Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 29 de setembro de 2015 Páx. 37982

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de setembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para os exercicios orzamentarios dos anos 2015 e 2016.

O artigo 32.1 da Lei 30/2014, do 3 de decembro, de parques nacionais, establece que, coa finalidade de promover o desenvolvemento sustentable destes espazos, as administracións públicas, dentro do seu ámbito competencial e conforme as dispoñibilidades orzamentarias, poderán conceder axudas técnicas, económicas e financeiras nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais.

O Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais, recoñece expresamente que a tramitación e resolución dos procedementos de concesión destas subvencións corresponde ás comunidades autónomas.

Este real decreto sinala no seu artigo 5 que a concesión de subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais require convocatoria pública por parte daquelas comunidades autónomas que dispoñan no seu territorio dalgún parque nacional, convocatoria que debe conter as especificacións mínimas que determina o mencionado precepto.

Galicia conta cun parque nacional, que agrupa aos arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, e recibe o nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Este parque inclúe superficies pertencentes aos concellos de Vigo, Bueu e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra, e Ribeira, na Coruña.

Por outra banda, esta convocatoria responde á necesidade de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da poboación sita no ámbito de influencia do parque nacional. A regulamentación de usos e actividades permitidos no interior do parque nacional é en ocasións certamente restritiva pois a fraxilidade e interese dos valores naturais que hai que protexer así o exixe. Non obstante, isto non debe ser obstáculo para fomentar e lograr o crecemento económico da zona de influencia socioeconómica do parque de xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas, e a necesidade de adaptación á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, fan conveniente introducir algunhas modificacións que afectan o sistema de xestión. Por todo isto, e coa finalidade de facilitar o acceso ás bases reguladoras nun só texto, óptase polo establecemento na presente orde do texto definitivo das bases reguladoras para a concesión das axudas.

É obxectivo tamén desta orde o cumprimento das premisas de publicidade e transparencia especificadas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 115/2014, do 11 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no seu artigo 2 establece unha nova estrutura da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e inclúe entre os seus órganos superiores e de dirección a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que ten atribuídas dentro das súas competencias as referidas á conservación da natureza e ao fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos, e á que se adscribe con nivel orgánico de servizo o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. A presente orde ten por obxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2015 e 2016, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

2. De acordo coa Lei 15/2002, do 1 de xullo, pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no parque nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

3. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos segundo ao establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Iniciativas e porcentaxes subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvencións os investimentos na área de influencia socioeconómica do parque nacional referidos a:

a) Iniciativas públicas tendentes á modernización das infraestruturas urbanas, periurbanas e rurais destinadas ao uso xeral, así como á diversificación e mellora dos servizos prestados pola Administración local, cando garden unha relación directa coas finalidades e obxectivos que establecen a norma da declaración do parque nacional ou os seus instrumentos de planificación.

As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do parque nacional, serán do tipo de: mellora na subministración de auga potable, mellora na atención sanitaria a visitantes e residentes no parque, xestión de residuos, xestión enerxética, rede de saneamento e outras semellantes.

b) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural, sempre que presenten un manifesto valor ecolóxico.

c) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do parque nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética deste ocasionado por infraestruturas preexistentes.

As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do parque nacional, serán do tipo de: soterramento de alxibes, mellora de fosas sépticas, puntos limpos e outras semellantes.

d) Iniciativas públicas ou privadas dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais.

e) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou á restauración do patrimonio arquitectónico, sempre que presenten un manifesto valor histórico-artístico ou cultural a escala local.

As actuacións subvencionables serán do tipo de: recuperación de hórreos, fornos comunais e outras semellantes.

f) Iniciativas privadas destinadas á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co parque nacional, en particular, as relacionadas coa prestación de servizos de atención a visitantes e a comercialización dos produtos artesanais.

