Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Xoves, 15 de outubro de 2015 Páx. 40010

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 2 de outubro de 2015 pola que se declara a perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública do monte Prado Grande, no concello de Vimianzo, provincia da Coruña.

1. O monte Prado Grande, do concello de Vimianzo, foi inscrito no Catálogo de montes de utilidade pública (CUP) co número 352. A Orde ministerial do 3.12.1971, acordada en virtude da delegación de atribucións conferida por Orde do 4.6.1970, aprobou o seu deslindamento, cunha superficie de 274,00 ha de cabida pública (257,70 ha segundo os planos mais recentes do Servizo de Montes da Coruña).

2. O día 23.2.1981 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (MVMC) da Coruña clasificou o monte Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Curceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos a favor dos veciños dos lugares de Cures e Mouzo. Segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña este monte tiña unha superficie de 110,45 ha incluída no perímetro do monte de utilidade pública (MUP) Prado Grande.

3. O día 23.7.2003 o Xurado Provincial de MVMC da Coruña clasificou o monte Montecelos a favor dos veciños do lugar de Montecelos. Segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña este monte tiña unha superficie de 111,43 ha incluída no perímetro do MUP Prado Grande.

4. Non consta a formalización da exclusión do CUP das parcelas que pasaron a formar parte dos MVMC Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Curceiro, Fonte dos Porcos, O Faro, Canle dos Seixos e Montecelos.

5. Por medio dunha Orde da Consellería do Medio Rural do 1.3.2010 excluíronse do catálogo catro parcelas do MUP Prado Grande, que suman 1,95 ha, por teren perdido as características por que foran catalogadas.

6. O día 14.6.2013 a xefa do distrito forestal V informou que a superficie residual do monte público Prado Grande (33,87 ha segundo os planos do Servizo de Montes da Coruña) non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo cos cales un monte pode ser incluído no Catálogo de montes de utilidade pública, polo que procedía iniciar os trámites para excluír o monte do CUP.

7. O día 17.6.2013 o Servizo de Montes da Coruña notificou un trámite de audiencia ao Concello de Vimianzo (titular do monte), en aplicación do artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e do artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo transcorreu sen que se presentasen reclamacións ou alegacións.

8. O día 16.7.2013 o Servizo de Montes da Coruña propuxo a exclusión do monte Prado Grande do CUP.

9. O día 9.9.2015 o secretario xeral do Medio Rural e Montes, tendo en conta o informe-proposta do Servizo de Montes da Coruña, propuxo a declaración da perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo de montes de utilidade pública, do monte Prado Grande (nº 352).

10. O día 1 de outubro de 2015 a Asesoría Xurídica emitiu un informe sobre esta orde.

Consideracións legais e técnicas:

1. O artigo 16.2 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe á competencia das comunidades autónomas a exclusión de montes do Catálogo de montes de utilidade pública e o mantemento deste catálogo.

Este mesmo artigo obriga as comunidades autónomas a dar traslado ao ministerio competente na materia das actuacións que impliquen modificacións no catálogo.

2. O artigo 28.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula o procedemento para a exclusión dun monte do catálogo:

«Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do catálogo, de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, por proposta do órgano forestal, de oficio ou por instancia da persoa titular do monte, e en procedemento tramitado para o efecto, oídos a administración titular e as persoas titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desaparezan as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme, se declare que o monte non é de titularidade pública».

Neste caso tramitouse o procedemento consonte o indicado.

O día 14.6.2013 a xefa do distrito forestal V informou de que a superficie residual do monte Prado Grande non cumpre con ningún dos supostos que se mencionan no artigo 27.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. No dito informe concreta que esta superficie residual do monte Prado Grande na actualidade non está comprendida en ningún dos supostos para poder ser declarada de utilidade pública, que son os seguintes:

– Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte aos procesos de erosión.

– Os localizados en cabeceiras de bacías hidrolóxicas e os que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico.

– Os que se encontren nas áreas de actuación prioritaria para os traballos de conservación dos solos fronte a procesos de erosión e de corrección hidrolóxico-forestal e, en especial, as dunas continentais.

– Os que evitan ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o aterramento de encoros e aqueles que protexan cultivos e infraestruturas contra o vento.

– Os que se encontren nos perímetros de protección das captacións superficiais e subterráneas de auga.

– Os que se encontren formando parte de tramos fluviais de interese ambiental e os necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.

– Os localizados en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou dun plan de ordenación de recursos forestais.

– Os que sexan destinados á repoboación ou mellora forestal con fins de protección.

– Os que contribúan ao mantemento da diversidade biolóxica, á protección da fauna e da flora e os que formen parte da Rede galega de espazos naturais protexidos.

– Os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal ou na prevención de incendios forestais.

– Os que se vinculen á satisfacción de intereses xerais.

– Os que, estando incluídos dentro das zonas de alto risco de incendios, sufrisen incendios forestais ou cuxo potencial forestal se vise afectado de forma substancial pola dita causa.

– Os que amosen valores forestais de especial significación.

– Os que sexan destinados á restauración, repoboación ou mellora forestal co fin de protexer os montes protectores ou outras figuras de especial protección.

3. O artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que a resolución firme de clasificación dun MVMC produce, entre outros, o efecto de servir de título para excluílo do CUP.

Procede excluír do Catálogo de montes de utilidade pública da provincia da Coruña as superficies que se declararon de propiedade veciñal en man común.

4. O artigo 30.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vincula a exclusión dun monte ou parte deste do Catálogo de montes de utilidade pública coa súa perda da condición de utilidade pública.

5. O artigo 30.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que as reclamacións sobre exclusións de montes no catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. O artigo 30 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, atribúe a competencia para a exclusión dun monte, ou de parte deste, do Catálogo de montes de utilidade pública á consellería competente en materia de montes.

De acordo con todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar a perda da condición de utilidade pública, e a conseguinte exclusión do Catálogo de montes de utilidade pública, número 352, do monte Prado Grande, situado no concello de Vimianzo (A Coruña), e que inclúe as superficies que se relacionan a seguir:

– 110,45 ha por clasificación do MVMC Vao de Laxe, Fonte da Fenlla, Pedrouzo de Arcos, Corneda, Estivada, Albartino, O Foxo, Curceiro, Fonte dos Porcos, O Faro e Canle dos Seixos.

– 111,43 ha por clasificación do MVMC Montecelos.

– 33,87 ha residuais do monte Prado Grande por ter perdido as causas que motivaron no seu día a súa inclusión no catálogo.

2. Dar traslado ao ministerio competente na materia da citada exclusión do catálogo.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso de reposición, con carácter potestativo, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar