Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 2 de outubro de 2015 Páx. 38478

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de setembro de 2015 pola que se modifica a do 10 de xuño de 2015 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo, polo réxime ordinario, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2015/16.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 39.2º que a formación profesional, no sistema educativo, ten por finalidade preparar os alumnos e as alumnas para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que se poden producir ao longo da súa vida.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas. A lei establece como un dos fins do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional o de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos seus destinatarios, consonte as necesidades de cualificación do mercado laboral e as expectativas persoais de promoción profesional.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, na súa alínea terceira do artigo único, introduce o número 10 no artigo 3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e crea os ciclos de formación profesional básica, con indicación de que serán de oferta obrigatoria e carácter gratuíto.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do Sistema educativo de Galicia, establece no capítulo V as vías para obtención dos títulos de formación profesional e os réximes e modalidades das ofertas de formación profesional.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do Sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos, establece no artigo 15.1 que a consellería con competencias en materia de educación establecerá a oferta obrigatoria de ciclos formativos de formación profesional básica.

Neste contexto, a necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta educativa dos centros xustifica a súa revisión periódica, de xeito que o alumnado que remate o ensino secundario obrigatorio ou o bacharelato, así como as persoas adultas, posúan unha oferta de formación profesional do sistema educativo diversificada e adaptada ás súas necesidades e ás demandas do mercado laboral.

O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80 % os ciclos formativos de grao medio, no marco do Programa operativo FSE 2014-2020 Galicia, obxectivo temático OT10, prioridade de investimento 10.iv.

Os ciclos formativos de grao profesional básico e programas formativos están cofinanciados polo Fondo Social Europeo a través do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no marco do eixo 3 do Programa plurirrexional de emprego, formación e educación do FSE para o período de programación 2014-2020.

De acordo coas competencias que ten conferidas a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Artigo 1. Actualización da oferta

Modifícase parcialmente a oferta educativa publicada na Orde do 10 de xuño de 2015 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo, polo réxime ordinario, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2015/16, aumentando a oferta nos centros que se relacionan no anexo I e modificando o centro asociado no anexo II.

Artigo 2. Número mínimo de solicitudes

1. Requírese un número mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas de primeira opción por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior, no prazo ordinario de presentación de solicitudes. Un número menor de solicitudes require a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para poñer en funcionamento esta ensinanza, e mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar ningunha matrícula. A condición do número mínimo de alumnado débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa preinscrición.

2. No caso de ciclos de grao profesional básico, para constituír un grupo do primeiro curso do ciclo formativo contabilizarase o alumnado de 15, de 16 e de 17 anos feitos no ano de inicio do ciclo formativo.

Artigo 3. Funcionamento dun segundo grupo

Naqueles centros en que estean autorizados dous grupos do mesmo ciclo deberán cubrir o total de prazas do primeiro grupo antes de pór en funcionamento o segundo grupo, para o que será necesario contar co número mínimo de solicitudes segundo se indica no artigo anterior.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

A Coruña.

Concello

Código
de centro

Centro

Código
de ciclo

Ciclo

Curtis

15022620

IES de Curtis

CBADG01

Servizos Administrativos

Pontevedra.

Concello

Código
de centro

Centro

Código
de ciclo

Ciclo

Estrada, A

36002359

IES Antón Losada Diéguez

CMSEA01

Emerxencias e Protección Civil

ANEXO II

Concello

Código
de centro

Centro

Código
de ciclo

Ciclo

Centro asociado

Ponteareas

36007552

CIFP A Granxa

CBAGA01

Agroxardinaría e Composicións Florais

(36024781)-IES de Ponteareas