As actuacións subvencionables serán do tipo de: empresas de rutas guiadas, mergullo recreativo-educativo, promoción de actividades en inverno e outras semellantes.

g) Iniciativas privadas destinadas ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, como adaptación de cubertas, arranxo de construcións anexas, ou a acadar as condicións exixidas para a concesión da cédula de habitabilidade dos edificios que se atopan en terreos do interior do perímetro do parque nacional e teñen unha antigüidade de máis de 50 anos, cuxo uso estea directamente relacionado coa actividade produtiva asociada ao sector primario ou que constitúen a primeira residencia dos/das seus/súas propietarios/as, ou sexan utilizados polos/as solicitantes dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons.

h) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á divulgación e formación entre a poboación local dos valores e importancia do parque nacional, coa conservación dos valores naturais e culturais que xustificaron a súa declaración ou co uso sustentable dos recursos naturais.

i) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.

2. Non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento dos/as solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas. Tampouco serán subvencionables os gastos correntes dos concellos. As solicitudes conxuntas de concellos que non acrediten a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actividades independentes en cada entidade local serán excluídas ou non admitidas a trámite.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do parque nacional ou da zona de influencia socioeconómica, tendo prioridade as accións que se realicen dentro do perímetro do parque sobre aquelas que estean fóra.

4. A porcentaxe da subvención e o importe máximo da axuda será:

– No caso de iniciativas incluídas nos grupos a), c), d), e), f) e g) do punto 1 subvencionarase o 100 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de axuda de 18.000 € no caso de concellos e 9.000 € no resto dos casos.

– No caso de iniciativas incluídas nos grupos b), h) e i) do punto 1 subvencionarase ata o 80 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de axuda de 12.000 € no caso de concellos e 6.000 € no resto dos casos.

5. Cada solicitante unicamente poderá presentar unha solicitude de axuda, especificando claramente o grupo do punto 1 do presente artigo a que pertencen as actuacións para as que solicita a axuda.

6. No caso de concellos, admitirase a presentación dunha segunda solicitude destinada á mellora na prestación de servizos, sempre que se subscriba o correspondente convenio para a xestión compartida de servizos municipais, segundo o modelo que se inclúe na páxina web da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no enderezo:

http://www.eidolocal.es/portal/serv_xunta/DXAL/c.marco.servizos.html, e todos os concellos implicados nel pertenzan á área de influencia socioeconómica do parque nacional.

Artigo 3. Beneficiarios/as e requisitos

1. Poderán resultar beneficiarios/as das subvencións:

1.1. Entidades locais.

a) Os concellos dos municipios situados na área de influencia socioeconómica do parque nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).

1.2. Entidades empresariais.

a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área.

b) Os/as empresarios/as autónomos/as ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:

– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do parque nacional.

– Cando residan na área de influencia socioeconómica do parque nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.

– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica pero veñan realizando no interior do parque nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades foran especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.

1.3. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do parque nacional, ou solicitantes dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons.

1.4. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do parque nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional.

1.5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do parque nacional.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario/a das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de subvención, subscritas polo/a solicitante ou pola persoa representante da entidade solicitante, realizaranse mediante o correcto enchemento do modelo que figura no anexo I, dirixiranse á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e irán acompañadas, se é o caso, da documentación administrativa e técnica que se especifica no artigo 6.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso de que a solicitude sexa dunha entidade local, a súa presentación realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico aos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, computado de data a data, contado desde o día seguinte á data da publicación da presente orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación rematará o día seguinte ao día correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación, con dúas excepcións. En primeiro lugar, cando no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes. En segundo lugar, se o derradeiro día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Consonte o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de inicio non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

a) A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

b) As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

c) A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

d) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Documentación administrativa e técnica

A persoa solicitante deberá engadir, anexa ao impreso de solicitude, a documentación que se relaciona a seguir con carácter xeral, sen prexuízo da que, tras a comunicación da resolución, lle sexa requirida para determinadas actividades e que será necesaria para a correcta finalización do expediente.

