Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 7 de outubro de 2015 Páx. 39167

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de setembro de 2015 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, con domicilio na praza da Igrexa número 17, nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Feitos:

1. José María López Ferro, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado foi constituída en escritura pública outorgada nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) o 30 de abril de 2015, ante o notario Ángel Castelló Vicedo, co número de protocolo 413, por José María López Ferro, Pilar Fernández Formoso, Juan José Fernández Formoso e Rosalía López Fernández, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto crear un museo etnográfico que recolla o patrimonio etnográfico de Galicia e máis concretamente da bisbarra do Eume, especialmente do concello das Pontes de García Rodríguez.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José María López Ferro como presidente; Juan José Fernández Formoso como secretario; Pilar Fernández Formoso como tesoureira; e Rosalía López Fernández como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 14 de setembro de 2015.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza