporá de voto de calidade en caso de empate nas votacións.

7. Baremo.

A comisión efectuará a súa avaliación de conformidade co seguinte baremo:

a) Rendemento académico: máximo 5 puntos.

b) Experiencia docente en Prácticas Tuteladas: máximo 4 puntos.

c) Experiencia investigadora relacionada co exercicio profesional: máximo 3 puntos.

d) Proxecto da actividade docente que se vai desenvolver: máximo 10 puntos.

e) Experiencia profesional relacionada coa praza obxecto de concurso: máximo 10 puntos.

f) Outros méritos: máximo 2 puntos.

A comisión establecerá con anterioridade á avaliación dos méritos das candidatas e candidatos a puntuación correspondente aos contidos de cada parte, así como os criterios que se empregarán na avaliación do proxecto da actividade docente.

A comisión, de consideralo oportuno, poderá convocar as persoas aspirantes á celebración dunha entrevista persoal.

8. Proposta de provisión.

8.1. Nun prazo máximo de cinco (5) días desde o seguinte ao da finalización das probas, farase pública no taboleiro de anuncios do centro en que actúe a comisión de selección, a proposta motivada sobre a provisión da praza, con expresión de todas as persoas candidatas propostas por orde de puntuación. Sobre a forma e a motivación da proposta aplicarase o disposto no artigo 28 da normativa.

8.2. Contra a proposta de provisión destas prazas poderase interpoñer reclamación ante o reitor, nun prazo de dez (10) días, que será instruída por unha comisión de revisión nos termos e consonte o procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da normativa. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá a contratación da persoa candidata proposta, salvo resolución motivada en contrario.

9. Resolucións reitorais de contratación, presentación de documentos e formalización dos contratos.

9.1. A resolución reitoral que autorice, cando proceda, a contratación do/da candidato/a ou candidatos/as segundo a orde de puntuación, farase pública no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, así como na páxina web da Universidade: http://www.usc.es/profesorado. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá a notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos ca esta, segundo o previsto no artigo 59.6.b) da LRX-PAC.

9.2. As persoas candidatas ás cales se atribúan as prazas obxecto de concurso deberán asinar o contrato nun prazo de dez (10) días hábiles, segundo se indique na resolución pola que se autorice a contratación. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado polo reitor.

9.3. Antes de proceder á sinatura, a persoa candidata deberá presentar copias compulsadas (ou simples acompañadas dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos de carácter xeral e específicos para cada tipo de praza exixidos nesta convocatoria, sempre que non os presentase xunto coa instancia. En todo caso, deberá acreditar a titulación universitaria de maior nivel que se posúa, co obxecto de que conste no seu expediente persoal. Estes documentos deberán presentarse en:

• Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, Colexio de San Xerome, Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Vicexerencia, Edificio Biblioteca Intercentros, Lugo, se a praza se convocou para Lugo.

De non presentarse a documentación na forma e prazo sinalados anteriormente, ou cando esta non garde correspondencia co declarado na instancia, a persoa candidata decaerá nos dereitos que para ela deriven desta convocatoria.

9.4. Se a persoa candidata non asinara o contrato dentro do prazo sinalado no número 2 desta base, agás supostos de forza maior debidamente acreditados e sen prexuízo do establecido no artigo 10, in fine, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, perderá o dereito a desempeñar o posto para o que fose seleccionada e procederase a formalizar a contratación coa persoa candidata proposta na seguinte posición.

9.5. Con carácter xeral os contratos que deriven desta convocatoria producirán efectos desde a data en que se asinen, agás que neles se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poidan ter efectos retroactivos. Tan só unha vez formalizada a relación xurídica terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas á praza obtida.

9.6. Serán de aplicación ao persoal contratado en virtude desta convocatoria as normas contidas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, e demais normativa de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e as súas normas de desenvolvemento.

10. Duración do contrato.

Estes contratos terán efectos a partir da data de sinatura de cada un deles, ou da que se determine na resolución de autorización da contratación se é posterior, e a súa duración será a que corresponda segundo o establecido no artigo 35 da normativa.

Nos casos en que a praza obxecto de concurso estea ocupada en virtude dunha prórroga extraordinaria realizada ao abeiro do acordo do Consello de Goberno do 29 de xullo de 2015, os contratos terán efectos a partir do 24 de xaneiro de 2016 (2º semestre do curso 2015/16).

11. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2015

P.D. (Resolución do 19.6.2014; DOG do 30 de xuño)
Luis Lima Rodríguez
Vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador

ANEXO

Nº concurso: 3001/15-16.

Localización das prazas:

1 Provincia da Coruña (Ref. HX451)

1 Provincia de Lugo (Ref. HX448)

1 Provincia de Ourense (Ref. HX449)

1 Provincia de Pontevedra (Ref. HX450)

Perfil:

Desenvolvemento de prácticas tuteladas en oficinas de farmacia.

Réxime de dedicación e retributivo:

Os que corresponden a ASOC T3-P3, segundo establece o artigo 32.5º do Convenio colectivo para o PDI laboral.