Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 19 de outubro de 2015 Páx. 40455

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2015, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publica o acordo de transposición en materia de permiso por asuntos particulares e vacacións por antigüidade establecidos no Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro.

O Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro (BOE de 12 de setembro), polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do Estado, aprobou unha serie de medidas entre as cales se atopa a modificación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que incrementan o número de días de permiso por asuntos particulares restituíndo un sexto día para todos os funcionarios públicos e restablecendo o número de días de permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, para o persoal da Administración xeral do Estado.

Esta norma básica permite ao resto das administracións públicas establecer un réxime similar ao que xa se vén aplicando para o persoal da Administración xeral do Estado, sendo cada Comunidade Autónoma a que regule o réxime de goce de días adicionais de permiso por asuntos particulares e de vacacións en función da antigüidade.

Así, o Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, ademais de modificar o artigo 48 da Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, introduce nel dúas disposicións adicionais, ditadas ao amparo das competencias exclusivas que o artigo 149.1.18ª da Constitución atribúe ao Estado en materia de bases do réxime xurídico das administracións públicas, relativas ao permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, que habilitan as administracións públicas para establecelos nos termos que se fixan.

Co fin de que as empregadas e empregados públicos poidan gozar no ano 2015 destas medidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sen teren que esperar polas modificacións legais oportunas –que entrarán en vigor previsiblemente a primeiros de xaneiro de 2016–, a Dirección Xeral de Función Pública e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF, en xuntanza da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, do 15 de outubro de 2015, acordan a trasposición en materia de permisos por asuntos particulares e vacacións por antigüidade establecidos no Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2015

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Acordo de transposición en materia de permiso por asuntos particulares e vacacións por antigüidade establecidos no Real decreto-lei 10/2015, do 11 de setembro

O Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro (BOE do 12 de setembro), polo que se conceden créditos extraordinarios e suplementos de crédito no orzamento do Estado, aprobou unha serie de medidas entre as cales se atopa a modificación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que incrementan o número de días de permiso por asuntos particulares restituíndo un sexto día para todos os funcionarios públicos e restablecendo o número de días de permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, para o persoal da Administración xeral do Estado.

Esta norma básica permite ao resto das administracións públicas establecer un réxime similar ao que xa se vén aplicando para o persoal da Administración xeral do Estado, sendo cada Comunidade Autónoma a que regule o réxime de goce de días adicionais de permiso por asuntos particulares e de vacacións en función da antigüidade.

Así, o Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, ademais de modificar o artigo 48 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, introduce nel dúas disposicións adicionais, ditadas ao amparo das competencias exclusivas que o artigo 149.1.18ª da Constitución atribúe ao Estado en materia de bases do réxime xurídico das administracións públicas, relativas ao permiso por asuntos particulares en función da antigüidade e de vacacións igualmente en función da antigüidade, que habilitan as administracións públicas para establecelos nos termos que se fixan.

Co fin de que as empregadas e empregados públicos poidan gozar no ano 2015 destas medidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sen teren que esperar polas modificacións legais oportunas –que entrarán en vigor previsiblemente a primeiros de xaneiro de 2016–, a Dirección Xeral de Función Pública e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF.

ACORDAN:

Primeiro. Permiso por asuntos particulares por antigüidade

O persoal dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o dependente das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, terán dereito ao gozo de dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

Os días por asuntos particulares poderán acumularse aos días de vacacións que se poden gozar de forma independente.

Queda excluído desta disposición o persoal docente, que se rexerá pola súa lexislación específica.

Segundo. Días adicionais de vacacións por antigüidade

O persoal dependente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o dependente das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, terán dereito ao gozo dos seguintes días de vacacións anuais, ao completar os anos de antigüidade que a seguir se indican:

– Quince anos de servizo: vinte e tres días hábiles.

– Vinte anos de servizo: vinte e catro días hábiles.

– Vinte cinco anos de servizo: vinte e cinco días hábiles.

– Trinta ou máis anos de servizo: vinte e seis días hábiles.

Queda excluído desta disposición o persoal docente, que se rexerá pola súa lexislación específica.

Terceiro. Período de desfrute

Os días referidos ao permiso por asuntos particulares por antigüidade e os días adicionais de vacacións por antigüidade, correspondentes ao ano 2015, poderán gozarse ata o día 30 de abril de 2016.

Cuarto. Desenvolvemento do acordo

A persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública emitirá, de ser o caso, as instrucións precisas para a aplicación do presente acordo.

Quinto. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

A sinatura do presente documento non implica para as organizacións sindicais asinantes a renuncia ás demais materias suspendidas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro.

Santiago de Compostela, quince de outubro de dous mil quince

Pola Administración:

José María Barreiro Díaz

Director xeral da Función Pública

Polas organizacións sindicais:

CCOO

UGT

Ángel Cameselle Corbacho

José Vázquez González

CSIF

José Francisco Sánchez-Brunete Varela