1. Para todo/a interesado/a:

a) Copia do DNI para as persoas físicas ou NIF para as persoas xurídicas (só no caso de non autorizar a verificación electrónica) e, se procede, acreditación da representación do/a solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Certificado de empadroamento (só no caso de non autorizar a verificación electrónica).

c) Memoria descritiva da finalidade para a que se solicita a subvención. Conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado co IVE desagregado, prazo aproximado de execución e calendario, tendo en conta que as actividades subvencionables deben comezar no presente exercicio. Este calendario de execución é orientativo, xa que quedará condicionado ás anualidades que se determinen na resolución de aprobación.

d) Cando a actuación se localice nun lugar concreto, achegarase un plano da súa situación, sen prexuízo dos demais planos de detalle que exixa a definición técnica da actuación.

e) Se é o caso, acreditación de dispoñer de todas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou de estar en trámite de obtelas.

f) Cando se trate de actuacións sobre terreos ou bens inmobles concretos, certificación acreditativa da plena dispoñibilidade dos devanditos bens para executar a actuación. No caso de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios/as copropietarios/as, deberase presentar:

1. Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario/a.

2. Documento que acredite o consentimento de todos/as os/as copropietarios/as.

3. Representación do/da solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

2. Deberase xuntar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do/da beneficiario/a:

a) No caso de solicitantes dunha concesión segundo o Decreto 174/2010, do 1 de outubro, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons, escrito en que exprese a dita condición e cite as súas características.

b) No caso de arrendatarios/as, documento que acredite a condición, así como manifestación do consentimento, coñecemento ou non oposición polo/a propietario/a ás obras, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

c) Para entidades locais privadas e institucións sen ánimo de lucro, documento acreditativo do acordo adoptado pola entidade para efectuar a solicitude de subvención, así como da representación das persoas que a subscriban.

d) No caso de concellos que subscriban convenios para a xestión compartida de servizos municipais, presentarán copia cotexada do convenio subscrito.

e) Para institucións sen ánimo de lucro, certificado de inscrición da institución sen ánimo de lucro no rexistro público correspondente (só no caso de non autorizar a verificación electrónica), e copia dos estatutos.

f) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar as axudas, e certificación do concello, ou documento semellante, que acredite que máis do 50 % dos/das socios/as residen nalgún dos concellos do parque nacional. De xeito interno solicitarase certificación de estar inscritas no Rexistro de Asociacións.

g) No caso de empresas ou autónomos/as:

1. Documento acreditativo que xustifique estar de alta no imposto de actividades económicas (IAE), cando proceda e no caso de que non autoricen a súa verificación.

2. Acreditación de posuír a sede social nalgún concello do parque nacional.

3. No caso de comunidades de bens, declaración responsable sobre o importe do investimento que aplicará cada un/unha dos/das membros da agrupación, expresado en forma de porcentaxe sobre o total, e identificación de cada unha das persoas integrantes (DNI).

3. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir motivadamente consonte prevé o artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar, que considere conveniente.

4. Presentación da documentación complementaria:

– Para o caso das entidades locais, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

– Para os demais casos, poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Presentación de documentación de gran tamaño.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Presentación de documentación separada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Modelos normalizados.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a citada secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.cmati@xunta.es.

Artigo 8. Instrución do procedemento de concesión de subvencións

1. A instrución das axudas recollidas no artigo 2 da presente orde efectuaraas a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

2. No proceso de instrución darase traslado das solicitudes recibidas á Comisión de Valoración, que elaborará unha proposta de concesión das axudas, tendo en conta o informe emitido pola Dirección do Parque Nacional.

3. Cumpridos os trámites anteriores, elevaranse as correspondentes propostas de resolución á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, quen resolverá.

Artigo 9. Criterios de avaliación dos proxectos

1. Para a asignación das subvencións que se recollen na presente orde, terase en conta o informe elaborado pola Dirección do Parque Nacional sobre o grao de adecuación de cada solicitude aos obxectivos do parque nacional e o resultado da inspección da viabilidade e realidade das actuacións propostas.

2. A asignación das citadas subvencións farase en virtude da baremación realizada pola Comisión de Valoración, composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que a presidirá. Ademais, serán membros da citada comisión a persoa titular da Subdirección Xeral de Espazos Naturais, e a persoa titular da Dirección do Parque Nacional. Actuará como secretario/a a persoa titular da Dirección adxunta do Parque Nacional. Así mesmo, asistirá ás reunións o persoal técnico e administrativo que sexa requirido en cada ocasión. En caso de ausencia dalgunha delas, a persoa titular da Dirección Xeral procederá a nomear unha persoa substituta.

3. O baremo inclúe un factor de multiplicación (× 1,4) para discriminar os proxectos que, referidos a investimentos, repercutan directa e positivamente sobre a calidade de vida das persoas residentes no interior do parque nacional, e (× 1,2) se repercuten directa e positivamente na calidade de vida das persoas residentes na área de influencia socioeconómica.

4. A dispoñibilidade orzamentaria asignada na convocatoria limitará o número de expedientes que se aproben. Para iso, ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado e aprobaranse os investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento.

5. Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:

Criterios de avaliación de actividades subvencionables

Puntos

Segundo o tipo de actuacións que se vaian realizar (artigo 2.1):

Grupo a)

10

Grupo b)

8

Grupo c)

10

Grupo d)

5

Grupo e)

8

Grupo f)

8

Grupo g)

No caso de solicitantes de concesións regulados polo Decreto 174/2010 (engadirase 2 puntos, ata os 12 máx.)

10

Grupo h)

5

Grupo i)

5

Criterios de avaliación segundo o Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro

O carácter de exemplificación dun modelo de desenvolvemento compatible coa conservación dos procesos naturais

Ata 10

Volume de creación de emprego estable

Ata 10

A intensidade do efecto sobre a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento económico

Ata 5

Repercusión social

Ata 3

Promoción do emprego da lingua galega na realización das actividades

Ata 2

Se o/a solicitante é residente ou non dentro do perímetro do parque nacional

3

No caso de concellos que teñan un convenio para a xestión compartida de servizos municipais e presenten unha solicitude conxunta para actuacións do grupo a) do artigo 2.1, a puntuación obtida conforme os criterios anteriores incrementarase nun 10 %. Se ademais xuntan á solicitude unha memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual esta porcentaxe elevarase ata o 20 %.

Artigo 10. Inspección

Os/as funcionarios/as do parque nacional realizarán unha inspección no campo para comprobar os datos da solicitude, comprobar a viabilidade dos traballos e verificar, se é o caso, as superficies e que os traballos non estean executados. Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación da axuda.

A Dirección do Parque Nacional emitirá informe individualizado para cada solicitude no cal se reflicta o resultado da inspección anterior, e a compatibilidade cos instrumentos de xestión do parque e co mantemento dos valores que xustificaron a declaración do espazo como parque nacional.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Consonte o establecido no artigo 25 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se ditase a resolución expresa, os/as solicitantes deberán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente de acordo co disposto no artigo 42.1 do mencionado texto legal.

O prazo máximo para resolver rematará o día seguinte ao correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación, con dúas excepcións. En primeiro lugar, cando no mes de vencemento non haxa día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes. En segundo lugar, se o derradeiro día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes de axudas serán resoltas pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

3. A resolución do procedemento notificarase de forma individual aos/ás adxudicatarios/as. Na notificación indicarase o/a beneficiario/a, a cantidade concedida, o prazo de execución e xustificación, a finalidade ou finalidades da subvención e o programa e crédito orzamentario a que se imputen.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición diante da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Aceptación

De renunciar á subvención concedida, o/a beneficiario/a, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda, deberá notificalo á Dirección Xeral de Conservación da Natureza segundo o anexo II desta orde. Se así non o fixer no prazo indicado, entenderase que acepta a axuda.

Artigo 13. Publicidade

1. De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados no artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, beneficiarios/as, cantidades concedidas e finalidade da subvención. Do mesmo xeito, incluiranse as sancións que, como consecuencia das referidas axudas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación de solicitudes leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos/das beneficiarios/as e a referida publicidade, con pleno respecto a observancia do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, pola que se regula a protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións, Axudas e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados polos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a el poden ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo/a interesado/a. No suposto de que a publicación dos datos do/da beneficiario/a poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, esta poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

3. O/A beneficiario/a terá a obriga de publicitar a axuda concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos.

No caso de obras materiais instalarase un cartel segundo o modelo do anexo III desta orde, que deberá permanecer colocado no lugar por un período de 5 anos contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda. O cartel de publicidade da subvención, que será a cargo do/da beneficiario/a, deberá presentar en todo momento as adecuadas condicións de imaxe, e o adxudicatario está obrigado a mantelo en perfecto estado e substituílo no caso de que sufra unha deterioración significativa.

Nas publicacións e demais material de divulgación, farase mención a que a actividade foi financiada con cargo ao programa de subvencións da Rede de parques nacionais e da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Deben figurar os correspondentes logos segundo o anexo IV.

Artigo 14. Obrigas do/da beneficiario/a

1. Son obrigas do/da beneficiario/a as que se establecen con carácter xeral na normativa de aplicación en materia de subvencións e, en particular:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto estatais como autonómicos, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día no cumprimento da súas obrigas coa comunidade autónoma, tributarias e fronte á Seguridade Social, tanto no momento de concesión da axuda como no da xustificación do gasto realizado.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao/á beneficiario/a en cada caso, así como de cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, sen prexuízo da exixencia por parte da Administración dos correspondentes xuros de demora, cando se perda o dereito ao cobramento.

i) No caso de axudas á divulgación, no momento da xustificación final, entregaranse dous exemplares do material editado, xunto co resto da documentación xustificativa.

Artigo 15. Gastos subvencionables

1. Ao abeiro do disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

a) Considéranse gastos subvencionables, para os efectos previstos na citada lei, aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas diferentes bases reguladoras das subvencións. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola convocatoria da subvención.

c) Cando o gasto subvencionable supere os 30.000 €, no caso de obras, ou 12.000 €, no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o/a solicitante deberá achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores/as, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección entre as ofertas presentadas, que se achegaran xunto coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro da presente orde serán compatibles con outras axudas para a mesma actividade provenientes doutras administracións públicas ou de entidades privadas, sen que, en ningún caso se supere, pola concorrencia destas, o cen por cento do investimento que se vai realizar.

3. O IVE non será subvencionable.

4. As obras e actuacións obxecto da subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, aos instrumentos de planificación e xestión do parque nacional.

5. No suposto de rehabilitación e mellora de bens inventariables, o período durante o cal o/a beneficiario/a deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención non poderá ser inferior a cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

6. Os investimentos obxecto de subvención deberán respectar os prazos e a distribución inicial de anualidade aprobados na resolución de adxudicación, debendo obrigatoriamente comezar no exercicio económico da convocatoria en curso.

Artigo 16. Subcontratación

1. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, permitirase a subcontratación total ou parcial da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao seu contido.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 19 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.

2. O/a beneficiario/a poderá solicitar a modificación do contido da resolución, sempre que se solicite antes de que conclúa o prazo concedido para a realización da actividade, e non dane dereitos de terceiros, segundo o establecido no artigo 64 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. O/a beneficiario/a poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación, sempre que se solicite, expresamente e por escrito, antes da finalización do citado prazo, segundo o establecido no artigo 70 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a resolución das solicitudes de modificación.

Artigo 18. Xustificación e pagamento da actividade

1. Efectuarase un único pagamento correspondente a cada unha das anualidades aprobadas, unha vez xustificada a realización da actividade obxecto da subvención desa anualidade.

2. Os ritmos de investimento e de execución das actuacións deberán corresponderse co programa de execución e calendario aprobados e a súa xustificación económica deberá referirse aos gastos incorridos neste período ou, se é o caso, ao período prorrogado conforme o artigo 15.3, mediante resolución. Non será conforme nin se entenderá xustificado o incumprimento dos prazos ou a modificación das condicións de execución sen a aprobación do órgano concedente.

3. No momento da xustificación da execución total ou parcial, con anterioridade ao pagamento, a persoa beneficiaria deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. Unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade, o/a beneficiario/a deberá comunicar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza o remate das accións e solicitar o aboamento do importe da axuda correspondente.

5. O servizo técnico do órgano xestor do parque nacional deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada. Tras esta certificación poderá tramitarse o pagamento das axudas.

6. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación polo/a beneficiario/a da realización da actividade, da execución do proxecto ou investimento ou da consecución do obxectivo para o que se concedeu, de forma que a súa falta de xustificación ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na normativa en materia de subvencións determinará a perda do dereito ao cobramento.

7. O incumprimento do dito prazo ou das obrigas previstas na presente orde producirá a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo o/a beneficiario/a reintegrar á Administración a cantidade que percibiu cos xuros que correspondan sen prexuízo da posible incoación do correspondente procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa.

8. Para realizar o pagamento final, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Memoria resumo da actividade subvencionada, se é o caso, detalle de cal foi o alcance do investimento finalmente executado.

b) Certificado do/a secretario/a, interventor/a ou tesoureiro/a do concello, da entidade, empresa ou asociación, ou da persoa física co visto e prace do alcalde/alcaldesa ou presidente/a, cando proceda, que inclúa unha relación das facturas, correspondentes aos gastos realizados coa axuda concedida, indicando concepto do gasto, data, número de factura, nome e NIF do provedor e o seu importe con e sen IVE.

c) No caso de particulares, ou empresas: xustificación, documentada mediante facturas, dos gastos e pagamentos realizados. As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación, entre os que cómpre destacar:

– Data de expedición da factura, que deberá estar comprendida dentro dos prazos de execución do proxecto ou actividade que figuren no instrumento regulador da axuda.

– Número de factura.

– Datos identificativos do provedor ou provedora (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF/CIF e domicilio).

– Datos identificativos do destinatario ou destinataria do ben e/ou servizo, que deberá coincidir co beneficiario ou beneficiaria da axuda.

– Descrición das operacións que se documentan.

– De ser o caso, data en que se teña recibido un pagamento anticipado, sempre que se trate dunha data distinta á expedición da factura.

– IVE: tipo impositivo aplicado e cota tributaria resultante, debendo, de ser o caso, especificar por separado as partes da base impoñible que estean exentas ou non suxeitas, ou aquelas suxeitas a distintos tipos impositivos. Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración do resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

d) Ademais, o/a beneficiario/a deberá xuntar xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que incorreu, mediante copia da transferencia bancaria ou xustificante bancario de ingreso na conta do/a contratista, debidamente identificados, selados e asinados. No xustificante de pagamento constará o número da factura pagada, a identificación do beneficiario ou beneficiaria que paga e do destinatario ou destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

e) No caso de particulares que realicen os traballos subvencionados con medios propios, cando non existan facturas polos traballos realizados, os gastos xustificaranse mediante declaración xurada en que consten claramente os custos soportados, segundo o orzamento que se achegase coa solicitude de axuda e que servise de base para a súa concesión. Isto non eximirá os/as beneficiarios/as de presentaren facturas para xustificar o importe dos materiais adquiridos para a obra. Para a xustificación do traballo realizado por persoal propio, deberán achegarse as nóminas correspondentes ao tempo dedicado polo traballador ou traballadora á execución do traballo, certificando especificamente o emprego da porcentaxe de tempo que o traballador ou traballadora dedica ao proxecto, así como a documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención de IRPF correspondente.

f) No caso da prestación de servizos de investigación e profesionais, a xustificación farase mediante declaración xurada realizada pola persoa solicitante, en que conste a valoración económica do servizo realizado, sobre a base do prezo de mercado para unha actividade igual ou similar á prestada.

g) No caso de municipios ou entidades de dereito público, a xustificación das actuacións realizarase conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei xeral de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Control das subvencións

1. O control e avaliación das axudas reguladas na presente orde axustaranse ao disposto na lexislación de orzamentos, de facenda e contabilidade da Comunidade Autónoma de Galicia e, con carácter xeral, á normativa básica estatal que resulte de aplicación.

2. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza velará polo cumprimento das condicións exixidas para a concesión das axudas económicas e pola correcta realización dos investimentos previstos. Para tal efecto, poderá realizar as inspeccións e comprobacións oportunas, así como demandar ao/á beneficiario/a a información que se considere necesaria relativa á actividade obxecto da subvención concedida.

3. Nos supostos de falsidade, inexactitude ou omisión nos datos subministrados para a solicitude das subvencións, de incumprimento das condicións impostas na concesión, ou calquera dos recollidos na normativa estatal ou autonómica, producirase a perda total ou parcial das axudas recibidas, e o/a beneficiario/a deberá reintegrar á Administración a cantidade que percibiu cos xuros que correspondan, sen prexuízo da posible incoación do procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa.

Artigo 20. Revogación

1. Son causa de revogación:

a) O destino das axudas concedidas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas, despois da súa comprobación.

b) A non realización da obra ou traballos obxecto da subvención.

c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.

d) A existencia de modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos na presente orde.

e) A ocultación, manipulación, falseamento de datos ou entorpecemento de forma deliberada do labor de inspección e control.

f) A perda da titularidade dos terreos ou a perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o/a novo/a titular non se subrogase expresamente.

g) O incumprimento polo/a beneficiario/a de calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.

h) O incumprimento de calquera dos prazos establecidos na presente orde.

i) O incumprimento de calquera das disposicións vixentes.

2. O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas polo/a beneficiario/a comportará o reintegro, total ou parcial, do importe recibido, xunto cos xuros de demora, ao abeiro do establecido no título II da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e sen prexuízo da posibilidade de incoación do correspondente procedemento sancionador. No caso de execucións parciais da actividade e sempre e cando non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente concedida a parte proporcional da actividade non executada. Do mesmo xeito, se o custo xustificado da actividade ou investimento é inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente ao seu importe.

Sección 2ª. Convocatoria de axudas para os anos 2015 e 2016

Artigo 21. Convocatoria

Convócanse para os exercicios 2015 e 2016 as axudas públicas, con cargo aos orzamentos do Estado, na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, reguladas pola presente orde.

Artigo 22. Condicións e finalidade

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumprir os requisitos establecidos pola presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para os exercicios orzamentarios 2015 e 2016.

2. Estas axudas teñen por finalidade promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a concesión de axudas económicas para a realización de actividades na súa área de influencia socioeconómica.

Artigo 23. Solicitudes

As solicitudes, documentación, procedemento de xestión e xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral na presente orde.

Artigo 24. Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, computado de data a data, contado desde o día seguinte á data da publicación da presente orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación rematará o día no mes seguinte correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao día de publicación.

Artigo 25. Prazo de execución e xustificación

O prazo de execución das accións para xustificar remata o 25 de novembro de 2015 e o 15 de setembro do 2016, para as anualidades 2015 e 2016 respectivamente. Fíxase como data máxima de presentación da documentación xustificativa e finalización do período de xustificación o 2 de decembro de 2015, e o 30 de setembro de 2016 para as anualidades 2015 e 2016 respectivamente.

Artigo 26. Financiamento

A dotación de crédito total para os anos 2015 e 2016 das liñas de subvención contidas no artigo 2 da presente orde é de 118.507,07 € para o ano 2015 e 97.156,38 € para o ano 2016, financiadas con cargo ás partidas orzamentarias que a continuación se indican, que se distribúen entre os distintos tipos de beneficiarios/as segundo as porcentaxes e importes seguintes:

a) Para entidades locais: o 33,5 % do crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 07.05.541B.760.2 por importe total de 25.286,54 € para o ano 2015 e por importe de 46.960,71 € para o ano 2016.

b) Para entidades empresariais: o 33,25 % do crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 07.05.541B.770.2 por importe total de 57.366,48 € para o ano 2015 e por importe de 14.341,62 € para o ano 2016.

c) Para particulares e asociacións sen fin de lucro: o 33,25 % do crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 07.05.541B.780.2 por importe total de 35.854,05 € para o ano 2015 e a mesma cantidade para o ano 2016.

A dita distribución terá carácter indicativo, para os efectos do disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, os ditos importes iniciais poderanse incrementar con achegas adicionais, sen nova convocatoria previa tras a oportuna tramitación orzamentaria, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

1. As axudas a empresas e particulares que se poidan conceder ao abeiro da presente orde sométense ao réxime de minimis segundo o Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24 de decembro de 2013), polo que cada beneficiario/a non poderá recibir máis de 200.000 euros, de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Para tal efecto, os/as posibles beneficiarios/as indicados/as nos puntos 1.2 e 1.3 do artigo 3.1 da presente orde deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso.

3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como a súa natureza de minimis, segundo o Regulamento (UE) núm.1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Disposición adicional segunda. Delegación de funcións

Delégase no/a secretario/a xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 9.2, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como a modificación da resolución de concesión.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas instrucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file